O Polvorín, malia estar virtualmente salvado, acadou a permanencia de xeito matemático tras gañar no campo do Silva, mentras que o Racing Vilalbés cae una Malata ante o Racing de Ferrol, conxunto que rematará líder. Na Preferente, a Sarriana gañoulle ao Viveiro e afasta aos mariñáns do ascenso directo. O Foz, no outro derbi provincial deixou encarrilada a permanencia ao gañar en Castro. O Ribadeo voltou gañar tras dobregar ao Ordes, logo de xogar boa parte do encontro con dez.

O Racing Vilalbés voltou caer derrotado sete xornadas despois, foi na Malata ante o líder (2-1). O conxunto chairego aguantou as acometidas do Racing de Ferrol durante unha hora, pero en dez minutos o cadro departamental demostrou a súa pegada. O xogador do Saviñao, Fer Beltrán acadou os dous goles dos de Emilio Larraz, que xogarán a promoción de campións. Os de Simón Lamas non se renderon e buscaron recurtar diferencias. Tan só puideron logralo cun tanto de penalti de Jose Varela.

O Polvorín gañou no campo do Silva e evita preocupacións na derradeira xornada (1-2). Varo adiantou ao filial lucense logo de aproveitar un rexeite da zaga coruñesa. Tan só dous minutos despois empatou o conxunto local. Logo dunha falta, o vilalbés Michi Leal, que pon fin á súa traxectoria nesta campaña, adiantouse á zaga e fixo o tanto do empate. O máis listo da clase, Antón Escobar, foi quen rachou coa igualada a tres minutos para o final. O pichichi do Polvorín aproveitou un bo pase de Morais para sellala permanencia dos de José Durán.

A Sarriana goleou ao Viveiro no derbi provincial da Ribela (5-2). Había moito en xogo no campo sarriao e o encontro non decepcionou. O primeiro tercio non foi o reflexo do marcador. O conxunto mariñán tivo claras ocasións de gol, por medio de Tichu, Rolle e Arturo, pero o desacerto ou a boa actuación do gardameta Javi López, impediron o tanto dos viveirenses. Un erro defensivo dos de Chusky propiciou que a Sarriana tomase vantaxe. Omar non errou e a partir do tanto o encontro púxose moi de cara para o cadro local. O paso polos vestiarios sentoulle mellor á Sarriana e Omar, aos dous minutos da reanudación fixo o segundo. Álex Meitín recurtou diferencias logo dun bo pase de Tichu, pero Diego Simón voltou poñer terra de por medio dez minutos despois. Mauro, en dúas ocasións completou a goleada dos de Alberto López e Arturo, cun golazo desde fóra da área maquillou o resultado para os seus. O Viveiro queda a catro puntos do Arzúa e a Sarriana a cinco. Con só dúas xornadas por diante, as matemáticas aínda lles dan opcións de ascenso aos conxuntos lucenses.

O Ribadeo remontou ante o Ordes e segue nun gran momento (2-1). O conxunto mariñán chega ao final de temporada nun gran momento de forma, tal e como demostrou nesta xornada. Os visitantes chegaban ao Pepe Barrera xogándose a vida e así o demostraron de saída, cun plantexamento valente e chegando a área ribadense con facilidade. Chiño puido adiantar aos seus pero Mario moi atento impediu o remate de maneira cómoda. Pouco despois, Roi colocou un preciso balón para que Jhonny, cun remate de tacón axustado ao pao adiantara aos seus. O partido púxose máis costa arriba para os locales cando Brais viu dúas tarxetas nun minuto e foi expulsado. O Ordes perdonou e o Ribadeo na segunda metade sacou folgos, axudado polo cambio de sistema que propuxo Rafa Casanova. O colexiado anulou un tanto de Criss en posición dubidosa, pero pouco despois Javicho de cabeza fixo o empate. Cun resultado insuficiente dada a súa situación clasificatoria, o Ordes foi a pola vitora e o Ribadeo tivo espazos para saír á contra. Moi preto do final, Santi conectou con Adrián Barrera e o xove dianteiro ribadense definiu á perfección ante Berto, acadando a remontada.

O Foz queda ás portas de certificala permanencia tras gañarlle ao Castro (1-3). Non llo puxo doado o conxunto chairego aos de Gayol. O nerviosismo apoderouse dos mariñáns na primeira media hora e Dani Montes adiantou ao Castro nun rexeite. Tan só dous minutos despois Asier acadou o empate e antes do descanso Iban Gayol puxo ao Foz en vantaxe no marcador ao transformar un penalti. Na segunda metade, Nico gozou dunha clara ocasión para acadalo empate, pero non estivo atinado. No derradeiro cuarto de hora, David Rodríguez, nun man a man ante Josema non perdonou e certificou o triunfo do conxunto focense.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*