- O Folgueiro volveu catro anos despois á Primeira Futgal
- O Lemos B é líder cun punto de marxe sobre o Becerreá a dúas xornadas do final
- O Monterroso B aviva a loita pola permanencia
- A final da Copa Deputación será no Sangoñedo de Chantada. Clasificáronse para xogala o Xermade e o San Roque, pero o Ferreira presentou reclamación por aliñación indebida do equipo capitalino.
A Segunda Futgal lucense afronta as dúas últimas xornadas de liga regular, despois dunha primeira fin de semana de maio de descanso para a maioría dos equipos. O grupo norte ten xa campión: O Folgueiro adiantou o partido co Pastoricense da 29ª xornada, gañou e certificou o seu regreso á Primeira catro anos despois. Guitiriz, Riotorto e Alfoz (con mínimas opcións) pelexarán pola praza de promoción.
O Lemos B é o novo líder do grupo sur, despois de vencer en Becerreá o 1 de maio. Este encontro pendente da xornada 17 sabíase que era moi importante para ambos equipos. Os locais chegaban con dous puntos máis, pero a dinámica do Lemos B impúxose. Agora quedan dúas xornadas nas que o filial non debe fallar e o Becerreá ten que esperar. O que non suba directo, xogará xa seguro a fase de ascenso.
Á xornada 17 tamén pertencía o encontro entre o Monterroso B e o Ferreira. O filial sumou o seu segundo triunfo consecutivo e saíu da última praza. É penúltimo con 29 puntos, igualado co Páramo, a un do San Lázaro e a catro do Chantada B.
De acabar agora a liga:
Ascendeu directo: Folgueiro
Ascenso directo: Lemos B
Promoción de ascenso: Guitiriz e Becerreá
Descenso por arrastre (un ascenso no play off, elimina un arrastre ata un máximo dun en cada grupo): Sp. Pontenova, Castroverde e O Páramo
Descenso directo: Matela, San Ciprián, Monterroso B e Sober
O Ferreira reclama aliñación indebida do San Roque nas semifinais de Copa
A primeira fin de semana de maio non estaba prevista xornada de liga, porque quedou espazo reservado para a Copa Deputación da Segunda e da Terceira. Xogáronse as semifinais do torneo, que tiveron idéntico resultado pero nun lado a favor do equipo local e noutro do visitante: Xermade 2-1 Sporting Pontenova e Ferreira 1-2 San Roque.

A final xa ten data e sede. Desputarase o domingo 24 de maio ás 18:00 horas no Sangoñedo de Chantada, localización que coincide na dirección contraria a onde podería ser o punto de encontro entre Lugo e Xermade. Non obstante, a presenza do San Roque por segunda temporada consecutiva na final está en dúbida.
Nas últimas horas, o Comité de Competición comunicou que o Ferreira presentou unha reclamación por suposta aliñación indebida do San Roque nese encontro do pasado domingo. O cadro local pon o foco na convocatoria de Lucas Teixeira e Renam da Silva, xogadores incorporados nos últimos meses o club capitalino. Lucas ingresou no partido no minuto 54 e Renam no 84, segundo se recolle na acta da eliminatoria.
O Comité concédelle ao San Roque o prazo de dous días para que envíen as alegacións que estimen oportunas. Ao mesmo tempo, dálle o mesmo prazo ao Departamento de Licencias e Competicións da Real Federación Galega de Fúbtol para que emita informe sobre a situación competicional e federativa dos xogadores obxecto de sanción. A partir de aí, emitirá unha resolución.
Tal e como se recolle na circular de competición da Copa, o período de solicitude de licencias de futbolistas rematou o venres 13 de marzo ás 18:00 horas. Trátase dunha data diferente á da liga, onde se puideron inscribir xogadores ata o 17 de abril.
Ambos os dous xogadores xa participaron na eliminatoria de cuartos de final na que o San Roque superou ao Lemos B nos penaltis en Semana Santa (5 de abril) e tamén noutros encontros de liga. Non obstante, a autoridade competente comprobará a data de alta da licencia e decidirá como resolve a reclamación do club de Pantón.
O partido foi igualado, con bastante xogo directo, no que o San Roque comezou mellor e foi lixeiramente superior no primeiro tempo. Adiantouse cun gol de Jul, pouco antes do descanso, despois dunha falta pateada por Yelko.
No segundo acto, o Ferreira equilibrou forzas, primeiro, no xogo e, logo, tamén no resultado. Lucas igualou o partido cerca do minuto 70.
O encontro decidiuno o talento de Yelko Núñez. O máximo goleador do torneo con 6 seis tantos marcou de gol olímpico pouco antes do minuto 90.

O Xermade volverá intentalo na Copa
O Xermade cumpre o obxectivo marcado nas últimas semanas e estará nunha nova final da Copa Deputación. Os pupilos adestrados por Borja Bouza buscarán lograr o primeiro título deste calibre para o club.
O cadro xermadés adiantouse no momento idóneo, xusto antes do tempo de lecer. Por medio dun penalti, o capitán Esteban ensinou o camiño da vitoria aos seus.
Á hora de xogo, Álex Gimeno marcou un gran gol para impoñer a tranquilidade no Municipal. Con todo, o Sporting Pontenova non baixou os brazos. Xa na recta final recurtou diferenzas por medio de Marcos. Non tivo tempo de forzar a prórroga.
O Ás de Copas:

O Folgueiro volve á Primeira catro anos despois
Na temporada 2021/2022, o Folgueiro baixou novamente a Primeira Futgal. Catro campañas despois, o proxecto comandado dende o banco por Manuel Vicente e Aurelio Veiga deu os seus froitos. O equipo dependía de si e acordar adiantar o partido co Pastoricense, permitiulle despois celebralo un venres festivo.
O Pastoricense tratou de afrontar o partido como puido, só con once xogadores. Non obstante, esta fin de semana aínda dispoñían de menos, polo que accederon a xogar antes da data fixada. Os locais sacaron a relucir o mellor do seu balón parado e sentenciaron o encontro no primeiro tempo.
O incombustible Álvaro e Ángel marcaron antes do primeiro cuarto de hora. Álvaro repetiu pouco despois e asinou o seu dobrete particular. Edu sacou o orgullo visitante para recurtar distancias, pero a Oki aínda lle deu tempo de marcar o cuarto antes do descanso. Vixésimo gol do futbolista xovense.
O segundo tempo xa foi de trámite e a festa desatouse sobre o terreo de xogo da parroquia vicedense. Os futbolistas xa puideron levantar a copa de campión de grupo.
O Folgueiro acadou o campionato e o ascenso con 62 puntos, conseguidos en dezaoito vitorias e oito empates. Só perdeu tres partidos na temporada (un só na segunda volta). É con diferenza o equipo máis goleador do grupo (82) e o que menos encaixa (30).
Na parte alta, tan só queda por decidir quen ocupará a praza de promoción. O Guitiriz é 2º con 56 puntos, un máis que o Riotorto e cinco máis que o Alfoz.
Na zona baixa tamén hai novidades. O descenso oficial do Iberia en Primeira Futgal arrastra ao 14° do grupo, que agora mesmo é o Castroverde. Deste xeito, os tres últimos conxuntos estarían descendidos (tamén Matela e Sanci). Non obstante, a esperanza sería que non baixasen máis equipos da zona norte da Primeira e que o equipo que xogue play off deste grupo en Segunda, suba. Desa maneira o arrastre quedaría liberado. Hai que seguir pendentes.
O ascenso pónselle de cara ao Lemos B
O venres festivo tamén se aproveitou para poñerse ao día o grupo sur da Segunda Futgal. Fíxoo no límite, antes das dúas últimas xornadas, pero é que tampouco houbo moito cando polos compromisos de Copa dalgúns dos implicados. Dende a xornada 17 estaban pendentes o Lemos B – Becerreá e o Monterroso B – Ferreira. Naquel momento non ían ser tan trascendentes como si o foron agora.
O Lemos B derrotou ao Becerreá (0-2) e quitoulle o liderado. Agora o filial lemista acumula 62 puntos, un máis que o Becerreá. Tamén ten gol average ao seu favor.
Encontro de ti a ti. Ambos os equipos eran conscientes das súas necesidades. Ao Lemos B só lle valía gañar. Aínda que o Becerreá imprimiu un ritmo moi alto, os visitantes aproveitaron a súa presión para adiantarse no minuto 10 por medio de Adri.
A balón parado tratou o Becerreá de igualar, pero estivo acertado o gardamallas do filial. No segundo tempo, o Becerreá saíu a por todas, pero o rival amosou un gran nivel defensivo cunha boa actuación de Nico e Vila.
O Lemos B dispuxo dalgunha acción perigosa á contra, pero o encontro non se resolveu ata os instantes finais, cando Adri completou o seu gran partido co segundo gol.
O Monterroso B aviva a permanencia
O filial monterrosino non desaproveitou a oportunidade de seguir moi vivo na loita pola salvación. Sabía que podía saír da última posición e igualar co Páramo. Así o fixo, venceu ao Ferreira con remontada (2-1).
Iso que semellaba que as pantasmas da falta de gol, ían volver pesar nos locais. Desperdiciaron ocasións no primeiro tempo e quen marcou foi o Ferreira por medio de Amadeo.
No segundo tempo, notouse quen necesitaba máis os puntos. O filial deulle a volta o marcador en dúas accións a balón parado. Manel e Crespo, que volveu ao club nas últimas semanas, foron os autores.
Polo momento non hai ningún descenso de Primeira confirmado para a zona sur. Con todo, dado que na Primeira ourensá o Brollón tamén pelexa pola salvación, existe o risco de que se produzan tres arrastres. Para iso, terían que descender dous equipos da zona sur na Primeira de Lugo, tamén baixar o Brollón e que non subise o equipo que xoga play off en Segunda. Sería o peor dos escenarios.
Agora mesmo, o Sober é o peor clasificado con 27 puntos. Dous máis teñen o Monterroso B e O Páramo. Con 30 preséntase o San Lázaro (próximo rival do Sober), con 33 o Chantada B e con 35 o Paradela.
Hai que lembrar que o descenso da Sarriana non implicará un arrastre na Segunda Futgal. O único equipo lucense que lle podería afectar sería ao Burela na Preferente. O arrastre na Primeira involucraría ao 15º do Grupo 5. Polo que non inflúe na Segunda da provincia. Todo isto no caso de que non ascenda o equipo galego que xogue a última eliminatoria polo ascenso en Terceira Federación. Nese caso, o arrastre quedaría invalidado.

