Foi unha fin de semana de contrastes con grandes goleadas de equipos lucenses e tamén con abultadas derrotas encaixadas polos clubs da provincia. A unha xornada de rematala liga, confirmouse o descenso á Primeira Galicia do Chantada que implica que o Chantada Atlético descenda á Segunda Galicia. Tamén se complica cada vez máis a salvación do Lemos e o Lugo B dependerá doutros resultados para ser terceiro.
O filial albivermello cumpriu na súa visita a Bertamiráns e gañou por 0-4. Unha vez máis Dani Renda e Cuadrado con dous goles volveron ser os xogadores máis destacados do encontro, xunto con Julio Camba. O conxunto adestrado por José Durán rematará a liga ante o Sada ao que deberá gañar e agardar unha derrota do Estudiantil para quedar terceiro e poder xogar o play-off de ascenso. A promoción valerá de algo se sube á Segunda B máis dun equipo en Terceira.
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2017/05/xornada37_preferente-300x225.png)
Por outra banda o Chantada confirmou o seu descenso ao perder 4-0 ante o Arteixo. A pesar de colleitar tres vitorias consecutivas no último tramo de liga encaixou varias derrotas nos últimos encontros que lle impediron seguir con vida. É o segundo equipo lucense que descende este ano, tras o da Sarriana que encaixou unha goleada por 5-0 ante o Paiosaco na súa última saída. Os descensos da provincia poderían ser tres, xa que o Lemos ten a salvación moi complicada. Perdeu por 7-3 ante o Arzúa. Deberá, cando menos, empatar ante o Bertamiráns na última xornada e agardar os ascensos de todos os equipos da Terceira á Segunda B para que así, os equipos da promoción da Preferente Norte poidan tamén optar ao ascenso.
O outro gran foco da xornada estivo na goleada do Viveiro por 10-1 ante o Soneira en Cantarrana. O conxunto de Germán Amil enfrontouse a un equipo moi mermado que non opuxo resistencia. Pola contra, no Viveiro destacaron Arturo con catro goles, Aurelio que na súa despedida do seu club de sempre anotou un gol e deu catro pases de gol e tamén Xenxo que entrou na segunda metade e marcou un hat-trick. O Viveiro segue oitavo na clasificiación con posibilidades de ser sexto. Sétimo é o Escairón que venceu tamén por 5-0 ante o Sofán. No equipo do Saviñao destacaron Caio (inaugurou o marcador) e Marcos Vázquez na defensa e David Calo que anotou tres goles. Por último, o Ribadeo empatou por 1-1 na casa do Betanzos. Nunha xornada na que os porteiros tiveron moito traballo por un lado e un papel case testemuñal por outras, destacamos a actuación de Iván Parapar no Ribadeo a pesar de encaixar un gol o final e tamén ao mediocentro Martín que anotou o gol do conxunto da Mariña.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)