Echavarri e Portu, eficiencia goleadora ao poder

  • Echavarri e Portu destacaron polos seus goles. Echavarri marcou os tres do Riotorto na importante vitoria ante o Alfoz. O cadro riotortense mantén a súa diferenza no liderado do grupo norte. Portu anotou os catro no triunfo do Antas ante a Sarriana B para seguir na parte nobre da táboa no sur.
  • O gran equipo do momento segue sendo o Guitiriz. Suma nove partidos seguidos sumando de tres, máis o triunfo na Copa. Tamén está de doce o Friol con cinco vitorias consecutivas. Do descenso pasou a consolidarse na zona media.
  • O San Roque ten novo adestrador. Tras a marcha de Piru ao Xove, José Cendán ‘Basi’ dirixirá ao club de Montirón. Estrearase esta fin de semana precisamente ante o Friol. En canto a novas de xogadores, destaca a fichaxe de Samba polo Lemos B, o dianteiro que fora goleador no Ferreira.

A 18ª xornada da Segunda Futgal mantén ao Riotorto e o Becerreá coma líderes. Ambos sumaron a súa 13ª vitoria do curso. A pelexa polo primeiro posto e a promoción está algo máis igualada no norte, aínda que existen diferenzas de polo menos un partido entre rivais.

Neestes momentos a salvación do norte semella ser asunto de catro equipos: Casás, Castroverde, Matela e Sanci. En cambio, no sur, por agora, varios equipos están na pomada. Existen nove puntos entre o 7º é o descenso. Se comparamos esas mesmas posicións no norte dános unha diferenza de 19 puntos.

Lembrade que cando falamos dos arrastres poñémonos no peor caso. Un ascenso na promoción dun equipo da Segunda libera un arrastre no grupo do que proceda. Se rematase así a liga no sur e o Santa Comba lograse subir, tras superar dúas eliminatorias na promoción ante equipos da provincia da Coruña, a posición actual de arrastre do Páramo quedaría anulada. 

De acabar agora a liga:

Ascenso directo: Riotorto e Becerreá

Promoción de ascenso: Guitiriz e Santa Comba

Descenso por arrastre (un ascenso no play off, elimina un arrastre ata un máximo de dous): Castroverde, Sober e O Páramo

Descenso directo: San Ciprián, Matela, Chantada B e San Lázaro

Echavarri guiou ao Riotorto ante o Alfoz

O club riotortense solventou a primeira das grandes citas que afronta nas próximas semanas. Venceu ao Alfoz (3-0) e alcanzou os 42 puntos. Mantense coma líder, con catro de marxe sobre o Guitiriz e sete con respecto ao Folgueiro (cun partido menos). 

Acumula 13 triunfos no que vai de curso. Nas próximas dúas xornadas afronta as saídas a Xermade e Guitiriz (con Copa polo medio) e na última fin de semana de febreiro recibirá ao Folgueiro

A derrota deixa ao Alfoz na 5ª posición con 32 puntos, a seis do play off que marca o Guitiriz. O cadro guitiricense será o seu seguinte rival. 

Plantoulle cara o Alfoz ao Riotorto na Veiga, pero a calidade ofensiva dos locais fixo que o encontro practicamente se decidira na primeira media hora. Os visitantes trataron de ter o control do xogo a través do balón, pero pagaron caros os seus erros atrás. 

Ao redor do minuto 10, unha combinación entre Carlos e Osky foi finalizada a gol por David Echavarri no segundo pau. Ao pouco, unha boa presión do atacante permitiríalle definir no man a man co gardamallas rival. 

Uns minutos despois, chegou o terceiro, nunha nova resolución de Echavarri ante Jacobo. Hat-trick en menos de vinte minutos. Nove goles leva na temporada o xogador navarro, que pasou na provincia pola Sarriana, o Ribadeo e o Cabreiros. 

No segundo tempo, o Alfoz meteu en zona defensiva ao rival, pero non foi capaz de xerar o suficiente perigo coma para crer na remontada. 

Noveno triunfo seguido do Guitiriz ante un competitivo Casás

Pasou xaneiro e o Guitiriz segue gañando. Dende que o 16 de novembro superara ao Cabreiros non perde. Unido ao da Copa, leva dez triunfos consecutivos. Vén de derrotar ao Casás (3-1). Por segunda semana seguida mantén o posto de promoción de ascenso, a espera de que o Folgueiro recupere o seu partido aprazado. 

Pola contra, o Casás continúa na zona baixa. Os equipos que lle seguen tampouco puntuaron, pero si o fixeron os que están por riba del (Sporting Pontenova e Pastoricense). É 13º, agora mesmo o arrastre sería para o 14º (Castroverde) co que ten cinco puntos de marxe

Os visitantes presentáronse no Suso Cruz con 13 xogadores. Os pupilos preparados por Diego Barreiro competiron a un bo nivel, aínda que nos últimos intres pagaron o esforzo físico. Nunha primeira metade de posesión local, o Guitiriz púxose por diante cun tanto de Antón. Soubo levar perigo o Casás, que igualou antes do descanso por medio de Seco

Tivo o seu momento o Casás para marcar, pero á hora de xogo quedou cun futbolista menos pola expulsión de Luis. As pernas xa non responderon igual e, aínda que Suso Lorenzo tamén foi expulsado no Guitiriz, puido máis o ímpeto dos locais. 

Nun balón parado, Mauro marcou antes do 80. A proximidade no marcador aínda lle deu algún achegamento o Casás, pero o Guitiriz tamén puido sentenciar antes. Finalmente Labrada anotou o terceiro preto do final. 

Vitoria axustada do Folgueiro ante un combativo Castroverde

O equipo do Vicedo sumou o décimo triunfo do curso ao superar ao Castroverde (3-2). A espera de recuperar o encontro aprazado, o Folgueiro é 3º con 35 puntos, a tres do Guitiriz e a sete do Riotorto. 

En cambio, o Castroverde continúa na antepenúltima praza (tamén cun partido menos). Agora mesmo seguiría en posición de arrastre por mor dun descenso directo para o norte dende a Primeira. A salvación podería estar a cinco puntos. No caso de que sexan dous os conxuntos de Primeira que descendan para este grupo, a permanencia estaría agora a once puntos (12º – Sporting Pontenova). 

Os locais comezaron dominando o xogo. Con todo, na primeira acción na que o Castroverde pisou campo rival forzaron un penalti que transformou Borja. Non se amedrentou o Folgueiro, que continuou con ese control do partido. 

O Castroverde probou sorte dende lonxe cun disparo de Borja, pero o que chegou mediada a primeira parte foi o empate. Schuster anotou a saída dun córner. 

Deixaron madurar o partido os pupilos preparados por Manuel Vicente e Aurelio. Ao pouco de comezar a segunda metade, Iago puxo aos seus por diante. As ocasións locais incrementáronse e ao redor do minuto 80, o dianteiro viveirense marcou o segundo seu e o terceiro do equipo. 

Na recta final, o arreón do Castroverde case lles dá un punto. Borja asinou o seu dobrete cun disparo dende lonxe, que petou no pau antes de entrar. Borja e Quique tiveron achegamentos nos últimos intres cos que os seus puideron levar un punto. 

O Cabreiros resolveu pola vía rápida

En pouco máis de 25 minutos, o Cabreiros xa marcara catro goles. Acabou gañando 5-2 ao Sanci. Os tres puntos permítenlle seguir na parte alta da clasificación. É 4º,va cinco puntos da posición de fase de ascenso. O club da Acea acumula once vitorias e é o único equipo, xunto co Matela, que non empata nesta temporada na Segunda lucense. 

Pola contra, o Sanci segue no último posto con sete puntos. A salvación continúa momentaneamente a sete puntos, pero o equipo paga caro a falta de efectivos. As boas actuacións dalgún xuvenil son ao que se agarra o club para tratar de mellorar de aquí a final de temporada. 

O Cabreiros saíu a por todas. Chema e Hermida marcaron cadanseu dobrete para deixar sen resposta ao rival. 

Aínda que Hugo logrou o quinto para os locais no segundo tempo, a intensidade non foi a mesma. Os visitantes animáronse e chegaron con máis facilidade á área contraria. Un gol de Xoel de penalti e outro en propia porta servíronlle ao Sanci para honrar a camiseta. 

A Candelaria e o Xermade empataron nun día de festa

A parroquia da Rúa viviu os seus días grandes na honra a Candeloria. Aínda que non formaba parte do cartel oficial, o encontro entrea a Candelaria e o Xermade (1-1) tamén se podía considerar outro acto festivo máis. 

Ambos conxuntos sumaron un punto que os consolida na zona media da clasificación. Ao Xermade impídelle seguir máis de preto aos cinco primeiros. Queda agora a dez puntos da promoción de ascenso. Con dous puntos menos, na oitava posición, fica a Candelaria. 

Ambos equipos presentáronse no campo con 13 futbolistas. Notouse que o Xermade non acudira o venres a III Festa dos Callos porque comezou marcando. Unha xornada máis, gol de Jose Adega, o seu oitavo no que vai de liga. 

Os locais non deixaron moito tempo a inferioridade no marcador, xa que, á media hora de xogo, empatou Aarón Rega

No segundo tempo, a Candelaria acusou as baixas. O Xermade foi máis dominador e xerou oportunidades. Aínda así, os locais tamén puideron gañar ao contragolpe. O gardamallas visitante Juanxo estivo acertado baixo paus. 

O Celta Barreiros faise forte no Cascabeiro

Segunda vitoria seguida do Celta Barreiros na casa por primeira vez na temporada. Superou a un Goiriz (3-2) que veu a menos nas últimas xornadas. O cadro vilalbés acusou no anímico a lesión do seu capitán Manel, quen xa puido acompañar aos seus compañeiros en Barreiros mentres se recupera da súa operación. 

Agora o Goiriz baixa ata a 7ª posición e conta con 28 puntos. Tres máis que o Celta Barreiros (9º). 

O encontro comezou igualado. Antón desnivelou a balanza nunha boa acción para adiantar aos locais. Puideron ampliar vantaxe, pero o que marcou antes do descanso foi Eladio para o Goiriz. 

No segundo tempo, o Celta Barreiros renunciou a ter posesión, que foi do Goiriz. Pero os locais gañaron duelos e fixeron dano nas transicións. Novamente Antón puxo por diante o Celta Barreiros. Ao pouco, Javi Andina logrou o terceiro. 

A partir de aí apretou o Goiriz, que marcou o segundo por medio de Vizoso. Tiña tempo o conxunto vilalbés a sacar algo positivo e intentouno, pero non tivo fortuna. 

O Pastoricense recuperou o sorriso da vitoria nun partido de chilenas

Tras sete encontros sen gañar, o club da Pastoriza volveu sumar de tres. Foi ante o Matela (2-3) nun encontro de grandes goles. O triunfo permítelle aos pupilos preparados por Juanma afastarse algo máis da zona de perigo. A 13ª praza queda a oito puntos. En cambio, o Matela continúa en descenso. A salvación segue a cinco puntos. 

Foi superior o Pastoricense no primeiro tempo. A través da verticalidade, xeraron perigo. Marcou Dani tras pase de Manupa. Máis tarde, Cristian anotou un gol de chilena despois de peitear o balón Dani. 

Non se renderon os locais, que tamén atoparon o seu método para fabricar perigo. Nun rexeite dun córner, Rafa recurtou diferenzas

No segundo acto, o encontro foi moito máis directo. Nunha acción a balón parado, Erik tamén logrou conectar un remate de chilena e igualou o partido. O seu golazo pódese ver na nosa canle de instagram

Tivo que dar outro paso adiante o Pastoricense e levou a vitoria grazas a un gol de penalti de Edu

O Sporting Pontenova superou aos veciños do Meira 

Duelo de proximidade na Mina, no que os tres puntos quedaron na casa (3-1). Segunda vez no curso que o cadro pontenovés enlaza dúas vitorias seguidas. Continúa na 12ª posición, a praza de salvación definitiva, pero con máis marxe con respecto ao Casás (6 puntos). 

Con cinco puntos máis que o seu rival, aínda queda o Meira. Acumula 25, igualado co Celta Barreiros, e forma parte desa zona media da clasificación. 

O Meira golpeou primeiro. Sergio marcou no minuto 3. Aínda así, os locais amosaron a súa superioridade e remontaron o partido no primeiro tempo. Cuzco e Alesuco marcaron. O segundo foi de gran beleza nun lanzamento de falta directa dun dos xogadores estrela da categoría. 

No segundo tempo, o Meira intentouno aínda que sen crear grandes ocasións de perigo. Superado o 80 de xogo, Cuzco sentenciou o resultado co terceiro. 

O Becerreá, unha miguiña máis líder

O club dos Ancares, igual que o líder do norte, sumou a súa 13ª vitoria da campaña. Superou ao Paradela (0-2) e alcanzou os 41 puntos. O empate do Santa Comba, permítelle ampliar momentaneamente a vantaxe no primeiro posto. Conta con tres puntos de diferenza con respecto ao conxunto do concello de Lugo. O terceiro clasificado (Lemos B) está nove puntos por baixo. 

A derrota non move ao Paradela de posto (7º) con 23 puntos. Non obstante, si que queda nunha zona moi igualada e xusto onde se corta a clasificación. O 6º (Antas) ten sete puntos máis. Despois por abaixo hai oito equipos en seis puntos, coas prazas de arrastre en xogo. 

Os locais presentáronse escasos de efectivos, con tan só doce futbolistas. Tentaron ser verticais nas transicións ofensivas, ante o peso do partido que foi levando o Becerreá. 

Sen grandes ocasións para ningún conxunto, ata que sobrepasada a media hora de xogo, o colexiado asubiou un penalti sobre Riomao. O propio xogador foi o encargado de lanzar, o gardamallas local Eros evitou o gol de primeiras, pero no rexeite Riomao foi capaz de anotar. 

No segundo tempo, a dinámica foi parecida. Aínda que o líder tiña o dominio custáballe xerar ocasións. Á hora de partido, un centro de López foi rematado por Rubén para ampliar vantaxes e seguir co control ata o final. 

Santa Comba e San Roque igualaron no derbi 

Por segunda temporada consecutiva, o derbi entre o Santa Comba e o San Roque foi duelo da parte alta da clasificación. Con todo, a diferenza este curso é maior ca no anterior coa inversión das posicións dos equipos incluída. Esta campaña é o Santa Comba quen está por riba, asentado na posición de promoción de ascenso. Está a tres puntos do líder e ten seis de vantaxe sobre o Lemos B. 

O empate no derbi (0-0) deixa ao San Roque na 5ª posición con 30 puntos. Sitúase a oito do Santa Comba, logo de sumar só unha vitoria nos últimos sete partidos. 

Neste momento é no que collera o San Roque o seu novo adestrador. Logo da saída de Rubén Sanjurjo ‘Piru’ ao Xove, a pasada fin de semana o equipo estivo adestrado por xente do club. José Cendán ‘Basi’ é o novo técnico do cadro de Montirón. No fútbol sénior adestrou ao Muimenta (en varias etapas) e ao Pastoricense.

No derbi, as defensas impuxéronse aos ataques e as ocasións escasearon. David Dorado tivo a máis clara para o San Roque. Nos visitantes tamén destacou a estrea dun novo futbolista. Dabo Ousmane reforza ao San Roque procedente da Residencia, a onde chegara o pasado verán dende o fútbol catalán. 

Oitavo encontro sen perder do Lemos B que ficha a Samba

O filial do Lemos mantense na parte alta ao vencer ao Monterroso B (4-0). Suma seis vitorias nos últimos oito partidos nos que non coñece a derrota. É 3º con 32 puntos, a seis do Santa Comba e a nove do Becerreá. Antecede a un grupo de tres equipos con 30 puntos: Ferreira, San Roque e Antas. 

Tras un bo inicio de curso, o Monterroso B non gaña dende o 15 de novembro, cando superara a outro filial, o da Sarriana. Agora mesmo está tan só dous puntos por riba das dúas posicións que serían de arrastre. 

O cadro lemista dominou a posesión de balón no Luis Bodegas. Aínda que non puido xerar ocasións ao comezo, foi capaz de resolver o partido no último tramo do primeiro tempo. Un dobrete de Adrián e un gol de David Díaz deixaron o partido case sentenciado. 

No segundo acto, o filial de Monterroso sacou a súa garra, a pesar de ter só un cambio dispoñible. Foi capaz de crear algunha oportunidade que non entrou na portería rival. Ao redor do minuto 75 os locais sentenciaron definitivamente. 

Entrou e marcou Samba Thiaw, a nova fichaxe. O dianteiro volve ás ordes do míster José Antonio Vázquez ‘Yesi’, quen xa o adestrara nas súas boas tempadas goleadoras no Ferreira. 

O Ferreira aguantou con 10

O club de Pantón encabeza os equipos dos 30 puntos na zona alta da táboa clasificatoria, logo de gañarlle ao Palas (1-0). É cuarto, a oito puntos do Santa Comba. 

Mentres tanto, o Palas fica na zona media da clasificación. É 9º con 23 puntos, igualado co Paradela e o Friol. Os tres contan con seis puntos de marxe con respecto as posicións de arrastre. 

Os dous equipos foron verticais a partir das primeiras desputas. Os locais intentárono dende fóra da área. Antes do descanso, tivo a mellor ocasión o Palas por medio de Javi Ouro. O gardamallas Adri García realizou unha boa parada. 

No minuto 20 da segunda metade, cun córner a favor do Palas, roubou a pelota o Ferreira e, ao contragolpe, marcou o único tanto do partido por medio de Oski. 

O Palas apretou. Despois, o Ferreira quedou cun menos por expulsión de Fagín. Gozou de dalgunha oportunidade para empatar, pero os locais termaron do resultado. 

Portu é o máximo goleador da Segunda lucense con 19 goles

Pichichi Portu

O Antas impúxose á Sarriana B (4-1) cun póker de Alejandro García ‘Portu’. O equipo da Ulloa alcanzou os 30 puntos e sitúase na sexta posición. Forma un empate triplo co San Roque e o Ferreira. A praza de promoción está a oito puntos. 

Mentres tanto, o filial da Sarriana continúa na súa loita pola salvación. Fica na 11ª praza con 20 puntos, tres por riba das dúas prazas que agora mesmo serían de arrastre. 

O Antas custoulle na primeira metade. A Sarriana B moveu mellor a pelota e xeraron varias ocasións. Javi adiantou aos seus superada a media hora. Xusto antes do tempo de lecer, Portu marcou para empatar ao aproveitarse dun mal pase en defensa dos visitantes. 

No segundo tempo, cambiou a dinámica despois da hora de partido. Jorge e Portu foron os futbolistas chave no Antas. Exhibiron a súa calidade e o Portu anotou tres goles máis. É autor de 19 tantos no que vai de campaña. 

Continúa a progresión do Friol

A costa de xaneiro non foi empinada para o Friol, polo menos nos resultados futbolísticos. O cadro friolés gañoulle a un rival directo coma o Portomarín (3-1) e acumula cinco triunfos seguidos. Segue escalando posicións na táboa e xa é 8º. Ten 23 puntos, coma o Paradela e o Palas. Conta con seis de marxe sobre as posicións de arrastre. O seguinte reto podería ser ir a polo tren dos equipos con 30 puntos. Esta finde enfrontarase a un deles, ao San Roque.

O Portomarín queda na 10ª praza con 20 puntos. A sétima derrota da campaña, déixaos con só tres de marxe con respecto a zona de arrastre. 

Os locais trataron de mandar co balón, pero o Portomarín sorprendeu cun gran gol de Arturo dende lonxe. Ao Friol costoulle xerar ocasións no primeiro tempo e os visitantes gozaron dalgunha para ampliar a vantaxe.

Na segunda metade, apretaron os locais ante un Portomarín xusto de efectivos. Só acudiu con doce xogadores. En pouco máis dun minuto, Marcos asinou un dobrete e remontou o encontro. Máis adiante, Dani Roca anotou o terceiro e o Friol defendeu o resultado. 

Primeira vitoria de Marino co Páramo

O Páramo saíu vitorioso do duelo directo pola salvación de Centéas ante o Sober (2-4). É o cuarto triunfo do curso do equipo das Rapadas, o primeiro dende que Marino chegou en Nadal para ser o adestrador. Queda co gol average ante o seu rival, ao que lle pasa na clasificación aínda que ambos contan con 17 puntos. 

O Páramo e o Sober ocupan agora mesmo as posicións que serían de arrastre. A salvación está a dous puntos, mentres que teñen tres de marxe co descenso directo.

O triunfo foi máis épico para O Páramo porque remontou un resultado adverso. O Sober foi mellor no primeiro tempo e acadou unha vantaxe de dous goles. Aira e Maza marcaron. 

Sen trocar de todo o sentido do encontro, os visitantes foron quen de anotar por medio de Zouma, que aproveitou un mal entendemento defensivo. O gol senteulle moi ben ao Páramo, que pasou a xerar oportunidades e a aproveitou tamén o golpe co que xogou Macía o último tramo. En dúas accións de saques de esquina consumouse a remontada. Primeiro co remate de Juan Rivero e, despois, co de Juan

Non estaba todo dito en Centeás e o Sober dispuxo dun penalti para igualar. Con todo, Pisto errou a pena máxima ao enviar a pelota por riba do longueiro. Na última xogada, Juan logrou o cuarto para os visitantes cunha boa vaselina.

O empate que non contenta a ningún

O San Lázaro e o Chantada B igualaron (1-1) noutro duelo directo por evitar o descenso de categoría. Os dous equipos ocupan os postos de descenso directo. Coa igualada, o filial do Chantada (14 pts.) mantén a diferenza de tres puntos co conxunto capitalino (11 pts.). 

No primeiro tempo dominou o filial chantadés. Marcou Artai e gozou de máis ocasións para ampliar a vantaxe. 

Na segunda metade, o San Lázaro aproveitou a primeira ocasión para igualar por medio de Diego Fonsa, tras unha acción a balón parado. Os locais foron mellores neste tempo e tiveron ocasións para gañar.