#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

Rubián e Páramo igualan no partidazo polo liderado no grupo sur

Rematou a primeira volta na Terceira Galicia co Celta Barreiros como líder do grupo norte e o Rubián na primeira praza do sur. Os mariñáns venceron ao Cazás para manter diferencias cun Casás que non cede. O Celeiro mantense nun play off do que xa está preto o Goiriz. No grupo sur, Rubián e Páramo empataron no gran partido da xornada. Sober e Río Sil lograron vencer e afiánzanse en postos de promoción.

grupo norte

O Celta Barreiros vence con solvencia ao Cazás no Cascabeiro (3-0). Encontro dominado polo conxunto local desde o comezo a través da posesión. Avisou no primeiro minuto cun lanzamento ao longueiro e mediada a primeira metade Nico abriu a lata ao transformar un penalti moi protestado polo Cazás. Pita e Jaime contaron con boas ocasións para ampliar diferencias na primeira metade pero o gardameta Fernando estivo atinado. Tras o descanso, Casanova errou a porta baleira antes de que Jaime e Nico sentenciaran.

O Casás mantén o pe no acelerador e venceu no campo do Friol B (2-4). Primeira metade de dominio visitante que non tardou en traducirse no marcador. Transcorridos once minutos o Casás xa contaba con dous goles de vantaxe tras dous balóns parados que Roberto e Pin enviaron ao fondo da portería. Lucas recurtou diferencias para o Friol B tras aproveitar un mal despexe da defensa lucense. Na seguinte xogada, nunha boa xogada combinativa Fonseca volveu a incrementar a diferencia para o Casás. Os técnicos do cadro visitante fixeron trocos para dar descanso aos máis habituais e o Friol B dominou o encontro no segundo tempo. Manu respostou ben ás chegadas dos locais e Ferro fixo o cuarto preto do final antes de que Dani lograra o mellor tanto da tarde para o Friol B.

O Castroverde cede na casa diante dun atinado Catro Roldas (1-4). O peor encontro da temporada dos de Fran Veiga diante dun Catro Roldas ben asentado sobre o terreo de xogo. No minuto 5 os chairegos adiantáronse nun córner por medio de Karim e o Castroverde tivo a opción de empatar nun man a man contra o gardameta, que non aproveitou e pouco despois Moha fixo o segundo cun gran remate de chilena No segundo tempo a tímida reacción local viuse truncada co terceiro do Catro Roldas, segundo de Moha na súa conta particular. Gelo recurtou diferencias e Maseda marcou o cuarto preto do final.



O Celeiro mantén a imbatibilidade en Trasvías ao igualar coa Comercial B (2-2). Encontro intenso no que se viu unha boa imaxe do conxunto lucense, que logoru adiantarse no marcador por medio de Torito. Pouco despois igualou Xabi. No segundo tempo Abraham, o mellor dos viveirenses, marcou para o Celeiro e Javi igualou definitivamente unha contenda que puido caer para calquera dos dous conxuntos.

O Goiriz vence á Piringalla e encadea dúas vitorias por primeira vez na temporada (2-3). Asoma a cabeza preto do play off o Goiriz tras vencer no sempre difícil feudo da Piringalla. Imprecisións e chegadas ás áreas por medio dos dous equipos sen moita claridade nun campo rápido por mor da incesante choiva, ata o último tramo do primeiro tempo no que o Goiriz se fixo co dominio, que concretou no primeiro gol obra de Héctor. No segundo tempo os de Cora saíron mellor ao campo e Richi ampliou diferencias cun precioso gol olímpico. Repúxose unha Piringalla mermada polas baixas de varios xogadores titulares e recurtou diferncias por medio de Iker ao rematar un saque desde o curruncho. Xoel, cun gran disparo que se colou pola escadra parecía sentenciar o encontro para o Goiriz. O cadro local buscou recurtar diferencias, aínda que lle custou xerar ocasións de perigo. Nunha falta directa Simón fixo o segundo para a Piringalla.

O Rioaveso goleou ao Matela nun encontro de clara superioridade local (5-0). Dominio dos de Asier Lozano desde o comezo, sen que concederan ocasións ao Matela ao longo dos noventa minutos. Aleso e Mario Paredes puxeron en clara vantaxe aos chairegos no primeiro tempo. Tras o descanso, aínda que o marcador non correu perigo para o Rioaveso, estes tardaron en sentenciar. Os tres goles restantes chegaron no último cuarto de hora de encontro. Simo, Javi Cruz e Chechu completaron a goleada.



grupo sur

O Rubián manten o primeiro posto logo de empatar co Páramo, segundo (2-2). Encontro por todo o alto no Poste. O cadro local encaixou os mesmos goles que en todo o resto de temporada, pero foi quen de manter o liderado. Comezou mandando o Páramo cun golazo de Dani desde longa distancia. Antes do intermedio Manu aproveitou un erro do gardameta visitante para acadar o empate. No segundo tempo os de Senén López lograron darlle a volta ao marcador cun tanto en propia porta de Pepe. O Páramo buscou o empate e logo de varias ocasións Dieguito logrou o gol que fixo xustiza ao visto sobre o terreo de xogo.

O Sober vence ao Corgo e recurta diferenacias cos dous primeiros (2-1). Os de Iban Lagoa manteñen a esperanza de dar caza aos dous primeiros clasificados logo de vencer nun encontro moi disputado ao Corgo. O cadro visitante gozou dunha oportunidade moi clara nada máis comezar o encontro, pero non estiveron atinados. O Sober púxose por diante antes da media hora de xogo cun tanto de Martín, que non faltou á súa cita co gol. Afectoulle aos de Abel Rochela estar por detrás no marcador, pero foron quen de igualar o choque antes do descanso por medio de Brais. No segundo tempo o conxunto local estivo máis intenso e gañou a maior parte dos duelos, o que fixo que chegara con máis perigo á porta rival. A falta de cinco minutos para o final Núñez marcou o tanto decisivo.

O Río Sil vence ao Santa Comba nunha chuvia de goles (3-4). Quinta vitoria nos últimos seis encontros para os da Carqueixa. O encontro caracterizouse pola fraxilidade defensiva de ámbolos conxuntos. Ademáis dos sete goles, víronse numerosas ocasións para que os díxitos foran máis elevados. A igualdade no primeiro tempo deu paso ao acerto goleador do segundo no que o Río Sil sempre foi por diante no marcador.

O Chantada Atlético B vence pola mínima no campo do Relámpago Taboada (0-1). Encontro igualado na primeira metade e sen moitas ocasións de gol. Cambiou tras o paso por vestiarios. Os de Ivi Gayoso tomaron o mando do partido e chegaron a estrelar tres balóns nos paos e contaron con ocasións que parou ben o porteiro local Dani. A falta de vinte minutos para o final Raúl desnivelou o marcador a favor do conxunto visitante.

Segunda vitoria consecutiva para a Sarriana B no choque de filiais (2-1). Chegou diante do Taboada B o segundo triunfo seguido dos sarriaos. O primeiro tempo resultou parello e sen goles, aínda que con ocasións para os dous conxuntos. Nada maís comezar o segundo tempo, Rubén adiantou aos visitantes cun golazo. Un erro defensivo supuxo o empate pouco despois, obra de Vilavo. O Taboada B quedou cun home menos e o sarriaos aproveitárono para facer o segundo por medio de Adrián. Os de Dani Ríos reclamaron a expulsión dun rival por agresión, pero o árbitro non a considerou merecedora do máximo castigo.



Monterroso B – Bóveda. Encontro suspendido polo colexiado por mor dos reiterados insultos á súa persoa e a xogadores do conxunto visitante. Previamente foron expulsados tres xogadores do filial monterrosino e un membro do corpo técnico. O árbitro Saúl López Parga, que saiu do campo escoltado pola garda civil, deixou constancia na acta do sucedido.

Rubián e Páramo igualan no partidazo polo liderado no grupo sur

Xornada de empates e de claras vitorias

Rubián e Páramo igualan no partidazo polo liderado no grupo sur

Manu Cedrón, SD Pol: «A dinámica dos

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *