Os Máxicos volven do parón de Semana Santa con ambición e fame de puntos para encarar a recta final da temporada, de novo da man de Salvatierra Abogados.
O Pol vence en Foz para encarrilar o ascenso (1-4). Os mariñáns entregaron o balón e agardaron repregados ao líder para facer dano coas transicións, algo que funcionou, pois conseguiron o 1-0 nun penalti protestado polos visitantes. Precisamente outra pena máxima —neste caso protestada polos locais— foi aproveitada por Gerardo para empatar e, xusto antes do descanso, Poratti (un dos Máxicos da semana) puxo o 1-2 logo dun erro local.
Xa na segunda metade, o Pol conseguiu dous tantos máis logo de erros dos focenses e, aínda que o cadro de Gayol puido recurtar diferenzas, pois gozaron dun novo penalti, neste caso errado, e de varias opcións máis, pero o Pol mantivo a renda e ampliou a diferenza cos inmediatos perseguidores.
O Xove e a Milagrosa asinan unhas perigosas táboas (1-1). Tivo máis ocasións o cadro local, especialmente nun primeiro tempo no que gozaron de tres opcións claras. Porén, non foi ata o segundo tempo cando Juanjo aproveitou un rexeite do pau para facer o 1-0. A Milagrosa, pola súa banda, preparou un partido atrevido, especialmente tras recibir o tanto, e obtivo o premio do empate cun remate de Joel á saída dun córner, xa no tempo de desconto. Aínda despois, a zaga local sacou baixo paus un remate que tería suposto a remontada. Ao final dos 90′, 1-1 no Municipal.


A SD Chantada supera pola mínima ao Lourenzá (1-0). Os locais tiveron o dominio posicional no Sangoñedo, pero o Lourenzá tiña claro o seu plan de partido e conseguiu neutralizar as intentonas da SD. Porén, unha acción atropellada no segundo tempo traduciuse nun gran gol de Pablo cando mellor estaban os visitantes, 1-0. Na recta final, o «Atleti» buscou o empate, pero a zaga local tirou de experiencia e deixou tres puntos de ouro en Chantada.

Media hora bástalle ao Outeiro na Veiga (0-5). Un comezo moi agresivo dos Máxicos do cadro dirixido por Adrián valeulles aos visitantes para mandar por 0-3 cando aínda non se chegara á media hora de xogo, diante dun Riotorto mermado polas baixas e que non chegou a tempo ao partido. Logo dunha segunda parte con pouco ritmo, o Outeiro anotou dous tantos máis para sentenciar o choque.
O Guntín remonta na segunda parte en Cerdeiriños (1-3). Foron mellor os vermellos no primeiro tempo e, de feito, chegaron por diante ao tempo de lecer. Porén, un erro dos locais no minuto 46′ foi aproveitado polo Guntín para poñer o 1-1 e, desde o empate e empurrado polo cambio de sistema, o cadro laranxa monopolizou o choque e anotou dous goles máis para culminar unha remontada moi meritoria ante un Monterroso que non se atopou cómodo en ningún intre do segundo tempo.

O Chantada Atlético supera ao Santaballés na Liga (0-2). Unha gran posta en escena dos visitantes valeulles para facer o 0-1 antes do minuto 10′ e, desde o gol, o monopolio chantadino mantívose ata o descanso. Porén, os Máxicos do Santaballés reaccionaron tras o descanso e apretaron aos seus rivais, aínda que sen éxito, pois Anxo sentenciou o choque cando restaba pouco tempo para o asubío final, 0-2.
O Guitiriz perde unha vida ao caer ante o Portomarín (1-3). As baixas defensivas do Guitiriz condicionaron un choque no que, aínda que se mantivo igualado no comezo, un Portomarín menos atenazado anotou o 0-1 nun corner. Os locais reaccionaron e gozaron de ocasións, pero unha acción de Hugo traduciuse nun penalti que supuxo o 0-2 antes do tempo de lecer.
Na segunda metade, os cambios deron vida a un Guitiriz que deu un paso adiante na procura dalgún gol. Porén, unha nova acción dentro da área local supuxo unha nova pena máxima que anotaron os miñotos para poñer o 0-3 e o terceiro na conta particular de Hugo. O Guitiriz recurtaría diferenzas no tempo engadido nunha tarde na que nada saiu ao dereito para os de Marcos Pereiro.
O Escairón rescata un punto ante o Meira (1-1). Chegaron os Máxicos meiregos moi mermados polas baixas ao Saviñao, inlcusive cun porteiro en idade cadete, pero ao mesmo tempo sen complexos e despregando un gran fútbol. Por iso, Seixosmil fixo o 0-1 e, antes do descanso, o Meira puido ampliar a diferenza nun man a man e nun disparo desde a frontal de Santi Marín antes do descanso.
O Escairón reaccionou na reanudación e comezou a pechar aos visitantes no seu campo. Porén, os de Labrada aproveitaban as transicións para xerar perigo e puideron sentenciar, pero a falta de efectividade traduciuse no empate cando restaba pouco tempo para o asubío final no Municipal, 1-1.

Táboas na Medela nun duelo vibrante (3-3). O Taboada foi mellor que o Burela na primeira metade, froito do cal conseguiron adiantarse cun penalti transformado por Fabio. Na segunda metade mandaron os mariñáns, pero o Taboada aproveitou unha acción dentro de área para facer o 2-0. Non se rendiu o cadro de Luchi, que recurtou diferenzas nun balón parado.
Aínda que os locais anotaron o 3-1 nunha nova pena máxima, os Máxicos do Burela tiraron de épica e anotou dous goles máis, o último deles no 95′ cun remate nun saque de esquina, e conseguiron igualar o choque, 3-3 na Medela.
Máxicos salvatierra abogados
