#Entrevistas #Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Primeira Futgal

Brais Prados: «A decisión de non continuar xa estaba tomada»

Asinou un ascenso histórico a Terceira RFEF e pouco máis de dous meses despois atópase no paro futbolístico. Así de caprichosa é a pelota. E así o foi con Brais Prados González (04-03-1994, Sobrada). O técnico de Outeiro de Rei, un dos de moda no noso balompé, tómase un ano sabático nos bancos. De tódolos xeitos, de fútbol aínda segue falando e nunca deixará de facelo. Nesta ocasión, fomos nós os que tivemos o pracer de escoitalo!

FUTBOLINLUGO: Boas Brais! Que tal? Resulta curioso verte sen equipo a 16 de agosto! Decisión propia ou casualidades do destino?

BRAIS PRADOS: Ola! Pois tiven algunha oferta de Preferente e Primeira. Este ano tiña moitas dúbidas de se quería seguir adestrando ou descansar. O ano pasado foi tan bonito como esixente. O sitio era moi ambicioso e iso conleva invertir moito sacrificio. E como está o tema da miña oposición, decidinme por ese lado. Non son capaz de compaxinar as dúas cousas, non podo estar ao 100% en ambas. A finais de xuño decidín non adestrar.

«Decidín non continuar, por diferencias coa directiva sobre todo. Eles tamén pensaban que o mellor era que non comezara»



FIL: Falas de ofertas de Preferente e Primeira… A Sarriana non che ofreceu a renovación despois de lograr ese ansiado ascenso contigo?

B. P: Acabamos a finais de maio. E falamos case a finais de xuño. A decisión de non continuar xa estaba tomada. Por diferencias coa directiva sobre todo. Eles tampouco me ofreceron a renovación alá polo 20 de xuño cando falamos. Reuníranse e pensaban que o mellor era que non comezara porque iamos empezar con roces e era mellor que viñese alguén novo.

FIL: Ten mimbres a Sarriana para salvar esa nova categoría, a Terceira RFEF?



B. P: As fichaxes son boas. Atinaron bastante no que asinaron. Pero failles falta máis fondo de armario, as tempadas son moi longas. Ter 21 ou 22 xogadores como mínimo é necesario. Precisan, polo menos, un par de xogadores máis. A nivel de calidade (dos xogadores) e de traballo (por parte do corpo técnico), non van ter problema en salvar a categoría.

FIL: E o teu Castro volve despois duns anos á Preferente. Como ves ese regreso?

B. P: É o meu equipo de corazón. Reforzáronse moi ben, con xente que vén de competir en categorías superiores e xente boa de Primeira Galicia. Non debera ter problema en manterse, e ese terá que ser o seu obxectivo.

«Cada vez é máis difícil asinar xogadores. Hai escaseza e a xente involúcrase menos que antes»

FIL: A Sarriana e o Castro realizaron bos movementos ata o de agora. Porén moitos adestradores do gremio quéixanse de que o mercado é cada vez máis complexo. Pensas o mesmo?



B.P: Si, estou totalmente dacordo. Cada verán é máis difícil asinar xogadores. Con diferencia a anos anteriores hai máis escaseza. A xente quere xogar menos ao fútbol e involúcrase menos que antes. As novas xeracións tampouco teñen a nosa conciencia de sacrificio e traballo. Esa suma complica o tema de fichar. Máis aínda nos equipos que non poden pagar.

FIL: De aquí a uns anos, poderían correr perigo os equipos dos pobos?

B. P: Por desgraza penso que si, os equipos dos pobos máis humildes quedan con cadros de xogadores moi xustos. 14 ou 15 xogadores e pedindo favores a amigos para poder saír a competir. Varios equipos xa non saen a competir este ano. O futuro vai por ese camiño. Os que logren estar ben asentados, cunha base traballada e economía, non deberan ter problema. Os que só teñen o equipo sénior e poucos cartos, poden ter os días contados.

«Os clubs que só teñen equipo sénior poden ter os días contados»

Brais Prados, na campaña do Castro en Terceira División

FIL: A reestruturación que plantexa a RFGF para as vindeiras campañas, pode axudar a paliar este problema?

B. P: Sempre que hai cambios, facer hipóteses é tirar unha moeda ao aire. Penso que podería axudar pero hai que velo. En caso de non saír ben, que actúen en consecuencia e non deixen pasar o tempo. Eu creo que sempre actúan pensando no mellor para os equipos. E cantos máis sexan, mellor para todos.

Foto de portada: Xesús Ponte (El Progreso)

Brais Prados: «A decisión de non continuar xa estaba tomada»

Diario dun mercado. Episodio 387

Brais Prados: «A decisión de non continuar xa estaba tomada»

Diario dun mercado. Episodio 388

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *