#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

A Sarriana asalta o liderado de Preferente

A décimo oitava xornada en Terceira déixanos unha de cal e outra de area. O Racing Vilalbés non atravesa o seu mellor momento e caeu pola mínima na súa visita ao Rápido de Bouzas. Pola contra, o Viveiro gañoulle ao Cantarrana a un candidato ao ascenso, o Somozas. Na Preferente, a Sarriana é novo líder logo de gañar ao Unión na Ribela e da derrota do Noia fronte á Residencia, nun gran encontro dos lucenses. O Lemos desfíxose con comodidade do Fisterra, mentres que o Ribadeo sacou un punto da súa visita ao As Pontes. O Portomarín caeu no campo do Dubra.

O Racing Vilalbés caeu pola mínima no campo do Rápido de Bouzas e segue sen gañar en 2023 (1-0)

O cadro chairego mantén o terceiro posto malia non gañar nos últimos cinco encontros. O encontro no Baltasar Pujales estivo marcado polo vento e resultou moi parello. Na primeira metade ámbolos dous conxuntos contaron con dúas chegadas con perigo á área rival, pero o xogo foi trabado e con pouca continuidade.

Na segunda metade o cadro local foi quen de adiantarse cun tanto de Torralbo nunha acción que a priori non entrañaba demasiado perigo para os de Simón Lamas. Co marcador en desvantaxe sempre resulta difícil xerarlle perigo ao Rápido no seu feudo, pero o Racing Vilalbés puido empatar en varias chegadas con perigo. A máis clara nun lanzamento de falta botado por Pablo Rey que remata cun testarazo de Dani Fernández que bate na man de Naveira, pero o colexiado non sinalou penalti.



A vindeira xornada o Racing Vilalbés recibirá na Madalena ao Viveiro no derbi provincial.

O Viveiro vence en Cantarrana ao Somozas, candidato ao ascenso (1-0)

Novena xornada sen coñecer a derrota para os celestes, que sumaron un importante triunfo fronte a un Somozas chamado a pelexar polo ascenso. O encontro non puido comezar mellor. Un bo centro do xuvenil Lucas, o mellor do Viveiro, rematouno Edgar ao fondo da portería. O propio Lucas puido marcar, pero errou no man a man diante de Aitor Embela, e convertiuse nun pesadelo para a zaga rival desbordando continuamente e asistindo a Rolle e Josemi, que contaron con ocasións para ampliar as diferencias. O Somozas apostou por un fútbol directo sobre o seu dianteiro Rubo, que controlou perfectamente o Viveiro cos seus centrais Nico e Diego.



A segunda metade resultou moi táctica con balóns á área dos visitantes e transicións do Viveiro, pero sen ocasións para ningún dos dous equipos

A Sarriana agarda á segunda metade para dobregar ao Unión e convertirse en novo líder (3-0)

Encontro difícil, malia a diferencia no resultado. A primeira parte resultou trabada e con escasas ocasións de gol. Por parte dos locales, só Santín puido superar a portería dos rianxeiros que tampouco foron quen de xerar gran perigo sobre a portería de Javi Liz.

Na segunda parte, Brais Prados trocou de sistema e a Sarriana comezou a xerar máis ocasións de gol, pero o tanto non chegou ata o ecuador nun remate de Julio Camba nun córner. Co marcador a favor todo foi máis sinxelo para os sarriaos e con máis espazos xogaron moito máis cómodos. O segundo tanto chegou nun bo centro de Marino que rematou no segundo pao Keko. Tan só dous minutos máis tarde Keko conectou con Diego Rey que definiu á perfección cunha boa vaselina diante do porteiro.

A Residencia vence no campo do Noia e revoluciona a zona alta (0-2)



Gran partido o realizado polo conxunto lucense no feudo do ata de agora líder, o Noia. Púxose de cara o encontro para os de Dani Galán. Aos seis minutos, un balón en profundidade para Iago Buján aprovéitao o atacante para marcharse en velocidade da defensa e superar ao gardameta. O Noia co marcador en contra quixo controlar o balón, pero apenas xerou perigo algún sobre a portería de Diego. Á contra, a Residencia puido poñer terra de por medio cunha boa ocasión de Iago Buján.

Na segunda meetade os de Iván Carril seguiron co dominio do balón, pero as ocasións foron para a Resi, por medio de Iago Buján e Poratti. No minuto 60, Dani Renda anota o segundo ao transformar un claro penalti cometido sobre Rober. Preto do final Carro tivo unha gran ocasión para recurtar diferencias, pero Diego respostou ben.

O Ribadeo suma un punto na visita ao Poboado (0-0)

O conxunto mariñán non puido sumar a quinta vitoria consecutiva, pero sumou un valioso punto diante dun rival situado na zona baixa da táboa. O encontro foi trabado, con moitas disputas en mediocampo e con escasas ocasións de gol. Un lanzamento de falta de Xaime preto do descanso foi a máis clara do primeiro tempo.

Na reanudación o encontro seguiu o mesmo guión. O cadro local achegouse con perigo á portería de Dos Santos cun disparo de Brais que saiu preto do pao. Criss, con dous remates no tramo final do encontro, puido decantar o resultado do lado dos de Dani Moirón.

Triunfo cómodo do Lemos fronte ao pechacancelas Fisterra (3-0)

Pouca historia na Pinguela. O Lemos venceu ao Fisterra nun encontro moi cómodo dos de Óscar Moure, que deixaron sentenciado no primeiro tempo con goles de Mauro, Carrasco e Varela. Na segunda metade o Fisterra tentou estirarse ata os dominios de Arturo, pero sen xerar perigo algún.

Na segunda metade tiveron minutos os xogadores do filial Fagín e Tagüi e o xuvenil Toni.

O Portomarín caeu no difícil campo do Dubra nun bo encontro dos miñotos (3-1)

Malia non poder sumar ningún punto o Portomarín realizou un bo encontro, sendo incluso superior a un rival que se atopa na zona alta da clasificación. Nun saque de esquina botado por Javicho, peinou Fer e Troulo rematou a porta pero atopouse coa gran intervención de Iván Baña. O Dubra tiña a posesión sen xerar perigo ante a portería rival. O cadro local logrou adiantarse a cinco minutos para o intermedio nunha xogada moi protestada polo Portomarín ao considerar que o dianteiro estaba en fóra de xogo.

A segunda metade comezou cun gol do Dubra nun saque de esquina, obra de Darío. O Portomarín non se rendiu e Mario contou cunha boa ocasión e pouco despois Héctor recurtou diferencias cun auténtico golazo. Pero pouco despois o Dubra sorprendeu á contra e logrou o terceiro por medio do seu goleador Martín. Javicho e Mario tiveron ocasións para recortar diferencias preto do final.

Foto de portada: Mariluz Fagín.

A Sarriana asalta o liderado de Preferente

Máxicos Futbolinlugo. Xornada 20

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *