O Trío de Ases O Cantón déixanos, na Terceira RFEF, o valioso triunfo do Viveiro no derbi provincial disputado en Cantarrana fronte á Sarriana. O Racing Vilalbés tamén gañou e recurtou dous puntos a unha UD Ourense que non pasou do empate no Couto. O Polvorín non puido sumar na Cheda fronte ao Estradense.
Na Preferente, o Pol venceu con claridade no Municipal ao Ribeira, mentres que o Escairón sumou un punto insuficiente fronte a O Val, rival directo. O Lemos caeu no campo do Dubra e o Ribadeo fixo o propio fronte ao líder, o Montañeros.
O Racing Vilalbés vence ao Silva e recurta dous puntos ao líder (2-0)
Encontro domiinado polo Racing desde o comezo. Os chairegos tiveron gran profundidade polas bandas. López e Brais Pedreira por unha e Barroso e Cañi pola outra foron puñais na zaga rival e os seus centros foron rematados de xeito constante por Borja Míguez, David García ou Make e só a boa actuación do gardameeta Bugy impediu que o marcador fora máis abultado. No ecuador do primeiro tempo Cañi, tras unha boa conducción, conectou un disparo pegado ao pao ante o que nada puido facer desta volta o gardameta. David García ampliou diferencias de falta directa, pero o colexiado invalidou o tanto ao considerar incorrecta a posición de Brais Pedreira na barreira.


No segundo tempo o encontro seguiu o mesmo guión. O Silva non inquedaba a Álex Santomé e o Racing Vilalbés continuaba xerando boas ocasións. Javi Rey, Cañi e Vicente contaron con grandes ocasións que Bugy desbaratou. O segundo tanto chegou nun centro de Barroso que rematou Vicente á escadra. Preto do final Javi Rey e Jose Varela contaron con boas opcións de ampliar as diferencias.
O Viveiro amosa a súa mellor versión no derbi fronte á Sarriana (3-1)
Collen aire os mariñáns na súa pelexa por evitar os postos de descenso nun dos mellores encontros dos celestes na casa do que vai de liga. Os de Adrián Benavides foron mellores ao longo dos noventa minutos fronte a unha Sarriana que cedeu a terceira praza. Os locais non tardaron en asediar a portería dun Javi Liz que salvou aos seus en varios remates. Sen embargo, no gol non estivo atinado o gardameta e Rolle abriu o marcador. A Sarriana buscou a reacción co resultado en contra, pero as ocasións dos visitantes foron tímidas. A máis clara levou a sinatura de Álex Millán.

No segundo tempo a presión alta do Viveiro afogou á Sarriana. German ampliou diferencias no marcador tras un pase de Rolle e só dez minutos despois o propio German asinou a sentencia. A falta de dez minutos para o final Santi Gegunde recurtou diferencias e a Sarriana fixo unha derradeira tentativa, sen éxito.
A única nota negativa para o Viveiro foi a lesión do pichichi German, que tivo que saír mancado preto do final.
O Polvorín cae na Cheda diante dun enrachado Estradense (1-3)
O encontro comezou cun Polvorín volcado na procura do gol. Nada máis comezar Nacho e Maceira contaron cunha dobre ocasión para poñerse por diante. O balón non entrou e o Estradense no seu primeiro achegamento acadou o tanto tras un erro na saída de balón. Juanín cun bo disparo desde a frontal superou a Iván. Os visitantes colleron o mando do partido e ampliaron diferencias tras un centro lateral de Porrúa que rematou novamente Juanín no segundo pao. O Estradense mantivo o control do partido ata o intermedio, sen gozar de ocasións, pero impedindo que o Polvorín chegara con perigo á súa área.
No segundo tempo o Polvorín tivo o balón, aínda que sen a profundidade suficiente para xerar situacións de perigo. Maceira, de penalti, recurtou diferencias e o Polvorín tivo os seus mellores minutos, pero foi o Estradense o que sentenciou cun tanto de Rulo nunha acción a balón parado.


O Pol sobreponse ás baixas e vence con claridade ao Ribeira (3-0)
Encontro que os chairegos afrontaron con numerosas baixas, sobre todo na parcela defensiva. Os de Manolo García souberon recompoñer as súas pezas e sumaron tres puntos que aínda lles permiten mirar de reollo cara os postos de promoción. Ámbolos conxuntos quixeron dominar o balón no Municipal e co paso dos minutos o Pol fíxose co dominio. Tras varias chegadas claras á área rival, Alesito adiantou aos locais, xa moi preto do intermedio.
Tras o descanso, o Ribeira moveu o banquiño na procura do empate, pero foi o Pol o que fixo o segundo por medio de Ríos, nova fichaxe dos chairegos. Os visitantes non foron quen de inquedar ao Pol e xa preto do final Iñaki pechou o marcador cun bo lanzamento de falta.
O Lemos non consigue escapar dos postos comprometidos tras caer fronte ao Dubra (1-0)
Encontro pouco vistoso no que ningún dos dous conxuntos estivo atinado, en boa medida polo mal estado do terreo de xogo. A primeira metade rematou sen goles. O Dubra achegouse en dúas ocasións nas que Losada estivo moi atinado, mentres que os monfortinos gozaron de dúas chegadas moi claras que non foron quen de concretar.
Ao comezo do segundo tempo chegou o único gol do partido. Nunha acción a balón parado no que o Lemos non estivo atinado nas marcaxes Aarón marcou para o Dubra. Os de Edu Rodríguez buscaron o empate e xogaron constantemente en campo contrario, aínda que non foron quen de inquedar a portería de Fedello.
Un Ribadeo en cadro pranta cara, pero cede fronte ao líder (3-0)
Os mariñáns afrontaron a visita ao campo do Montañeros, líder intratable da Preferente, con moitas baixas. Co xuvenil Dani no once titular, aos de Luchi costoulles asentarse no encontro, máis aínda cando aos seis minutos os locais lograron adiantarse no marcador. Currás marcou tras un desaxuste defensivo dos mariñáns. Co paso dos minutos o Ribadeo impediu calquer achegamento con perigo á portería de Javi Pita ata que moi preto do descanso o colexiado sinalou un penalti moi dubidoso que transformou Jorge Cano.
No segundo tempo o Ribadeo saiu cunha presión alta que obrigou ao Montañeros a xogar en longo. As recuperacións en campo contrario non foi capaz o cadro ribadense de transformalas en ocasións. O partido convertiuse nun ida e volta onde calquera xogada podía ser perigosa. No tramo final, Pape pechou o partido co terceiro tanto e o Ribadeo rematou con dez ao ver Álex Meitín o segundo cartón amarelo.
O Escairón desaproveita unha das súas últimas balas na pelexa pola permanencia (2-2)
Os do Saviñao só puideron sumar un punto no Municipal fronte ao Val, un rival directo pola permanencia. A primeira metade dos de Brais Prados non foi boa con malas decisións e pases con moito risco en campo propio. Malia todo foron capaces de poñerse por diante cun tanto de Brais Meco tras aproveitar un balón ao espazo. O da Rúa disparou de xeito preciso desde a frontal. A ledicia durou pouco. Nunha rápida contra dos visitantes, Asier na tentativa de despexar meteu o balón na sú propia portería. Xusto antes do descanso os ferrolterráns puxéronse por diante ao convertir Casteleiro un penalti.
No segundo tempo o Escairón experimentou unha gran melloría e foi quen de xogar en campo contrario. Yann logrou o empate aínda con media hora por diante. O propio Yann gozou de dúas claras ocasións, pero atopouse cunha gran intervención do gardameta. No tempo de desconto un centro de Julito a piques estivo de rematalo a gol Yann.