Non fai moito tempo no Valadouro a Primeira parecía quedar pequena, e pouco antes, en San Miguel, competíase de ti a ti cos equipos máis punteiros da Preferente. Diferentes circunstancias nos dous equipos fixeron que os anos gloriosos remataran e este domingo, ás 16:15 horas, o campo do Árbol acollerá un enfrontamente entre A.C.D. Valadouro e Iberia C.F. que será clave na pelexa por evitar o descenso a Terceira, categoría na que ningún dos dous conxuntos militaron nunca.

O cadro de Ferreira do Valadouro perdeu a categoría a pasada temporada arrastrado polos descensos de superior categoría. Despois dun verán turbulento, no que incluso se sopesou a posibilidade da desaparición do clube, formouse unha nova directiva e un plantel completamente renovado, conservando tan só seis integrantes da anterior campaña, con Julio Castro á fronte da direción deportiva. O técnico focense, logo dunha racha moi negativa de resultados, de dez encontros sen coñecela vitoria, presentou a súa dimisión. Foi recambiado por Rubén Barrios, que só durou no banco do Árbol catro xornadas. O cadro valadourense, desde a pasada xornada sen adestrador, foi quen, de forma autoxestionada de impoñerse na Lomba ao Meira con dous tantos de Adrián.

Iñaki, ao igual que Antón, reforzaron o Valadouro chegados do Celta Barreiros

Reforzos de última hora como o de Antón Moreda, procedente do Celta Barreiros, ou Chinco, que retorna aos campos de fútbol logo do seu paso polo Ribadeo, Iberia ou Lourenzá, fan que o Valadouro conforme un plantel para poder conservala categoría.

Outra plantilla de garantías é a do seu rival desta xornada. O Iberia chega a este encontro décimocuarto clasificado, tres puntos por enriba do descenso directo logo do triunfo nas Valgas ante o Mondoñedo, con gol de Balbón, e un punto menos que o Valadouro. Despois da perda de xogadores importantes respecto da pasada temporada e da lesión de longa duración do seu goleador Montoya, o potencial do cadro adestrado por Nico viuse reducido. De tódolos xeitos, os de San Miguel, foron quen de competir ante conxuntos da zona alta, logrando empatar ante Folgueiro e Xermade, caendo pola mínima ante o Lourenzá.

Bachir é dúbida para o encontro ante o Valadouro

Non será da partida por sanción Omar no Valadouro, ademáis do gardameta Tomy. No Iberia perderanse este encontro Arón e Cokito sancionados, e os lesionados Montoya, Partai e Iván. Son dúbida Bachir, Perotti e Álex.

O último enfrontamento entre os dous conxuntos no Árbol en Segunda Autonómica data do 10 de marzo de 2013 e rematou con triunfo do Iberia por 1-2.

Falamos con dous fixos nos onces de ámbolos conxuntos. O porteiro Tomy (Valadouro), aínda que será baixa para este encontro, e co centrocampista Sergio (Iberia).

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

TOMY (A.C.D. VALADOURO)

Tomy perderase o encontro desta xornada ante o Iberia

 – Temporada complicada e sen adestrador. «Estamos con moitas ganas de sacar isto adiante, pero deixamos de estar coa incertidume de saber que vai pasar. Tivemos moitos contratempos que nos afectaron moito como grupo. Intentáronse facer as cousas o mellor posible, pero non resultaron por diversos motivos».

– O encontro ante o Iberia. «Agardo un partido moi competido e disputado. Estou seguro de que as circunstancias dos dous equipos farán que ningún baixe os brazos ata o último minuto. Do Iberia preocúpame a súa situación na táboa, que é a mesma que a nosa, é necesita puntos para saír de aí. Agardo poder sacar o partido adiante de darlle unha alegría á xente que nos ven ver cada domingo».

– A clave para a salvación. «A miña experiencia díceme que esta situación sálvase con compromiso e unión dos xogadores, coa disputa de cada balónl, estando xuntos e apoiándonos pase o que pase. Os equipos que o logren acadarán a permanencia. Logo hai que ter sorte que entre o balón, pero é máis fácil si se dan os factores que xa comentei».

SERGIO (IBERIA C.F.)

Sergio chegou ao Iberia procedente do Ribadeo F.C.

 – O encontro do domingo. «A pesar de vir nunha boa dinámica despois de empatar en Xermade e gañar ao Mondoñedo,  para nós é un partido clave. O Valadouro é un rival directo e tamén precisa dos tres puntos para coller algo de aire na clasificación».

– O Valadouro. «Para eles tamén é un encontro moi importante, unha final. Ademáis veñen de gañar na xornada anterior, e creo que lles dará confianza e cara a este partido«.

 – A temporada do Iberia. «Tivemos baixas importantes respecto da pasada temporada, pero creo que foron clave o gran número de lesións que tivemos para chegar a esta situación. Creo que temos unha plantilla para estar moito máis tranquilos na clasificación».

ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER …..

Terceira División

– Polvorín – C.D. Barco (Domingo ás 12:15 horas na Cheda): o filial lucense buscará o terceiro triunfo consecutivo para afastarse da zona de perigo. Enfronte, o Barco, que olla de preto o playoff, pero que non coñece a vitoria no 2019.

Marquitos, un dos xogadores máis en forma do Polvorín

– Racing Vilalbés – Laracha C.F. (Domingo ás 16:30 horas na Madalena): catro xornadas sen perder encadean os chairegos, pero seguen en posto de descenso. Partido trascendental ante un conxunto que non se atopa no seu mellor momento. Óscar Gilsanz regresa á que fai a súa casa nas últimas temporadas.

Javi Pita, «o gato do Vicedo», un fixo na porta do Racing

Preferente Norte

– Viveiro C.F. – At. Coruña Montañeros (Domingo ás 12 horas en Cantarrana): logo do sufrido triunfo no campo do Agolada, os de Chusky buscarán unha nova vitoria no seu campo para seguir na segunda posición. O rival ven de golear ao colista.

Iván, a brúxula no medio campo viveirense

– S.D. Sarriana – Boimorto C.F. (Domingo ás 17 horas na Ribela): cuartos clasificados, os de Alberto López tentarán reducir as diferencias co Viveiro. Reciben a un Boimorto que suma catro encontros sen gañar.

Primeira Autonómica

– Friol C.F. – S.D. O Páramo (Sábado ás 17 horas na Reigosa): cinco derrotas consecutivas condenaron aos locales a pelexar por escapar dos postos de perigo. Os de Fontal, logo do triunfo ante o Riotorto, buscarán un triunfo que os afaste do descenso.

– Taboada C.F. – S.D. Pol (Domingo ás 17 horas na Medela): dous conxuntos que están por detrás do pelotón cabeceiro. O que logre o triunfo estará en disposición de aproveitar un posible erro dos equipos que ocupan os primeiros postos.

Segunda Autonómica

– A.C.D. Xermade – Guitiriz S.D. (Domingo ás 16:15 horas no Municipal): final anticipada para o conxunto local. Unha derrota ante o líder deixaría ao Xermade con poucas opcións de alcanzalo ascenso. Os de Delfín Romero poden dar un golpe enriba da mesa de logralos tres puntos.

O Baliño, polo momento un fortín para o Ferreira

– Ferreira C.F. – C.D. Guntín (Sábado ás 16:15 horas no Baliño): os visitantes poñen a proba a fiabilidade dos de Corral no seu campo, onde non coñecen a derrota. Encontro entre aspirantes, no cal, o que gañe mantén intactas as opcións de ascenso.

Terceira Autonómica

– C.D. Alfoz – S.D. Muimenta (Sábado ás 16:15 horas no Municipal): partidazo na Terceira. Os dous conxuntos empatados a puntos en postos de ascenso. O que gañe pon pé e medio en Segunda.

– S.D. Paradela – C.D. Río Sil (Domingo ás 16:15 horas no Gandarón): os locales poden ser o primeiro conxunto da nosa provincia que logre o ascenso. Farano este domingo se conseguen os tres puntos ante os soberinos e o Castroverde non gaña o seu encontro.

Primeira División Galega Feminina

 – S.C.D. Milagrosa – Deportivo Orzán (Domingo ás 11:30 horas no Luis Gorgoso): trascendental encontro para as lucenses ante as colistas da categoría. As coruñeses non sumaron ningún punto, e parecen o rival propicio para que a Mila fuxa dos postos de perigo.

Segunda División Galega Feminina

 – S.G. Comercial – Portazgo S.D. (Domingo ás 17 horas no Rodríguez Lago 2): logo de tres empates consecutivos, as lucenses buscarán un triunfo para asentarse na zona media da clasificación.

 – Carballedo C.F. – Vioño C.F. (Domingo ás 12 horas no Catro Ventos): na procura do cuarto triunfo da temporada, o que sería o segundo diante da súa afección, as rapazas do Carballedo reciben a un Vioño

Comparte
                                                               

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*