Contracrónica V All Star Futbolinlugo
-
- 0
- 4min de lectura
O V All Star Futbolinlugo volveu durar dous días. Si, comezamos a festa xa o propio venres coa xa tradicional comida cos nosos colaboradores e patrocinadores. Ambiente espectacular e comida aínda mellor, da incrible man para os postres de Rubén de Mesón Viñoteca Lubre!
Iso si, os pratos principais quedaron para o sábado. Eran de tal calidade que nin a calor abafante estropeou os ingredientes. Os aspersores e o ‘cooling break’ axudaron a sobrelevar o enfrontamento entre as féminas do Norte da provincia coas do Sur. As sureñas fixeron bo o seu favoritismo (0-5) ante un combativo combinado norteño, que deu moita guerra por momentos. Irene (Milagrosa) levou o MVP nun encontro que deixou golazos como o de Nerea ‘Chantada’ Rodríguez (PM Friol). Xogada maradoniana con vaselina incluída.
Nerea conseguiu así a merecida medalla, ao igual que todas as súas compañeiras e rivais. Que diso se trata nesta festa! Unha celebración que rematou con tarta, mazá sorpresa e soplando un 30 cumpreanos. A adestradora All Star Vicky Burgo festexou o seu aniversario connosco!
Do primeiro dos duelos pasamos ao primeiro dos concursos. Sergio Cora (Xove Lago) viviu a cara dunha xornada que acabou en cruz. Gañou o ‘Rápido de Cabeza Vicepresidencia da Deputación de Lugo’, levou unha paleta de Torre de Núñez e posteriormente un señor esguince para a casa ao pouco de iniciarse o partido masculino. Unha tarde completa para un dos referentes ofensivos da Mariña! Os dous xogos restantes quedaron en familia, entre dous amigos de toda a vida. O local Martín ‘Chiqui’ (Residencia) deu un recital na proposta de precisión Vicepresidencia da Deputación de Lugo de BMS Sport & Health e o gardamallas Borja Figueiras ‘Pipita’ reventou o Chutómetro Vicepresidencia da Deputación de Lugo, disparando a máis de 90 km/h.
O excapitán do San Lázaro viviu unha tarde chea de emocións na súa antiga casa. Despois de gañar o Chutómetro atopouse cun serio problema: non había equipación para el para que disputase o partido entre o Combinado Preferente e Terceira Futgal vs Primeira e Segunda Futgal. Descubriu que foi por unha boa causa. A súa era a primeira homenaxe da tarde. Uns audios emotivos, unhas bágoas de emoción e un agasallo moi especial: a súa camiseta All Star xunto cun brazal de capitán especial e deseñado para a ocasión.
Esa foi unha das novidades desta edición ao igual que os banderíns personalizados en todas as esquinas do campo. Nunha delas, naceu tamén a homenaxe e o corredor do segundo dos nosos protagonistas. David Cabaleiro ‘Garrafín’ tamén recollou a súa camiseta e brazal da caixa-homenaxe de Futbolinlugo. Acto seguido, comezou o quecemento dun encontro masculino histórico.
O primeiro que rematou en 0-0 de todas as edicións disputadas ata a data. Poucas ocasións e moita igualdade, que rematou no punto de penalti. Necesitabamos un gañador e crear o espectáculo que non nos deixaron os goles que faltaron na Cheda. Así que nos inventamos unha quenda de penaltis (que poderedes ver proximamente nas nosas redes sociais), a cal culminou co gol de Unai Peón (Montañeros, Selección Preferente e Terceira), MVP Salvatierra Abogados e campión da Copa da Coruña co Montañeros ao día seguinte. O máis chamativo foi que o primeiro penalti de cada un dos combinados o lanzou un dos adestradores. Diego Barreiro e Iago Núñez non quixeron fallar e atoparon o fondo das mallas.
As penas máximas non escribiron o noso final. Os irmáns González Vilariño, Xaime e ‘Tichu’ recibiron o agarimo e recoñecemento de todo o fútbol lucense ao tempo que a súa avoa chegaba cos seus correspondentes agasallos. E que dicir do noso ‘Lou’. Don Xosé Lourido pechou unha xornada para o recordo cunha nova camisola All Star das mans da súa noiva. O perfecto nexo de unión entre este evento e o próximo, para o cal xa anunciamos sede. Precisamente moi preto do territorio Lourido. O VI All Star Futbolinlugo será na Pastoriza no próximo 2026. Vémonos no Acebreiro familia!
P.D: Nas próximas semanas iremos subindo múltiples galerías fotográficas do evento!