Pastoricense, Alfoz, Antas e Rubián manteñen o pleno

Pastoricense e Alfoz no norte e Antas e Rubián no sur son os únicos equipos que suman seis puntos despois das dúas primeiras xornadas da Segunda Futgal. Por detrás, Celta Barreiros, Goiriz, Iberia, Meira e Friol tamén continúan invictos, mentres que Sarriana B e Chantada B estreáronse con vitoria tras non disputar o seu encontro da primeira xornada.

GRUPO 1

O Pastoricense impúxose ao Abadín (1-3) nun duelo de proximidade que tamén deixou un particular reencontro nos bancos. Miguel Río ‘Michi’ e Isaac Rouco, amigos fóra dos terreos de xogo e que viñan de compartir unha celebración especial para o técnico local, víronse desta vez como rivais. Edu encamiñou a vitoria visitante cun dobrete na primeira metade. Antonio Gavín ‘Tontxu’ recortou diferenzas despois do descanso e mantivo o encontro aberto ata o treito final, cando Penedo aproveitou o rexeitamento do porteiro a un remate de Borja para establecer o definitivo 1-3.

Tamén suma seis puntos o Alfoz, que superou ao Cabreiros (3-1). Borja adiantou aos locais na primeira metade, pero Xoel Laya devolveu a igualdade ao marcador antes do descanso. Na segunda, Adán Dorado volveu poñer por diante ao Alfoz e marcou por segunda xornada consecutiva. O encontro mantívose aberto ata os últimos instantes, cando Iván anotou o terceiro. Xoel Laya tamén repetiu como goleador e asinou os dous tantos que leva o Cabreiros neste inicio de curso.

Unha das remontadas da xornada protagonizouna o Mondoñedo no campo do Guitiriz (2-3). Os locais puxéronse cun 2-0 favorable grazas aos tantos de Brais Santamarina e Labrada, pero o Mondoñedo reaccionou na segunda metade. David Rivas recortou diferenzas, Nacho devolveu a igualdade ao marcador e Álex Gacio completou a remontada na recta final. O Mondoñedo consegue así os seus primeiros puntos desde o regreso á Segunda Futgal.

Tamén remontou o Castro no campo do Xove Lago (1-2). Os locais levaron a iniciativa durante unha primeira metade na que Carlos Timiraos abriu o marcador nunha acción de córner. O escenario cambiou despois do descanso. Muiña empatou cun lanzamento de falta e, co 1-1, o Xove tivo a oportunidade de recuperar a vantaxe desde o punto de penalti, pero Alberto detivo o lanzamento. Pouco despois, Aimar Veiga aproveitou unha acción na área para completar a remontada. A posterior expulsión de Sasha deixou ao Xove Lago con dez e o Castro conservou a súa primeira vitoria da temporada.

O Iberia tamén estreou a conta de triunfos ao superar pola mínima ao Xermade (0-1). Barrera anotou o único gol no primeiro cuarto de hora. Os visitantes tiveron as súas mellores oportunidades durante a primeira metade, mentres que o Xermade deu un paso adiante despois do descanso e buscou unha igualada que non chegou. O Iberia suma catro puntos e continúa sen encaixar nas dúas primeiras xornadas.

Outro equipo que conseguiu a súa primeira vitoria foi o Riotorto, que venceu ao Catro Roldas (1-0). Dante decidiu o encontro na primeira metade cunha acción individual dentro da área. O Catro Roldas buscou a igualada e foi gañando presenza no campo contrario, pero non conseguiu transformar as súas chegadas. O Riotorto conservou a mínima vantaxe ata o final.

Con todo, a derrota non foi o peor para o equipo de Román, porque se mancou o gardamallas Carmelo, que queda sen substituto natural na portería. O meta lucense terá que estar varias semanas afastado dos terreos de xogo, polo que Suso Coto deberá improvisar unha solución para poñer as luvas, xa que Carmelo é o único porteiro como tal no cadro de xogadores.

O Celta Barreiros e o Goiriz mantiveron a súa condición de invictos tras repartirse os puntos (1-1). Os locais tiveron as súas mellores oportunidades durante a primeira metade, pero o marcador non se abriu ata despois do descanso. Nun saque de esquina executado por Capi, Toni Prieto fixo o 1-0. O Goiriz adiantou liñas na procura da igualada e Muñiz empatou na recta final, tamén nunha acción de córner. O propio Toni Prieto acabou expulsado por dobre amoestación nos últimos instantes.

Tamén rematou en empate o encontro entre a Candelaria e o Meira (1-1). Seido adiantou aos locais mediada a primeira metade e permitiu á Candelaria chegar con vantaxe ao descanso. O Meira medrou na segunda e atopou o empate nos últimos momentos, cando López rematou un centro de Andrés Bravo. O defensa de Pacios forma parte da quinta do 2007 que esta temporada deu definitivamente o salto ao primeiro equipo. O encontro deixou ademais varios contratempos físicos no Meira, con Roi e Iago Dorado pendentes de evolución.

GRUPO 2

O Antas sumou a segunda vitoria consecutiva ao superar ao San Roque nun encontro de dúas caras (3-2). Os locais saíron con maior intensidade e encamiñaron o triunfo durante unha primeira metade na que Alexandre e Jorge abriron diferenzas. Portu ampliou a vantaxe desde o punto de penalti, pero o San Roque reaccionou na segunda metade. Yelko, cun dobrete por segunda semana seguida, devolveulle as opcións de puntuar e os visitantes estiveron preto de completar a remontada no treito final. O Antas resistiu para manter o pleno de puntos.

Tamén conta os seus partidos por vitorias o Rubián, que freou o bo inicio do Corgo (3-1). Corti e Tou encamiñaron o triunfo local cos dous primeiros tantos. O Corgo buscou reducir diferenzas, pero atopouse cun inspirado Casillas baixo paus. Manuel Lagoa ampliou posteriormente a vantaxe e marcou por segunda xornada consecutiva. Xa nos últimos instantes, o corgués Lois reduciu diferenzas co 3-1 definitivo.

O Friol e O Incio sumaron cadanseu punto nun encontro de dúas caras (3-3). Os locais dominaron o marcador durante unha primeira metade na que Marcos Arias, cun dobrete, e Róber colocaron un contundente 3-0. Antes do descanso, Valenzuela recortou diferenzas e mantivo ao Incio dentro do partido. O escenario cambiou na segunda metade. Valenzuela volveu marcar e Javier Urdi completou a remontada para permitir ao Incio sumar o seu primeiro punto. Marcos Arias, pola súa parte, eleva a catro a súa conta de goles nas dúas primeiras xornadas.

O Chantada B estreouse na competición cun triunfo ante o Portomarín (4-1). Neira abriu o marcador ao aproveitar un rexeitamento nunha acción a balón parado e Miguel ampliou a vantaxe nunha transición. O Portomarín quedou con dez antes do descanso e Manu anotou o 3-0 co que se chegou ao intermedio. Malia a inferioridade, os visitantes reaccionaron na segunda metade e David, tras un pase atrás de Arturo, reduciu diferenzas. Xa nos últimos instantes, Cristian estableceu o resultado definitivo.

Tamén se estreou con vitoria a Sarriana B, que levou os tres puntos do campo do San Lázaro (1-2). O filial tivo máis presenza co balón e Fabio Vilaro abriu o marcador durante a primeira metade. A resposta local foi inmediata e Dawit conseguiu o empate co que se chegou ao descanso. O 1-1 mantívose durante boa parte do segundo tempo, ata que, xa moi preto do final, Baralla aproveitou unha acción con varios rexeitamentos dentro da área para darlle o triunfo á Sarriana B.

O Ferreira conseguiu os seus primeiros puntos ao superar A Piringalla (2-4). Os visitantes encamiñaron o encontro durante unha primeira metade na que Rafa, Maki e Fagín colocaron un 0-3. A Piringalla reaccionou á volta dos vestiarios e meteuse de cheo no partido con dous goles en poucos minutos, obra de Hugo Sánchez e Óscar López ‘Pipi’. O Ferreira freou a reacción local pouco despois por medio de Julio, autor do 2-4 definitivo.

Tamén estreou a conta de vitorias o Santa Comba, que superou ao Paradela (0-2) nun encontro moi igualado durante boa parte da tarde. A primeira metade transcorreu sen goles e con poucas ocasións claras, unha tónica que se mantivo durante boa parte do segundo tempo. O partido rompeuse no treito final, cando Álex adiantou aos visitantes cun lanzamento de falta directa desde fóra da área. O Paradela buscou a igualada e, xa co equipo local envorcado, Jorge aproveitou unha contra para facer o 0-2.

O Monterroso B levou o derbi da Ulloa ante o Palas (2-1) e sumou os seus primeiros puntos da temporada. Joselu adiantou cedo ao filial, pero a resposta visitante chegou poucos minutos despois por medio de Samuel Varela ‘Piti’. A igualdade mantívose ata avanzada a segunda metade, cando Yoni Mejuto anotou o 2-1 que acabou dándolle a vitoria ao Monterroso B.

Pastoricense, Alfoz, Antas e Rubián manteñen o pleno

Chantada entra pola porta grande

Pastoricense, Alfoz, Antas e Rubián manteñen o pleno

Corgo B e Becerreá B debutan con