#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

O Escairón vence e agárrase ás súas opcións de permanencia

O Trío de Ases O Cantón déixanos outra mala xornada para os conxuntos lucenses. Na Terceira RFEF só o Racing Vilalbés foi quen de sumar un punto no difícil campo do Alondras. A Sarriana caeu na Ribela fronte ao Noia, o Polvorín cedeu no feudo do Silva e o Viveiro perdeu no desconto diante do Barbadás.

Na Preferente, o Escairón venceu no campo do Ribeira e segue soñando coa permanencia. O Pol non puido sumar no campo do Negreira, segundo clasificado, mentres que Lemos e Ribadeo caeron como locais fronte ao San Tirso e Paiosaco, respectivamente.

O Racing Vilalbés acada un bo punto no campo do Alondras (0-0)

Os chairegos lograron rachar coa xeira de seis vitorias consecutivas dos do Morrazo. O partido resultou moi táctico e parello. As ocasións brilaron pola súa ausencia e os gardametas foron meros espectadores. As xogadas de estratexia en saques de esquina e faltas laterais foron as únicas accións de ataque destacables nun encontro no que o Racing Vilalbés optou por realizar unha presión alta para neutralizar a calidade de xogadores como Goitia, Yelko ou Roi Tato.



Os de Alberto López raiaron a un gran nivel defensivo, pero a falta de precisión no último pase priváronlle de xerar ocasións claras tras roubar unha boa cantidade de balóns en campo contrario.

A Sarriana cae na Ribela fronte ao Noia e suma cinco xornada sen gañar (1-3)

Terceira derrota nos últimos cinco encontros para o conxunto sarriao que baixa outro posto na clasificación e mantén un marxe de cinco puntos sobre o sexto clasificado. O comezo do encontro convidaba ao optimismo. Os de José Antonio Rodríguez realizaron unha boa primeira media hora e foron quen de adiantarse cun tanto de cabeza de Sané. Os de Iván Carril apenas chegaban con perigo á área local, pero preto do intermedio nun momento de desconcerto da Sarriana chegou o empate, obra de Facu.



No segundo tempo reinou a precipitación por parte do conxunto local. En dez minutos o Noia finiquitou o partido con tantos de Javi Muiño e Facu que definiron fronte a un desafortunado Javi Liz.

O Polvorín cede cun solitario gol do Silva no segundo tempo (1-0)

Terceira derrota consecutiva para o Polvorín. Encontro moi disputado por ámbalas dúas partes con moito xogo no medio do campo e poucas accións na área. O filial albivermello tivo o balón no primeiro tempo aínda que non chegou con demasiado perigo á portería rival. Só Antón, cun bo disparo, estivo preto do gol.

O segundo tempo comezou cun guión semellante ao primeiro, pero nunha xogada a balón parado chegou o tanto do Silva. O recén incorporado ao campo Uriel rematou un balón colgado á área ante o que nada puido facer o debutante Mini. O Polvorín tentou acadar a igualada ata o final, sen éxito.

Un gol no desconto supón a derrota do Viveiro diante do Barbadás (1-0)



Dura derrota a sufrida polo Viveiro nos Carrís, tanto pola forma como polo rival. O Barbadás venceu cun gol no desconto e supera na clasificacións aos de Adrián Benavides. Os mariñáns foron mellores no primeiro tempo. A presión alta deu os seus froitos e Arturo e Rolle gozaron de dúas boas ocasións para marcar.

No segundo tempo, o Viveiro cedeu pouco a pouco terreo fronte a un rival ao que só lle valía a vitoria. Aínda que as ocasións non eran claras para o Barbadás a sensación de perigo rondaba a portería defendida por Patryk. No desconto, nun saque desde o curruncho, Xinzo fixo o gol da vitoria ourensá.

O Pol cae no campo do Negreira, segundo clasificado (3-2)

Non puido sumar o Pol nun das saídas máis difíciles do campionato. Comezaron mellor os locais que non tardaron en adiantarse nunha rápida transición de Juan de Celia. Os chairegos pouco a pouco foron asentándose no partido e xeraron boas xogadas de ataque. O empate chegou nun córner que rematou ao fondo da portería Julio Camba. Cando parecía que o encontro marchaba ao descanso con tablas no marcador, o Negreira fixo o segundo nunha xogada de estratexia que culminou Joseph.

Ao pouco de voltar de vestiarios Alesito igualou de novo a contenda e o partido igualouse e puido caer para calquer lado. Dani gozou dunha boa ocasión para facer o terceiro para os de Manolo García. A falta dun cuarto de hora para o final Gonzalo desnivelou a balanza para os nicrarienses.

O Lemos cae na Pinguela fronte ao San Tirso e segue sen pechar a permanencia (0-2)

Segunda derrota consecutiva e cuarta xornada sen gañar para un Lemos que segue sen pechar a permanencia en Preferente, sobre todo se temos en conta a posibilidade dun arrastre. O encontro resultou de control monfortino no primeiro tempo cun San Tirso que tentaba facer dano co xogo directo e nalgunha transición. Denis foi o xogador visitante que levou máis perigo á portería de Losada. O Lemos chegou a zonas de ataque en numerosas ocasións aínda que sen chegar a finalizar en boa parte das mesmas.

Os goles chegaron no segundo tempo. A maior pegada do San Tirso resultou determinante e os visitantes levaron os tres puntos con dous disparos desde fóra da área de Xian e Mario Seoane.

Derrota do Ribadeo no Pepe Barrera fronte a un bo Paiosaco (0-1)

Non foi capaz o Ribadeo de sacar nada positivo fronte a un Paiosaco que chegaba ao Pepe Barrera practicamente sen obxectivos, pero que amosou unha boa imaxe e unha gran intensidade . Os visitantes foron moi superiores ao Ribadeo no primeiro tempo. Os de Diego García alternaron o xogo combinativo con balóns en longo á espalda da defensa e impediron que os mariñáns estiveran cómodos e chegaran con perigo á área rival. Un disparo lonxano de Xavi Iriarte foi o único achegamento dos de Luchi nun primeiro tempo no que o Paiosaco logrou adiantarse nunha xogada de estratexia tras un córner que finalizou no segundo pao Andrés. Jorge Raña e Pablo dispuxeron de dúas boas opcións para que a renda fora máis ampla.

Tras o intermedio o Ribadeo tentou dar un paso adiante e en ocasións conseguiuno. A entrada de Asier revitalizou unha zona de ataque onde a ausencia de Álex Meitín por sanción resultou notable. De todolos xeitos, os locais só inquedaron a portería rival nun saque de falta lateral botada por Castrín que rematou Mario en primeira instancia e Asier en segunda, pero que o gardameta e un defensor impediron que entrara. Con esta derrota o Ribadeo queda con tres puntos de marxe sobre os postos de descenso directo.

O Escairón vence con claridade ao Cidade de Ribeira e mantén vivo o soño da permanencia (0-3)

Os de Brais Prados amosáronse moi superiores ao seu rival no primeiro tempo. Aos dous minutos, Denis recuperou un balón en campo contrario e puxo por diante aos do Saviñao. Non tardou en chegar o segundo tras unha falta lateral que un xogador rival introduciu na súa propia portería. O cadro local buscou recurtar as diferencias no marcador antes do descanso, pero o canario Álex Ávila impediu o tanto ribeirán con dúas intervencións de moito mérito.

Tras o descanso o Escairón pasou a xogar con cinco defensores e cedeu o balón ao seu rival, que só xerou perigo nalgunha acción a balón parado. A falta de cinco minutos para o final, nunha contra Emmanuel sentenciou o choque a favor dos do Saviñao.

Foto de portada: Mariluz Fagín.

O Escairón vence e agárrase ás súas opcións de permanencia

Manolo García (Pol): «Todo o que sexa

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *