A Milagrosa trae as boas novas dunha xornada con luces e sombras

O fútbol feminino provincial baixou o pano á competición regular cunha xornada chea de emoción, despedidas e balance desigual para os equipos lucenses. A Milagrosa deu un paso case definitivo cara ao play-off na Segunda Futgal, mentres que na Primeira e Terceira Futgal houbo luces e sombras entre os representantes da provincia.

O Antas cae ante un Victoria CF B máis efectivo

Na Primeira Futgal, o Antas non puido puntuar no seu desprazamento ante o Victoria CF B, que se impuxo por 3-1. As herculinas estiveron máis cómodas no primeiro tempo e conseguiron adiantarse grazas a un tanto de Aroa.

O equipo ulloán reaccionou tras o descanso e atopou o empate por medio de Nuria, pero cando mellor parecían estar as visitantes chegaron dous novos golpes do filial coruñés que acabaron decidindo o encontro.

A Milagrosa queda ás portas do play-off cunha goleada en Frigsa

A Milagrosa continúa firme no seu obxectivo de disputar o play-off de ascenso e deixou unha nova exhibición en Frigsa tras superar con autoridade ao Unión Campestre por 4-0. O conxunto dirixido por Héctor Expósito resolveu practicamente o encontro nun inicio fulgurante.

As protagonistas do arranque foron Candela Otero e Candela Gallego. Entre ambas encargáronse de desarborar á defensa visitante e, en apenas vinte minutos, a Milagrosa xa mandaba con claridade no marcador grazas a tres tantos das dúas futbolistas.

Co partido encamiñado, as lucenses souberon controlar o ritmo na segunda metade, sen conceder ocasións e administrando a vantaxe con solvencia ata pechar unha nova vitoria diante da súa afección. O triunfo permite á Milagrosa seguir dependendo de si mesma para asegurar unha praza no play-off.

O San Lázaro compite ata o final pese ás baixas

Non puido sumar o San Lázaro na súa visita ao Orillamar, onde caeu por 2-0 nun partido condicionado polas numerosas ausencias. O equipo lucense desprazouse á cidade deportiva da Torre con só once xogadoras, pero aínda así ofreceu unha imaxe competitiva.

As locais conseguiron impor o seu ritmo e aproveitaron as súas ocasións para levar os tres puntos, aínda que o San Lázaro resistiu durante moitos minutos e mantivo vivo o encontro grazas ao esforzo colectivo.

Festival ofensivo e empate tolo no Luis Bodegas

Un dos partidos máis espectaculares da fin de semana viviuse no Luis Bodegas, onde Monte Forte e San Roque empataron 4-4 nun duelo cheo de alternativas.

Henar converteuse na gran protagonista do equipo local cun triplete que parecía encamiñar a vitoria para as lucenses. Con todo, o San Roque non baixou os brazos e conseguiu rescatar un punto nos últimos minutos grazas aos tantos de Marián, Moji e Pedemer.

O Chantada planta cara ao Cruces coa canteira

O Chantada despediu a temporada cunha derrota por 2-0 fronte ao Cruces, aínda que o resultado quedou nun segundo plano. Co ascenso xa asegurado, o técnico “Fornas” apostou por varias xogadoras en idade cadete, que responderon cun bo papel sobre o terreo de xogo.

A escuadra do Asma competiu con personalidade e soubo manterse dentro do partido durante moitos minutos ante un rival máis experimentado.

O Carballedo pecha o curso cun triunfo na Barrela

O Carballedo puxo o broche á campaña cunha vitoria por 2-0 diante do Lalín. O equipo da Barrela mostrouse sólido durante todo o encontro e resolveu grazas aos tantos de Vero e Carliña.

As locais despediron así a temporada cun bo sabor de boca diante da súa afección.

A Comercial non pode frear ao Bandeira

A Comercial tampouco puido pechar o curso con alegría e acabou superada polo Bandeira, que venceu por un contundente 6-0.

As lucenses pelexaron durante todo o partido e intentaron manterse competitivas, pero o acerto ofensivo das locais marcou as diferenzas nun encontro moi esixente.

A Milagrosa trae as boas novas dunha xornada con luces e sombras

Diario dun mercado. Episodio 500