
O Chantada feminino celebrou no Sangoñedo un ascenso máis nesta tempada tras impoñerse por 2-0 ao Bandeira. Nun día especial, as xogadoras saíron ao campo acompañadas das súas nais, nun xesto emotivo antes do inicio. O conxunto visitante avisou primeiro nun lanzamento de falta que Deva resolveu con seguridade, pero pouco a pouco as locais fóronse asentando. Antes do descanso, Iria aproveitou un roubo en zona perigosa para adiantar ás da vila do Asma. Co marcador a favor, o Chantada gañou tranquilidade e, xa na segunda metade, Bea puxo a sentenza. Dende aí, tocou xestionar o tempo ata un asubío final que deu paso a unha celebración merecida polo salto á Segunda Futgal. Outro ascenso en terras do val do Faro que se une ao celebrado pola volta a Preferente do equipo masculino.
A Milagrosa leva o derbi capitalino da Segunda Futgal

O duelo lucense entre a Milagrosa e o San Lázaro caeu do lado local (2-1) nun partido marcado pola choiva, que acelerou o ritmo do xogo. Anita adiantou ás celestes, pero a resposta foi inmediata: Candela, recentemente chegada, igualou o marcador poucos minutos despois. O encontro mantívose aberto e con alternativas ata o descanso. Na reanudación, a Milagrosa deu un paso adiante e Gabi anotou o tanto decisivo que permite ás súas seguir na pelexa polos postos de play-off.
O Antas recupera a senda da vitoria tirando de carácter

O Antas regresou ao camiño do triunfo cunha traballada vitoria por 3-2 fronte ao Victoria FC B. O partido comezou costa arriba para as locais, que viron como o rival golpeaba primeiro. A reacción non se fixo esperar e Nuria puxo o empate, aínda que as visitantes volveron tomar vantaxe pouco despois. Lonxe de renderse, o Antas conseguiu igualar de novo antes do descanso. Xa na segunda metade, o equipo deu un paso adiante en xogo e intensidade, culminando a remontada cun bo gol de Elisa que deixou os tres puntos na casa.



