Día novo, Diario dun mercado novo! E con novidades nas diversas categorías de norte a sur da provincia.
Comezamos pola Segunda RFEF. Concretamente, na Chaira. O incombustible Marcos Álvarez causa baixa no Racing Vilalbés, mentres que o atacante Álex Pérez, outra das pezas clave da tempada pasada; renova. Pola súa parte, o xa ex do Viveiro Josemi xogará no Somozas. Un goleador menos para Alberto López. Ademais, o lateral esquerdo Martín despídese do Polvorín e da estrutura do CD Lugo despois de oito anos de albivermello.
Na Preferente, temos o pracer de contarvos unha das grandes noticias deste mercado estival. Gonzalo Edrosa volve ao fútbol da man da Residencia. Agardamos que as lesións respecten, esta vez si, ao talentoso centrocampista da Pastoriza.

Baixamos á Primeira, onde coñecemos tres novas continuidades no Pol: o meta Parapar e o medio Gara así como Rivas. Na Segunda, o Lemos B aposta por unha das gratas sorpresas da pasada campaña. Maza chega a Monforte desde o Brollón para darlle velocidade á banda do Luis Bodegas. Tamén toca comentar o regreso de Fer ao Folgueiro desde o Xove Lago.


Por último, na Terceira Galicia Abel Rochela seguirá como adestrador do Corgo e o capitán Brais Maseda continúa no Celeiro. Ademais, o Rubián renovou a Ribi, Fran, Manu e Javi.

