#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

Xornada de seis puntos para o Incio

No grupo norte descansou o líder. O Racing Vilalbés B afronta unha xornada na que un triunfo no campo do Cazás sería definitivo para festexar o ascenso no seu primeiro ano de historia. Incluso sen gañar, si o Rioaveso non logra a vitoria en Abadín, os de Iván Lamas serían equipo de segunda. O Mondoñedo segue con paso firme camiño do seu retorno a Segunda e derrotou nun bo partido ao Nuevo Nausti. A pelexa por entrar no play off promete emoción ata a derradeira xornada.

No grupo sur, Incio e Palas xogaron o domingo o encontro aprazado por mor da neve e os de Julio Corral saíron vitoriosos, ao igual que no encontro disputado o día anterior fronte ao Monterroso B. Con estes seis puntos os da Terra Brava están en postos de ascenso. Co triunfo diante do Páramo, o Sober deu un paso de xigante para xogar a promoción de ascenso.

grupo norte

O Mondoñedo sacou a súa mellor versión para vencer ao Nuevo Nausti (2-0). Encontro controlado desde o comezo polo cadro mindoniense. Os de Isra amosaron unha gran imaxe e controlaron por completo o potencial ofensivo dos chairegos, sen conceder apenas ocasións de gol. Jacobo abriu a lata na primeira metade e confirmou os tres puntos na segunda con outro tanto. O Nuevo Nausti acusou as baixas e non tivo opcións no Viñas da Veiga. A boa actuación de Manu Jr privou ao Mondoñedo dun resultado máis abultado.

O Rioaveso segue na pelexa polo ascenso directo cun triunfo in extremis ante o Cazás (2-1). Encontro de ritmo lento en Paraños. O conxunto visitante adiantouse moi rápido no marcador cun tanto de Hugo a centro de Roberto. Os locais aproveitaron un erro defensivo do Cazás para igualar por medio de Alexo. O encontro igualouse e o Rioaveso xerou perigo a balón parado. Na segunda metade os de Manu Veiga subiron liñas e, sen practicar un fútbol moi vistoso, xeraron ocasións de gol. Logo dun intercambio de ocasións, o Rioaveso remontou o encontro no minuto 99 ao rematar Amido un saque de córner. O Cazás protestou a acción do córner e o largo desconto que decretou o colexiado.



O Catro Roldas prolonga a súa xeira negativa cun empate diante do Matela (1-1). Os de David Lorenzo non puideron co pechacancelas na Canteira. O encontro comezou cunha desafortunada xogada para o cadro local. Logo de varios rexeites Santi marcou para o Matela no medio das protestas dos locais ao considerar que existía fóra de xogo. A polémica seguiu cando pouco despois o propio Santi foi expulsado. Tardou uns minutos o Catro Roldas en asimilar o mazazo, pero pouco a pouco foron xerando ocasións diante dun Matela ben replegado. As máis claras nos pés de Moha e Forlin. Na segunda metade o encontro seguiu un guión semellante. Os visitantes eran quen de saír á contra con perigo e contaron con dúas claras ocasións de gol. O Catro Roldas contou tamén con varias opcións claras de gol que o gardameta desbaratou. No minuto 80 o colexiado anulou un tanto ao Matela por fóra de xogo. Xa no desconto Luis, de tiro cruzado, fixo o empate e Burgás tivo nas súas botas o tanto do triunfo. No último suspiro dun desconto eterno o Matela voltou marcar e colexiado anulou de novo o tanto. Desta volta o conxunto visitante protestou airadamente a decisión ao entender que era un tanto legal.

Cora e Mora, o dúo de moda no Celeiro, artífices do triunfo fronte ao Friol B (3-0). Comezou mellor o cadro visitante, que gozou dun penalti para poñerse por diante, pero Ceas providencial de novo na portería, detivo o lanzamento. Os de Martín Rodríguez viñéronse arriba e comezaron a dominar o partido. As ocasións non tardaron en chegar e sobrepasada a media hora de encontro Mora abriu o marcador. Na segunda metade Cora puxo terra de por medio e Mora, preto do final sentenciou o choque. Moi superior nos segundos corenta e cinco minutos un Celeiro que puido golear se non fora pola boa actuación do gardameta do Friol B.

GRUPO SUR – ENCONTRO ADIADO

O Incio venceu ao líder e ocupa posto de ascenso (2-1). Os de Julio Corral pasan por ser o conxunto máis en forma neste sprint final de Terceira. No encontro adiado por mor da neve, o cadro local derrotou ao Palas nun encontro moi serio no que se adiantou nun córner que sacou Urdi e que rematou Edu. Un cuarto de hora máis tarde o seu irmán Samuel fixo o segundo de tiro cruzado logo dunha pérdida de balón visitante. Na segunda metade o Palas trocou de sistema e aproveitou o baixón físico do Incio e chegou con claridade á portería do Incio. Logo de recurtar diferencias o Palas tivo media hora de bo xogo e contou con varias ocasións para lograr o empate, pero a boa labor defensiva do Incio impediu o tanto dos de Brais Vázquez, que melloraron co paso dos minutos.



grupo sur

O Palas goleou ao Relámpago Taboada nun encontro sen historia (5-0). O cadro local presentou un once cheo de xogadores non habituais, pensando no encontro do día seguinte fronte ao Incio. O partido comezou cun ritmo lento e o Relámpago tivo os seus mellores minutos, sobre todo ata que o Palas abriu diferencias no marcador. No segundo tempo os de Brais Vázquez foron moi superiores diante dun Relámpago moi crítico coa actuación do colexiado.

O Incio venceu ao filial monterrosino cun solitario tanto de Urdi (0-1). O partido chegou precedido dunha certa polémica en torno ao horario do encontro, ao ter que xogar o Incio ao día seguinte fronte ao Palas. No estrictamente deportivo os de Julio Corral prantexaron un partido moi serio, que malia o igualado do marcador, controlaron o encontro na súa maior parte. O Monterroso B non xerou grandes ocasións de gol, pero realizou un bo traballo defensivo que impediu chegadas con moito perigo por parte do Incio. No segundo tempo unha pena máxima transformouna Urdi no que foi o único tanto do encontro. Os de Javichu non tiveron ideas en ataque e non foron quen de inquedar a zaga do Incio.

O Rubián vence no derbi co Bóveda e segue a dous puntos do ascenso (0-4). Cuarta vitoria consecutiva para o Rubián. Foi mellor o cadro dirixido por Senén López, tal e como reflexa o resultado, aínda que este puido ser algo elevado para o visto durante os noventa minutos no Hermanos Somoza. Os erros defensivos do Bóveda resultaron decisivos fronte a un Rubián que non tivo piedade dos seus veciños.

Triunfo do Quiroga en Castroverde para seguir moi preto do ascenso directo (1-3). Os visitantes comezaron moi ben o encontro e antes da media hora de xogo xa contaban con dous tantos de vantaxe. Jose, diante do seu ex equipo, fixo o primeiro e Sergio Pollo ampliou diferencias. O Castroverde mellorou co paso dos minutos e contou con varias ocasións de gol que desbaratou o porteiro Marquiños. O Quiroga saiu na segunda metade coa intención de baixar o ritmo do encontro, pero o Castroverde saiu de vestiarios moi ben e non tardou en recurtar diferencias cun tanto de Samu e contou con varias ocasións para facer o empate. A falta de quince minutos para o final, Sergio Pollo á contra sentenciou o encontro.

O Sober golea ao Páramo e aséntase nos postos de promoción (4-0). O cadro local amosouse moi superior a un irrecoñecible Páramo ao longo de todo o partido. Os de Iban Lagoa entraron moi ben ao partido e aos vinte minutos xa tiñan dous tantos de vantaxe, ámbolos dous obra de Jaco. O Páramo non foi quen de xerar perigo ante a portería rival, aínda que axustou a súa defensa para seguir no encontro. Na segunda metade o lateral Sergio exerceu de gardameta no Páramo e os de Jony Lombardía buscaron o empate á desesperada, pero só Borjita foi quen de xerar perigo cun testarazo. O Sober, ben plantado en defensa saía á contra na procura da sentencia. Esta non chegou ata moi preto do final, con dous goles de David ao aproveitar dúas perdas de balón visitantes.



O Santa Comba sumou no Anexo á Medela o cuarto empate consecutivo (2-2). Encontro parello no que os visitantes comezaron mellor e foron quen de adiantarse no primeiro minuto xogo, cun gol pola escadra de Raúl. O propio goleador e máis Tito tiveron que abandoar o terreo de xogo lesionados aos quince minutos, feito que trastocou os plans do Santa Comba. O Taboada B xerou perigo en balóns en longo á espalda da defensa e antes do intermedio foron quen de igualar cun tanto de Iván ao rematar unha falta lateral. Na segunda metade o filial do Taboada deulle a volta ao marcador cun golazo de Pita pola escadra, tanto protestado polos xogadores visitantes por posible fóra de xogo. Co marcador en contra Ángel Merino trocou de sistema e arriscou na procura dun empate que chegou moi preto do final. Marcos aproveitou un rexeite do porteiro para sumar un punto importante para os seus.

Xornada de seis puntos para o Incio

O ‘heroe’ San Brandán e o hat-trick

Xornada de seis puntos para o Incio

A Porra de Futbolinlugo, 25

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *