#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

A Sarriana sitúase a un só punto do play off de ascenso

No Trío de Ases O Cantón desta xornada destacamos o empate do Racing Vilalbés no campo do Langreo, conxunto que ocupa posto de promoción de ascenso. Na Terceira RFEF, a Sarriana chega ao tramo final de temporada no seu mellor momento e sitúase a un punto do play off tras vencer no campo do Pontevedra B. O Polvorín gañou con autoridade a domicilio fronte ao Arteixo, mentres que o Viveiro sumou un punto en Cantarrana fronte ao Barbadás. Na Preferente, triunfo vital do Castro no campo do As Pontes, rival directo pola permenencia e derrota da Residencia noutro choque directo no campo do Victoria. Lemos e Ribadeo igualaron a domicilio fronte ao Miño e Mugardos, respectivamente.

O Racing Vilalbés segue en descenso malia empatar no campo do Langreo (0-0)

Punto de mérito o acadado polo cadro chairego no campo dun Langreo que ocupa posto de promoción de ascenso. Os de Simón Lamas seguen en descenso a un só punto do posto de play out e a tres da permanencia. O primeiro contratempo para o Racing chegou axiña. Aos dez minutos Vérez tivo que retirarse mancado e a falta de diagnóstico definitivo, pode revestir certa gravidade. Os intres nos que o Racing Vilalbés xogou con dez ata a entrada Fito deulle alas a un Langreo que foi quen de estrelar un balón no longueiro. Co paso dos minutos, os chairegos repuxéronse e contaron cunha boa opción de gol nas botas de Buyo.

No segundo tempo o Langreo impuxo o seu ritmo e o Racing realizou un gran traballo defensivo. Malia todo o cadro asturiano contou con varias ocasións que desbaratou moi atinado Álex Santomé. Nos últimos intres os vilalbes tiveron dúas contras nas que puido chegar o tanto da vitoria.



A Sarriana vece ao Pontevedra B e colócase a un só punto da promoción (0-1)

Primeira metade na que a Sarriana realizou moi bo fútbol, na que chegou a zonas de ataque en xogadas combinativas e tamén con roubos en campo contrario que remataron en incontables ocasións de gol. Diego Rey, Brais e Cuadrado gozaron das máis claras. Na única chegada do cadro local o balón estrelouse no longueiro e xusto despois, aos vintecinco minutos de xogo chegou o único tanto do encontro. Sane centrou desde a banda dereita e Cuadrado rematou de xeito espectacular de cabeza colándose o esférico pola escadra.

Notou o cansancio a Sarriana no segundo tempo e o Pontevedra B levou máis o control do xogo. Os de Jorge Cuesta defendeu con éxito os ataques dun filial granate que non soubo atacar a boa organización defensiva dos sarriaos. German tivo a única ocasión para a Sarriana nos segundos corenta e cinco minutos pero o seu disparo estrelouse no lateral da rede.



O Polvorín vence na Ponte dos Brozos nun gran partido do filial (0-2)

O Polvorín fuxe da zona de perigo tras un encontro moi completo no campo do Arteixo. Dani Galán trocou de sistema e xogou con tres centrais e Lizancos e Mario como carrileiros e este deu os seus froitos. O filial albivermello monopolizou o balón e era quen de recuperar moi rápido tras pérdida. As ocasións sucedéronse con tiros desde a frontal, xusto antes do tanto de Mario no minuto 31. Rubal centrou desde o carril dereito e Mario rematou desde o lado contrario ao fondo da portería. O Arteixo non chegou ás inmediacións da portería de Brais ata os últimos intres do primeiro tempo. Nun córner, Edu enviou o balón fóra cando xa se cantaba o gol. E din que o que perdoa paga. Na úlitma xogada antes do intermedio Brais sacou en longo e Lizancos desde a frontal, tras ver ao gardameta adiantado, marcou cunha boa vaselina.

No segundo tempo, o Arteixo presionou moi arriba e o Polvorín contou con varias ocasións á contra que non aproveitou. Co paso dos minutos o cadro local optou por un xogo máis directo que incomodou ao Polvorín, malia non sufrir en exceso para manter o resultado.

O Viveiro iguala en Cantarrana co Barbadás, rival directo pola permanencia (2-2)

Choque entre dous conxuntos que pelexan por escapar da queima e no que o cadro ourensán foi superior nos primeiros corenta e cinco minutos. Nespereira e Jota puxeron a proba ao gardameta Ayoub antes de que Rolle cometera penalti sobre Jota. Gabi non errou desde os once metros. Pouco tardou en chegar a reacción dos locais. Un balón de Gamarra bateu na man dun zagueiro e tamén desde o punto de penalti Rolle estableceu o a igualada. O Viveiro mellorou tras o gol, pero foi o Barbadás o que levou o gato á auga cun tanto de Rivero cun bo tiro desde a frontal.



Alberto López fixo un doble troco no intermedio e a entrada de Barroso e Adri deulle aos celestes máis presenza en campo contrario. O Viveiro contou cun bo número de ocasións para marcar. Adri contou coa máis clara, pero Borja realizou unha intervención de moito mérito. Nunha falta lateral Rolle, coa colaboración dun defensor, fixo o segundo para o Viveiro. A entrada de Cora deulle aos mariñáns moitas opcións pola banda, e nas súas internadas naceron varias ocasións para darlle a volta ao marcador.

Un Ribadeo moi mermado polas baixas iguala no campo do Mugardos (1-1)

O Ribadeo tivo que conformarse cun punto na Pedreira nun encontro ao que chegaba en cadro tras a definitiva baixa de Xaime por motivos laborais e as lesións de Xairo e Castrín. O conxunto mariñán realizou un gran encontro a nivel defensivo, sin conceder apenas ocasións a un Mugardos situado na zona media da clasificación.

Nada máis comezar o segundo tempo adiantouse o Ribadeo cun tanto de Asier. Nun balón que recibiu o focense na banda dereita, encarou ao seu defensor, recurtou e o seu disparou resultou imposible para o gardameta David Gómez. Os de Pichi apenas sufriron en defensa, pero nun despiste tras un saque rápido dunha falta chegou o tanto do empate do Mugardos, obra de Santalla.

O Lemos suma un punto no sempre difícil campo do Miño (0-0)

Encontro igualado o disputado en Gallamonde. O cadro local, sempre moi fiable no seu campo, contou cunha boa ocasión na que estrelou o balón no pao. Respostou Varela, cun disparo no que fixo intervir ao gardameta local. Non se viron moitas máis opcións de gol nun primeiro tempo de moito fútbol directo.

Tras o paso por vestiarios o encontro abriuse e ámbolos dous conxuntos xeraron perigo á contra. Losada, cunha doble intervención, salvou aos monfortinos que tamén tiveron varias opcións claras nas botas de Samuel e Brais. Os segundos corenta e cinco minutos foron moi vistosos para o espectador e os tres puntos puideron caer para calquera dos dous equipos, pero finalmente o marcador non se moveu.

Un tanto de Fito dalle ao Castro tres puntos de ouro no campo do As Pontes (0-1)

Encontro entre dous rivais directos pola permanencia do que saiu vitorioso o cadro chairego. A ausencia de última hora de Dumi con problemas estomacais trastocou o sistema inicial de Fernando Corredoira, que sumada á de Dani Montes e Pedro fixo que o técnico decidira saír con liña de catro defensas. O primeiro tempo resultou moi completo para o Castro, conseguindo anular o xogo de ataque do As Pontes. En ataque era quen de chegar por ambas bandas aínda que sen a claridade suficiente para xerar perigo diante da portería do vicedense Javi Pita.

No segundo tempo o Castro tivo moita máis presencia en campo contrario e nunha gran xogada colectiva o balón chegou a Fito, e tras desfacerse da súa marca colocou o balón lonxe do alcance do porteiro. O conxunto local introduciu xogadores de ataque e meteu atrás ao Castro, aínd que só momentaneamente. Os chairegos repuxéronse rápido do acoso local e conseguiron saír ataque pola banda de Marino. Tres puntos de moito mérito para un Castro que sae dos postos de descenso.

A Residencia volve a posto de descenso tras caer co Victoria (2-1)

Outro encontro decisivo na pelexa por evitar o descenso. A Residencia realizou un bo primeiro tempo no que foi superior ao seu rival. Gabri tivo unha moi boa ocasión que parou co pé o gardameta Damián. Pouco despois chegou o tanto lucense, obra de Pereira ao rematar un bo centro de Artai.

O segundo tempo resultou diametralmente oposto e o Victoria amosouse moi superior. En quince minutos xa estaban por diante no marcador con tantos de Block e Pedro. O marcador puido ser máis abultado xa que o conxunto coruñés estrelou dos balóns nos paos e desbarataron unha pena máxima. A falta de intensidade lastrou á Residencia nun segundo tempo no que perdeu por lesión a Adrián.

Foto de portada: Mariluz Fagín

A Sarriana sitúase a un só punto do play off de ascenso

Kubala, CD Cospeito: «Non penso en nada

A Sarriana sitúase a un só punto do play off de ascenso

Máxicos Salvatierra Abogados. Xornada 28

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *