Chega un Trío de Ases O Cantón sen vitorias lucenses na Terceira RFEF. Só a Sarriana logrou puntuar no campo do Barbadás. O Racing Vilalbés perdeu na súa visita ao feudo do Estradense e o Polvorín fixo o propio fronte ao Gran Peña. O Viveiro tampouco puido sumar fronte a un Alondras enrachado.
Na Preferente, o Ribadeo sumou tres puntos fundamentais fronte ao Arzúa, pechacancelas da categoría. O Lemos empatou na Pinguela diante do Negreira, segundo clasificado, mentres que Pol e Escairón tamén sumaron un punto a domicilio fronte a O Val e Miño, respectivamente.
Un descoñecido Racing Vilalbés sucumbe fronte ao Estradense (4-1)
Seguen segundos os chairegos, pero xa a sete puntos do líder tras caer con claridade no feudo do Estradense. A primeira metade dos de Alberto López foi probablemente a peor da temporada. Mal posicionados sobre o terreo de xogo e con pérdidas en primeira liña froito da gran presión dos locais. Así chegaron os dous tantos do Estradense. Dous roubos de balón aos centrais remataron con dous tantos. O primeiro obra do ex viveirense Gamarra, que definiu cunha boa vaselina diante de Álex Santomé, e o segundo tras unha bo disparo de Porrúa. O Racing apenas inquedou a portería defendida por Israel, salvo nun disparo de David García que detivo o gardamenta sen excesivos apuros.


Tras o descanso, o técnico do Racing trocou de sistema coa entrada de Brais Pedreira e Borja Míguez e as ocasións chegaron. Javi Rey, Borja Míguez, Edgar e Vicente contaron con opcións de gol moi claras que non foron quen de transformar. No ecuador do periodo final, Javi Rey recurtou diferencias tras un bo pase de Borja Míguez. Cando mellor estaban os chairegos, un lanzamento de falta de Landeira que tocou nun defensor colouse na portería de Álex Santomé. Moi preto do final Pablo Carabán rematou ao fondo da portería un saque de córner.
A Sarriana non ten fortuna cara o gol e iguala nos Carrís (0-0)
O cadro sarriao non puido sumar os tres puntos na súa visita ao campo do Barbadás nun encontro no que gozou de boas ocasións para gañar. Azael, Boedo e sobre todo Arona, ao que un defensor lle sacou o balón case na liña, contaron con claras opcións para marcar.

No segundo tempo, o encontro seguiu o mesmo guión. A Sarriana tivo o balón e xogou en campo contrario fronte a un Barbadás repregado que, á diferencia que na primeira metade, saiu á contra con máis perigo. Malia todo, Javi Liz apenas tivo que intervir en todo o encontro.
Un Polvorín en inferioridade cae no feudo do Gran Peña (3-2)
O filial albivermello cedeulle a posesión a un Gran Peña que era quen de superar o entramado defensivo dos lucenses. Raúl Paz, tras servizo de Padín, abriu o marcador para os de Álex Ortiz. Pouco durou a ledicia, xa que ao minuto seguinte Julius, cun preciso disparo, empatou o choque.
Tras o paso por vestuarios foi de novo o Polvorín o que se adiantou no marcador logo dun gran xogada de Julio que asistiu a Víctor Casais, que superou ao gardameta Andrés. Novamente, a vantaxe durou escasos minutos. Julius foi derribado na área e él mesmo transformou o penalti. A falta de media hora para o final Padín viu o segundo cartón amarelo ao entender o colexiado que simulara penalti. A inferioridade numérica provocou que o Polvorín xogara máis replegado. Non pasou excesivos apuros o cadro lucense, ata que a falta de cinco minutos Julius culminou unha gran actuación persoal tras superar a Candal cun potente disparo.
O Viveiro recibo un excesivo castigo no campo do Alondras (4-0)

Resultado abultado para o visto no terreo de xogo. O Viveiro, que queda cun só punto de marxe sobre os postos de descenso, puido adiantarse no marcador por medio de Sylla antes de que Manu Freire aproveitara as concesións defensivas dos mariñáns para poñer por diante aos locais. Antes do descanso, a calidade individual do Alondras foi suficiente para que o marcador ao descanso fora de 3-0. Yelco e Goitia foron os autores dos goles.
No segundo tempo o Viveiro entrou moi ben ao encontro e tivo moita presencia en campo contrario. Rolle e Adri Lombao tiveron dúas boas ocasións para marcar, aínda que a máis clara tívoa German. O tanto dos mariñáns non chegou e o Alondras, cando o Viveiro estaba no seu mellor momento do encontro, fixo o cuarto ao rematar Agujetas un saque de falta lateral.

O Pol empata un encontro que tiña de cara fronte a O Val (1-1)
Os chairegos comezaron tendo absoluto dominio do xogo, contando con moitas chegadas á portería contraria. Álex e David contaron con dúas claras ocasións para adiantar aos de Manolo García, que monopolizaban a posesión do balón. O cadro local apenas chegou ás inmediacións da portería de Marcos no primeiro tempo.
Tras o paso por vestiarios, o encontro seguiu o mesmo guión, co Pol xogando comodamente en campo rival. A falta de quince minutos para o final, Laye foi derribado na área e Cuadrado non errou desde o punto de penalti. O Val comezou a colgar balóns na área sen xerar excesivo perigo ata que preto do final, Froilán cometeu penalti e Casteleiro estableceu o definitivo empate. O Pol tivo que xogar os derradeiros minutos do choque con dez ao ver Álex Guntín un riguroso segundo cartón amarelo.
O Lemos suma un valioso punto fronte ao Negreira, segundo clasificado (1-1)
Encontro moi parello que puido caer para calquera dos dous contendentes. O Negreira foi quen de xerar dúas ocasións de gol no primeiro tempo, e nunha delas chegou o tanto de Gonzalo nunha rápida transición. O Lemos tamén contou con dúas boas opcións de gol, a máis clara nas botas de Adri Salgado, que no man a man contra o porteiro, o balón saiu rozando o pao.
A segunda metade tamén resultou moi igualada. O Negreira xerou perigo a balón parado e os monfortinos co paso dos minutos foron quen de chegar con perigo á área rival. O empate chegou nun lanzamento de falta desde a frontal que Luis transformou.
O Ribadeo suma a segunda vitoria consecutiva nun traballado encontro fronte ao Arzúa (4-3)
Tres puntos vitais para o Ribadeo diante dun Arzúa virtualmente descendido e que ocupa o derradeiro posto na clasificación. Os de Luchi comezaron da mellor maneira, cun tanto de Castrín antes de que se cumprira o primeiro minuto de xogo. Co paso dos minutos, o Arzúa fíxose co dominio territorial do partido e a piques estivo de igualar nunha vaselina de Landín que Simón salvou preto da liña de gol. O dianteiro arzuán non perdoou á segunda e aproveitou unha perda de balón de Kevin Pierre para lograr o empate.
Tras o intermedio o Ribadeo mellorou, sobre todo tras a entrada no terreo de xogo de Asier, que xa resultou decisivo no primeiro encontro da súa segunda etapa no Pepe Barrera. Kevin Pierre aproveitou o rexeite do gardameta a un bo disparo de Castrín para poñer por diante aos mariñáns. Pouco despois, nun despiste defensivo o balón chegou a Álex Rey que disparou case sen ángulo e sorprendeu a Javi Pita para igualar de novo o marcador. Só tres minutos máis tarde, o porteiro Freire derribou na área a Kevin Pierre e Álex Meitín non perdoou desde os once metros. Asier puxo terra de por medio cun preciso disparo desde fóra da área. Xa avanzado o desconto Xan marcou de penalti.
O Escairón suma un punto no difícil campo do Miño (1-1)
A diferencia clasificatoria non se viu reflexado sobre o céspede do Municipal de Gallamonde. O Escairón plantoulle cara a un conxunto que pelexa por entrar no play off de ascenso e gozou de varias ocasións claras. Nun saque desde o curruncho chegou o gol dos do Saviñao. Brais Meco sacou e Josu cabeceou no segundo pao ao fondo da portería.
No segundo tempo o Miño deu un paso adiante e levou o mando do partido. Os locais meteron en campo propio ao Escairón e lograron xerar situacións de moito perigo. Álex Ávila, con tres paradas de moito mérito, resultou decisivo para os de Brais Prados. Yann e Ospina, en sendas contras, puxeron a proba ao gardameta local, que evitou o que sería o tanto do triunfo do Escairón. A falta de tres minutos para que se cumprira o tempo regulamentario chegou o tanto do empate, tamén nun córner que Seo rematou de forte disparo.