Finais de maio e aquí seguimos adestrando e competindo a fin de semana, quen nolo ía decir aló polo 24 de xullo… Situámonos en Ribadumia, domingo 6 de maio; cara as 20:00 remataba o encontro entre o Ribadumia e o Racing Vilalbés. Non era un final de partido como os outros 36 que levabamos ata daquela, éramos matematicamente de playoff. Facíamos historia no Racing, era a segunda vez que se acadaba tal feito nos 87 anos do club. Estabamos felices, nós e os que nos acompañaron toda a temporada.

Volvamos ao presente; mellor dito, á pasada fin de semana, vou contarvos como se viviu dende dentro a viaxe a Pulpí, onde nos enfrontamos ao Atlético Pulpileño no partido de volta da primeira eliminatoria de ascenso a Segunda División B.

Era venres. O plan de viaxe era adestrar, cear todos xuntos e partir cara terras murcianas (Águilas foi o noso centro de operacións). Así fixemos, arredor das 23:00 dous autobuses (xogadores e afeccionados) cargados de ilusión partíamos con 1041 km por percorrer, 13 horas de estrada por diante. Como ocupar ese tempo estaba máis que organizado, aínda que, a priori, pareza que non. Nun autobus pódense facer moitas cousas e, máis, se viaxas cunha FAMILIA de 25 integrantes. Pocha, tute, ler, parchís, FIFA´s, póker, “batallitas” varias,… múltiples opcións, vaia!

O sábado ás 12:00 “aterrabamos” en Águilas. O plan de sábado era como o de calquera concentración dun equipo: paseo, comida e descanso. Pola tarde tiñamos previsto adestrar ás 17:00 no campo de San Miguel (Pulpí), pero atopámonos que curiosamente a esa mesma hora tiña programado adestrar o Pulpileño e compartir campo antes da “final” do domingo… non quedaba moi ben, non?. Ningún problema, adestraríamos ás 19:00. PROBLEMAS! Saltaron as alarmas aos madridistas, hai varios no equipo e facédeme caso cando vos digo que son moi madridistas. Aí foi donde Ruiz (o «presi» para quen non o coñeza) comezou a moverse para conseguir un campo para adestrar ás 17:00. Como é un auténtico crack, en trinta minutos “problema” resolto. O planing de concentración seguía intacto.

Adestramento completado, regresamos ao hotel. Uns para seguir descansando e outros para seguir estirando as pernas e coñecer un pouco máis o pobo de  Águilas. De alí só temos boas palabras: tranquilidade máxima, boas praias e xente moi amable que, incluso, nos desexaba o mellor para o partido do domingo. As 20:45 había a cita obrigatoria coa Champions, posterior cea e a descansar para o domingo.

Chegaba o día D, amencía nubrado, boa nova para xogar. Ata a hora do partido, máis monotonía de concentración (comer, pasear e descansar). Ás 15:30 horas charla do míster no hotel e visualización dunha “sorpresa” que Gabi (o preparador físco) e Viusky (adestrador de porteiros) nos tiñan preparada. Todo listo para zarpar para Pulpí, POR FIN!.

O partido xa sabedes como foi…

O que non sabedes e non creo que con palabras o poida describir é a inmensa FELICIDADE que sentimos cada un de nós e dos afeccionados que ata alí nos acompañou cando Don Diego Villares marcou o penalti decisivo. Seguíamos escribindo páxinas na historia do noso Racing. Mención especial a que teño que facer a todos e cada un dos familiares, amigos ou “simplemente” afeccionados de verdade ao Racing Club Vilalbés. Fostes incribles durante toda a fin de semana, apoiando, animando e no partido empurrando dende a grada como un xogador máis, o xogador número 12.

Creo que falo no nome de todos os meus compañeiros cando vos digo GRAZAS, GRAZAS de corazón por facernos sentir futbolistas profesionais por unha fin de semana. Isto que escribo xa é pasado. Agora toca Levante B. O que vai pasar nesta segunda eliminatoria non o sei, o que si sei é que a ilusión os valencianos non nos van gañar e imos vender moi cara a nosa eliminación.

Para concluír, recordarvos que este domingo ás 16:30 tedes unha cita na Madalena para apoiar ao fútbol lucense.

VAMOS RACING!

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Redacción Futbolinlugo

Redacción Futbolinlugo

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*