O mercado continúa activo a medida que se achegan as pretemporadas, pois os equipos da provincia teñen moitas expectativas postas na nova temporada. É o caso dun Racing Villalbés que debutará na Segunda RFEF e que quere contar con futbolistas da garantías no seu cadro: Duque chega desde o Palencia Cristo Atlético para reforzar o ataque dos de Simón Lamas. Ademais, os chairegos renovan ao prometedor Gabri para xogar no seu filial, que competirá na Segunda Galicia. Pola súa banda, o gardamallas vilalbés Ángel Fraga competirá no Izarra da Segunda RFEF.

Outro equipo que estrea categoría é a Sarriana, que debutará na Terceira RFEF coa continuidade de Ruchi, Keko, Jacobo Vilariño, Herrero e Adri Díaz. A eles súmanse as fichaxes do prometedor mediocentro David López e do lateral Iñaki Fernández. Porén, os da Ribela din adeus a Omar, Julio, Marino, Echevarri, Pita, Agustín e Hamza. Tamén hai despedidas en Monforte, pois Alvarito e Marco non seguirán no Lemos.
A Primeira Galicia concentra hoxe unha importante serie de renovacións. Raúl Antas e Gontá continúan nun Monterroso que non quere pasar apuros, mentres que o Guitiriz contará un ano máis con Marcos Pereiro como adestrador. Outro equipo recén ascendido, o Meira, aposta pola renovación de Panchito e do incombustible Lourido, que tamén adestrará aos xuvenís do club da súa vila. O Atlético Escairón, pola súa banda, incorpora ao mediocentro Miguel Vilachá, que chega desde o Verín, mentres que o Guntín despide ao seu gardamallas Sebas, un dos maiores afeccionados ao churrasco de toda a provincia.

Hai uns días anunciabamos que Fernando Corredoira non seguiría no Chantada Atlético. O dilatado técnico dirixirá ao San Roque, tarefa que compaxinará co fútbol base do conxunto de Montirón. O Páramo, pola súa parte, renova a Hugo e Joni, mentres que Vicky e Sheila son as novas adestradoras dunha Comercial feminina que quere dar un paso adiante en termos competitivos.

