Por segunda vez na temporada, xornada con dúas vitorias dos nosos representantes na Terceira. O Polvorín gañou no campo do Porriño cunha espectacular remontada e o Racing Vilalbés no Carballiño ante o Arenteiro. Na Preferente, o Viveiro segue sumando de tres en tres, Sarriana e Ribadeo empataron, mentras que Foz e Castro caeron na casa ante conxuntos da zona alta.

Segunda vitoria consecutiva do Polvorín (3-4), desta volta a domicilio. Foi no Lourambal ante o Porriño Industrial, logo de duns últimos minutos de infarto. O conxunto lucense encaixou o primeiro tanto á media hora de partido, marcador co que se foi ao descanso, e apañou o segundo aos vinte minutos da reanudación. No 80, o pichichi Antón Escobar recurtou diferencias, pero tan só dous minutos despois o conxunto local fixo o terceiro. Pero nuns derradeiros intres de tolemia, os de José Durán fixéronse con tres puntos claves. Cuadrado acadou empatar con dous tantos en cinco minutos e xa na prolongación Antón Escobar culminou a remontada.

Triunfo vital do Racing Vilalbés en Espiñedo ante o Arenteiro (0-1), rival directo na pelexa pola permanencia. Segunda vitoria consecutiva como visitantes dos chairegos, que malia que seguen en descenso, xa igualan a puntos co Paiosaco, equipo que está fóra dos postos que conducen a Preferente. Valeu o solitario gol dun Álex Pérez en estado de gracia preto do cuarto de hora de xogo. Nos derradeiros minutos os do Carballiño quedaron con nove. O lucense Ross foi titular no conxunto local.

Axustado triunfo do Viveiro no campo do Agolada (0-1), pero que lles serve aos de Chusky para seguir unha xornada máis en postos de ascenso directo a Terceira. Encontro complicado ante un rival que, malia súa clasificación, no Hospitalillo faise forte. Decidiu un gol de Tichu a falta de vinte minutos para o final logo dunha boa xogada de Marino.

A Sarriana acadou un empate no campo do Sofán (1-1). Os de Alberto López seguen cuartos, agora a catro puntos dos postos de ascenso. Partido sen dominador claro nun campo reducido como o do Carral. Os sarriaos buscaron as costas da defensa carballesa pero non materializaron as ocasións. Quen acertou foi Diego Arias, que marcou un bonito gol de falta directa. Na segunda metade, o Sofán lanzouse a polo empate pero atopouse coa gran actuación de Javi López. Os de Iván Cancela acadaron o empate aproveitando un rexeite dentro da área.

O Ribadeo suma unha nova xornada sen perder e xa van sete. Desta volta non pasou do empate ante o Arteixo (2-2). Malia que os espectadores do Pepe Barrera viron catro tantos, foi un encontro sen demasiadas ocasións de gol. Adiantáronse os mariñáns logo de transformar Fernando un claro penalti cometido sobre él mesmo cumprido o primeiro cuarto de hora, pero os visitantes, que tiveron o dominio do encontro durante boa parte do mesmo, acadaron o empate por medio de Isaac, que conectou un potente disparo desde dentro da área a pase de Nano. Ao comezo da segunda metade, Dani Prieto cun centro chut a piques estivo de sorprender a José. O cadro de Mauro gozou dos seus mellores minutos e o ex ribadense Dapo puido adiantar aos seus logo dunha boa xogada, pero o seu lanzamente saiu desviado por pouco. Foron os de Rafa Casanova que tomaron ventaxa de novo. Logo dun córner sacado polo Arteixo, Javicho ve adiantado ao gardameta rival e desde medio campo consegue un auténtico golazo. A falta de seis minutos para o final, unha falta lateral sacada polos visitantes, mal defendida polo Ribadeo remata co gol de Josito, que aproveitou o rexeite de Javi Prieto.

O Foz plantoulle cara ao líder, pero non foi quen de sumar e caeu derrotado no Martínez Otero (0-1). Non saíron ben os de Gayol, atemorizados polo rival que tiñan diante e apenas inquedaron a meta visitante na primeira metade. As Pontes gozou de ocasións, e nunha delas chegou o único gol do partido, nun gran remate de cabeza de Quique logo dun centro de Sergio Criado. Tan só Iban Gayol puxo a proba a Paco antes do intermedio. Na segunda metade, malia que os visitantes puideron matalo encontro, sobre todo nunha ocasión moi clara de Dani Fernández, o Foz deu un paso á fronte e buscou o empate con decisión. Xenxo en dúas ocasións tívoo logo de sendos saques de curruncho, pero o balón non entrou.

O Castro plantoulle cara a todo un galo da Preferente como o Noia, pero caeu no Arturo Pereiro (1-3). De novo, os erros a balón parado penalizaron ao cadro chairego, que fixo un dos mellores encontros da temporada. Os de Brais Prados adiantáronse no marcador cun tanto de Nico Edrosa, pero o veterán Adrián Quintairos nivelou o encontro tan só tres minutos despois. A piques de chegar ao descanso, os de Pose puxéronse por diante, e non foron quen de sentencialo encontro ata os derradeiros intres de partido.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*