Hai equipos que quizais nunca deberán ser carne de Futbolinlugo, pero moitas veces convén dar un paso atrás para poder avanzar de novo con firmeza cara adiante. Un club como a SD Compostela non precisa carta de presentación, logo da súa época gloriosa na Primeira División a finais do século pasado e varias campañas na Segunda División. As dificultades económicas fixérono caer o fútbol máis modesto. Logo de rexurdir de novo dende a Preferente ata a Segunda B, hai dous anos sufriron un novo descenso á Terceira. É dende aí, de onde tenta relanzarse de novo ao escaparate do fútbol estatal despois de finalizar campións na Terceira Galega. E como non, dous lucenses forman parte da peregrinaxe cara un soño na capital de Galicia. Despois do empate a cero na ida ante o Espanyol B, un empate con goles ou un triunfo devolvería este domingo o cadro santiagués á categoría de bronce. Santi Gegunde (16-10-1993, Navia) tentará forzar para ter minutos logo de que unha lesión lle impedise estar no partido de ida; mentras que Diego Rey (27-07-1992, Mieres – Asturias -, aínda que criado na Pobra de San Xiao – Láncara) quere culminar a tempada do mellor xeito posible, despois dun ano complicado a nivel individual lastrado polas lesións. Futbolinlugo estivo con eles en San Lázaro, lugar onde hai máis dun ano nun adestramento, nos descubriron a través de twitter.
FUTBOLINLUGO: Que sensacións tedes na previa do que pode ser o ascenso do Compos?
Santi Gegunde: Moi ilusionados. É o primeiro play off que xogo, por desgraza tiven esta lesión, pero xa estou mellor e penso que vou poder xogar algún minuto. Con gañas de lograr o ascenso sen esperar a máis eliminatorias.
Diego Rey: É a segunda fase que xogo. Igual que ao principio todos lle tiñamos moito medo ao Espanyol B, creo que agora perdimos ese medo; seguimos tendo respecto, pero vexo ao equipo moi convencido. Creo que sacamos un bo resultado en San Lázaro e imos conseguir outro bo aló.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
FIL: Xogaches o anterior play off co Levante B, cambia moito facelo cun filial a facelo nesta situación?
DR: Si, sobre todo na maneira de enfocalo. No Levante B tiñamos a obriga de subir porque o Levante estaba en Primeira e telo filial en Terceira, quizais, era unha categoría moi baixa. Nós agora queremos ascender tamén, pero non temos esa obriga que pode ter o Espanyol B.
FIL: Ti tamén cres que non tedes esa presión, Santi?
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
SG: Os favoritos son eles porque son un filial dun equipo de Primeira e cun orzamento moi superior ao noso. Nós tamén temos moitas gañas, pero sabemos que aínda temos outra oportunidade. O obxectivo do club era xogar play-off e agora todo o que veña será un premio engadido.
FIL: Pesa levar o escudo do Compos nunha fase de ascenso?
SG: O que pesa é todas as gañas que temos os compañeiros. Está claro que é unha cidade grande, o outro día viuse que temos bastante apoio da xente pero non é unha presión máis. É un orgullo que veña máis xente, que o club siga medrando e intente recuperar o sitio que merece.
FIL: Foi unha gran temporada colectiva, a nivel individual que valoración facedes?
SG: Pode ser unha das mellores. Xoguei nunha posición nova para min e creo que se me deu ben. Estou contento cos minutos que xoguei e ca aportación que fixen ao equipo. Era un papel máis entre medipunta e mediocentro e non tanto buscar goles. Foi unha pena esta lesión ao final e non poder xogar o partido de ida.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)
Diego Rey: «A temporada foi moi complicada, pero mentras o equipo vaia ben, lévase mellor»
DR: O meu é un caso diferente o de Santi que fixo unha gran temporada; tivo a mala sorte desta lesión que o equipo creo que o notou no encontro de ida. Na miña parte tiven que facer un tratamento por un problema de xeonllos que teño, alargouse máis da conta e despois o equipo ía moi ben polo que costaba entrar nel. Fun tendo minutos e cando mellor me estaba atopando, tiven unha rotura de fibras…foi moi complicada a temporada, pero mentras o equipo vaia ben, lévase mellor.
Santi Gegunde: «Este ano cumprimos co que o escudo manda»
FIL: Que supón para vós xogar ca camisola do Compos en Terceira?
SG: Na categoría somos a referencia, aínda que por presuposto non fosemos os favoritos. O nome do Compos sempre está asociado a estar arriba. Por sorte este ano cumprimos co que o escudo manda, pero había equipos como Boiro, Bergantiños ou Somozas que a nivel económico eran superiores a nós. Somos un grupo moi novo, con moita ilusión que fomos pouco a pouco dando pasos cara adiante. E cando nos demos conta estabamos pelexando a liga co Bergantiños. Se as cousas van ben, coma este ano, é moi bonito xogar no Compos porque ten moita máis repercusión que outros clubs, non só en Galicia, senon a nivel estatal.
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2018/05/DSC_0129-300x219.jpg)
DR: Na outra etapa na que estiven en Segunda B, o equipo viña de ascender sempre á primeira vez. Aquel ano non tiñamos obriga de estar metidos arriba. Tiña un pouco máis de repercusión e viña máis afección. Para min tes as mesmas obrigas xogando en Segunda B ca en Terceira. Tes que dalo todo polo equipo e pola xente que temos moitos seareiros, tanto en Santiago como fóra.
Santi Gegunde: «Puiden vivir en primeira persoa o ascenso do Lugo»
FIL: Os dous saístes do fútbol lucense. Santi con pasado na Milagrosa, Comercial e Lugo, que recordos tes desa etapa?
SG: Empecei xogando cos amigos na Milagrosa ata cadetes de segundo ano; de aí fun para a Comercial onde ascendimos á División de Honra e xa me chamou o Lugo. Aí fixen novos amigos e comecei a ver o tema un pouco máis profesional. Adestraba co primeiro equipo e ves que o fútbol é outra cousa a nivel sénior. Xoguei no Lugo en Liga Galega, Nacional e División de Honra no último ano. Aí adestraba todos os días co primeiro equipo que dirixía Quique Setién e disfrutei moito dese ano. A nivel individual foi moi bo en xuvenís e puiden vivir en primeira persoa o ascenso do Lugo á Segunda.
FIL: Quedouche a espiña cravada de non poder seguir no primeiro equipo?
SG: Era complicado porque xusto cando pasei de sénior o Lugo ascendeu. Non había un filial como agora que supón un paso intermedio entre o xuvenil e o primeiro equipo. Ou tiñas un nivelón, como era o caso de Iago Díaz, ou era imposible quedar.
FIL: E estás pendente do fútbol lucense, deses equipos nos que xogaches?
SG: Si, a maior parte dos meus amigos xogan por aí. Agora teño moitos no filial do Lugo que me alegro moito polo seu ascenso que lle vai axudar moito á base a seguir medrando. No Vilalbés tamén teño amigos como Make ou Pita que fixeron un gran ano e están xogando o play off e ogallá poidan pasar a primeira rolda. Tamén pendente da Milagrosa que leva tres descensos conseutivos, aínda que o seu obxectivo é o fútbol base. Está facendo unha gran labor aí, despois do Lugo, xunto coa Resi, son a referencia na cidade.
FIL: Ti Diego, cres que na casa queren un ascenso por semana (o irmán Pablo Rey acaba de subir á Terceira co Lugo B)?
DR: Si, meu irmán tivo a sorte de vivir iso. Alégrome moito por el, por meu primo Javi Rey, e moitos amigos que teño alí. Outros anos non houbo tanta sorte. Destacar a oportunidade que se lles está dando a eses rapaces. Cando nós estabamos en xuvenís o paso era moi complicado. Agora a oportunidade que teñen para seguir unidos ao CD Lugo como para poder fichar por outros equipos é moi boa.
FIL: Estivestes no comezo da nova etapa do Lugo, como vedes esa traxectoria?
DR: Chegar o fútbol profesional axudou moitísimo. Economicamente ábreche unhas fiestras moi importantes. Creo que é beneficioso para todo, tanto para a cidade como para a xente.
FIL: Que é o que máis destacas da túa etapa do fútbol base?
DR: Curiosamente eu comecei no Polvorín cando non tiña nada que ver co Lugo, despois fichei pola Residencia, pero onde comecei a profesionalizarme foi cando fichei polo Lugo. Moi contento de pertener a esos clubs.
FIL: Credes que a situación na que está agora o Lugo pode volver chegar o Compos?
SG: A nivel do club o Compos está na maginutde do Lugo e por historia máis. Hai que dar pasos pequenos e facer un proxecto a longo prazo. Hai que ter sorte, fichar os axogadores axeitados,… ascender é moi complicado. Agora o Lugo é un equipo asentado en Segunda e medra en todas as categorías. Nós imos tentar subir este ano, senon manter o bloque e volvelo intentar o ano que vén. Logo consolidarse en Segunda B e intentar dar o paso. No fútbol profesional calquera quere vir ó Compos, a afección tamén vai medrar e a cidade volcarase moito máis.
DR: Xa fixeron un paso grande ao cambiar o tipo de proxecto. En Segunda B pensabase que por fichar a xogadores con nome se ía ascender e eu creo que non é o paso; de feito, non foi o paso do Lugo. O ano pasado tomouse máis ese tipo de liña e creo que os resultados están sendo fantásticos.
EN CURTO: DIEGO REY
FIL: Un adestrador? Quique Setién
FIL: Un futbolista co que xogaches? Complicado…Carlos Pita
FIL: Un equipo do fútbol lucense? CD Lugo
FIL: Un estadio do fútbol lucense? Anxo Carro
FIL: Un momento deportivo dende que comezaches? O campionato conseguido este ano
EN CURTO: SANTI GEGUNDE
FIL: Un adestrador? Yago Iglesias
FIL: Un futbolista co que xogaches? Bossa
FIL: Un equipo do fútbol lucense? A Milagrosa
FIL: Un estadio do fútbol lucense? A Madalena
FIL: Un momento deportivo dende que comezaches? O campionato conseguido este ano