#Fútbol afeccionado #Primeira Futgal

Máxicos Futbolinlugo. Xornada 20

Nova xornada para uns Máxicos que seguen na procura de acadar os obxectivos dos seus clubes.

Santaballés 1-2 Castro: duelo moi intenso na Liga, con unha parte para cada equipo. Os locais foron mellores no primeiro tempo, e contaron con varias ocasións para adiantarse pero non atinaron de cara a porta. No segundo tempo saíu mellor o Castro, que conseguiu o 0-1, pero o gol visitante deu folgos ao Santaballés, que foi quen de facer o empate. Ambos equipos apretaron tras o 1-1, e foi o Castro o que se levou a victoria tras un roubo en tres cuartos de campo, 1-2 na Liga.

Monterroso 2-0 Antas: ambos equipos gozaron de ocasións para adiantarse no derbi no primeiro tempo, pero sería Raúl Antas o que inclinaría a balanza a prol dos «Reds». Tras o descanso, os celestes buscaron o empate, pero serían os locais os que poñerían a sentenza frente a uns visitantes mermados polas lesións, 2-0 en Cerdeiriños nun duelo no que participaron tres irmáns coa camisola do Monterroso: Balbino, Toni e Brandan, algo sen precedentes na Primeira Galicia moderna.

De esquerda a dereita: Toni, Balbino e Brandan, os irmáns da SD Monterroso.

Chantada Atlético 6-1 Lourenzá: duelo entre os «Atletis» no que os laurentinos chegaron mermados polas baixas e, aínda que a primeira parte foi igualada e se chegou ao descanso cun marcador de 2-1, os locais apretaron no segundo tempo e conseguiron ampliar a renda ata o 6-1 definitivo.



Outeiro de Rei 5-1 Pastoricense: dúas partes moi diferenciadas no Municipal. Logo dun primeiro tempo con pouco ritmo que rematou con empate a un gol, o Outeiro saiu máis intenso na segunda metade e, en 8 minutos fatídicos para o Pastoricense, anotaron tres goles que sentenciaron o choque. Na recta final, o Outeiro fixo o 5-1 definitivo para afrontar unha semana na que retornará ao Municipal un vello coñecido, Seijas.

Pol 5-1 Sporting Pontenova: o Pol recuperou a súa mellor versión diante do Sporting. Xa nos primeiros corenta e cinco minutos, o bo fútbol dos locais permitiu unha renda de 2-0 para o Pol, que se ampliou ao longo do segundo tempo diante duns mariñáns que pelexaron ata o final pero non foron quen de sacar nada positivo do Municipal.

Foz 4-4 SD Chantada: tolemia no Martínez Otero. Ambos equipos propuxeron bo fútbol e a igualdade foi a raíña do primeiro tempo, que rematou con empate a un gol logo dun penalti a prol dos mariñáns e un gol tras unha falta lateral para o Chantada. Un bo Foz conseguiu unha renda de dous goles por partida dobre (3-1 e 4-2), pero os chantadinos, aínda cun home menos sobre o campo, non baixaron os brazos e lograron unha igualada épica no desconto tras tirar de orgullo nun precioso choque con alternativas para ambos conxuntos.



Xove Lago 3-1 Burela: comezou mellor o Xove, que tivo varias opcións no primeiro tempo e anotou o 1-0 antes do descanso. O Burela puido anotar con anterioridade por medio de David Ben, pero o tiro do ariete non entrou. Co Burela volcado na procura do empate, o Xove aproveitou un balón parado para facer o 2-0 e, pouco despois, puxo o 3-0 que pechaba o partido. Os visitantes non lle perderon a cara ao partido e Jairo maquillou o resultado do derbi para un Burela que se viu condicionado pola lesión de Esquerdeiro.

Riotorto 1-2 Atlético Escairón: bo fútbol na Veiga este domingo. O Escairón levou o peso do xogo, ata que unha xogada embarullada se saldou co 0-1. Nada mas comezar o segundo tempo, outro rexeite ben aproveitado polos visitantes supuxo o 0-2. O Riotorto recurtou diferenzas á saída dun córner, pero o canario Ávila impediu que os locais sacaran algo positivo do seu feudo e mantivo ao Escairón no máis alto da Táboa unha xornada máis.

San Ciprián 1-2 Taboada: o partido comezou de cara para os visitantes, cun penalti que supuxo o 0-1 e que lles permitiu xogar con esa vantaxe ao longo dun primeiro tempo no que o Sanci o intentou, pero non conseguiu anotar. Un gol de Adri ao comezo do segundo tempo puxo 0-2, pero un Sanci afeito á loita non baixou os brazos, apretou ao seu rival, recurtou diferenzas e a piques estivo de empatar na recta final, pero o electrónico non se moveu.

Máxicos Futbolinlugo. Xornada 20

A crise do PM Friol xa salpica

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *