Diario dun mercado. Episodio 538
-
Santi Real | 08/08/2026
- 0
- 3min de lectura
As categorías modestas do noso fútbol manteñen o mercado moi activo. De feito, a Terceira Futgal aglutina novidades no día de hoxe, como a renovación de Dylan no Carballedo. Ademais, o Relámpago Taboada contará con Melendo como porteiro e adestrador, rol este último no que xa se desenvolveu o curso pasado.
Tamén continúa, neste caso no Cazás, Pablo Cao, que estará acompañado no verde por Ángel Franco. O que fora adestrador dos xermadinos nas últimas dúas campañas volta ao céspede para reforzar ao equipo. No Celeiro, Iker cumprirá a súa cuarta temporada e Javi Rivera retorna á entidade mariñá.
Na capital, Torito regresa á Comercial tras o seu paso polo Matela. O atacante dará un salto á competitividade do club e procurará o seu terceiro ascenso a Segunda —xa o conseguira con Castro ‘B’ e Matela—. Ademais, o cadro vermello renova por segundo ano consecutivo a Pepe.

Na Segunda Futgal, a maioría das novidades chegan desde o norte da provincia. O Alfoz mantén a súa columna vertebral coas renovacións de Borja, Iván, Adán Jose María e Dani Jiménez. Por outra banda, o Mondoñedo ficha a Adrián Juiz. O de San Miguel xa foi adestrado por Nico, actual técnico do Mondoñedo, tanto no Iberia como no Alfoz, polo que a fórmula é xa ben coñecida para ambos.

No veciño Abadín, no seu caso, optan pola continuidade do grupo. Así, Paredes e Esteban seguen no Municipal. Na Chaira, o Catro Roldas anunciou a súa décimosexta renovación. Rafa tamén continúa no Catro Ventos. Na mesma zona xeográfica, pero na Primeira Futgal, o Santaballés contará un ano máis cos servizos de Dani Sam. O dianteiro suma xa doce temporadas no dianteiro co cadro da Liga.
O Becerreá, pola súa banda, non contará con Miguel Rodríguez ‘Mike’ no seu retorno á Primeira. O mediocentro deixa o posto para asumir o rol de adestrador do filial dos da Montaña no ano da súa creación. Estará acompañado no banquiño polo seu compañeiro no primeiro equipo José ‘Lexo’. Por último, Vicky Burgo segue como preparadora da Comercial e cumpre xa catro temporadas coas vermellas.