O proxecto do Racing Vilalbés para a temporada 2018/2019 comeza a coller forma despois de que o club fixese oficial as primeiras renovacións e dúas caras novas. O gardamallas Javi Pita, os defensas López e Vérez, os irmáns Jose e Javi Varela e o dianteiro coruñés Álex Pérez continúan no cadro chairego que dirixirá Juan Peón. O centrocampista da Pastoriza, Gonzalo Edrosa (21 anos), reforza o club procedente do Castro, despois do seu pasado xa nas categorías inferiores do Vilalbés. Ademais chega o dianteiro Juan Lado Formoso (20 anos, Louro – Muros) , coñecido como Juan de Dora, procedente do Sofán; equipo no que militou a última temporada na Preferente e marcou nove goles.

O pastoricense regresa ao equipo no que se formou en idade alevín e cadete, antes de marchar para o xuvenil do CD Lugo

Na Preferente, o Ribadeo fixo oficial que Rafa Casanova será o adestrador para a vindeira campaña. Despois do seu paso como xogador no club e con experiencia nos bancos no seu Friol natal, Rafa estará acompañado neste proxecto de Brais Prados, con experiencia no Castro e nas categorías inferiores do CD Lugo, que será o segundo adestrador e o preparador físico.

Na Primeira Rexional, o Escairón xa volve ter adestrador despois da saída, sen chegar a dirixir o equipo, de Julio Corral. Escalza faise cargo do equipo do Saviñao despois da súa experiencia no Bóveda, Lemos e Calasancio. Na pasada segunda volta, o seu fillo Asier Seijas xogou no Escairón.

Na Segunda destacamos que o Incio perfila a campaña despois de ascender cunha ampla continuidade de xogadores. Polo momento son baixa Óscar, Lynget e Pablo; xunto con Jessi que a temporada pasada estivo tanto de xogador como de segundo adestrador, pero a idea neste ano é que só forme tándem no banco con Raúl Leizán. En cambio, tres xogadores son os que chegan. O central Zipi que xogou hai tres tempadas no Páramo, o mediocentro Samuel que o curso pasado non estivo presente por temas laborais e o gardamllas procedente do Oural, Turuta . O Portomarín ten novo técnico; regresa ao banco Sousa para dirixir un proxecto que xa conta ca renovación de Hugo Méndez. Dende o Mondoñedo FC tamén chega a cuarta renovación no cadro mindoniense, a de Cristian que seguirá formando parte do equipo adestrador por Israel Cruz. No tocante ao fútbol feminino, o Carballedo FC xa comunicou a súa quinta integrante de cara a súa estrea no mundo do balompé; trátase de Uxía Díaz Piñeiro.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*