
Está sendo unha semana moi especial en Futbolinlugo. O pasado domingo superamos as 8.200 visitas nun carrusel inolvidable. E tan só dous días despois traémosvos o primeiro Diario dun mercado desta ventá estival. O capítulo número 500 deste xa clásico do verán. Case nada!
Como ben podedes imaxinar, é un Diario de despedidas aínda que tamén temos algunha boa noticia que outra. Comezamos! Na Preferente coñecemos a retirada de Luis cando finalice esta campaña histórica para o Lemos. Na Primeira, dous emblemas din adeus. Chura pecha un exitoso e longo ciclo no Brollón. E o mago Álex Novás, un asiduo nos All Star Futbolinlugo, colga as botas no Santaballés. Grazas polo teu fútbol ’10’! Non é o único que marcha da Liga. Nito despídese da branquiazul cunha folla de servizos intachable.

Seguimos na categoría e viaxamos cara Lourenzá. En medio da ledicia da permanencia laurentina, o capitán Jorge pecha o seu ciclo futbolístico. Un líder que deixa unha pegada máis que notoria nun vestiario e nun pobo que recoñecen o seu gran facer. Uns quilómetros máis ao norte, temos retirada por partida dobre. O gardamallas Hugo deixa o equipo do seu pobo ao igual que o incombustible Cristian. O Foz xa non será o mesmo sen eles!
Na Segunda, o Santa Comba terá que moverse no mercado e atopar substituto para Yeray no banco. O mozo técnico asinou unha espectacular primeira volta no Tras do Novo. Xa na Terceira, Roi renova como adestrador do Incio e buscará o ascenso que se lle escapou neste final de campaña. Ademais, o zagueiro Juan Rivero volve marchar do Páramo.


