O Pol refíxose rápido tras a dimisión de Roberto Fernández coma adestrador coa rápida contratación de Manolo García coma novo técnico do conxunto chairego. A tarefa do novo corpo técnico é clara, acadar unha salvación na Preferente que parece factible coa xeira do equipo nos últimos encontros e os grandes reforzos que chegaron ao longo dos últimos meses, coma Iñaki ou Cuadrado. Unha nova etapa que arrincará nun partido complicado no municipal de Pol ante un Paiosaco que quere loitar por meterse no play off coa súa condición de equipo recientemente descendido da Terceira RFEF.
Futbolinlugo: Como se deu a situación de adestrar ao Pol? Esperabas a súa chamada?
Manolo García: Eu sempre tiven unha gran relación con Ramiro e con Lino, xa que cando estiven en Riotorto e en Meira adestrábamos alí. Eu tras acabar en Meira non esperaba voltar a adestrar esta tempada, pero cando me chamaron non puiden dicir que non porque esta vai ser a miña primeira experiencia na Preferente. Encima as condicións son espectaculares, cun gran campo, un staff impresionante e un cadro de xogadores moi compensado e que Roberto traballou moi ben. Nós imos manter esa liña para continuar a boa xeira de victorias e ir paso a paso.
«Os xogadores do Pol teñen un gran compromiso»
Fil: Tedes moi bos xogadores e unha inercia positiva. Que xogador foi o que máis che sorprendeu?


MG: Levo polo de agora moi poucos adestramentos ao cargo, pero o compromiso de Álex Pérez, Omar e Julio Camba é doutra categoría polo gran ritmo de adestramento, veteranía e un comportamento excelente. Todos teñen un gran compromiso e hai moitos que destacan pola súa calidade, coma Cuadrado que as súas cifras son impresionantes.
Fil: O debut pospúxose pero ven agora ante o Paiosaco, como ves o encontro?
MG: Por plantilla e análise creo que o Paiosaco, que está feito para ascender, é un rival que xenera moitas ocasións de perigo e que penso que están tendo mala sorte de cara a porta e é por iso que están na media táboa. É un equipo que vai estar na zona alta pelexando polo play off seguro. É un partido complicado para min porque inda me estou asentando e estou empapándome ao máximo da categoría.

Fil: Supoño que preferías que o debut chegase a semana pasada
MG: A verdade é que si, foi unha pena. Eu tiña moitas ilusións de debutar alí e ademais reencontrarme con Pape, que fun eu quen o trouxo para Riotorto. Ademais axudabame a ter un partido máis de rodaxe, inda que os cambios van ser poucos porque nin a xeira nin o número de adestramentos nos axudan e ademais imos estar sen Iñaki dous partidos pola súa expulsión no anterior partido.