Rematou a fase regular e xa está aquí o Tres en Raia En Boas Mans Fisioterapia do play off de ascenso que deron comezo cunha igualdade máxima. No norte o Abadín remontou o tanto inicial do Cazás e o Rioaveso foi quen de gañar no campo do Matela cun tanto no úlitmo intre de encontro. No sur, Sarriana B e Sporting Lucense empataron sen goles, mentres que o Taboada B venceu pola mínima ao Corgo.
Analizamos tamén os primeiros encontros do Torneo Delegación.
PLAY OFF ASCENSO – GRUPO NORTE
O Abadín vence ao Cazás tras remontar o tanto inicial dos xermadinos (2-1). O encontro, moi condicionado polo forte vento, comezou de cara para o Cazás. Héctor aproveitou un mal control dun defensor e puxo por diante aos visitantes. O Abadín reaccionou de contado. Só tres minutos máis tarde Tontxu puxo as tablas no marcador co seu oitavo tanto da campaña. Antes da media hora de partido Noé, de tacón, deulle a volta ao marcador. O tanto chegou nun córner moi protestado polo Cazás. No segundo tempo ámbolos conxuntos contaron con boas chegadas á área rival que os gardametas solventaron ben.
Un gol de Javi no desconto permítelle ao Rioaveso vencer no campo do Matela (1-2). Encontro no que ningún dos contendentes quixo correr riscos innecesarios. As disputas, e os duelos foron unha constante.. O Matela tentou combinar fronte a un Rioaveso máis replegado. Poucas ocasións se viron no primeiro tempo ata que xusto antes do intermedio un claro penalti permítelle aos visitantes poñerse por diante. Paredes non errou desde os once metros. No segundo tempo Pablo empatou o choque cun bo tiro cruzado. Nun encontro moi disputado e completamente aberto para a volta, Javi aproveitou un erro na marcaxe do Matela para rematar cun tremendo testarazo un saque desde o curruncho ao fondo da portería.


PLAY OFF ASCENSO – GRUPO SUR
Sarriana B e Sporting Lucense igualan sen goles e deixan todo por decidir para a volta (0-0). Encontro no que a Sarriana tivo o balón fronte a un Sporting Lucense que soubo defender as acometidas dos de Raúl. O filial sarriao contou con dúas boas ocasións no primeiro tempo que non foron quen de aproveitar, mentres que os visitantes non chegaron con claridade á portería contraria. O encontro seguiu un guión semellante no segundo tempo, incluso cunha Sarriana B que optou por tomar algún risco máis. O colexiado anulou un tanto aos locais por fóra de xogo. Co paso dos minutos, o Sporting Lucense conseguiu anular os ataques locais e mesmo estrelou un balón no longueiro.
O Taboada B vence ao Corgo cun gol de Pita preto do final (1-0). Encontro de moita tensión no que o Corgo inquedou ao seu rival sobre todo a balón parado, sobre todo en saques de banda e córners. As ocasións dos de Abel Rochela desbaratounas un Ledo moi inspirado na portería. O Taboada B tivo unha boa opción de gol ao comezo do segundo tempo por medio de Pita. O encontro encamiñábase sen remedio ao empate sen goles ata que a falta dun minuto para o final unha xenialidade de Pita serviulle aos locais para levar a vitoria. O extremo controlou e conectou unha volea que resultou imparable.

TORNEO DELEGACIÓN
GRUPO 1. Goiriz 4 Catro Roldas 0. Encontro no que o cadro local foi moi superior fronte a un Catro Roldas que chegou ao encontro con baixas e que non foi quen de amosar o seu mellor nivel. Xoel e Nico puxeron en clara vantaxe ao Goiriz no primeiro cuarto de hora e os de Manu Veiga controlaron o choque ao ritmo que marcaba Muñiz desde a defensa. O zagueiro completou o marcador con dous tantos.

GRUPO 2. Comercial 1 Roupar 2. Só a falta de puntería dos locais e a gran intervención do gardameta Anxo propiciaron o resultado final. A Comercial dominou por completo o primeiro tempo fronte a un Roupar desaparecido. As chegadas dos locais foron constantes e as ocasións innumerables, pero Anxo amosouse infranqueable e evitou que se viran goles ao descanso. No segundo tempo os de Ángel Pena melloraron e Manu marcou para o Roupar. Yosi fíxose co medio do campo e asistiu para que Moha fixera o segundo. A Comercial recurtou diferencias e Anxo voltou a impedir o empate preto do final. O colexiado anulou o que sería o gol do empate por fóra de xogo.
GRUPO 3. Sober 6 Relámpago Taboada 1. Encontro que resultou competido ata o minuto sesenta. O Sober colleu unha vantaxe de dous goles nun primeiro tempo no que o Relámpago estivo no partido, máis co gol de Fran xusto á volta de vestiarios. O terceiro gol dos de Iban Lagoa, obra de Mikel, que rematou cun hat-trick, rachou o encontro e o Sober xogou a placer na última media hora.
GRUPO 3. Bóveda 0 Carballedo 4. Puido disputado no primeiro tempo sobre un terreo de xogo en mal estado que propiciou que ámbolos conxuntos optaron por realizar un xogo directo. Puido adiantarse o Bóveda cun penalti que se estrelou no pao, pero foi o Carballedo o que logrou adiantarse antes do intermedio. Tras o descanso, o Bóveda buscou un empate que non acadou e o segundo gol de Pupas rachou o encontro para os de Adrián Pateiro que aínda lograrían dous tantos máis.
