Os clubes lucenses xa están a planificar a temporada 22/23. Logo dun ano convulso, pola presenza da Covid, o axuste das competicións, os arrastres… xa empezan a carburar diferentes proxectos de cara á nova campaña.
É o caso do Polvorín. O filial albivermello, recén ascendido á Segunda RFEF, xa asinou novo técnico. Roberto Trashorras, ata agora no Xuvenil ‘B’ da entidade, será o novo preparador dos lucenses. Todo apunta, ademais, a que Antón Méndez será o seu segundo adestrador, mentres que semella que Álex Ortiz abandonará o clube. Na Segunda RFEF non foi quen de manterse o Arosa SC, onde non seguirá Martín Ross. O clube non lle presentou oferta de renovación ao defensor logo de tres anos vestindo a camiseta arlequinada.
Na Terceira RFEF, o Racing Villalbés contará un ano máis con Simón Lamas como capitán do seu barco. Os chairegos manterán tamén parte da súa columna vertebral no terreo de xogo, pois xa renovaron o capitán López, o mediocentro Make e os irmáns Varela. Non continuará no seu clube o chantadino Pedro Delgado, que abandona a disciplina do CSD Arzúa.
Xa na Preferente, o acordo de renovación de Dani Moirón como adestador do Ribadeo estaría a preto de producirse. Tanto o técnico como o club ven con bos ollos a continuidade do técnico, tal e como adiantou o preparador nos micrófonos do Ser Deportivos Lugo.
Saltando cara a Segunda Rexional, Basi seguirá como adestrador do Muimenta, mentres que Julito será o segundo de Andrés Rodríguez na Comercial logo de confirmarse a lesión de longa duración do primeiro. Por último, no fútbol feminino, Perry tomará as rendas do Monteforte.