Redactor - Marcos Fernández

O Partido Fisioterapia Ronda . . . Foz – Ribadeo: unha final anticipada no derbi mariñán de Preferente

A Preferente afronta a súa cuarta xornada e a piques está xa de chegar ao ecuador desta liga exprés e nunha competición de tan curta duración as urxencias non tardan en chegar. É o caso do Foz e o Ribadeo, os dous conxuntos mariñáns que aínda non coñecen a vitoria, e que o domingo ás 17:30 horas no Martínez Otero enfrontaranse nun derbi con sabor a final anticipada. O encontro estará dirixido polo colexiado santiagués Calviño Pensado.

O C.D. Foz, ao igual que os veciños ribadenses, conta con un só punto na clasificación. Foi o sumado na segunda xornada diante da Residencia. Malia non ser quen de acadar un triunfo, os pupilos de Javi Chinchón ofreceron unha boa imaxe en tódolos encontros, caendo pola mínima no campo da Sarriana e o Lemos. Nunha temporada na que o obxectivo do cadro focense é consolidar un cadro de xogadores moi renovado para competir da mellor maneira posible a vindeira temporada, non é desexable quedar lonxe de calquer aspiración aínda na primeira volta do campionato. A chegada de Diego Chao, David Ben, Álex Esquerdeiro, Noceda ou Xesús revitalizaron unha plantilla na que os veteráns como Canario ou Kiko Mariño xunto co recuperado pra causa Dani Chinchón seguirán sendo parte importante do equipo.

Pola súa parte o Ribadeo F.C. afronta esta temporada con tan só sete xogadores que repiten da temporada anterior. A nova directiva encabezada por Pedro Posada voltou a darlle o timón a Rafa Casanova, xa un home da casa, e confeccionou unha plantilla moi competitiva coa chegada de futbolistas como Aitorín, Jairo, Luki ou Javi Fraga, así como do galáctico Berodia, que aínda non puido debutar. Xunto a eles os incombustibles Isma, Santi, Coki, Criss ou Cube. Ao igual que o Foz, as sensacións foron mellores que os resultados. Á derrota da xornada inagural na Pinguela hai que sumar a colleitada no Pepe Barrera diante do Santaballés e tan só foi quen de sumar diante da Sarriana, nun encontro no que quizais mereceu un mellor resultado.

Causará baixa o gardameta Rubén no C.D. Foz e Andrés Bustelo e Dani Chao con molestias é previsible que podan ser da partida. No cadro visitante Marcos Peña, Juanma e Criss non estarán dispoñibles, mentres que Aitorín será dúbida ata última hora.

O último enfrontamento entre os dous conxuntos no Martínez Otero tivo lugar o 10 de novembro de 2019 e rematou con triunfo ribadense por dous goles a catro. Álex Paz e Jesús Pablo anotaron para o Foz, mentres que Brais, Aitor, Criss e Luki marcaron os tantos da vitoria do Ribadeo.

Falamos do derbi mariñán con dous dos encargados da sala de máquinas do Foz e o Ribadeo: Dani Chao e Santi.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

DANI CHAO (C.D. FOZ)

 – O comezo de temporada. “As sensacións son claramente mellores que os resultados nos tres partidos que levamos disputados. Tanto en Monforte como en Sarria puidemos rascar algún punto e contra a Residencia na casa incluso tivemos preto o triunfo. Temos ilusión vendo como competimos tódolos partidos e o gran grupo de xogadores e persoas que formamos no pouco tempo que levamos xuntos”.

O Ribadeo. “Agardo o típico derbi, moi duro pero entretido, con ocasións e creo que levará os tres puntos o equipo que máis acertado esté de cara a portería. Se saímos concentrados, intensos e con confianza co balón creo que podemos gañar. O Ribadeo conta con moi bos xogadores do medio cara adiante. Futbolistas como Jairo, Luki ou Javi Fraga pódenche facer un gol en calquera acción do partido”.

Unha final anticipada. “Está claro que nunha liga con tan poucas xornadas cada partido é unha final, pero a nós a clasificación non nos preocupa. Afrontamos a competición con gañas de aprender e mellorar de cara ao ano que vén, aínda que intentamos competir e gañar cada encontro e o derbi non vai ser diferente. Queremos medrar como equipo e quedar o máis arriba posible”.

SANTI (RIBADEO F.C.)

 – Un punto en tres encontros. “Creo que foron tres partidos ben diferentes. No primeiro algúns xogadores practicamente nin nos coñeciamos. Chegamos cun só amigable e poucos adestramentos. Aínda así competimos ben contra o líder da categoría e na segunda metade creo que fomos superiores. Contra a Sarriana fixemos un moi bo partido e penso que merecemos un mellor resultado. No último encontro diante do Santaballés penalizáronnos as baixas e o cansancio de xogar o xoves e non soubemos estar ao nivel dos dous encontros anteriores”.

O derbi. “Agardo un partido disputado, o típico de rivalidade, pechado, e no que teremos que mellorar se queremos gañar. O que máis me preocupa é que nós saiamos metidos no partido e a por todas. A experiencia díceme que de ser así podemos competir e gañar a calquera. En caso contrario, o máis normal é perder contra calquera”.

A urxencia da vitoria. “É unha liga moi curta e iso condiciónao todo. O equipo está en construcción e chegaron moitos xogadores novos, pero as gañas farán que superemos ese hándicap. Sairemos a disfrutar do fútbol e do derbi e se o logramos estaremos máis preto de gañar e seguir na pelexa”.

Foto de portada: Facebook C.D. Foz

O Polvorín e o Viveiro comezan con bo pé a segunda fase de Terceira

A segunda fase comezou con dúas vitorias para os equipos lucenses. O Polvorín, na pelexa polo ascenso, obtivo tres importantes puntos diante do Arousa, un dos grandes favoritos, nun encontro moi completo dos de Álex Ortiz. Menos vistoso foi o Viveiro, pero igual de efectivo. Os mariñáns lograron tres puntos de ouro diante do Atios na loita por evitar o descenso a Preferente. O Racing Vilalbés viu como o encontro que o enfrontaba ao Rápido de Bouzas foi adiado por un positivo en Covid-19 no conxunto vigués.

Un gol de Dani Vidal fai xustiza nun dos mellores encontros da temporada do Polvorín (1-0).

O Polvorín venceu ao Arousa na primeira xornada da fase de ascenso nun dos encontros máis completos do filial albivermello no que vai de temporada, e é o máis firme candidato a ocupar unha das dúas prazas que darían acceso á Segunda RFEF que agora mesmo ocupan Arenteiro e Bergantiños.

Os de Álex Ortiz foron quen de superar o entramado defensivo prantexado por Rafa Sáez e levaron o peso do encontro durante a práctica totalidade do mesmo. Nos primeiros corenta e cinco minutos, o conxunto lucense non deu opción ao rival, que non inquedou a portería defendida por Julen. As rápidas recuperacións en campo contrario deron lugar a boas ocasións para o Polvorín. Antón Escobar protagonizou dúas das máis claras que resolveu ben o ex fabrilista Álex Cobo.

A segunda metade comezou tal e como rematou a primeira, cos lucenses xerando perigo moi preto da área do Arousa. As incorporacións ao ataque dos laterais, sobre todo con Asier pola dereita, poñían en apretos a zaga visitante. O único tanto do encontro non chegou ata o minuto 71. A xogada foi un reflexo do encontro. Marcos recuperou un balón logo dun centro de Asier, o capitán conectou con Escobar e o pase da morte deste foi rematado por Dani Vidal cun tiro raso lonxe do alcance de Álex Cobo.

O encontro atrancouse nos últimos compases co Arousa na procura do empate, pero sin incomodar en exceso a liña defensiva do Polvorín. Julen tan só tivo que intervir para desbaratar algún centro lateral do cadro arousán.

Un solitario tanto de Arturo outórgalle tres puntos vitais ao Viveiro diante do Atios (0-0).

Non foi o mellor encontro do conxunto mariñán, pero sumou tres puntos moi importantes na pelexa pola permanencia. Coas baixas de Javi Rey e Facu por sanción, sumadas ás xa coñecidas de Jacob e Iván por lesión, Tichu voltou ao once de Chusky logo de completar a súa recupeeración.

O Viveiro recuperou a súa solidez defensiva e non permitiu demasiadas ocasións dun rival que só puido marcar preto do descanso por medio de Mintegui, pero errou diante de Manu Cedrón. Na segunda metade ámbolos dous conxuntos estiraron as súas liñas na procura do gol. O Atios puido anotar por medio de Javi e Adrián Mouriño, pero non estiveron acertados. Quen si atinou foi Arturo, que cun maxistral lanzamento de falta superou a barreira e ao gardameta porriñés.

O Atios tentouno ata o final, pero o marcador non se moveu. O Viveiro mantén tres puntos de marxe sobre os postos de descenso.

O partido Fisioterapia Ronda . . . Sarriana – Residencia: tres puntos pra optar ao liderato

O grupo lucense da Preferente botou a andar cunha igualdade máxima entre tódolos conxuntos. Nas dúas xornadas disputadas tan só un encontro rematou con máis dun gol de diferencia, o que da conta do nivel parello dos seis equipos da nosa provincia. Da terceira entrega desta competición exprés destacamos o choque que enfrontará o domingo ás 18 horas na Ribela á Sarriana e á Residencia, coa arbitraxe do colexiado santiagués Piñeiro Lugo. O equipo que acade o triunfo pode rematar a xornada no maís alto da clasificación.

O conxunto local, con catro puntos, ocupa o terceiro posto por detrás do Lemos, único conxunto que foi quen de gañar os dous encontros disputados ata o momento, e da Residencia. A Sarriana venceu na primeira xornada ao Foz e empatou no Pepe Barrera diante do Ribadeo, encontro no que deu mostra do seu gran potencial, sobre todo na parcela ofensiva. Coa lóxica falta de ritmo logo do apresurado comezo ligueiro, o equipo adestrado por Charly, é un firme candidato a ocupar as dúas primeiras prazas que dan lugar a xogar a promoción de ascenso.  Os reforzos de Óscar Rivas, Luis Díaz, Adrián Armesto ou Gerardo, entre outros, xunto a xogadores da calidade dos irmáns Keko e Jacobo Vilariño, Javicho ou Omar fan do cadro sarriao un rival a ter moi en conta.

A Residencia conta tamén con catro puntos ao igual que a Sarriana. Foi quen de gañar na Cheda ao Santaballés e de sacar un punto diante do Foz no Martínez Otero nun encontro no que os de Álvaro Meilán foron superiores ao rival. Nunha competición curta e igualada como a Preferente deste ano, o conxunto da capital da provincia é un firme candidato a unha das prazas de promoción. Xogadores como Álvaro, Dani Renda, Diego Simón ou Edrosa danlle á Residencia un salto de calidade respecto da plantilla da pasada temporada.

O último encontro disputado entres ámbolos dous conxuntos na Ribela data do 1 de setembro do 2019 e rematou con triunfo da Sarriana por catro tantos a un. Javi Fraga en dúas ocasións, Omar e Dani López en propia porta anotaron para o conxunto local e Javi Raposo recurtou distancias xa preto do final.

Falamos do encontro con Adrián Armesto, unha das novas incorporacións da Sarriana, e con Veloso, que malia súa xuventude, xa afronta a súa terceira temporada no equipo sénior da Residencia.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

ADRIÁN ARMESTO (SARRIANA)

 – A importancia de comezar ben. “Os comezos sempre son difíciles e facelo con tres puntos na primeira xornada é moi importante. A competición é curta e os encontros son como finais. Os equipos saen a por todas e máis tendo en conta que moitos non se xogan nada e asumen moitos máis riscos”.

– A Residencia. “Agardamos un partido moi disputado e dunha alta intensidade, xa que non deixa de ser un derbi. Esixirá estar moi concentrados desde o comezo. Contan con xogadores de gran calidade como Álvaro que poden decidir o encontro en calquer xogada individual. Sen dúbida será un partido bonito de ver para o afeccionado”.

– Cambio de aires. “Pasei uns anos moi bos no Lemos, non só a nivel futbolístico senón tamén a nivel de grupo, xa que eramos unha auténtica familia. Necesitaba un cambio e probar cousas novas a nivel deportivo. O proxecto da Sarriana convenceume e decidín fichar. Temos un grupo moi bo e de xente con moito fútbol. Creo que faremos unha boa temporada”.

VELOSO (RESIDENCIA)

 – O comezo ligueiro. “Acadar catro puntos en dous encontros considero que non é un mal comezo. . Levabamos moito tempo sen xogar e creo que as cousas están saíndo bastante ben. O campo do Foz é sempre difícil, polo que o feito de puntuar é un bo resultado. Queda moito traballo por diante, sei que somos capaces de facer as cousas moito mellor e estou seguro de que imos demostralo”.

– A Sarriana. ” Creo que será un encontro reñido, no cal os dous equipos imos ter posibilidades para levarnos os tres puntos. Como se pode ver nos resultados que se deron ata o momento ninguén ten nada aseegurado. Eles son un equipo que xa viña de dar un bo nivel o ano pasado, e con todos os reforzos coido que aínda será mellor, pero logo dun ano parados é moi difícil non cometer erros nin ter algún punto débil, polo que aí é onde creo que estará a nosa oportunidade”.

 – Obxectivos. “Penso que temos equipo para pelexar polos dous primeiros postos. O ano pasado competimos ben e os reforzos que chegaron para esta temporada aportarán moito. A nosa intención é competir por estar arriba. Ogallá poder desputar unha fase de ascenso, pero debemos ter cabeza e ir partido a partido”.

O Lemos é líder en solitario tras gañar no campo do Santaballés

A segunda xornada da Preferente disputada no Xoves Santo déixanos ao Lemos como líder en solitario. O cadro monfortino gañoulle ao Santaballés e é o único conxunto que sumou os seis puntos en xogo. Nos dous encontros restantes, dous empates. O Ribadeo rescatou un punto no desconto diante da Sarriana no Pepe Barrera e Foz e Residencia tamén repartiron os puntos no Martínez Otero.

Un gol de Adri Díaz outórgalle o triunfo e o liderato ao Lemos diante do Santaballés (0-1).

Seis de seis para o conxunto de Edu Rodríguez, que presenta a súa firme candidatura aos dous primeiros postos deste grupo lucense de Preferente. O Lemos tivo a posesión e dominou o encontro, aínda que foi o Santaballés quen puido adiantarse no marcador. Álex Novás primeiro e Castrín despois tiveron boas ocasións para adiantar aos chairegos. Diego Torres e Rubén Díaz tamén puideron anotar para os monfortinos.

Na segunda metade acentuouse o dominio visitante acentuouse, aínda que o gol resistiuse ata que no minuto 79 Adri Díaz batiu a Ivo. O Santaballés tentou a igualada con máis corazón que cabeza e reclamou un penalti no tempo de desconto, aínda que o marcador xa non se movería. Puido facelo, pero o colexiado anulou un tanto ao lemista Diego Torres.

Ribadeo e Sarriana igualaron nun encontro no que o debutante Parapar resultou decisivo (1-1).

Os dous conxuntos ofreceron un bo encontro na reestrea do remozado Pepe Barrera en Preferente. Foi mellor o Ribadeo na primeira metade e del foron as mellores ocasións. Jairo, cun testarazo que lambeu o pao, a piques estivo de abrir o marcador. De novo o burelao e tamén Isma puxeron a proba a un inspirado Parapar. Tan só Óscar Rivas á saída dun córner inquedou a zaga ribadense.

Nos segundos corenta e cinco minutos a Sarriana deu mostra do seu potencial, sobre todo na parcela atacante. Os de Charly xeraron perigo ante a portería ribadense e a falta de media hora para o final, logo dunha contra Gerardo aproveitou un bo pase de Omar para batir a Carrera, que logo resultou providencial diante de Armesto. Non se rendiron os de Rafa Casanova que puideron empatar aos poucos minutos. Primeiro Jairo atopouse co pao e Adrián Barrera e Santi con Parapar. Ata que no minuto 94, Luki recolleu un balón solto e igualou o encontro.

O Foz estrea o casilleiro de puntos cun empate diante da Residencia (1-1).

Encontro entretido para o espectador do Martínez Otero. A Residencia tivo a posesión e dominou o encontro ante un Foz que tentou defender de xeito ordeado e buscar adiantarse no marcador á contra. E preto do descanso os mariñáns lograron o seu propósito. Xenxo desfíxose do seu defensor e resolveu o man a man diante de Diego Bravos.

Non lle durou moito a ledicia aos de Javi Chinchón. Cinco minutos despois da reanudación chegou o empate. Javi Raposo, cun bo testarazo á saída dun córner, igualou o encontro.  Non fixo mella no Foz o tanto e Xenxo, aos poucos minutos, puido facer o segundo, pero desta volta o gardameta lucense gañou a partida. A Residencia xerou perigo sobre todo a balón parado e o Foz buscou rápidas contras, aínda que o cansanzo fixo mella nos mariñáns e o marcador non se moveu.

O Polvorín xogará a fase de ascenso por primeira vez na súa historia

Rematou a primeira fase da Terceira División e fíxoo coa clasificación do Polvorín para fase de ascenso. É a primeira vez que o filial do C. D. Lugo xogará para tentar subir á Segunda División RFEF. Preto estivo de acadar ese obxectivo o Racing Vilalbés. Foron quen de gañar no campo do Silva, pero non erraron Polvorín nin Somozas. As peores novas chegan desde A Mariña. O Viveiro, que precisaba gañar, caeu de xeito abultado diante do Fabril e terá que xogar a fase de permanencia.

O triunfo do Polvorín diante do Arzúa outórgalle o pasaporte para a fase de ascenso (2-0).

Día histórico para o Polvorín, que co triunfo diante do Arzúa xogará por primeira vez na súa historia a promoción de ascenso á antiga Segunda División B. Diante dun rival que se xogaba a permanencia, os de Álex Ortiz foron os claros dominadores do encontro e tiveron o control durante a totalidade do mesmo.

De tódolos xeitos, foi o Arzúa quen asustou primeiro. Un mal despexe da defensa rematou co disparo de Iker Hurtado ao pao. Moi poucas máis novas en ataque do conxunto visitante. O Polvorín colleu o timón, pero non atopaba con claridade aos seus xogadores de ataque, e a primeira metade rematou sen ocasións claras de gol. Tan só dúas faltas desde a frontal que saíron por enriba da portería.

Na segunda metade o Arzúa repregouse máis e o filial albivermello, ao que lle chegaban novas desde outros campos nos que os seus rivais gañaban os seus encontros, viuse obrigado a buscar o tanto por tódolos medios para non quedar fóra das tres primeiras prazas. Tentouno coa entrada de Christian no sitio de Marcos, buscando así máis presenza en área rival. Comezou a aclararse o panorama coa expulsión do zagueiro arzuán Tomé, que viu o cartón vermello directo no minuto 66 ao derribar a Christian cando ía só cara a portería.

Dez minutos despois chegou o gol. Jesús rematou de tacón, no primeiro pao, un saque desde o curruncho. O Arzúa lanzouse ao ataque, ao precisar dous tantos para salvar a categoría. O Polvorín aproveitou os espazos e nunha contra chegou a sentencia. Iago Novo recolleu o balón ao borde da área propia e protagonizou unha xogada maradoniana. Regatou a quen se lle puxo diante e logo de driblar ao portería fixo o segundo.

O Racing Vilalbés cumpriu coa súa obriga e venceu na Grela ao Silva, pero rematou cuarto (1-2).

Non puido ser. O conxunto chairego rematou a primeira fase na cuarta posición e xogará a segunda fase na procura dun posto no play off de ascenso. Os triunfos de Polvorín e Somozas evitaron que o Racing Vilalbés entrase entres os tres primeiros, pero os 40 puntos obtidos polo conxunto de Simón Lamas outórgalles unha importante vantaxe de cara á nova competición.

O encontro comezou co Silva levando o peso do encontro e xerando certo perigo cun testarazo de Joao Paulo que saiu desviado por poucos centímetros. Pero non tardou o Racing e adiantarse no marcador. Pedrosa aproveitou unha indecisión entre a zaga e o porteiro local e meteu a punteira da bota para facer o primeiro tanto da tarde desde a frontal da área grande. Gozou de máis ocasións de gol o cadro coruñés, aínda que sen excesivo perigo. As máis claras chegaron en internadas pola banda dereita de Brais Lema e cun lanzamento de Souto desde a frontal.

O segundo tempo non comezou ben para os vilalbeses. Nun saque desde o curruncho lanzado por Fabio, o balón bateu en López que marcou na súa propia porta. Nos seguintes minutos non se viron xogadas de perigo. Ao Racing costáballe chegar e os de Bardanca tan só chegaban á porta de Rumbo en accións a balón parado. Nos últimos minutos, os de Simón Lamas xeraron máis perigo. Marino conectou un bo testarazo logo dun saque de falta de Pedrosa e xa co tempo cumprido chegou o tanto do triunfo. Rumbo sacou, Vérez peinou e Muíña, que recibiu dentro da área definiu diante de Ríos. Cuarto tanto da temporada para o central chairego.

O Viveiro non foi rival para un Fabril que xa sentenciou na primeira metade (1-4).

Todo pasaba por gañar, pero as esperanzas esvaecéronse axiña. O Fabril, que recuperou a súa mellor versión neste tramo final de competición, pasou por enriba dos mariñáns e acadaron a permanencia. Non o puido facer o Viveiro, que terá que pelexar por evitar voltar a a Preferente nunha segunda fase cos seis últimos clasificados do grupo sur.

O encontro comezou con alternativas no xogo e nas áreas. Primeiro foi Adri Castro quen a piques estivo de marcar cunha volea que rozou o pao de Manu Cedrón. Non tardou en respostar Arturo, pero o seu lanzamento atopouse coa gran resposta do meta Alberto. A partir de aí o Fabril foi moi superior e o dominio materializouno de contado. Javi Sánchez aproveitou a boa xogada de Yuste para facer o primeiro e só tres minutos despois a internada de Peke pola banda esquerda rematou co disparo raso de Barba desde a frontal ao que non puido respostar Manu Cedrón. Foron momento espectaculares de xogo do filial deportivista, que volcaba os seus ataques pola banda esquerda, na que Guille e Peke se entendían á perfección. Pouco antes do descanso chegou o terceiro. Sarmiento sacou unha falta con picardía e Adri Castro rematou ao fondo da portería.

No descanso Chusky realizou un triple troco e deu entrada a Uriol, Rolle e Álex Meitín no canto de Nico, Dani Montes e Facu. O decorado pouco trocou e o encontro non tivo demasiada historia. O Fabril anotou o cuarto, segundo na conta particular de Javi Sánchez e o Viveiro maquillou o resultado cun tanto de Javi Rey logo dun rexeite de Alberto a tiro de Arturo.

O partido Fisioterapia Ronda . . . Os tres equipos lucenses, ante o desenlace da primeira fase de Terceira

Domingo de fortes emocións no fútbol galego. O formato de competición artellado para esta temporada atípica trouxo consigo unha grande igualdade e boa parte dos equipos chegan a esta derradeira xornada da primeira fase de Terceira con moito en xogo. É o caso dos tres conxuntos lucenses. Polvorín e Racing Vilalbés disputan, xunto co Somozas, dúas das prazas que dan acceso á fase de ascenso, mentres que o Viveiro no ano do seu retorno a categoría nacional pelexa por acadar a permanencia pola vía rápida.

Repasamos os tres encontros con representación lucense, da man de Álex Ortiz, adestrador do Polvorín, e Simón Lamas, adestrador do Racing Vilalbés. Jesús Gómez “Chusky” declinou o convite de Futbolinugo para participar neste artigo.

POLVORÍN – ARZÚA (A Cheda, domingo ás 17 horas).

O filial albivermello é o único dos tres equipos da nosa provincia que depende de si mesmo. Cun triunfo diante do Arzúa, o Polvorín disputará a fase de ascenso a Segunda División B (a nova Segunda RFEF). No caso de non acadar os tres puntos tería que agardar que non os sumase Somozas ou Racing Vilalbés.

Con tan só unha derrota no 2021, o Polvorín chega a este encontro nun bo momento de xogo e resultados. O empate da última xornada en Vista Alegre impediulle aos de Álex Ortiz chegar coa clasificación no peto, aínda que a imaxe amosada foi de gran superioridade. Dani Vidal e Morais, que non foron da partida na última xornada diante do Estudiantil volverán ao equipo, no que seguirá sendo dúbida o central Nico. Bakary N’Diaye, que reforzou ao filial a pasada xornada atópase disputando a clasificación para a Copa de África coa selección mauritana.

O encontro tamén é vital para o Arzúa. O cadro adestrado por Javi Rey porá en xogo a permanencia e unha vitoria na Cheda serviríalle para acadar o obxectivo. O “queixo mecánico” afronta esta decisiva cita logo de catro xornadas sen coñecer a derrota, aínda que nos tres últimos encontros só puido empatar.

A opinión de Álex Ortiz

Foto: Endie DoaRúa

A progresión do equipo. “Fomos moi regulares durante toda a temporada e logramos medrar logo dun comezo moi accidentado no que tivemos sen poder competir varias xornadas, o que nos impediu gozar do parón de Nadal, pero soubemos repoñernos ás adversidades. O cadro de xogadores asimilou moi ben todo o que lle pediu o corpo técnico e deu clara mostra do seu carácter e das gañas de competir e superarse cada día”.

Un premio ao esforzo. “Obviamente que nos gustaría rematar entre os tres primeiros. Fixemos méritos para logralo, pero a última xornada será quen dicte sentencia. En ningún momento sentimos a obriga de xogar unha promoción de ascenso nin a presión de subir de categoría. Nós fomos día a día e as circunstancias e o traballo diario situáronnos nesta posición de privilexio. Vémolo como un premio ao gran esforzo de toda a temporada e se o logramos será motivo de gran felicidade, senón seguiremos pelexando e loitando cada partido para poder mellorar, que é o gran obxectivo deste grupo de rapaces”.

A vantaxe da alta puntuación. “Era algo que xa se falaba antes de comezar a competición. No caso de quedar no cuarto posto, a alta puntuación do noso subgrupo danos un marxe con respeto aos equipos do outro subgrupo, aínda que para nada é definitiva. Quedar entre os tres primeiros outórgache unha doble oportunidade que non tes desde a cuarta praza”.

– O encontro diante do Arzúa. “É un equipo que fai moitas cousas ben, con moita calidade sobre todo na parcela ofensiva con un Íker Hurtado moi entonado nas últimas xornadas. Intuimos que será un partido moi semellante ao disputado na primeira volta no seu campo, onde se disputou o control máis que a posesión. Eles son un equipo moito máis vertical e nós sentímonos máis cómodos co balón, aínda que tampouco temos problema para facer transicións. Creo que ser verá un encontro dese estilo, cun rival moi ordeado que buscará roubar o balón para saír veloces cara a nosa portería”.

SILVA – RACING VILALBÉS (A Grela, domingo ás 17 horas).

O Racing Vilalbés afronta a última xornada desde a cuarta praza da clasificación con 37 puntos, un menos que o Somozas e dous menos que o Polvorín. Polo tanto, o cadro chairego non depende de si mesmo para ser terceiro, polo que precisa dun triunfo e que o Somozas non gañe diante do Bergantiños. Tamén acadará billete para a fase de ascenso cunha vitoria e unha derrota do Polvorín, e incluso cun empate e a derrota do Somozas no seu campo.

O conxunto adestrado por Simón Lamas comezou a temporada co inequívoco obxectivo de acadar a permanencia unha temporada máis en Terceira, e malia a gran igualdade logrouno de xeito virtual xa fai varias xornadas, aínda que as matemáticas non permitiron celebracións ata a antepenúltima cita.

O Racing afronta este encontro, ao igual que o Polvorín, nun gran momento. Catro encontros consecutivos con vitoria e sen encaixar, tan só interrumpidos pola derrota diante do Fabril no encontro adiado, da mostra da solvencia dun conxunto que voltou a amosar a seguridade defensiva a que nos tiña acostumados.

Precisamente a boa labor da zaga é un dos puntos fortes do rival dos vilalbeses. O Silva, logo dunha temporada complicada, foi quen de chegar á derradeira xornada da primeira fase dependendo de si mesmo. Un triunfo deixaría ao conxunto coruñés fóra de todo perigo. Tamén acadaría a permanencia cun empate sempre que Arzúa e Fabril non logren os tres puntos, e incluso unha derrota dos de Javi Rey reportaríalle a salvación ao Silva, malia caer diante do Racing Vilalbés.

A opinión de Simón Lamas.

A tranquilidade do obxectivo acadado. “Chegar nesta situación á última xornada firmaríamolo ao comezo de temporada e tamén en moitos momentos durante a competición. Tivemos fases complicadas, sobre todo ao comezo da segunda volta con dúas derrotas consecutivas, pero fomos quen de sobrepoñernos ás adversidades que se nos foron presentando, o cal debemos valorar como se merece. É un éxito ter asegurada a permanencia de forma matemática desde fai un par de xornadas e poder vivir este derradeiro encontro con tranquilidade. Nunha competición na que a igualdade sempre é máxima, esta temporada tan atípica poñíanos a todos un pouco nerviosos, pero temos que considerala con un gran éxito”.

Unha vantaxe respeto aos rivais directos. “Para Somozas e Polvorín sería un mazazo importante non entrar entre os tres primeiros logo de moitas xornadas nesas posicións, incluso o Somozas na primeira volta falábase de que podía ser campión. A nivel psicolóxico sería un mazazo ter que xogar esta fase intermedia. Nós temos unha visión totalmente distinta e xa é un éxito chegar nesta posición á derradeira xornada. Vimos de menos a máis e contamos cunha gran vantaxe de puntos respecto ao cuarto clasificado do outro grupo, que aínda que non é definitiva, danos certa tranquilidade”.

O Silva. “Os partidos na Grela sempre son complicados, aínda que a experiencia de fai poucas xornadas nun campo semellante como é o do Fisterra será moi positiva. Creo que eles teñen o hándicap de ter disputados moitos encontros mércores-domingo nas últimas semanas e iso neste tipo de equipos como pode ser o Silva, ou mesmo nós, pasa factura. O encontro decidirase por pequenos detalles e gañará o que sexa mellor nas dúas áreas e controle o balón parado, xa que teñen moito poderío no xogo aéreo. Contan con tres centrais como Xusto, Fiuza e Antonio que son do mellor da categoría. Son un equipo que concede moi pouco con unha liña de cinco atrás e tres medios que impedin o ataque posicional do rival. Temos capacidade a nivel ofensivo  para xerar situacións de gol e sacar o encontro adiante dentro da igualdade que creo que existirá”

O partido en tres campos. “Como non dependemos de nós mesmos temos que xogar tamén co resultado dos outros campos. Está claro que o primeiro e primordial é gañar e partir de aí, desde o banquiño, saber o que sucede nos outros campos para poder actuar durante o encontro. Dada a gran igualdade desta categoría, o Polvorín e o Somozas teñen encontros moi complicados ante grandes rivais que tamén teñen moito en xogo. Temos claro que se logramos sacar adiante o noso partido, as posibilidades de entrar nos tres primeiros son moi elevadas”.

A incerto futuro institucional. “Agora mesmo non nos afecta porque temos un obxectivo polo que loitar e que nos motiva de forma suficiente. A min preocúpame máis como vilalbés e como socio que como adestrador. Sería unha pena que un club como o Racing non tivera continuidade, pero entendo que isto terá solución xa que é unha institución o suficientemente importante como para que a súa masa social o deixe morrer. Antes de que iso ocorra buscaríanse as solucións que foran precisas”.

VIVEIRO – FABRIL (Cantarrana, domingo ás 17 horas).

Choque entre dous dos implicados na pelexa pola permanencia. O conxunto mariñán parte desde a oitava praza con 28 puntos, un menos que o filial deportivista e que o Arzúa e dous menos que o Silva. As contas para evitar xogar a fase de permanencia pasan por gañar e agardar que Arzúa non sume os tres puntos diante do Polvorín ou que o Silva perda co Racing Vilalbés. Un empate ou unha derrota viveirense deixaría sen posibilidades ao equipo dirixido por Chusky de acadar o obxectivo pola vía rápida.

A boa imaxe amosada polo equipo nos dous últimos encontros nos que goleou ao As Pontes e acadou un importante empate no campo do Bergantiños, líder da categoría, debe ser o espello que se mire o Viveiro para tentar dobregar ao Fabril.

O equipo adestrado por Juan Carlos Valerón, que atravesou unha xeira moi negativa unha vez que Villares e Rayco pasaran a formar parte do primeiro equipo, foi quen de recuperar sensacións e nas últimas xornadas goleou ao Estudiantil e, malia o empate diante do Fisterra amosou unha boa imaxe e contou con ocasións suficientes para levar os tres puntos.

Os tres equipos lucenses de Terceira teñen deberes para a derradeira xornada

A penúltima xornada da primeira fase de Terceira División déixounos un triunfo e dous empates dos nosos representantes. O Racing Vilalbés non errou na Madalena e venceu ao Paiosaco, mentres que Polvorín e Viveiro sumaron un punto a domicilio. O filial do C.D. Lugo empatou en Vista Alegre diante do Estudiantil nun encontro no que foi superior. Os mariñáns sumaron no campo do líder e foron quen de tutear ao Bergantiños.

O Polvorín mereceu un premio maior diante dun Estudiantil que se conformou co empate (0-0).

Malia ser segundo na clasificación, o Polvorín aínda non ten matemáticamente acadada a súa clasificación para a fase de ascenso e dictará sentencia a derradeira xornada na que se enfrontará ao Arzúa.

Debutou co filial albivermello unha das fichaxes de inverno do C.D. Lugo, Bakary N’Diaye con ficha do Polvorín, que ocupou o centro da zaga a carón de Jesús. A baixa do habitual Dani Vidal foi suplida por Fidalgo e o capitán Marcos foi titular no canto de Morais, sancionado. Foi moi superior o cadro adestrado por Álex Ortiz, sobre todo na primeira metade. O Estudiantil tan só inquedeou a portería de Julen cun bo testarazo de Catú.

Non tardaron en chegar as ocasións para os lucenses. Aos tres minutos Manu Núñez logo dunha boa xogada individual na que deixou atrás a varios defensores disparou moi preto do pao. Pouco despois Iago Novo conectou con Cristian, pero o ariete disparou demasiado cruzado. De novo Cristian foi protagonista da seguinte ocasión. Con Antón Escobar en posición inmellorable, o pichichi do Polvorín decidiu finalizar e atopouse cunha gran intervención de Cristopher. Aínda houbo tempo para dúas ocasións claras nos primeiros corenta e cinco minutos. As dúas nas botas de Antón Escobar.

Na segunda metade o Estudiantil repregouse aínda máis e ao Polvorín costoulle superar a liña defensiva do cadro santiagués e non foi quen de xerar ocasións claras de gol. Os de Gelucho anularon o xogo de Manu Núñez e Iago Novo e foron quen de sumar un punto.

O Racing Vilalbés gañoulle ao Paiosaco e chega á última xornada con opcións de xogar a fase de ascenso (2-0).

O encontro diante do Silva decidirá o posto que ocupe o Racing Vilalbés ao rematar a primeira fase. Os de Simón Lamas deberán sumar os tres puntos e agardar que Somozas ou Polvorín erren, aínda que aos chairegos poderíalles chegar un punto para ser terceiro.

Comezou ben o conxunto de Simón Lamas cun Santi Gegunde protagonista das ocasións máis claras. Intentouno en dúas ocasións ata que á terceira foi a vencida. Aos vinte minutos de encontro, unha internada de Pedrosa polo perfil esquerdo do ataque rematou co pase do ribadense ao centro da área onde Santi Gegunde rematou lonxe do alcance de Rama. Foi o seu oitavo tanto da temporada.

Co marcador a favor, o Racing cedeu o dominio a un Paiosaco que amosou a súa falta de pegada e só tentou sorprender con centros laterais que non foron quen de inquedar a unha zaga chairega na que López ocupou o sitio de Buyo no perfil esquerdo e Javi Varela foi lateral dereito.

No segundo tempo a igualdade foi a tónica ata que no minuto 58 o cadro visitante quedou cun home menos pola expulsión de Edu Dias con cartón vermello. O central derribou a Pedrosa cando este encaraba a portería e o colexiado interpretouno como ocasión manifesta de gol. A falta xerou dúas boas ocasións para o Racing. Santi Gegunde lanzou o balón ao pao e Ángel no rexeite atopouse coa boa intervención de Rama. Pouco despois, Sandá bateu de novo coa inspiración do porteiro visitante que detivo o disparo do coruñés.

Non tardou en chegar o segundo tanto. Aitor recibiu dentro da área e definiu ante o gardameta do Paiosaco. Nos vinte últimos minutos o Racing Vilalbés controlou o partido sen pasar apuros e incluso puido incrementar o marcador cun lanzamento de Santi Gegunde desde fóra da área.

O Viveiro sumou un meritorio empate no campo do Bergantiños, pero non depende de si mesmo para acadar a permanencia (0-0).

Punto moi valioso o sumado polo Viveiro nas Eiroas. O todopoderoso Bergantiños, líder sólido da Terceira e firme candidato ao ascenso viu como os mariñáns plantexaron un encontro atrevido e no que non foron inferiores aos de José Luis Lemos.

O cadro adestrado por Chusky enfrontarase na derradeira xornada ao Fabril, tamén implicado na pelexa pola permanencia. Os mariñáns deberán gañar e agardar que Silva ou Arzúa non o fagan para obter a salvación pola vía rápida.

O Viveiro tivo a primeira ocasión do encontro nas botas de Rolle, pero o disparo do canteirán estrelouse no longueiro. O propio Rolle e tamén Asier tiveron claras ocasións para adiantar ao conxunto viveirense no marcador. Os locales tamén xeraron perigo diante da portería de Manu Cedrón. Duque e Martín Lamelas tiveron as máis claras.

Na segunda metade ámbolos dous conxuntos baixaron o seu nivel. Comezou mellor o Bergantiños que chegou con certo perigo por medio de Marcos Remeseiro. A máis clara tívoa Martín Lamelas que estivo preto de acadar un gol olímpico, en boa parte grazas ao forte vento que sopraba nas Eiroas. Co paso dos minutos o Viveiro foi medrando e rematou mellor que o rival. Arturo, con dúas boas ocasións, tivo nas súas botas traer os tres puntos para terras mariñás.

O partido Fisioterapia Ronda . . . Racing Vilalbés – Paiosaco: a pola terceira praza, cos deberes feitos

Chega a penúltima xornada da primeira fase de Terceira e faino cos obxectivos deportivos cumpridos para o Racing Vilalbés. Coa permanencia acadada de forma virtual desde fai varias xornadas e matematicamente desde o triunfo no campo do Somozas do pasado domingo, o cadro chairego afronta sen presión estes dous últimos encontros nos que ten ao alcance da man o terceiro posto. O primeiro escollo será o Paiosaco, ao que recibe o domingo ás 17 horas na Madalena coa arbitraxe do colexiado santiagués Martínez Barral.

É probable que o Racing Vilalbés se xogue máis no ámbito insititucional que no deportivo. Non existe candidatura algunha para coller o relevo do actual presidente Paco Ruíz e o club corre o risco de entrar en disolución. Con esa preocupación latente, o equipo afronta os dous últimos encontros da primeira fase nunha posición envidiable. Cuarto a tan só un punto do Somozas e co golaverage a favor cos de ferrolterra. Tampouco é inalcanzable o segundo posto que ocupa o Polvorín, con catro puntos máis que o Racing.

Para calquera obxectivo ambicioso é preciso gañarlle ao Paiosaco, para cando menos, chegar con opcións reais á derradeira xornada. O equipo adestrado por Juan Riveiro é o pechacancelas do grupo A con once puntos dos que só dous logrou a domicilio, un deles nas Eiroas diante do Bergantiños. O cadro larachés, malia súa mala campaña, non é un conxunto doado de dobregar, tal e como demostrou no encontro de ida na Porta Santa diante do Racing Vilalbés, onde foi quen de empatar.

O último enfrontamento entre os dous conxuntos na Madalena tivo lugar o 16 de febreiro de 2020 e rematou con empate a un. Jose Varela adiantou ao Racing, pero Eiroa igualou a contenda na segunda metade.

Falamos do encontro con Javi Varela, mediocentro do Racing Vilalbés que, unha vez recuperado da súa lesión, volta a ser importante nos esquemas de Simón Lamas.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

JAVI VARELA (RACING VILALBÉS)

 – A derrota co Fabril. “Foi máis abultada do normal. Eles xogábanse moito e iso notouse. Recibimos un gol moi cedo e xa trocou todo, aínda que en ningún momento nos fomos do partido, demos a cara e pisamos a área contraria e creamos ocasións para materializar algunha, pero ante un equipo da talla do Fabril se non as metes ao final rematas pagándoo. Pero nen moito menos nos vemos afectados por esta derrota de cara ao domingo. Quitando este pequeno bache viñamos nunha boa dinámica e estamos preparados para afrontar o encontro con toda a confianza do mundo e con ganas de facernos fortes no noso campo”.

– O Paiosaco. “Agardo un partido difícil no que eles non teñen nada que perder. A pesar dos poucos puntos que teñen sempre son un rival incómodo para nós e son quen de poñernos as cousas moi difíciles. Intentarán sumar o máximos puntos posibles para a seguinte fase, pero nós temos armas suficientes para facerlles dano e quedar cos tres puntos. Estamos nunha posición que todo o mundo firmaría ao comezo de temporada e non temos ningún tipo de presión. Vimos facendo as cousas moi ben e traballando duro cada semana e non existe ningunha relaxación no grupo, polo que se estamos ao nivel dos últimos encontros e coa intensidade que nos caracteriza, imos darlle moi poucas opcións ao rival”.

 – A tranquilidade da permanencia. “Despois de varios meses de competición e de todo o traballo que levamos feito, e co duro e difícil que sabemos que é gañar o partidos nesta categoría, afrontamos o que nos queda con moita alegría, sen presión e coa ilusión de seguir facendo as cousas ben. Estamos nunha posición cómoda, onde a moitos lles gustaría estar e afrontamos a recta final coas mesmas gañas que ao comezo. Quedan dous encontros nos que intentaremos sacar os máximos puntos posibles para a seguinte fase”.

– A recuperación. “Foron meses duros, loitando para recuperarme o antes posible. Agora atópome moi ben, xa levo semanas adestrando ao máximo nivel co grupo, participando en partidos, físicamente ben e co ritmo necesario que esta categoría require. Estou dispoñible para ser da partida sempre que o míster queira e deixarme a pel no campo que é onde máis me gustar estar e axudar ao equipo como o vin facendo estes últimos anos”.

Os conxuntos lucenses logran un pleno de vitorias na antepenúltima xornada de Terceira

A vixésima resultou unha xornada espectacular para os tres representantes lucenses na Terceira División. O Polvorín derrotou ao Silva na Grela e está a un paso de asegurar un posto na promoción de ascenso, mentres que o Racing Vilalbés foi quen de gañar no campo do Somozas e sitúase a un punto do cadro de ferrolterra e, polo tanto, do terceiro posto. O Viveiro goleou en Cantarrana ao As Pontes e segue fóra da zona de promoción de permanencia.

O Polvorín acadou o terceiro triunfo consecutivo diante do Silva e acaricia a fase de ascenso (0-3).

O filial albivermello acariña coa punta dos dedos a primeira promoción de ascenso da súa historia a Segunda B. Logo do triunfo no sempre difícil campo do Silva, os de Álex Ortiz son segundos con catro puntos de vantaxe sobre o Racing Vilalbés.

O partido púxose axiña de cara para os lucenses. Aos cinco minutos de xogo, o pichichi Christian gañoulle a espalda aos centrais e definiu cun tiro cruzado diante do que nada pode facer Adrián Ríos. O Polvorín tivo o control do partido, aínda que o conxunto coruñés tentou saír rápido á contra logo do roubo de balón, sen xerar ocasións claras de gol.

Unha das ocasións máis clara tívoa Morais logo dun centro lateral de Gabarre, pero atopouse coa gran intervención do gardameta silvista. Nesa acción o atacante do Polvorín resultou mancado e foi sustituído por Martín. Christian volveu a ser protagonista antes do descanso con un bo lanzamento que detivo co pé Adrián Ríos.

Na segunda metade, o filial do C.D. Lugo reforzou o mediocampo coa entrada de Marcos. O Silva trocou o seu habitual sistema de cinco centrais e buscou con ímpetu o empate. Pero foi o Polvorín quen ampliou diferencias. Iago Novo roubou o balón e Christian desta volta non errou na definición.

A única ocasión clara para o conxunto local naceu nun córner que Brais Lema cabeceou preto do pao da portería defendida por Ángel Fraga. Moi preto do final unha boa xogada de Manu Núñez por banda rematou co pase da morte a Antón Escobar que anotou o terceiro e definitivo tanto.

O triunfo do Racing Vilalbés no campo do Somozas mantén aos chairegos con opcións de ser terceiros (0-1).

O Racing Vilalbés non renuncia a nada. Coa permanencia xa no peto desde a pasada xornada o triunfo no Alcalde Manuel Candocia certificouna, e ademáis, situouse a un punto do terceiro posto, que ocupa un Somozas que non pasa o seu mellor momento en canto a resultados.

O encontro comezou con contratempo. Garrido impactou coa súa bota na testa de Cuadrado e o lucense tivo que abandoar o terreo de xogo e foi trasladado ao hospital onde recibiu dez puntos de sutura. O cadro chairego pediu a expulsión do zagueiro, pero a colexiada Elena Casal só amosou cartón amarelo. Santi Gegunde entrou no terreo de xogo para ocupar o posto de Cuadrado. A partir de aí o Somozas tivo os seus mellores minutos no partido e gozou de dúas ocasións claras nas botas de Álex Cabarcos e Luis Chacón, antes as que respostou Javi Rumbo.

No minuto 36 chegou o único tanto do encontro. Pedrosa centrou desde o perfil esquerdo do ataque, Santi Gegunde controlou e cedeu para que Jose Varela fusilara a portería do ex racinguista Marcos Souto.

A segunda metade comezou cunha ocasión de Santi Gegunde que desbaratou o gardameta dun Somozas que co paso dos minutos tentou xerar perigo polas bandas, aínda que con escaso éxito. Os de Simón Lamas no último cuarto de hora buscaron a contra e chegaron con certo perigo á área rival. Unha boa conexión de Make con Marino rematou co disparo do meirego que se atopou coa boa resposta de Marcos Souto.

O susto chegou na última acción do encontro. Pablo Rey marcou, pero o tanto foi anulado por presunta man do ferrolán que protestou a acción e foi expulsado ao ver o segundo cartón amarelo.  Con este triunfo e un partido menos o Racing Vilalbés mantén intactas as opcións de ocupar un dos postos de promoción de ascenso.

O Viveiro mantense fóra dos postos de promoción de permanencia logo de golear ao As Pontes (4-0).

Recuperou a solvencia en Cantarrana un Viveiro que viña amosando unha boa imaxe nos últimos encontros, cun triunfo abultado diante dun As Pontes abocada a loitar pola permanencia na segunda fase.

Os mariñáns comezaron moi ben e non tardou en reflexalo no marcador. Xaime sacou desde o curruncho e Álex Meitín foi quen de rematar en dúas ocasións dentro da área. A primeira bateu co pao, pero a segunda rematou no fondo da portería. Os de Chollas non se viñeron abaixo co tanto en contra e buscaron o empate. Non estiveron lonxe de acadalo en dúas claras ocasións de Artai e Mitogo. Antes do descanso, Facu encargouse de disipar dúbidas. O arxentino disparou desde fóra da área e o balón colouse pola escadra de Bugy.

A segunda metade comezou da mellor forma. Aos cinco minutos chegou a sentencia, de novo obra de Facu, desta volta cun tiro desde dentro da área. Xa preto do final, o recén incorporado Pablo Louzao fixo o cuarto e definitivo tanto logo dunha boa asistencia de Álex Meitín. O lateral viveirense rematou cruzado lonxe do alcance do gardameta pontés.

O Viveiro é sexto cun punto de vantaxe sobre o Silva. Ámbolos dous conxuntos se enfrontarán este mércores no encontro adiado da xornada 17. Un triunfo mariñán deixaría a permanencia encarrilada.

O partido Fisioterapia Ronda . . . Viveiro – As Pontes: a primeira das catro finais pola permanencia

A vixésima xornada da Terceira División tráenos un encontro de proximidade en Cantarrana. Será o sábado ás 17 horas e enfrontará ao Viveiro co As Pontes nun choque de máxima trascendencia na pelexa de ámbolos dous conxuntos pola permanencia. Un triunfo dos mariñáns condearía ao cadro pontés a disputar a promoción para continuar unha temporada máis en categoría nacional. Pola contra, unha derrota dos pupilos de Chusky complicaría a situación dun Viveiro que parte desde a sétima posición.

O triunfo do Silva no encontro disputado o pasado mércores no Ara Solis de Fisterra situou ao conxunto coruñés por diante do Viveiro e relegou aos mariñáns a postos que darían lugar á disputa da promoción de permanencia. Cabe ter en conta que o vindeiro 17 deste mes de marzo Silva e Viveiro enfrontaránse no partido adiado da xornada 17 e que xa situará definitivamente a ámbolos equipos de cara aos dous encontros finais.

As dúas últimas derrotas dos viveirenses diante do Arzúa e Racing Vilalbés complicaron unha posición que parecía relativamente cómoda na clasificación. Ben é certo que a imaxe amosada no derbi provincial, no que os de Chusky mereceron un mellor resultado, enche de esperanza a un Viveiro que quere a permanencia pola vía rápida.

O C.D. As Pontes chega a Cantarrana nunha situación complexa na táboa clasificatoria. Noveno con dezaoito puntos, a seis do Viveiro, afrontará o encontro como unha final se quere chegar ás derradeiras xornadas da primeira fase con opcións de evitar a fase de permanencia. Unha sóa derrota nos últimos seis encontros amosa a melloría do conxunto pontés con Manuel Losada “Chollas” no banquiño do Poboado onde derrotaron a Fabril e Fisterra nos dous últimos encontros como local.

O último enfrontamento de Viveiro e As Pontes en Cantarrana tivo lugar o 13 de xaneiro de 2019, temporada no que os visitantes acadaron o ascenso a Terceira. O encontro rematou con triunfo do equipo adestrada daquela por Marcos Roca por 1-2. Marino adiantara ao Viveiro e dous xogadores da casa remontaron para o As Pontes: Bossa e Erni.

Falamos do encontro con Arturo, un dos capitáns do Viveiro.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

ARTURO (VIVEIRO C.F.)

 – A superioridade non se traduce en puntos. “Vimos de facer un partidazo diante do Racing Vilalbés en tódalas facetas do xogo. Baixo o meu punto de vista non mercemos perder, pero ao final o que contan son os goles. Saimos moi contentos coa imaxe amosada, pero non co resultado. Diante de Somozas e Arzúa tamén fomos superiores en canto a xogo, pero non soubemos transformar esa superioridade no resultado final. Debemos ser máis fiables nas dúas áreas e aproveitar as nosas oportunidades. É clave reducir o número de goles en contra”.

– As Pontes. “Agardamos un encontro moi complicado, como todos os que nos quedan ata o final. É un moi bo rival que está nunha xeira de resultados positiva desde o troco de adestrador. Tentaremos levar o peso do partido e xerar ocasións de gol ante un equipo que concede moi pouco en defensa”.

 – A importancia de Cantarrana. “Na casa somos un equipo moi forte. Os puntos son todos importantes, pero en Cantarrana estamos a ser moi fiables e non nos poden escapar puntos do noso campo. Aínda que de aquí ao final temos que sacar os puntos da casa e os de fóra”.

O Racing Vilalbés triunfa no derbi provincial e o Polvorín xa é segundo

O Polvorín xa é segundo na clasificación. Logo de 19 xornadas de competición na Terceira o filial albivermello subiu un posto na táboa logo de superar na Cheda ao Fabril. No derbi provincial, o Racing Vilalbés gañou pola mínima a un Viveiro que quizais mereceu máis premio logo do visto na Madalena.

O triunfo do Polvorín diante do Fabril sitúa ao filial do C.D. Lugo na segunda posición (3-1)

O triunfo do Polvorín, xunto co empate do Somozas en Arzúa, sitúa aos de Álex Ortiz no segundo posto da clasificación cos mesmos puntos que os de ferrolterra e con catro de vantaxe sobre o Racing Vilalbés.

Ámbolos conxuntos saíron cunha presión alta, pero o Polvorín atopouse máis cómodo que o rival, malia as dificultades para saír co balón xogado. No minuto 20 chegou o primeiro tanto. Morais roubou o balón á zaga fabrilista que correu cara a área rival e cruzou o balón lonxe do alcance de Alberto. Non tardaron en reaccionar os de Valerón. Yeremai rematou unha boa xogada individual de Boedo.

O Polvorín seguiu co mesmo guión e deseguido xerou novamente perigo. Un centro lateral de Asier que errou a despexar a defensa visitante a piques estivo de aproveitalo Morais, pero o seu lanzamento saiu demasiado cruzado. A falta de cinco minutos para o descanso, de novo o omnipresente Morais puxo por diante ao Polvorín. Unha boa xogada do dianteiro na área remata cun lanzamento axustado ao pao.

Na segunda metade o Fabril lanzouse a polo empate, aínda que sen demasiada claridade. A ocasión máis clara tívoa Adri Castro, ante o que respostou á perfección Julen. A sentencia non chegou ata o minuto 86. Unha boa xogada de Iago Novo remata cunha precisa vaselina do recén incorporada Christian que supera ao gardameta visitante.

Un tanto de Pedrosa dalle ao Racing Vilalbés o triunfo no derbi ante o Viveiro (1-0).

Os tres puntos quedaron na casa. Os de Simón Lamas deron un paso case que definitivo para manter a categoría e manteñen serias opcións de acadar o terceiro posto. Pola contra, o Viveiro mantén un só punto de marxe cos postos de promoción de permanencia, pero o Silva conta cun partido menos que o cadro celeste. Tan só un troco no once titular do conxunto local coa entrada de  Sandá por Bruno Caballero. Chusky realizou tres trocos, dous deles obrigados. Uriol xogou no lateral dereito no canto do mancado Agus e Dani Montes no centro da defensa polo sancionado Edgar. Tamén foi da partida Facu, que deixou no banco a Álex Meitín.

A primeira ocasión do partido convertiuse no único tanto. Pedrosa ollou a posición adiantada de Manu Cedrón e disparou desde preto do medio do campo acadando un dos goles da temporada. O encontro transcorreu igualado na primeira metade e sen moitas máis ocasións de gol. As máis claras foron tívoas Javi Rey para os mariñáns, pero o longueiro e Rumbo evitaron o tanto.

Logo do paso por vestiarios, o Viveiro chegou con máis perigo á área rival, malia que lle costou xerar ocasións claras nos primeiros intres. O recén incorporado Álex Meitín obrigou a intervir ao gardameta racinguista cun bo testarazo e un centro de Javi Rey a piques estivo de convertirse no empate, pero Muíña sacou o balón preto da liña.  De novo Muíña resultou providencial ao cortar un lanzamento de Álex Meitín e Asier a piques estivo de batir a Rumbo, pero este interviu cunha boa parada.

Nos últimos intres do encontro foron os chairegos quenes puideron sentenciar o encontro. Cuadrado e Marino puideron facelo, pero a máis opción máis clara tívoa Javi Varela logo dunha contra. Con todo a favor enviou o coiro por enriba da portería de Manu Cedrón.

O partido Fisioterapia Ronda . . . Racing Vilalbés – Viveiro: vellos coñecidos que non se atopan en Terceira desde o 2002

Pasaron máis de dezaoito anos do último enfrontamento en Terceira de Racing Vilalbés e Viveiro na Madalena. Un 22 de decembro de 2002 o cadro mariñán derrotaba por 0-2 aos chairego nunha temporada que remataría co descenso dos dous conxuntos a Preferente. Este domingo, por fin, podemos disfrutar de novo deste encontro entre dous históricos do fútbol lucense. Será en horario matinal, ás 12 horas na Madalena e coa arbitraxe do colexiado santiagués Vidal Fonseca.

Catro puntos separan aos dous equipos na táboa clasificatoria. Só catro, pero na Terceira deste campaña 2020/2021 é unha diferencia que distingue obxectivos. Por riba está o Racing Vilalbés, que chega a este encontro co obxectivo de acadar tres puntos que lle devolvan a gran solidez amosada no seu campo no último ano, rachada coas dúas últimas derrotas diante de Bergantiños e Estudiantil. O triunfo acadado a pasada fin de semana en Fisterra, que finiquitou a xeira de catro encontros sen gañar, colocou de novo ao de Simón Lamas en condicións de pelexar polo terceiro posto, que ocupa o Polvorín. Tamén catro puntos separan a ámbolos conxuntos, pero os chairegos aínda teñen que disputar o encontro adiado diante do Fabril.  En troques, unha derrota diante do Viveiro obrigaría ao Racing Vilalbés a sumar nas últimas xornadas para evitar os postos de perigo.

O Viveiro afronta o derbi coa urxencia de sumar para non caer aos postos de promoción de permanencia, dos que o separan dous puntos. A derrota da pasada xornada en Cantarrana diante do Arzúa amosou de novo os problemas defensivos do conxunto adestrado por Chusky. Malia ser o claro dominador do encontro, un rival directo sentenciou aos mariñáns na primeira metade dun encontro que, como soe ser habitual, os viveirenses xeraron claras ocasións para marcar. Aos mariñáns resísteselles o triunfo como visitantes desde o oito de decembro cando foron quen de vencer no Poboado diante do As Pontes.

Falamos do encontro cos dous máximos goleadores de Racing Vilalbés e Viveiro: Santi Gegunde e Xaime.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

SANTI GEGUNDE (RACING VILALBÉS)

Foto: Racing Vilalbés

 – O Viveiro. “Son un bo equipo ao que lle gusta ter o balón e ser protagonista. Será un encontro difícil do que xa temos o precedente da ida en Cantarrana que nos amosou que se non saimos ao cento por cento será moi complicado poder gañar”.

 – Obxectivos. “Non temos outro que sumar o maior número posible de puntos e con iso acadar a permanencia. Se ademáis de iso somos quen de achegarnos aos mellores pelexaremos por calquer outro obxectivo sen ningún tipo de presión”.

 – O primeiro ano no Racing. “Comezou moi ben, xogando todo e con acerto de cara a portería. Na segunda volta estame a costar máis debido a algunha lesión e a unha cuarentena, pero agardo recuperar o nivel para este último tramo de competición”.

XAIME (VIVEIRO C.F.)

 – O derbi. “Estamos con gañas de que chegue o partido. Viñamos dunha xeira ascendente que se truncou cun 0-3, co que só pensamos en poder disputar o vindeiro encontro para poder resarcirnos. Ademáis non hai mellor posibilidade que facelo nun derbi, que sempre é bonito para calquer xogador de ámbolos equipos”.

 – A clave. “Sen dúbida mellorar a nosa seguridade defensiva. Se queremos seguir con opcións de rematar nos seis primeiros postos non podemos encaixar tanto. Xogamos ante un equipos máis fortes do grupo que che pode gañar porque te domina co seu fútbol de posesión con Make, Sandá, Santi . . . ou tamén te pode matar coas transicións con José Varela, Buyo, Marino, Ángel . . . Dominan moitos aspectos do xogo, e tamén son perigosos a balón parado”.

– A pelexa pola permanencia. “Creo que aínda se vai apretar máis nas últimas xornadas. O Silva ten dous partidos menos que algún equipo e tamén estará aí. Pero eu considero que debemos mirar a nós mesmos, dependemos dos nosos resultados e calquera firmaría a comezos de temporada estar así a estas alturas . Debemos seguir traballando e confiando en todo o que nos fixo chegar a estar así nesta xornada ligueira”.

 

 

O Polvorín e o Racing Vilalbés acadan importantes triunfos a domicilio

A gran nova da xornada 18 foi a volta dos afeccionados aos campos da Terceira. Malia todo non foi unha xornada propicia para os equipos locales. No grupo 1 tan só o Estudiantil foi quen de gañar no seu campo. O Viveiro, que xogaba un encontro trascendental ante o Arzúa caeu con claridade en Cantarrana. Mellores novas nos deixaron os encontros do Polvorín e o Racing Vilalbés. O filial albivermello logrou gañar en inferioridade no campo do Paiosaco e os chairegos fixeron o propio no Ara Solis de Fisterra.

Un tanto de Antón Escobar outórgalle ao Polvorín os tres puntos no campo do Paiosaco (0-1).

O Polvorín acadou tres puntos pra consolidar o terceiro posto e achegarse á segunda praza que ocupa o Somozas logo do empate deste diante do Silva. Non foi doado o encontro diante dun conxunto para o que cada encontro é unha final para tentar abandoar os últimos postos da clasificación. Álex Ortiz deixou no banquiño ao pichichi Christian e deulle entrada a Gabarre, que fixo unha gran primeira metade, pero que rematou expulsado ao borde do descanso. Calquera dos dous cartóns foron moi protestados polo conxunto lucense.

Foi mellor o filial albivermello no primeiro tempo. Non abundaron as ocasións de gol, pero si a sensación de perigo sobre todo aproveitando as caídas ás bandas dos puntas Antón Escobar e Morais. Deles foron as mellores ocasións dos primeiros corenta e cinco minutos logo de sendos centros laterais. A expulsión de Gabarre cambiou o debuxo do Polvorín na segunda parte e o Paiosaco, sedento de puntos, lanzouse a polo gol do triunfo.

Pero este logrouno Antón Escobar. Dani Vidal recuperou un balón en tres cuartos de campo e conectou co punta que superou a Rama cunha precisa vaselina. Incluso o Polvorín contou con opcións para marcar cunha boa ocasión de Morais que lanzou lixeiramente alto.

No último cuarto de hora o conxunto local meteu ao Polvorín no seu campo e buscou o tanto por medio de centros laterais. Sayes, cun remate de cabeza fíxolle intervir a Julen, pero o marcador non se moveu.

O Racing Vilalbés gaña en Fisterra e segue optando ao terceiro posto (0-1).

O cadro chairego rachou a xeira de catro encontros sen coñecer a vitoria, e fíxoo nun Ara Solis no que reinou un gran ambiente de fútbol e no que a ruidosa afección local animou sen cesar aos seus. Trocou Simón Lamas o sistema e situou a Vérez por diante da defensa nunha especie de rombo do que tamén formaban parte Make, Jose Varela e Cuadrado.

Non puido comezar mellor o encontro para o Racing. No minuto 5 tras un saque de banda , Santi Gegunde tocou e Muíña rematou o balón ao fondo da portería. Non foron doados os seguintes minutos, nos que o Fisterra buscou o tanto do empate mediante xogadas de estratexia principalmente, aínda que non gozaron de ocasións claras de gol. Antes do intermedio, o cadro vilalbés tivo varias opcións para ampliar as diferencias nas botas de Pedrosa e Cuadrado.

Na segunda metade ámbolos dous equipos chegaron á área rival con perigo. José Varela, Santi Gegunde e o propio Muiña non acertaron coa portería defendida por Rama. Nos derradeiros dez minutos tocou sufrir. O cadro fisterrán, ao que volvía Ángel López ao banquiño, tentou a igualada de tódolos xeitos posibles. O ex racinguista Juan de Dora estrelou o balón no longueiro da porta de Javi Rumbo e Aarón López conectou un testarazo que marchou lixeiramente alto.

Segunda vitoria da temporada lonxe da Madalena dun Racing que amplía a vantaxe sobre os postos de promoción de permanencia ao tempo que mantén á vista o terceiro posto que ocupa o Polvorín, tendo en conta que os chairegos teñen por disputar un encontro diante do Fabril.

Derrota contundente do Viveiro diante do Arzúa en Cantarrana (0-3).

Paso atrás do conxunto mariñán na pelexa pola permanencia. Logo da derrota do Fabril, o triunfo no choque de Cantarrana antollábase fundamental para fuxir do sétimo posto. Pero o Arzúa amosou ás claras a súa gran pegada, nun encontro no que o Viveiro tivo o control, pero os visitantes foron que marcaron os goles.

Cun só troco no once titular con respecto ao último encontro diante do Fisterra no que entrou o capitán Álex Meitín no canto de Facu, o Viveiro monopolizou o xogo durante os primeiros corenta e cinco minutos. Álex Meitín e Tichu puideron marcar nos primeiros compases, xusto antes de que Uriol tivese que sustituir ao mancado Agus. O Arzúa non avisou e na primeira chegada ao borde da media hora de xogo marcou. Brais Pedreira aproveitou a mala saída de balón viveirense e cun zurdazo colocou o balón na escadra de Manu Cedrón. Case sen tempo para a reacción chegou o segundo. Manu Casal centrou desde a banda esquerda e Borja Míguez conectou un testarazo que rematou no fondo da portería.

Chusky moveu o banquiño no intermedio e deulle entrada a Facu e Criss no sitio de Álex Meitín e Rolle. Sen que houbera tempo para ver o rendimento do novo debuxo do Viveiro chegou o tanto da sentencia. O killer Íker Hurtado aproveitou un erro defensivo e superou ao gardameta viveirense.  A falta de pouco máis de vinte minutos para o final o cadro visitante quedou cun home menos pola expulsión do central Tomé, por dobre cartón amarelo. O Viveiro tentouno de tódolos xeitos posibles, pero non era o día. Incluso puido chegar o cuarto de novo por medio de Íker Hurtado.

Nos últimos compases os mariñáns pediron penalti sobre Javi Rey e protestaron un gol anulado a Arturo. Chusky e Bebo foron expulsados logo de recriminarlle ao colexiado estas accións.

O partido Fisioterapia Ronda . . . Viveiro – Arzúa: tres puntos pra garantir media permanencia

A xornada 18 en Terceira chega con celebración. Por fin volta o público as gradas. As medidas de desescalada publicadas pola Xunta de Galicia permiten un tercio do aforo nos estadios galegos, sen sobrepasar os 500 afeccionados. Agradecerao de forma especial o Viveiro, que disputará o domingo ás 16:45 horas un encontro trascendental na pelexa pola permanencia diante do Arzúa, e as gradas de Cantarrana vibrarán de novo co conxiunto celeste. O encontro será dirixido polo colexiado vigués Quintairos Rial.

O triunfo da pasada xornada diante do Fisterra deixou ao Viveiro nunha posición relativamente cómoda na táboa clasificatoria. Pero coa máxima igualdade da competición unha derrota complícache sobre maneira a situación. Si o encontro é contra un rival directo moito máis. De aí a importancia do encontro diante do Arzúa. Unha vitoria dos mariñáns suporía distanciar ao equipo de Javi Rey a catro puntos e cun encontro máis por disputar, o que ten que medir ao Viveiro co Silva, outro dos implicados na pelexa por evitar a fase de permanencia.

Os afeccionados viveirenses poderán asistir ao encontro en Cantarrana

As boas sensacións convidan ao optimismo. O conxunto adestrado por Chusky atopou en Cantarrana un bo aliado e sumou no seu feudo sete dos últimos nove puntos. Ao empate sen goles diante do Polvorín sucedéronlle dous triunfos vitais ante Paiosaco e Fisterra, o que fixo que o Viveiro abandoara o sétimo posto que agora ocupa un Fabril que recibe esta xornada a un intratable Bergantiños.

Sucédelle de xeito inverso ao Arzúa. Logo dun bo comezo ligueiro, con tan só unha derrota ata mediados de decembro, unha mala xeira na que só sumou sete dos últimos vintecatro puntos en xogo rematou co “queixo mecánico” metido de cheo na pelexa por salvar a categoría. Malia todo, o Arzúa chega a Cantarrana tras acadar un importante triunfo na última xornada diante do Fabril, o que propiciou que os de Javi Rey puideran salir dos postos de promoción de permanencia.

O último encontro entre Viveiro e Arzúa en Cantarrana xogouse o 25 de agosto do 2018, sendo a xornada inaugural desa temporada na que o conxunto visitante acadou o ascenso a Terceira, xusto por diante dos mariñáns. O resultado fora favorable ao Arzúa por 1-2 con goles de Álvaro Varela e Brais Pedreira. Para o Viveiro anotou Tichu.

Falamos do encontro cun dos fichaxes do inverno do cadro viveirense, o atacante Criss, e co chantadino Pedro Delgado, un fixo no once arzuán.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

CRISS (VIVEIRO C.F.)

 – O Viveiro. “Chegamos moi ben a este último tramo de temporada. As dúas últimas vitorias deixáronnos moi boas sensacións e chegamos a este encontro coa intención de acadar tres puntos que nos deixarían nunha boa situación clasificatoria de cara a aos derradeiros encontros desta primeira fase”.

O encontro. “Pode resultar clave o factor campo. Para nós xogar na casa é importante e sabemos que o terreo de xogo estará parecido a como estivo nos últimos partidos. O Arzúa está acostumado a outra superficie e pódelle costar adaptarse. Debemos saír concentrados e non cometer erros porque si somos capaces de xerar tantas ocasións como nos partidos anteriores teremos moitas opcións de gañar. Ademáis haberá público nas gradas, o que sen dúbidas tamén nos axudará”.

O retorno á Terceira. “Sempre é apetecible xogar en Terceira, e dadas as circunstancias, saiu esta oportunidade para poder seguir disfrutando do fútbol. Estou adaptándome ben, hai un bo grupo humano no vestiario e co paso dos adestramentos vou collendo o ritmo necesario para competir”.

PEDRO DELGADO (C.S.D. ARZÚA)

Foto: @avm_fotos

 – O Viveiro. “Agardo un partido moi complicado. Eles na casa están amosándose moi fortes e o domingo poden asistir afeccionados. Teñen xogadores de moito nivel como Javi Rey, Facu, Xaime, Pablo Rey . . .  co talento destes xogadores poden decidir calquer partido”.

O último tramo. “Afrontámolo como unha final, sen marxe de erro se nos queremos meter entre os seis primeiros, que é o obxectivo deste equipo. Pasamos unha racha de resultados negativos, pero agora atopámonos con moita confianza logo da vitoria ante o Fabril. O fútbol non é lineal, sempre hai altos e baixos, que se deben levar o mellor posible”.

A temporada no Arzúa. “Estou moi contento. O trato é moi bo no día a día por parte de directiva, corpo técnico e compañeiros. Coa confianza que me dan todos eles atópome moi cómodo xogando”.

O Viveiro faise forte en Cantarrana e fuxe dos postos de perigo

O calendario de Terceira interrumpiuse esta fin de semana para que os equipos disputaran os encontros que tiñan adiados. Era o caso do Polvorín, que non puido pasar do empate na Cheda diante do As Pontes, así como do Viveiro que deu un paso importante de cara a permanencia logo de superar en Cantarrana ao Fisterra. O cadro mariñán ten aínda pendente de disputar o encontro diante do Silva, correspondente á xornada 17. O Racing Vilalbés, co encontro diante do Fabril pendente para poñer ao día o seu calendario, non xogou este fin de semana.

O monólogo do Polvorín rematou sen goles diante do As Pontes (0-0).

A falta de acerto cara a porta contraria impediu un triunfo folgado do filial albivermello, que contou con ocasións máis que suficientes para lograr os tres puntos na Cheda, diante dun As Pontes que practicamente non inquedou a Ángel Fraga ao longo dos noventa minutos.

Volveu a facer rotacións Álex Ortiz. Asier, Nico, Morais e Manu Núñez voltaron ao once no canto de Torrado, Quindimil, Antón Escobar e Fidalgo. O conxunto visitante cedeulle o balón ao Polvorín e agardou replegado coa intención de saír á contra. Tardaron os lucenses en entrar nun encontro que comezaron faltos de ritmo e con escasa profundidade. A primeira ocasión non chegou ata o minuto 25, cando Christian rematou diante de Bugui, pero o gardameta pontés resolveu de xeito extraordinario. A situación repetiuse poucos minutos despois, e rematou da mesma forma.

O Polvorín, co paso dos minutos, buscou máis o xogo por ambas bandas coa subida dos laterais. Nunha delas, Asier colocou un centro medido desde o perfil dereito que nen Marcos no primeiro pao, nen Christian no segundo acertaron a rematar, paseándose o balón pola área pequena. O cadro visitante non inquedou a meta de Ángel Fraga nos primeiros corenta e cinco minutos.

A segunda metade comezou do mesmo xeito que rematou a primeira, aínda que as chegadas do Polvorín non eran tan claras, moitas veces polo afán dos albivermellos de querer rematar desde o interior da área. A entrada de Antón Escobar e Torrado aos dez minutos da reanudación deulle máis claridade ao ataque do Polvorín. Bugui resultou de novo providencial para o As Pontes logo de salvar un man a man con Christian. Dani Vidal tamén rozou o gol tras aproveitar un rexeite do gardameta visitante que se marcha lixeiramente alto. O cadro adestrado por Chollas soamente disparou desde corenta metros, sen dificultade para Ángel Fraga.

O Polvorín consolida o terceiro posto con catro puntos de vantaxe sobre o Racing Vilalbés.

O Viveiro vence ao Fisterra e afasta a tres puntos os postos de promoción de permanencia (2-0).

Segundo triunfo consecutivo do Viveiro en Cantarrana. O cadro mariñán sube un posto na clasificación e xa é quinto, tres puntos enriba do sétimo posto que agora o ocupa o Fabril e que marca a promoción de permanencia.

Rolle e Asier foron da partida en detrimento de Iván e Álex Meitín no once diseñado por Chusky, quen mantivo a mesma liña defensiva que no encontro diante do Paiosaco, con Nico e Edgar formando parella de centrais. Nun céspede de Cantarrana que non estaba para grandes fazañas, o Viveiro soubo adaptarse mellor e foi moi superior ao seu rival nos primeiros corenta e cinco minutos.

Non tardaron en chegar as ocasións. Asier atopouse coa boa intervención de Iván Bouzón e Edgar rematou de cabeza, lixeiramente alto, un saque desde o curruncho botado por Xaime. Antes de cumplirse o minuto dez de encontro chegou o gol. Unha xogada por banda dereita rematou cun bo pase de Agus a Rolle e o viveirense definiu para poñer en vantaxe aos seus.  O Fisterra apenas inquedou a área local na primeira metade. Tan só Álex Ramos cun disparo lonxano puxo a proba a Manu Cedrón.

Logo do paso por vestiarios, o conxunto visitante buscou o empate con decisión. E contou con ocasións para acadar o premio do gol, pero a falta de acerto ou a boa actuación de Manu Cedrón impediron que o tanto fisterrán chegase. O ex racinguista Juan de Dora, Capelo ou Marcos Caridad tiveron as máis claras. Puido tamén incrementar as diferencias o Viveiro cun lanzamento de Asier ao longueiro. A falta de cinco minutos para o final, o central visitante Nathaniel cometeu falta preto da frontal da área. E xa sabedes como rematou a historia non? Exacto, cun golazo de Xaime, que sentenciou o encontro.

O partido Fisioterapia Ronda . . . Viveiro – Fisterra: Blindar Cantarrana, o gran obxectivo

O calendario de Terceira División sufre este fin de semana unha alteración para que boa parte dos equipos poñan ao día os seus encontros adiados. É o caso do Viveiro que xogará este domingo ás 16:30 horas en Cantarrana o partido correspondente á xornada 13 diante do Fisterra, un rival directo na pelexa pola permanencia, aínda que a coa considerable diferencia de oito puntos na táboa clasificatoria. O encontro será arbitrado pola colexiada ourensá Zulema González González.

O Viveiro afronta o encontro na sexta posición, fóra dos postos de promoción de descenso, cun punto de vantaxe sobre un Arzúa que conta  cun encontro disputado máis que os mariñáns. Logo da suspensión do choque da pasada xornada diante do Silva, o equipo adestrado por Chusky retorna quince días despois á competición, e tentará facelo do mesmo xeito que daquela, cun triunfo. Non serán da partida os mancados de longa duración Jacob e Roi, así como Iván con problemas de xeonllo.

Con sete encontros por diante, Cantarrana xogará un papel decisivo na posición que o Viveiro ocupe na clasificación ao final de temporada. Fisterra, Arzúa, As Pontes e Fabril terán que visitar o feudo dos celestes. Os tres primeiros marchan peor clasificados que os viveirenses, mentres que o filial deportivista conta cos mesmos puntos, aínda que xogou un encontro menos. Unha boa xeira na casa sería decisiva para a tan desexada permanencia.

O Fisterra non llo porá doado. Malia súa situación clasificatoria sumou catro puntos nos dous últimos encontros, logo da saída do banquiño de Jaime Sánchez, quen ata o momento non ten sustituto. O cadro verde foi quen de gañar no sempre difícil campo do Viso e de empatar diante do Polvorín na xornada intersemanal. Xogadores da experiencia de Marcos Caridad, Julián, Bilal, Eloy, Herbert ou o ex racinguista Juan de Dora, dan conta do bo nivel dun conxunto  que pagou caro o mal comezo ligueiro.

O último enfrontamento entre o Viveiro e o Fisterra tivo lugar o 24 de novembro de 2019 en Preferente e rematou con triunfo local por dous tantos a cero. Álex Meitín e Xaime lograran os tantos mariñáns.

Falamos do encontro con Edgar, un fixo na zaga viveirense na súa primeira temporada no conxunto celeste.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

EDGAR (VIVEIRO C.F.)

Foto: La Voz de Galicia

 – O Fisterra. “Creo que será un partido moi disputado, xa que os dous equipos necesitamos sumar os tres puntos para acadar o noso obxectivo. Agardo un rival moi intenso ao que non lle vale outro resultado que non sexa gañar dada a súa situación na clasificación”.

– O camiño cara a permanencia. “Non temos que facer plans a longo plazo, simplemente pensar en nós e ir partido a partido. Debemos facernos fortes na casa, xa que a permanencia pasa por Cantarrana onde nos queda por recibir a boa parte dos rivais directos pola permanencia. Se logramos gañar este domingo ao Fisterra daremos un paso de xigante e meteremos presión ao resto de equipos”.

– O primeiro ano en Viveiro. “Estou contento no equipo. É un ano raro pola Covid-19, con moita incertidume, sen saber si o fin de semana poderemos xogar ou non…pero o máis importante e seguir unha temporada máis sumando minutos e con moitas opcións de cumplir o gran obxectivo do equipo que é a permanencia en Terceira”.

 

O tempo de desconto, clave para Polvorín e Racing Vilalbés

Boa parte dos conxuntos de Terceira División disputaron entre semana algún dos seus encontros adiados no seu día por mor de positivos en Covid-19. Polvorín e Racing Vilalbés disputaron sendos partidos, diante de Fisterra e As Pontes respectivamente. Ámbolos dous acadaron un punto, pero que deixou distinto sabor de boca. O do filial albivermello foi acadado no desconto, mentras que o cadro chairego viu tamén no tempo engadido como voaba unha vitoria que xa tiña no peto.

O Polvorín acadou un punto no Ara Solis nun encontro moi parello (1-1).

Álex Ortiz revolucionou o once titular do Polvorín. O adestrador realizou cinco trocos respecto do encontro da pasada xornada dando entrada ao gardameta Ángel Fraga,  Jesús e Martín na liña defensiva e o capitán Marcos e Fidalgo na creación.  O encontro estivo condicionado polo forte vento nun campo de reducidas dimensións como é o fisterrán.

A intensidade dos dous equipos nas disputas foi do máis reseñable no primeiro tramo de encontro, no que o Fisterra gozou das mellores ocasións. En dous saques de banda a piques estivo o cadro local de anotar por medio de Eloy e Capelo, pero Ángel Fraga interviu con éxito. Tanto na primeira metade, como despois do paso por vestiarios, Fisterra e Polvorín optaron por realizar un fútbol moi directo, con escaso protagonismo do centro do campo.

Os tantos non chegaron ata os últimos compases de encontro. Cando xa parecía inamovible o marcador inicial, un saque en longo do gardameta local Iván Bouzón fixo dubidar a Quindimil e o balón quedoulle franco a Marcote, que rematou a xogada cun lanzamento cruzado que se colou pola escadra.

Non se rendiu o filial albivermello e no minuto 93 obtivo o premio do empate. Antón Escobar recibiu o balón na frontal da área e o seu remate superou ao gardameta fisterrán, tamén moi preto da escadra.

Con 28 puntos, o Polvorín mantense na terceira posición a cinco do segundo clasificado, o Somozas.

O Racing Vilalbés cedeu dous puntos no Poboado no tengo engadido (1-1).

Non se leva ben o cadro chairego co tempo engadido esta campaña. Paiosaco, Fabril ou As Pontes foron quen de arañarlle puntos aos de Simón Lamas no tempo extra. O técnivo vilalbés non puido contar co sancionado Pedrosa e deulle entrada no seu sitio a Aitor. López voltou ao lateral dereito e Bruno Caballero ao centro da defensa en sustitución de Muiña.

O Racing foi mellor no primeiro tempo. Tivo o control do balón e xerou situacións de certo perigo ante a meta de Bugy. No ecuador do primeiro acto chegou o tanto de José Varela, logo dun disparo cruzado desde o vértice da área. O cadro local non inquedou a portería de Javi Rumbo nos primeiros corenta e cinco minutos.

Ao comezo da segunda metade, o As Pontes quedou cun home menos logo de que Manu Moya vise o segundo cartón amarelo. A falta de acerto privou ao Racing de sentenciar o encontro. Cuadrado e Aitor, en dúas ocasións, tiveron claras ocasións para deixar o encontro visto para sentencia. Pero os pupilos de Chollas non lle perderon a cara ao encontro e tiraron de orgullo para manterse no encontro. Artai atopouse coa boa intervención de Javi Rumbo na mellor ocasión local, ata que xa co tempo cumprido o ex fabrilista Adrián Martínez acadou o empate.

O Racing Vilalbés é cuarto na clasificación con 25 puntos, malia sumar a cuarta xornada sen acadar a vitoria.

O Racing Vilalbés colleita a segunda derrota consecutiva na Madalena

O fin de semana de Entroido non foi positivo para os nosos equipos de Terceira. Nen Polvorín nen Racing Vilalbés foron quen de puntuar. O filial do C.D. Lugo perdeu na Cheda diante do Bergantiños, mentras que os chairegos caeron na Madalena diante do Estudiantil, conxunto da zona baixa da clasificación. O Viveiro non disputou o encontro diante do Silva por mor dun positivo en Covid-19 no cadro coruñés.

O Polvorín prantoulle cara ao Bergantiños, pero non sacou nada positivo da Cheda (0-1).

Non foi posible dobregar aos dous grandes en dúas xornadas consecutivas. Logo do gran triunfo diante do Somozas, o conxunto albivermello recibía ao Bergantiños, outro dos conxuntos que teñen o ascenso entre cella e cella. Álex Ortiz repetiu o once da pasada semana, a excepción da entrada de Torrado no lateral esquerdo. O Polvorín tratou de ter o balón, pero os de Carballo xeraron perigo coa súas rápidas transicións. Agulló gozou da máis clara, pero o seu testarazo atopou a gran resposta de Julen. Poucas novas en ataque do conxunto local en ataque durante o primeiro tempo.

Once titular do Polvorín diante do Bergantiños

Na reanudación xarro de auga fría para o Polvorín. Nunha falta ao borde da área, Agulló foi o máis listo. Amagou con chutar para filtrar un pase sobre Carlos, que se prantou só diante de Julen ao que superou de tiro cruzado. Con corenta minutos por diante, o cadro local tentouno unha e outra vez, pero sen fortuna. Torrado foi quen de poñer centros á área unha e outra vez, pero non atoparon rematador. O Bergantiños puido sentenciar, pero o longueiro escupiu o disparo de Carlos.

Segunda derrota en tres meses dun Polvorín que mantén a terceira praza na clasificación.

O Racing Vilalbés perdeu co Estudiantil na Madalena, onde suma a súa segunda derrota consecutiva (0-2).

Tíñanos mal afeitos o conxunto chairego, logo de máis dun ano de imbatibilidade no seu feudo. Terceira derrota consecutiva dos de Simón Lamas, segunda na casa, nun encontro onde se viu penalizado pola falta de acerto cara a portería contraria. O técnico chairego supliu a ausencia no lateral dereito de López con Javi Varela e a de Bruno Caballero coa volta ao once de Diego Muíña.

O Racing tivo as primeiras ocasións do encontro nas botas de Cuadrado, pero o dianteiro lucense estrelou o balón no pao. Sen embargo, o primeiro achegamento do Estudiantil rematou en gol. Nun saque desde o curruncho, o veterán Manu Rodríguez rematou no segundo pao ao fondo das mallas. Os de Simón Lamas seguiron co guión marcado e chegaron con perigo á área rival, pero os centros de Rares e Buyo, non atoparon rematador. A catro minutos para o tempo de lecer, o conxunto santiagués puxo terra de por medio. Un desacerto defensivo deixou a Nando só diante de Javi Rumbo e o dianteiro non errou na definición.

Na segunda metade costoulle máis ao Racing Vilalbés chegar con perigo á portería contraria. Diego Muíña tivo a ocasión máis clara cun remate á saída dun córner. Pedrosa e Rares tamén puideron marcar, pero non era o día dos atacantes vilalbeses.

Mantense cuarto o Racing na clasificación con 24 puntos.

O partido Fisioterapia Ronda . . . Polvorín – Bergantiños: a segunda praza como agasallo dun Entroido atípico

O Entroido chega este ano disfrazado de normalidade, dunha nova normalidade da que xa estamos cansos. Por sorte, quédanos disfrutar do noso fútbol, aínda que sexa a porta pechada. Pero ninguén nos pode roubar a ledicia cos triunfos dos equipos lucenses. Neste sábado, no que calquera outro ano, boa parte das vilas da provincia celebrarían os seus desfiles, desta volta temos que celebrar que a pelota sigue rodando nuns poucos campos. E farao na Chedaás 16:30 horas cun dos mellores encontros que se pode ver na Terceira División. Veranse as caras o Polvorín, terceiro na táboa, e o Bergantiños, segundo, coa arbitraxe da colexiada viguesa Elena Casal Fernández.

O filial albivermello chega exultante a este encontro. Non é pra menos, logo de vencer por un tanto a catro no campo do Somozas, líder destacado da categoría, nun gran encontro do conxunto adestrado por Álex Ortiz. O Polvorín deixou claro, tal e como vén demostrando en boa parte desta campaña, que pode ser protagonista sexa que sexa o rival. Cun estilo moi definido, o cadro lucense está a facer da Cheda un fortín, onde só perdeu un encontro esta temporada. Un triunfo local situaría ao filial do C.D. Lugo na segunda posición .

O rival do Polvorín nesta xornada é un conxunto diseñado para alcanzar o ascenso de categoría. Cun técnico experimentado na categoría e avalado pola súa boa traxectoria en clubs como Cerceda e Boiro, entre outros, como é José Luis Lemos, o Bergantiños conta con xogadores do nivel de Brais Pereiro, Aarón Rama, Jorge Cano, Pablo Agulló, Yelco, Marcos Remeseiro ou o ex do Polvorín Miguel Duque. A súa traxectoria lonxe das Eiroas é envidiable. Dos sete encontros disputados lonxe de Carballo, foi quen de acadar cinco vitorias e un empate, sendo o mellor visitante da Terceira, o que o convirte nun rival aínda máis temible. Pero o Polvorín xa foi quen de empatar diante do Bergantiños no encontro da primeira volta.

O último enfrontamento na Cheda entre ámbolos dous conxuntos data do 28 de abril de 2019 e rematou con goleada do Polvorín por cinco goles a un, con dous tantos de Antón Escobar, un do hoxe xogador do primeiro equipo Pedro López, un do viveirense Javi Rey e outro do recén incorporado á disciplina do Deportivo Rayco. Polo Bergantiños anotou Cañi. A pasada temporada o encontro debía disputarse o 15 de marzo, precisamente a fin de semana na que se decretou o estado de alarma.

Falamos deste encontro cun dos “veteráns” do Polvorín, o lateral dereito Asier.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

ASIER (POLVORÍN)

Foto: La Preferente

 – O Bergantiños. “Chegamos con moita confianza a este encontro logo do último triunfo en Somozas, pero somos conscientes de que recibimos ao mellor equipo da categoría. A maior dificultade que nos poden plantexar é que sexan capaces de anular o noso estilo de xogo. Son capaces de adaptarse a calquer tipo de xogo. Se teñen o balón son perigosos e se os presionas adáptanse sen problema ao xogo directo. Debemos ser capaces de desplegar o noso habitula xogo combinativo, que é no que se basa o noso ataque”.

– O teito do Polvorín. “Nunca se nos plantexou o ascenso como un obxectivo, desde ningún estamento do club. Simplemente salvar a categoría sen pasar excesivos apuros, xa que, o cadro de xogadores sufriu unha importante remodelación e chegaron futbolistas inexpertos na categoría ou no seu primeiro ano sénior. Ademáis, durante bastantes xornadas non contamos con Quindimil, Escobar ou Morais ao estar habitualmente co primeiro equipo. Pero moitos xogadores demos un paso adiante, especialmente Cristian que é o pichichi da categoría. De tódolos xeitos, para a xente que nos ve traballar cada día non é unha sorpresa a nosa posición. Nos encontros que quedan debemos tratar de facer o maior número de puntos posibles e se quedamos entre os tres primeiros, é innegable que iremos a por todas. Pero non pensamos en quedar nun posto ou noutro, simplemente en gañar o seguinte partido”.

 – Consolidado no once. “Veño dun ano complicado. O confinamento retrasou a miña recuperación da lesión e non puiden comezar a adestrar co grupo na pretempada. Non puiden debutar ata o encontro co Somozas na primeira volta, pero pouco a pouco fun rascando minutos que me fixeron coller ritmo de competición. O míster sempre me transmitiu confianza e rematei entrando no once nun bo momento do equipo, o que sempre che facilita as cousas para manterte. Os máis veteráns, como Marcos, Manu Núñez ou eu debemos dar ese plus que da a experiencia”.

O Viveiro fai os deberes en Cantarrana e o Polvorín golea no Candocia

Xornada moi positiva para os nosos representantes na Terceira División. O Polvorín deu un golpe enriba da mesa e goleou ao líder no seu feudo e xa é terceiro na táboa clasificatoria, mentres que o Viveiro gañou diante do Paiosaco en Cantarrana e abandona os postos de promoción de permanencia. O Racing Vilalbés adiou o encontro diante do Fabril por mor dun positivo en Covid-19, do que agardamos a súa pronta recuperación.

O mellor partido da temporada do Polvorín remata con goleada ao líder (1-4).

Sen obxeción algunha. O Polvorín saiuse no Manuel Candocia. Goleou ao Somozas no seu campo e remata a xornada no terceiro posto.

O filial albivermello realizou posiblemente o mellor encontro da temporada. Controlou o partido durante boa parte dos noventa minutos diante dun equipo acostumado a mandar. Os de Álex Ortiz tiveron o balón e mediante posesións longas xeraron perigo ante un conxunto que intentou saír á contra, pero a defensa lucense amosouse intratable.

Aos vinte minutos de partido, Manu Núñez recuperou un balón que filtrou para Antón Escobar. Este conectou con Cristian que definiu ante a media saída de David Gómez. O Polvorín seguiu o mesmo guión e meteu no seu campo a un Somozas que tan só inquedou cun lanzamento de falta de Pablo Rey ao borde do descanso.

A segunda metade comezou da mellor maneira. Unha boa xogada de Antón Escobar por banda rematou co lanzamento deste ao pao. O rexeite colleuno Iago Novo que empurrou o balón ao fondo das mallas. O Somozas moveu o banquiño e deulle entrada ao ex racinguista Iago Blanco e ao viveirense Aldán Naval. O cadro local tivo os seus mellores minutos. A falta de vinte  para o final o colexiado sinalou penalti por man de Dani Vidal. Luis Nuño non errou desde os once metros. A reacción rematou pouco despois ao ver Josito o segundo cartón amarelo.

Cun home máis o Polvorín atopou ocos á contra e soubo aproveitalos á perfección. Unha boa xogada do recén incorporado Torrado rematou co pase da morte deste para Iago Novo que fixo a sentencia a falta de dez minutos para o final. Pouco despois mesmo asistente e distinto rematador. Torrado sirviu e o pichichi da Terceira, Cristian fixo o cuarto. Décimoprimeiro tanto para o lucense.

O Viveiro logra unha importante vitoria diante do Paiosaco en Cantarrana (2-1).

Triunfo vital do cadro mariñán en Cantarrana. Visitaba o campo viveirense un Paiosaco que, malia ser o pechacancelas do grupo A de Terceira sen coñecer a vitoria no que vai de temporada, sempre é un conxunto perigoso. Sen ir máis lonxe, o pasado mércores foi quen de empatar no campo do Bergantiños. O encontro serviu ademáis para o debut das dúas incorporacións do Viveiro no mercado invernal: Nico e Criss. O primeiro ocupou o centro da zaga xunto a Edgar, que formaron parella de centrais no canto dos sancionados Uriol e Dani Montes. Chusky deulle entrada tamén a Iván e Facu, que ocuparon o sitio de Asier e Rolle, con respecto ao último encontro diante do Somozas.

O Viveiro foi superior no comezo do encontro. Soubo adaptarse mellor ás malas condicións do céspede e foi quen de chegar con perigo á área rival. Álex Meitín foi o primeiro en avisar, pero Rama solventou o man a man co capitán dos mariñáns, e logo Facu estrelou o balón no pao. Á terceira foi a vencida. Nunha internada pola dereita de Facu, logo de roubarlle a carteira a Juanma, este colocou un balón medido a Javi Rey que conectou un bo testarazo que se colou na portería visitante.  Dez minutos despois Xaime botou unha falta lateral e o debutante Nico, no segundo pao cabeceou lonxe do alcance de Rama. O central anotou diante do seu ex equipo. Do Paiosaco en ataque poucas novas na primeira metade. Tan só un lanzamento de Eiroa que desde fóra da área que saiu preto do pao.

O encontro cambiou na segunda metade. O Paiosaco recurtou diferencias na primeira ocasión. Uunha falta lateral foi rematada por Otero ao longueiro, pero o rexeite caeulle a Edu Dias que empurrou o balón para dentro da portería de Manu Cedrón. Os de Juan Riveiro creron nas súas posibilidades e acurralaron ao Viveiro por momentos. Otero tivo a máis clara para empatar, pero Agus sacou o seu disparo preto da liña de gol. Pouco despois, o recén incorporado De la Puente disparou alto tras un pase de Ventola e Iván Amor tamén se atopou cun defensor cando o balón xa superara a Manu Cedrón.

O Viveiro logrou capear o temporal e tivo as súas opcións de matar o encontro á contra. A máis clara levou a sinatura de Tichu, pero o seu lanzamento saiu desviado. Con este triunfo o Viveiro sae dos postos de promoción do descenso superando ao Arzúa, aínda que este ten un encontro por disputar.