Redactor - Redacción Futbolinlugo

Rubén Pena: «Non hai Preferente ningunha; eu vou para Xermade»

Tanta facilidade para marcar goles, como sentimento para manterse afín a unhas cores. Rubén Pena López (Xermade, 27-03-1977) iniciouse no fútbol no colexio, coma tantos outros pícar@s. No Monte Caxado das Pontes formouse un grupo de rapaces que pasarían do fútbol sala ao fútbol campo. Arriba había un equipo que daba que falar en toda España competindo na Segunda B. Foron épocas de bonanza que xa os máis novos non recordamos. A enerxía foi a menos e ao noso protagonista colleuno na transición. Chegou a debutar na Terceira Galega, pero o seu futuro pasaba por ser capitán dun pobo. No Xermade pasou medio século de vida. De máximo goleador a central. E debeu ser para evitar que o puxesen de porteiro, que decidiu parar. Na temporada pasada colgou as botas e nós tiñamos unha débeda pendente con el. A espiña cravada das catro finais de Copa Deputación perdidas. A satisfacción de dalo sempre todo sobre a herba.

Futbolinlugo: Bótase de menos o fútbol?

Rubén Pena: Moito. Desde os 8 anos que comecei no equipo do colexio nas Pontes ao fútbol sala… Agora con dous fillos dedícaste a outras cousas. Pero o gusanillo ese das fins de semana non se me vai da cabeza.

Fil: Ti chegaches a xogar en Terceira…

RP: Debutei nun derbi entre o Endesa e o Xove Lago no campo do Xove. Pero foi nunha segunda etapa. Eu con 17 anos funme do Endesa. Fixeran dous equipos de xuvenís; A e B. A min sentárame moi mal que me meteran no B. Collín e funme. Daquela meu irmao e os meus amigos estaban en Xermade e fun para alí. Fixen dúas ou tres campañas nas que destaquei bastante en número de goles e volvéronme chamar das Pontes.

«Milo Abelleira foi o mellor adestrador que tiven»

Nunca puido levantar un título de Copa, pero si o de Liga. Co Xermade conseguiu 4 ascensos e unha permanencia en Primeira

Fil: Aí si que debutas…

RP: Na temporada 2000/2001 con Milo Abelleira. O mellor adestrador que tiven. Non porque fora o que foi el en Terceira; senon polo que me ensinou e polo que mirou por min. Por un chaval que viña de Xermade. Aquel home chegou alí cobrando unha pasta como adestrador. De feito, o ano seguinte foise. Chegou a un equipo no que de figuras solo quedaban Lemos (o actual adestrador do Bergantiños) e Ramiro. A empresa daquela empezou a baixar pasta, o equipo acababa de descender,…contabamos con ser un equipo que loitase pola permanencia e chegamos case a volver xogar o play off á Segunda B.

Fil: E ti daquela eras un dianteiro goleador…

RP: Eu sempre xoguei diante. Coa idade e por necesidades do equipo en Xermade fun pasando ao medio campo. Pero eu sempre fun dianteiro. Tiña unha cousa moi boa. Velocidade non, pero dáballe cos dous pés e ía moi ben de cabeza. Nesas categorías tes moito ganado. Podía botar 90 minutos sen tocar un balón e chegaba unha e…pumba!. Iso era o que valía (risas).

Fil: E despois daquel ano na Terceira xa volviches para o Xermade. Por que?

RP: Marchou Milo e chegou Víctor Basadre. A maneira que tiña el de ver o fútbol era distinta a como a vía eu. Non miraba moito pola canteira e ía máis a base de fichaxes del; que é entendible. Entón eu díxenlle ao presidente Dasilva que marchaba. El comentoume que non me preocupase que había varios equipos que chamaran preguntando por min como o Laracha ou o Betanzos que estaban en Preferente.

«Non me arrepinto, sempre xoguei onde quixen»

Un goleador de área. O seu récord está en 31 goles na Segunda Rexional. E sendo suplente os últimos 6 partidos de liga

Fil: E que lle dixeches?

RP: Díxenlle: “non hai Preferente ningunha; eu vou pa Xermade”. Púxose tolo. Que para onde ía con 21 anos que aínda podía gañar algún carto… Pero eu volvía xogar o fútbol para desfrutar. Si que agora digo que igual se chegara a xogar varias temporadas en Preferente tiña a opción de volver á Terceira. Pero non me arrepinto, sempre xoguei onde quixen.

Fil: Que foi o que te fixo volver ao Xermade?

RP: Estaba meu irmao e meu pai na directiva. E tiña a todos os amigos da infancia alí. Saiamos xuntos as findes. Fun simplemente polo grupo de xente.

Fil: Daquela o Xermade estaba en Segunda Rexional…

RP: O ano seguinte ascendemos. Foi o primeiro ascenso. Con Paco de adestrador. Das veces que ascendimos era o peor equipo con diferenza. Pero era tanta a unión que tiñamos por fóra que se trasladou tamén ao campo. Aquel ano creo que non estabamos nin nos seis mellores conxuntos da categoría. De feito, viuse que en Primeira foi un desastre. Faltando sete xornadas xa estabamos descendidos. E aínda así, fun o segundo máximo goleador por detrás do Sergio Arias que estaba no Monterroso.

Fil: Houbo algunha opción de volverse mover de equipo?

RP: Tiven unha e nunca o dixen. Só o saben meu pai, meu irmao e eu. O ano do ascenso con Felipe Mieres fixeramos un temporadón. Marcara 31 goles en 30 partidos. E os seis útimos deixárame no banco (risas). Daquela chamoume Molo para o Viveiro en Preferente. Para levarme a min e a Fontao que está agora de adestrador no Mugardos. Houbo esa opción. Con 35 anos. Pero dixen que non.

«En Xermade só che deixaban xogar se petencías ao concello»

Fil: Con que te quedas de toda a túa traxectoria?

RP: A nivel deportivo o equipo que houbo con Felipe Mieres. Era superior ao resto. Se cando fomos a Primeira o equipo non se chega a desfacer, pelexariamos por ascender incluso de Primeira. Gañámoslle a Sarriana na Ribela e na casa, ao Lemos na Pinguela,… Eramos un equipo con xente veterana que se xuntou.

Sempre quixen xogar en Xermade. Que mira que non é un sitio de arraigo futbolístico. Tes aquí Santaballa que vas ao campo e dá gusto. Ti vas a Xermade e hai a xente de sempre. Cando eu empecei a xogar con 17 anos era curioso. En Xermade só che deixaban xogar se pertencías ao concello. Daquela o alcalde Manuel González dicía que tiñas que ser nacido no concello de Xermade. Había trinta e dúas fichas de trinta e dúas persoas de Xermade. Despois houbo que abrir o abano.

Fil: A día de hoxe sería imposible…

RP: Inviable totalmente. Aínda que rexuntaras aos de Xermade, Cabreiros e Roupar. Non tes xente de idade de xogar nacidos no concello. A proba está en Momán. Que ten equipo de veteráns e non de sénior.

Fil: E como levaches ese cambio de posición no terreo de xogo?

RP: Antes xogábase moito fútbol directo. Como para arriba sempre adoitaba haber xente, fun retrasando un pouco a posición. Ata que xa no último ano de Carlos como adestrador baixei e con Rebolo xoguei sempre de 6 por diante da defensa.

Fil: Por que decides parar?

RP: Polo tema físico non. Chega un momento que te ves cunha idade ao lado de xogadores que podían ser teus fillos e dis “ata aquí” (risas). A xente coa que tiña máis afinidade levan anos retirados e eu estaba xogando con chavales de vinte e pico anos. Non tiña sentido.

Fil: Temos unha pregunta para ti do teu compañeiro Fran García: Despois de estar marcando goles toda a vida é certo que te decidiches retirar o día que te viches xogando de central no derbi en Cabreiros?

RP: Foi un dos días si (risas). Xa estaba tomada. Pero aquel día por falta de xente Rebolo dixo se podía xogar central… Paseino mal. Ademais perderamos 3-1 ou así.

«O fútbol afeccionado ten data de caducidade»

Escucha «O soño de Rubén Pena» en Spreaker.

Fil: Como ves o fútbol afeccionado?

RP: Vexo que ten data de caducidade. Creo que non tardará moito tempo en que varios equipos desaparezan. A xente cambiou. Non é coma antes. Ti tiñas un xogador de Xermade e aínda que, por exemplo, viñera o Cabreiros ou o Roupar nunca irían xogar alí polo tema do orgullo. Hoxe venche un grupo de 3 ou 4 chavales e un ano xogan en Xermade, outro van para Cabreiros… Non hai o arraigo que había antes. Agora algún xogador se bota tres ou catro partidos sen xogar xa non che volve. Na miña época iso non pasaba. A xente comprometíase un ano e ata que se acababa. Se non xogaba a final de ano xa decidiría para onde ía. Dálles igual. A xente non é nada comprometida. O compromiso non é chegar e dicir vou adestrar. O compromiso é cando as cousas van ben todos unidos. E cando van mal, máis unidade aínda. A sociedade en si cambiou tamén. Todo o mundo quere xogar saíndo ao fútbol de Guardiola.

Fil: Fixo moito dano a televisión?

RP: A televisión fixo un dano moi grande. E nestas categorías Guardiola tamén (risas).

Fil: Segues pendente do Xermade?

RP: Si. Os partidos que lles fun ver vinos moi ben. A súa categoría por excelencia é a Segunda. Loxicamente cando compites falo por un obxectivo. E ten que ser quedar de primeiro ou gañar. Senon non tería sentido isto. Pero a día de hoxe a categoría é a Segunda.

Fil: Seguirás ligado dende dentro ao fútbol?

RP: Nun futuro inmediato non. Sempre digo que me gustaría adestrar, pero nunca se sabe.

RUBÉN PENA EN CURTO…

Durante seis temporadas Rubén Pena foi o máximo goleador do grupo norte da Segunda Rexional. A media sempre superou aos 20 goles

Campo da provincia: se me teño que quedar cun, o Municipal de Xermade. Pero un campo no que sempre me gustou xogar foi o Acebreiro da Pastoriza.

Adestrador: sería inxusto dicir un nome, pero xa o comentei antes. Tiven 14 adestradores e de todos aprendín algo. Pero o que máis me marcou foi Milo Abelleira. No amplo sentido da palabra.

Un xogador: non sabería dicir un. Tamén sería inxusto. Se falamos de Xermade, por exemplo: Vilaboy, Fontao, Filgui e tamén Dani Bossa que veu con 40 anos a Xermade e deu unhas leccións de fútbol. Un tío que puido xogar en Primeira e veu a un equipo de Rexional con 40 anos… Impresionoume moito.

O partido da xornada… CD Cospeito – SD Muimenta: o derbi xógase na casa

É un deses partidos diferentes. Un auténtico duelo entre veciños. Un encontro cuxa rivalidade habería que buscala na prehistoria. Moito antes de que chegase o fútbol. Na raíz máis fonda das rivalidades locais que, para ben ou para mal, temos por estas terras. A envidia do veciño só lle falta ser deporte olímpico. En pleno corazón da Terra Chá. Un leva o nome do concello. O outro da parroquia máis prolífica.

Un partido dos que se anotan no almanaque. Aínda que os tempos xa non son os que eran. Como positivo, que a rivalidade en si vai a menos. Pero como negativo tamén é a perda de interese por parte da afección. Nesta temporada 2019/2020 os dous equipos do concello de Cospeito vólvense atopar na mesma categoría. Na primeira volta gañou o Cospeito no Pichón (0-3). Este domingo tería lugar o seu segundo derbi do curso. Correspondente a 21ª xornada da Segunda Rexional grupo norte. E como o maldito virus non nos deixa desfrutalo a pé de campo, propoñémosvos outro plan: desfrutar do derbi dende a vosa casa e seguindo o noso twitter.

Luis Rodríguez está ante a súa primeira temporada dirxindo a un equipo sénior. Xusto despois de colgar as botas no Cospeito

A idea parte da experiencia practicada a semana pasada polo CD Leganés. Vía twitter transmitiu o partido que se tiña que xogar en Butarque contra o Valladolid. Un xeito de concenciar a poboación da necesidade de quedarse na casa nestes días. Pero tamén de seguir divertíndose con esa cousa máis importante das menos importantes. Xuntando realidade e retranca, o Leganés fixo pasar un bo momento aos seus. Na medida do posible, nós tentaremos facelo mesmo. Este domingo ás 16:30 xogamos co Cospeito – Muimenta como se estiveramos na Fonte. E coidado con pasarse porque temos colexiado. Jésus López Fernández, deixa momentaneamente a Terceira Galega para asubiar este encontro de alto nivel. E para os que xoguen con nós haberá premio. Todos aqueles que participen cun retweet de calquera das publicacións relacionadas con esta transmisión, entrarán no sorteo de 4 entradas para o día de reapertura da Discoteca Hermo e de 4 camisolas do centro de ocio con sede en Muimenta.

O Muimenta regresou neste curso á Segunda despois do ascenso na campaña anterior

A situación clasificatoria de cada un é distinta. O Cospeito está asentado na zona media da táboa. Sufrindo moito menos ca o curso anterior. Non obstante, o número de equipos antecesores e a distancia de 10 puntos, fai que sexa complicado loitar polos postos de ascenso. Aínda así, unha vitoria este domingo podería reforzala moral dun grupo que aínda ten que recibir na Fonte o Sanci ou o Meira. En cambio, o Muimenta precisa os puntos para afastarse do descenso. Mantén seis de vantaxe co descenso directo. E cinco sobre o Goiriz, que ocupa unha praza que podería ser tamén de descenso no suposto caso de que houbera arrastres.

Analizamos a previa deste emocionante partido dende a casa con dous referentes do xogo de cadanseu club. Ademais teñen pasado nos dous equipos. Falamos con Manuel Lozano “Congui” que na súa taxectoria futbolística vestiu a celeste. Agora é un dos veteráns do CD Cospeito e mentor de que esta idea se puxese en marcha. E tamén conversamos con Jairo Gegunde. Por terceiro ano seguido é un dos líderes no campo da SD Muimenta, pero tamén conta no seu historial con temporadas nas que portou a camisola vermella. Tanto nos xuvenís como no primeiro equipo.

Jesu, Nano e Congui logo de gañar o Torneo Concello de Cospeito 2018

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

CONGUI (COSPEITO)

– A temporada: «Está sendo bastante máis tranquila que estas últimas, donde sempre estabamos preto dos postos de descenso. Somos un equipo cunha media de idade moi nova, a pesar de Nano, Lalo, eu…(risas). Pero con xente que xa leva anos competindo nesta categoría. Esa experiencia nótase. Esperamos poder engancharnos o máis arriba posible. Está todo moi igualado, aínda que os postos de ascenso xa se nos escaparon un pouco».

– O derbi: «Eu que son do Depor teño fácil a comparación. É un mini Depor-Celta (risas). Non é un partido máis, sempre hai ese pique sano e esa motivación extra dun partido especial».

Lembranzas: «Teño moitos recordos. Pero gustaríame destacar o cambio que deu o derbi desde fai anos a agora. Antes eran partidos con moitas discusións, moita trifulca, pelexas…Agora, a pesar desa motivación extra que sempre temos, penso que se levaron a un ambiente máis sano. Pique si, pero dentro duns límites».

SEGUINDO AS RECOMENDACIÓNS DO ESTADO DE ALARMA…

– Último compañeiro de equipo ao que tocaches?: «Seguramente a Xesu ou a Xoán, que sempre viaxamos xuntos aos adestramentos e aos partidos».

– Cando foi a última vez que saíches da casa e para que?: «Saín o mércores tirar o lixo. Toda unha experiencia (risas). E hoxe toca ir ó supermercado repoñer para dúas semanas máis. A ver se chego san e salvo».

– A que compañeiro poderías sacar a pasear?: «A Xesu. A parte de que sempre o levamos a adestramentos e partidos, para pasear necesitamos un can, non? Pois iso (risas)».

Jairo Gegunde recollendo o trofeo de subcampión do Muimenta no Torneo Concello de Cospeito 2018

– A temporada: «É bastante complicada porque os resultados non chegan. En moitos partidos fomos superiores ao rival, pero fáltanos gol. Seguro que neste tramo final da liga os resultados chegarán. Aínda que non esteamos en descenso non nos podemos descoidar polos arrastres».

– O derbi: «Cos anos foise perdendo algo a rivalidade. Hai varios compañeiros cos que xoguei en Cospeito. Iso fai que a rivalidade non sexa tanta. Aínda que no vestiario moitos compañeiros teñan gana de xogar eses partidos».

Lembranzas: «O mellor recordo que teño foi coa camisola do Cospeito. Era xuvenil de segundo ano e era a primeira vez que me chamara Iván Lamas para ir co primeiro equipo. Entrei dende o banco cando perdiamos 0-1. Provoquei un pensalti que dera o gol da remontada. Acabamos gañando».

SEGUINDO AS RECOMENDACIÓNS DO ESTADO DE ALARMA…

– Último compañeiro de equipo ao que tocaches?: «Hugo»

– Cando foi a última vez que saíches da casa e para que?: «Ao campo de fútbol para ir correr con Miguel Morán».

– A que compañeiro poderías sacar a pasear?: «A Cancio porque coa idade que ten pódelle subir o colesterol. Aínda que sempre da exemplo como persoa e como xogador».

Un ascenso pendente do que poda pasar

Estamos nunha situación de incerteza constante. Preocupados polo que poda pasar, pero coa obriga de mantela calma. O fútbol pasa a un segundo plano sempre. E máis aínda cando a saúde está polo medio. Iso non quita de que siga sendo un xeito de vida. Por iso, moit@s nos preguntamos que pasará agora coas competicións. Por se aínda houbera opción de que esta temporada seguise adiante, hai un equipo no fútbol provincial que xa ten os deberes feitos. O único que pode presumir de cumprir o obxectivo nunha campaña sen precedentes. Porque antes de que chegara a primavera, o Sporting Lucense xa ascendera.

O 9 de agosto nas Rapadas o equipo que viste camisola azul turquesa xogou o seu primeiro partido da pretemporada. Igualou a cinco goles ante o Páramo. Quedaba moito por pulir, pero as pedras estaban postas. E non foi fácil, porque un mes antes mesmo se sopesou a posible retirada da competición do club. A falta de catro xornadas para que remate a Terceira Rexional, o Sporting Lucense acaba de ascender á categoría que perdeu hai dez meses.

Lolo: «Costoume moito montar o equipo»

“Traballo, traballo e traballo” salienta José Antonio “Lolo”, o adestrador. “Levamos adestrando tres días desde finais de xullo case todas as semanas. Agás no parón polo Nadal. Destaco o compromiso por parte dos xogadores”. No maio pasado a situación pintaba mal para o equipo turquesa. Chegaron a última xornada con posibilidades de salvación. Baixaron de categoría polo gol average en contra con respecto á SD Becerreá. Tocaba reconstrución. “Costoume moito montar o equipo. A primeiros de xullo sempre empezan a chamar a xogadores para levalos. Incluso se sopesou a posibilidade de non saír. Estabamos xustos. Pero quedaron oito futbolistas. Os que quedaron foron exemplares e os que viñeron fixérono con gana e enerxía”, salienta Lolo.

A xuventude é a característica principal do cadro de futbolistas. Bastoulles con xogar dezaseis partidos para subir de categoría. Ben é certo que só perderon dous. Non empataron ningún. Catorce vitorias colocáronos na Segunda. “Eu en pretemporada vía que había cousiñas. Había xente con potencial e vía marxe de mellora. Non contaba con ascender a estas alturas, pero si que se podía facer unha boa temporada”, comenta o míster. Un dos que reúne experiencia e xuventude é o capitán Alberto Caloto. Foi un dos que se mantivo no equipo a pesar de ter algunha que outra oferta para cambiar de camisola. Agora presome de ascenso: “É moi bonito volver ascender; sobre todo despois de que a temporada pasada descenderamos na última xornada”. Coincide co adestrador no que foi a chave principal desta exitosa campaña: “A unión do grupo. Todos estabamos moi centrados no obxectivo. Houbo moito compromiso para vir adestrar tres días á semana”.

Caloto: «Quixen quedar. Quería deixar ao club onde estaba»

Caloto formou parte do I All Star Futbolinlugo formando parte do equipo de 1ª e 2ª Rexional

“Sabiamos que tiñamos moitas oportunidades, pero queriamos facelo canto antes. Contra o Lemos B empezamos gañando e marcamos o segundo, cando eles macaron o penalti metéronnos máis presión. Pero termamos do resultado”, apunta Caloto que non se arrepinte de sumar unha tempada máis no cadro turquesa: “Quixen quedar. Quería deixar ao club onde estaba. Estou moi a gusto co adestrador e co grupo”. Ademais amósase contento co que supón levar o brazal de capitán: “Aumenta un pouco a responsabilidade porque es a persoa visible. Dáche un plus”. Aínda que poda resultar pouco efectivo facer unha valoración do que virá nos tempos que corren, Caloto ten claro o que debe facer o equipo se finalmente se aproba este ascenso á Segunda. “Con manter o cadro de xogadores creo que a salvación sería moi factible. Incluso intentar estar nos postos altos. E sobre todo, pasalo ben”, finaliza.

A Terceira Sur vista por Lolo

Pero outra das chaves da boa marcha do Lucense tamén pode ser o de ter a Lolo no banco. Mantén a esixencia ao máximo a pesar de competir na última categoría do fútbol sénior. “A pesar de que sexa a Terceira Rexional, a nivel adestrador si que me gusta traballar ben”, apunta o adestrador que non está demasiado contento con como se programa esta división: “Fas unha planificación en xullo. Logo resulta que sae o calendario a mediados de agosto. Atópaste con paróns que te rebentan. Tes que replanificar. Non podes planificar unhas cargas de traballo”. Aínda así, Lolo amósase sorprendido co nivel que viu esta campaña na 3ª Rexional sur: “sinceramente sorprendeume para ben. Vendo o día o día de cada equipo calquera podería estar metido no play off; tamén os que agora teñen unha gran distancia. Tanto tecnicamente como estruturados no campo, pódense chamar equipos. Non é aquilo de 8-0 ou 9-0”.

O Sporting Lucense culminou o ascenso cunha vitoria ante o Lemos B. Foto: Mariluz Fagín

O futuro do Sporting Lucense

O ano pasado tivemos moi mala sorte. Pero de compromiso de sentir do equipo e por ganas; infinitamente mellor este ano”, salienta Lolo. Á falta do que pase coa competición cando rematen estas consecuencias polo Covid 19, a intención para o ano que vén é poder manter o grupo feito este curso. “A idea sería manter o núcleo de futbolistas. Outra cousa é que chegue o mes de xullo é empece o que xa sabemos. 200€ aquí; 300€ alá… Contra iso non podemos facer nada. O Sporting non vai competir con cartos”, matiza o preparador. En todo caso, semella que el continuaría á fronte: “En principio si. É un pouco excepcional. Teño o título de entrenador nacional, pero non podo permitirme viaxar fóra. Entre o traballo e a familia non podo permitirme outras cousas. Xa me chegou o de adestrar tres días esta campaña. Pero aquí estou moi a gusto”, conclúe.

Un ascenso conseguido de xeito exprés. Un ascenso logrado xusto antes dun periodo sen precedentes no fútbol nin no país. Un ascenso a espera do futuro da competición futbolística lucense, galega, española e internacional. Un ascenso pendente do que poda pasar.

O Sporting Lucense ascende e o Fonsagrada perde o seu primeiro partido

Foto de portada: Mariluz Fagín

O Covid – 19 marca tamén a axenda do noso fútbol. A suspensión da competición nas dúas próximas xornadas provoca parón en todas as categorías. Xusto cando a Terceira Rexional se atopa no seu tramo final. Esta suspensión pilla ao Sporting Lucense con todos os víveres. Porque xa volve ser equipo da Segunda Rexional. O equipo adestrado por Lolo non deixou escapar a súa primeira posibilidade de ascenso. Quedouse ás portas a Milagrosa. Namentres no grupo norte, o Fonsagrada perdeu o primeiro encontro en toda a temporada. O Matela e a SD Viveiro apertan. O Cazás e o Sober foron os equipos que descansaron nesta fin de semana. Repasamos máis detalles no Tres en Raia da 17ª xornada da Terceira.

No grupo norte o Fonsagrada segue líder, pero por primeira vez no curso rematou o partido con inferioridade no resultado. Foi a gran sorpresa da xornada. Caeu pola mínima ante o Lugo Unión. O técnico do conxunto fonsagradino, Nico Longhini recoñeceu que foran os peores noventa minutos dos seus en todo o campionato. A diferenza co segundo e o terceiro clasificado é de dous e tres puntos, respectivamente. O triunfo dálle algunha opción aínda o Lugo Unión de loitar ata o final por entrar nos postos de promoción. Pola súa banda, o Matela confirma que é o mellor equipo da categoría nestes momentos. Nove vitorias seguidas. A última ante unha Comercial que tamén viña á alza. A suspensión da seguinte xornada déixanos polo de agora sen o Fonsagrada – Matela que podía ter unha gran repercusión clasificatoria. Logo de dúas derrotas, a SD Viveiro volveu gañar e segue metida no allo. Derrotou ao Friol B na Reigosa. Nun cuarto de hora o cadro viveirense xa levaba tres goles. Disminuíu o rtimo na segunda metade, pero os locais xa quedaran cun xogador menos. No tramo final, os visitantes aínda marcarían dous tantos máis.

Á sexta posición volveu nesta xornada o Rioaveso. A súa vitoria na Canteira no derbi ante o Catro Roldas alimenta as esperanzas do club de Paraños de xogar a fase de ascenso. Tres puntos axustados nun encontro con cinco goles. Moha marcou o primeiro na súa conta particular da temporada no Catro Roldas. A pelexa por entrar na fase semella que vai ter punto de atención ata o final. O Celeiro tamén quere ter algo que dicir. A catro puntos queda despois desta xornada. O Nausti aguantou do empate ata o segundo tempo en Trasvías. Gran papel do gardamallas Guillermo. No segundo acto o Celeiro conseguiu batir a portería rival e levar os tres puntos.

No grupo sur, o Sporting Lucense subiu de categoría a falta de catro partidos por xogar. Era a primeira oportunidade que tiña para facelo e non a desaproveitou. Venceu pola mínima ao Lemos B, outro dos equipos da zona alta. Aquí pódense ver algunhas das imaxes do encontro grazas a Mariluz Fagín. “A chave foi o traballo e o compromiso dos xogadores. Levamos adestrando tres días desde finais de xullo case todas as semanas”, afirmou Lolo. Máis declaracións poderanse ler proximamente en Futbolinlugo nun especial sobre o ascenso do Sporting Lucense.

Á beira quedou na pasada finde a Milagrosa. Pasou a depender de si mesma coa vitoria do Sp. Lucense. Pero o equipo capitalino non fixo todos os deberes na Veiga do Olmo. Empatou a un gol ante o Castroverde cando necesitaba a vitoria para ascender. O único que podería alcanzalo sería o Antas que vai terceiro. A diferenza é de 8 puntos cando ao equipo da Ulloa só lle quedan 9 por desputar. Mentres que a Mila aínda ten 12 puntos en xogo. Se por algún casual, a situación chega sen resolverse ata a última xornada haberá un enfrontamento directo entre os dous. O Antas recurtou dous puntos na pasada xornada porque venceu na súa visita ao Taboada B. Non afectou o Palabra de… Melendo no devir do equipo. Aínda que comezaron con dificultades, despois de marcalo primeiro todo foi máis fácil. Aitor cun bo gol dende a frontal da área e Andrés cun dobrete foron protagonistas. Cinco partidos despois volveu gañar o Carballedo. Foi ante o Rubián. Tres puntos que lle permiten seguir en promoción de ascenso. Estivo ao tanto en gañar porque doutro xeito quedaría igualado a puntos co Relámpago. O cadro taboadense enlazou a súa terceira vitoria seguida ante o Monterroso B e está moi metido na pelexa. Aínda que o Castroverde e o Taboada B mateñen algunha posibilidade remota, semella que a loita pola sexta praza será cousa do Carballedo e do Relámpago. Dous dos equipos máis novos en creación da provincia.

O Portomarín chega aos postos de ascenso e o Sp. Pontenova queda a un paso

Viñamos dicindo nas últimas xornadas que estaban a espera dos rivais. E foi a pasada fin de semana cando o Ferreira fallou e o Portomarín aproveitou. Tamén fallou o Sanci no grupo norte, pero non lle chegou ao Sporting Pontenova para asaltar o segundo posto. Ambos equipos están igualados a puntos. Sabemos máis detalles nos Onces Futbolinlugo da 21ª xornada da Segunda Rexional.

No grupo norte, ningún dos dous equipos que ocupan praza de ascenso gañaron. Os dous empataron. Dixo o Alfoz que fora un encontro a cara de can. Poucas ocasións nun Municpal de Xermade que non viu goles dos seus nin dos visitantes. Os locais seguen pagando cara a súa escaseza goleadora. E dato a destacar: primeiro encontro do curso no que o Alfoz non marca gol. A pesar de todo mantense na cabeza. Sete puntos de marxe sobre os seus dous perseguidores máis próximos. E 27 puntos son os que quedan en xogo. O Sanci mantén a segunda praza no limbo. Empatou a un gol no seu duelo ante a Candelaria. O partido coa Pontenova na Mina dentro de catro xornadas pode resultar decisivo para desfacela igualada. Polo momento, o equipo de Leiro ten a partida gañada no tocante ao gol average co 4-0 da primeira volta. E que o conxunto da Pontenova continúa medrando na clasificación. Terceira vitoria seguida logo de derrotar con claridade ao Muimenta.

 

Da parte alta o único equipo que tamén saíu beneficiado foi o Meira. Ademais venceu na Lomba a un rival directo como é o Celta Barreiros. O cadro meirego sitúase a cinco puntos dos postos de ascenso. Con duelos co Sanci e co Sporting Pontenova aínda pendentes. Na zona media, o Guitiriz e o Cospeito aínda poden soñar cunha arroutada final. Os dous suman 30 puntos despois dos seus respectivos triunfos. O equipo guitiricense volveu ao camiño da vitoria na súa visita a Goiriz. O cadro local queda con só un punto de diferenza con respecto ao descenso directo. Pola súa banda, o Cospeito derrotou a un dos de arriba, o Cabreiros. Foi pola mínima vantaxe pero no encontro houbo cinco goles. O Cospeito marcou os seus na primeira e o conxunto xermadino na segunda. Tamén se consolida na zona media o Mondoñedo. Venceu cun gol ao Abadín no Municipal. As oito vitorias que leva o club mindoniense no que vai de competición foron conseguidas nos últimos 12 partidos. Quen pode presumir dos últimos doce encontros tamén é o Roupar. Porque é exactamente o número de encontros que levan sen perder os xogadores adestrados por Borja Bouza. Nesta última xornada empataron nas Valgas ante un necesitado Iberia. Foi o único que puntou da zona baixa.

No grupo sur, o San Lázaro amplía a súa distancia co terceiro clasificado. Once puntos de vantaxe logo de superar ao Corgo. O que cambiou foi a súa compañía na zona de ascenso. O Portomarín aproveitou a derrota do Ferreira para colocarse no segundo posto. Os pupilos preparados por Fernandito venceron a domicilio ao Chantada B. A xeira de nove encontros sen perder levounos a regresar a un posto no que non estaba dende a cuarta xornada de liga. O Ferreira levaba en posicións de ascenso de xeito ininterrumpido dende a xornada 5.

A seis puntos do segundo clasificado queda agora o Río Sil. Isma remontou cun dobrete o tanto inicial do Oural. Houbo catro goles máis no encontro para rematar 5-2. Na próxima xornada asoma no almanaque un Portomarín – Río Sil que pode traer consecuencias clasificatorias. Volveu ao camiño da vitoria o Becerreá nun dos seus mellores partidos do curso. Superaron no Municipal ao Paradela. Marcharon por diante ao descanso e sentenciaron no segundo acto. 10 puntos separan o conxunto adestrado por Antón da zona de ascenso. Un máis é a distancia que ten o Incio. O cadro amarelo venceu ao Bóveda nun encontro no que lles costou máis do agardado. Os locais non entraron ben no partido. A chispa coa que saíron no segundo tempo serviulles para marcar tres goles. Dobrete de Hugo. Practicamente no único tiro a porta do Bóveda, o cadro adestrado por Sergio Cabanelas marcou o gol da honra. O Páramo, tamén situado na zona media, foi quen derrotou ao Ferreira. Na zona baixa, o Palas e o Brollón igualaron a tres goles. Un punto que significa tamén un punto máis de diferenza cos postos de descenso directo. De aí saíu nesta xornada o Quiroga. A súa vitoria en Santa Comba permítelle coller aire e meter ao seu rival en problemas.

O Matela entra en ascenso e o Sporting Lucense e a Mila téñeno máis preto

A SD Viveiro descansou e o Matela aproveitou para meterse na segunda praza. O Fonsagrada continúa invicto na cabeza. Hai máis igualdada no norte ca no sur, onde o Sporting Lucense e a Milagrosa seguen coa súa xeira de vitorias. De feito, se os dous gañan os seus partidos ascenderían xa esta finde. O Rubián foi a quen lle tocou descansar no sur. Repasamos como está a situación no Tres en Raia da 16ª xornada da Terceira Rexional.

No grupo norte, podemos dicir que a loita polo ascenso directo é cousa de tres. Aínda que matematicamente o Friol B e a Comercial terían algunha opción remota. Non obstante, ao filial friolés reducíronselle esas oportunidades de xeito drástico ao caer no campo do líder. O Fonsagrada continúa coa súa peregrinación intratable. Sumou a 12ª vitoria do curso e segue sen perder. O gol de Javi Freijo posibilitou tres novos puntos. A cinco puntos do conxunto fonsagradino colocouse agora o Matela. O cadro de Outeiro de Rei aproveitou a xornada de descanso da SD Viveiro para adiantalo na clasificación. Todo grazas a oitava vitoria consecutiva. Produciuse en Paraños ante o Rioaveso.

A Comercial atravesa un bo momento de resultados e consolida a súa praza na promoción de ascenso. Derrotou con claridade ao Lugo Unión. O cadro capitalino é quinto con tres puntos máis ca o sexto. Posición á que regresou o Cazás. Chegoulle cun empate sen goles ante o Celeiro. A vitoria do Catro Roldas ante o Nausti volve enganchar ao equipo de David Lorenzo á pelexa por entrar na promoción. Queda agora a dous puntos. O dianteiro Soto vestiuse as luvas para colocarse baixo paus. Realizou unha boa parada, aínda que non tivo excesivo traballo.

No grupo sur, o Sporting Lucense e a Milagrosa manteñen o pulso na loita polo liderado cun punto de diferenza entre os dous. O cadro adestrado por Lolo deu un novo golpe en riba da mesa ao vencer ao Antas no Castro Seoane. Os locais realizaron un gran partido e tiveron varias ocasións que petaron nos paus. Os visitantes marcaron un bo gol de falta directa que acabaría decidindo o resultado. Pola súa banda, a Milagrosa goleou no Luis Gorgoso ao Monterroso B. Joel foi un dos protagonistas cun dobrete. Aínda que o Lemos B tamén gañou a pasada finde, o Sporting Lucense e a Mila achéganse ao ascenso matemático. Nove puntos separan ao filial monfortino do conxunto de Frigsa. Ademais ao equipo lemista só lle quedan catro partidos por xogar; a diferenza dos seus antecesores aos que lles faltan cinco encontros por disputar. Un deses partidos é o que o enfrontará este sábado co Sporting Lucense. Unha vitoria dos xogadores adestrados por Lolo asegura o ascenso. De gañar o Sporting, unha vitoria da Milagrosa o domingo tamén provocaría o seu regreso á Segunda. Ao Sporting incluso lle podería valer o empate. Nunha situación similar están o Antas e o Sober. Tamén só lles quedan catro citas para rematar a competición. Piky e Joel marcaron para o Lemos B na vitoria pola mínima ante o Castroverde. O gol de Joel chegou nos últimos intres e de penalti. Os dous goles cos que o Sober venceu ao Taboada foron autoría de Martín. Primeiro de penalti e logo sentenciou na recta final. O cadro soberino ten a praza de promoción case que confirmada. Tentará colocarse o mellor posible para os emparellamentos.

Semella que a pelexa máis interesante no que resta de liga vai estar na loita pola sexta praza. Nestes momentos é ocupada polo Carballedo. Pero os pupilos adestrados por Txiki non están sendo quen de volver ao camiño da vitoria. En cambio, o Relámpago Taboada acumula dúas seguidas. A última precisamente foi no seu duelo directo co Carballedo ao que venceron pola mínima. O equipo taboadense colócase a tres puntos do seu rival cun partido menos. O Castroverde ou o Taboada B aínda poderían ter algunha opción.

O Chantada B sae do descenso directo 8 xornadas despois

Todo se mantén igual na cabeza de cadansúa clasificación da Segunda Rexional. Porque os catro equipos situados nos postos de ascenso gañaron os seus respectivos encontros. Non obstante, semella que se reduce o número de perseguidores. Sobre todo no grupo sur, onde só o Portomarín e o Río Sil tentan seguir o ritmo. O resto de rivais situánse a máis de dez puntos do Ferreira. Pola contra, no sur é onde hai máis equipos implicados na loita pola salvación. O Chantada B saíu dos postos de descenso directo ao empatar ante un rival directo. Repasamos a situación nos Onces Futbolinlugo da 20ª xornada.

No grupo norte, ao Alfoz costoulle sumar a terceira vitoria seguida nesta nova xeira que parece que comeza. O Goiriz termou do empate ata o minuto 80 no Municipal. De feito, o equipo vilalbés foi quen se adiantou no marcador. Finalmente o líder conseguiría a remontada. Xenxo desfixo a igualada. A diferenza co Sanci é de sete puntos. Que tampouco o tivo doado na súa visita ao Muimenta no Pichón. Venceron pola mínima cun gol de Dani López. Á terceira posición ascende o Sporting Pontenova. Despois de vencer con claridade no Cascabeiro ao Celta Barreiros. O equipo aurinegro marcou seis tantos por dous dos locais. Iso si, o de Celeiro en forma de gol olímpico.

 

O Sporting Pontenova é terceiro porque o Cabreiros empatou nun dos duelos directos da xornada. Houbo táboas na Cea entre os locais e o Meira. Ambos seguen no tren de cabeza. No medio deles o Xermade. Que tamén sumou un punto a pasada fin de semana. Foi no derbi ante o Roupar onde non houbo goles. Os pupilos adestrados por Borja Bouza levan once encontros sen perder. O mal inicio de liga lastrou ao cadro verde que está asentado na zona media da táboa clasificatoria. Está empatado a puntos co Guitiriz e co Cospeito que tamén igualaron no seu enfrontamento no Suso Cruz. Quen tamén se achega xa a zona media e afástase do descenso son a Candelaria e o Mondoñedo. O cadro da Rúa derrotou pola mínima ao Abadín. E o conxunto mindoniense fixo o mesmo ante o Iberia. Venceron aos dous equipos que ocupan postos de descenso directo.

No grupo sur, o San Lázaro só permitiu que fose unha xornada de resultado negativo. Despois da derrota co Portomarín volveu á senda do triunfo no San Martiño ante o Quiroga. Julito marcou os dous goles para os seus. E o equipo da Ponte chega a unha cifra redonda a falta de dez xornadas para que finalice a competición: 50 puntos. Borja ‘Pipita’ mantense como o porteiro menos batido do grupo. A distancia co Ferreira mantense nos 8 puntos. O cadro de Pantón viuse apurado no Baliño. O Becerreá vendeu cara a derrota. Os visitantes adiantáronse por medio dun penalti. Antes do descanso os locais igualaron. Na recta final o Ferreira marcou o tanto da vitoria. A espera do fallo segue o Portomarín na terceira posición. Oito partidos sen perder. No último venceu con tres goles ao Santa Comba no Chao da Poza. A sete puntos do segundo posto atópase o Río Sil. Os xogadores preparados por Juan Diéguez tamén están nun gran momento. Acumulan nove xornadas sen perder. E na última venceron a un rival directo ao que lle minimizaron as súas opcións de poder estar nos postos altos na recta final da tempada. O equipo soberino venceu no Gandarón ao Paradela por un axustado 2-3.

Na zona media, o Incio volveu gañar catro partidos despois. Derrotou pola mínima ao Corgo. O gol foi autoría de Chivas a saída dun saque dende o recanto. Na segunda o Corgo apretou máis pero non estivo acertado de cara o gol para equilibrar a balanza no marcador. A permanencia está moito máis cara no grupo sur. O Palas venceu ao Bóveda cun hat-trick de Tenerife. É a segunda vitoria seguida do cadro da Ulloa e a súa diferenza co descenso directo é de sete puntos. De cinco é a marxe que ten o Oural que empatou ante o equipo que agora marca a zona de salvación. O Oural e o Chantada B empataron nun encontro no que estivo no recordo Luis Pallín. Gardouse un minuto de silencio polo pasamento hai unhas semanas do presidente de honra do equipo sarriano. O campo leva o seu nome. O punto que sacou o filial chantadino permítelle saír dos postos de descenso directo. Entra no seu canto o Quiroga. A catro puntos do cadro quirogués tamén esta metido na pelexa o Brollón. O equipo dos Medos sacou tres puntos importantes do seu partido ante o Páramo. Aquí pódense ver algunhas das imaxes do encontro cortesía de Mariluz Fagín.

A SD Viveiro e o Lemos B, representantes da 3ª nas semifinais da Copa

As semifinais da Copa Deputación 2020 da 2ª e da 3ª van ter equilibrio nos equipos representantes de cada categoría. A SD Viveiro e o Lemos B pelexan por ascender a 2ª Rexional e tamén van intentar meterse na final do torneo copeiro. Deron a sorpresa nunha finde de Entroido na que o Guitiriz e o San Lázaro non fallaron. En maio decidirase que equipos xogarán a final. O que xa sabemos é que non se vai repetir o partido da tempada pasada.

O Roupar non vai poder repetir presenza na final. O cadro verde quedou eliminado na súa visita ao Marcos Gómez ante a SD Viveiro. Os locais pasaron nos penaltis. Realizaron unha boa primeira metade con presenza en campo contrario. No segundo acto perderon en dominio do xogo, pero foron quen de xerar oportunidades de gol. O seu rival nas semifinais será o Guitiriz. O conxunto guitiricense botou fóra da competición ao Abadín no Suso Cruz. A Copa pode convertirse no gran obxectivo do conxunto chairego ao non acabar de engancharse polo momento á zona alta do grupo norte da Segunda Rexional.

 

Na zona sur, a proposta do Lemos B serviulle para meterse nas semifinais da Copa. Eliminou na súa casa a SD Becerreá. Na primeira metade o encontro estivo igualado. Os locais adiantáronse xa na segunda e aumentaron a súa confianza. Colocáronse 2-0 e o Becerreá conseguiu volver meterse no partido cun gol. Pero ao momento os locais reaccionaron e sentenciaron definitivamente a eliminatoria. No Luis Gorgoso tamén houbo duelo entre un equipo de 3ª e outro de 2ª. Pero o vixente campión e líder da Segunda Rexional grupo sur derrotou aos seus veciños da Milagrosa. O San Lázaro impúxose con dous goles no primeiro tempo e mantén as opcións de volver gañar a Copa Deputación por segundo ano consecutivo.

O Fonsagrada dá un golpe na mesa e o Relámpago mantén esperanzas

Os dous líderes coinciden en puntuación. O Fonsagrada e o Sporting Lucense encabeza a clasificación con 36 puntos en cadanseu grupo. O equipo fonsagradino sacou rendemento nun dos duelos relevantes da finde. O Celeiro e Taboada B descansaron nesta xornada. Esta finde paran todos agás a SD Viveiro, a Milagrosa e o Lemos B que teñen os cuartos de final da Copa Deputación 2020. Máis detalles no Tres en Raia da 15ª xornada da Terceira Rexional.

No grupo norte xogouse un partido que pode significar moito de cara ao tramo final de liga. Porque xogaron o primeiro contra o segundo. Chegaban empatados a puntos. Pero o Fonsagrada mantivo o seu posto no Marcos Gómez ante a SD Viveiro. Lucas marcou por partida dobre. Os locais tentárono pero só conseguiron un gol no segundo tempo. O triunfo permítelle ao cadro fonsagradino seguir no máis salto, pero en solitario. Ademais continúa invicto no que vai de liga. Na terceira posición o Matela colócase a dous puntos do cadro viveirense. Recurtoulle seis nas últimas dúas fins de semana. A sétima vitoria seguida do curso chegou con claridade ante o Nausti. O equipo de Outeiro é o conxunto máis en forma a nivel de resultados da competición.

 

A Comercial vai cara arriba en serio. Sitouse na quinta posición ao derrotar a un Friol B que mantén a cuarta praza. Aínda así, sepáranos seis puntos na táboa clasificatoria. A postos de promoción volveu o Rioaveso. Levaba catro xornadas sen gañar. Os pupilos adestrados por Veiga recuperaron sensacións ante o Lugo Unión. Quen saíu da zona foi o Cazás. No seu duelo directo co Catro Roldas na Canteira empataron a un gol.

No grupo sur, os dous primeiros clasificados venceron. E amplían as súas diferenzas co terceiro posto. O Sporting Lucense continúa na cabeza ao vencer na casa ao Sober. Cuarto triunfo consecutivo. Mesma xeira de vitorias seguidas levan os vecimos da Milagrosa. Nesta última xornada superaron a domicilio ao Carballedo. Pero o Antas non foi quen de seguir o rtimo. Mantén a terceira praza. Unha parte para cada equipo no duelo ante o Castroverde. Encontro condicionado polo forte vento que petaba na Veiga do Olmo.

Á cuarta posición regresou o Lemos B. O equipo lemista superou nun encontro con polémica (marcada principalmente polas expulsións) ao Monterroso B no duelo de filiais. Da zona baixa foi una xornada aproveitada polo Relámpago Taboada. Quere manter a esperanza de ter opcións de loitar por algo máis. Queda a seis puntos da promoción de ascenso. Venceu ao Rubián no Poste. Alí produciuse a estrea de Vicente coa camisola do club taboadense. Chega procedente do Antas. Debut e gol a saínda un saque dende o recanto. Tamén marcou Sergio. Un dianteiro que vén dunha lesión e está tentando recuperar a súa mellor versión física.

O San Lázaro perde 16 partidos despois; o Iberia e o Chantada B dan a sorpresa

É noticia porque se corta unha xeira case perfecta. Dezaseis encontros sen coñecela derrota na Segunda Rexional lucense implica estar máis dunha volta puntuando sempre cada fin de semana. Chegou o día de perder para o San Lázaro e foi ante o Portomarín. Aínda así, o conxunto preparado por Diego Rey mantén distancias no primeiro posto do grupo sur. Pola súa banda, o Iberia e o Chantada B que ocupan postos de descenso en cadanseu grupo conseguiron vencer esta xornada a dous equipos da parte alta. Máis detalles nos onces da 19ª xornada da Segunda Rexional.

No grupo norte, o Alfoz sobrepúxose a situación de partido na Fonte. Foi dúas veces por debaixo no marcador ante o Cospeito. O cadro alfocense deulle a volta ao resultado no segundo tempo. Amplía a súa diferenza no primeiro posto. Ten sete puntos de marxe sobre o Sanci. O equipo preparado por Carra tíñao todo de cara para volver ao camiño do triunfo. Pero o Celta Barreiros conseguiu igualar un resultado que tiña moi en contra. O Sanci vencía por 3-0 na súa casa. Mais o cadro de San Cosme logrou marcar tres goles e sacar un punto. Eijo e Insua puxeron a espectacularidade en cadanseu gol. Increméntase a igualdade na loita por ese segundo posto. Porque nun dos partidos da xornada o Sporting Pontenova venceu ao Cabreiros. Dous puntos de diferenza da segunda á cuarta posición. Ao Cabreiros saiulle todo mal na Mina. Fallaron un penalti cando perdían por 1-0. E, en parte, por novo erro defensivo fixo que marcharan cun 2-0 en contra o tempo de lecer.

Despois de tres derrotas, o Meira reencontrouse coa vitoria. E segue na pelexa polas prazas de ascenso. Derrotou pola mínima ao Guitiriz. O propio Meira, Celta Barreiros, Xermade, Pontenova e Cabreiros son nestes momentos os equipos que máis preto están do segundo posto. E iso que, por exemplo, o Xermade perdeu por quinta vez neste curso. Caeu ante un Iberia que se reencontrou co triunfo. Balbón e Miguel marcaron cadanseu bo gol. A mala noticia prodúcese en forma de saída. O gardamallas Pelayo, que tivo intervencións de mérito no último encontro, deixa o equipo por motivos laborais. Non obstante, Seijo semella estar recuperado e será o encargado de poñerse agora baixo paus. O cadro adestrado por José Manuel colócase a dous puntos de saír do descenso directo. Posición que ocupa o Goiriz que sumou un punto nesta xornada. Empatou sen goles no Ventiño ante un Roupar consolidado na zona media da táboa. Tamén houbo empate entre o Abadín e o Muimenta. Un punto para cada un que non lles serve de moito. E menos aos locais que continúan como pechacancelas. Iso si, levaban sen sumar un punto 11 partidos.

No grupo sur, o San Lázaro perdeu 16 partidos despois. Rematou esta xeira na casa. O Portomarín levouse os tres puntos da Ponte e achégase seriamente ao segundo posto. Queda a un punto dun Ferreira que tampouco foi quen de gañar a pasada finde. Enfrente estaba outro equipo en forma, o Río Sil. Igualaron a dous goles na Carqueixa. Rafa marcou un dobrete para o cadro de Pantón. O cadro soberino non puido recortar puntos, pero mantense a sete puntos do segundo posto. Quinto é o Becerreá que enlazou o terceiro partido gañado de xeito consecutivo. Superou na casa ao Brollón. Os locais amosaron a súa inercia positiva. Adiantáronse cun bo gol de cedo de Riomao. A tranquilidade chegou cun cabezado de Vigo no segundo tempo e Palle sentenciou.

Tamén sacou tres puntos o Páramo. Venceu nas Rapadas con claridade ao Bóveda. Iso en canto a zona media alta porque o resto de vitorias chegaron na parte media baixa da táboa clasificatoria. O Oural sacou tres puntos da súa visita ao Santa Comba. Os dous equipos quedan igualados a puntos agora na clasificación. Tamén venceu o Palas logo de tres xornadas sen facelo. Derrotou no Carboeiro a un Incio que suma catro encontros sen gañar. Iván Navia marcou un dobrete para os seus. Tres puntos levou o Corgo no seu duelo directo co Quiroga a quen supera na táboa. O gardamallas Adri García foi un dos protagonistas do encontro coas súas paradas, a pesar de encaixar tres goles. O Corgo queda con dous puntos de diferenza con respecto ao descenso directo. E que o equipo que ocupa esa praza tamén gañou nesta xornada. O Chantada B superou ao Paradela por un axustado 3-2. E iso que os visitantes remataron con dous menos por expulsión. O filial chantadino está a un punto de saír dos postos de descenso directo.

A reestrea de Paraños e unha ocasión perdida de asaltar o liderado

Cinco partidos despois perdeu a SD Viveiro. Xusto na xornada na que se podía colocar como líder do grupo norte. O seu rival, a Comercial, entra en postos de promoción de ascenso. No sur, volveu sobresaír Anxo cun novo hat-trick para a Milagrosa. O Sporting Lucense continúa líder. No sur, só puntuaron os equipos que están en zona de promoción. Foi a quenda do Relámpago Taboada para descansar. Repasamos a 14ª xornada no Tres en Raia da Terceira Rexional.

No grupo norte, todo segue igual nos postos de ascenso. Porque a Fonsagrada descansou e a SD Viveiro perdeu. Terceira derrota da tempada para o cadro viveirense. Foi ante unha Comercial que entra na sexta posición. Os pupilos preparados por Pablo non se atoparon cómodos no Rodríguez Lago. Aínda así, conseguiron adiantarse no marcador. Os locais ao contraataque remontaron o resultado. A cinco puntos da zona de ascenso colócase agora o Matela que foi un dos grandes beneficiados da fin de semana. Sexta vitoria consecutiva. O Matela derrotou no Catro Ventos ao Cazás. O equipo xermadino segue na quinta posición.

Paraños xa volve ter ambiente de competición oficial. Despois duns meses de rehabilitación o campo da parroquia vilalbesa de Rioaveso xa volveu acoller un partido como local do seu equipo. Aínda non xogara ningún no que vai de curso. O primeiro encontro rematou en empate no duelo co Friol B. O filial friolés mantense na cuarta praza e os locais saen dos postos de promoción. Quedan a un punto da sexta praza. No enfrontamento de candidatos a entrar na fase o Celeiro superou pola mínima ao Catro Roldas. Partido serio do conxunto viveirense. Non concedeu moitas ocasións e o equipo de Román tampouco estivo acertado. O gol de Payu de cabeza a saída dun saque dende o curruncho significou a vitoria. No conxunto amarelo regresou Forlín despois de cumprir o seu período de sanción.

No grupo sur, o Sporting Lucense mantense no máis alto da clasificación. Tivo unha saída complicada. Venceu pola mínima na Medela ao Taboada B. Adiantouse na primeira metade, pero o Taboada B conseguiu empatar cun gol de Pitu. Na recta final do encontro o cadro adestrado por Lolo conseguiu selar a vitoria. Terceira vitoria seguida. Un punto máis ca o seu inmediato perseguidor. A Milagrosa tampouco baixa o ritmo. Nin o de partidos gañados nin o de goles. E boa parte da culpa deste última tena Anxo. O dianteiro volveu marcar 3 dos 4 goles do seu equipo. 15 tantos leva no que vai de liga. O Rubián tentouno e marcou dous goles. Con protagonismo para Ribi. Marcou un dos tantos e deu un pase de gol.

Como os da parte alta gañaron todos, o Antas segue a cinco puntos do ascenso. Cuarto triunfo seguido. Derrotou no derbi da Ulloa ao Monterroso B con claridade no marcador, aínda que non foi un bo partido do conxunto do Castro Seoane. E o resultado foi excesivo. Na cuarta posición sitúase esta xornada o Sober. Venceu pola mínima ao Castroverde. O gol de Martín posibilitou o 7º triunfo da campaña para o cadro soberino. O presidente é o máximo goleador do grupo con 16 goles. O duelo directo da xornada na promoción de ascenso rematou en empate. O Lemos B e o Carballedo non foron quen de dar co gol. Os resultados beneficiáronlles e aumentan nun punto a súa distancia cos predecesores.

Estreas con gol e o Cabreiros colócase en ascenso por 2ª vez na tempada

Foi na sétima xornada cando o Cabreiros permaneceu unha semana nas posicións de ascenso. Regresou esta finde ao derrotar ao Sanci. O Alfoz reencontrouse coa vitoria na estrea estelar de Xenxo. E o San Lázaro segue ao seu no sur. Aínda que esta xornada non ampliou diferenzas cos seus inmediatos perseguidores. No Paradela tamén tiveron debut con gol. Repasamos o que deu de si a fin de semana nos onces da 18ª xornada.

No norte, o Alfoz volve ter unha diferenza de cinco puntos co segundo clasificado. Venceu ao Meira que pasou de ser un dos equipos revelación; a unir tres derrotas seguidas. No seu primeiro partido co cadro verde, Xenxo estreouse como goleador. Por partida dobre. Foi o encargado de marcalo primeiro gol do encontro. O Meira chegou a remontar. E os locais fixeron o propio. O terceiro marcouno tamén Xenxo. O segundo clasificado é agora o Cabreiros. Aínda que cos mesmos puntos ca o seu rival desta xornada. No duelo directo da Cea os locais superaron ao Sanci. E a parte alta iguálase máis. Porque o Xermade tamén gañou e sitúase a 3 puntos do ascenso. O cadro xermadino venceu no Municipal pola mínima ante un Goiriz que deu a talla. Podíase quedar a un punto do ascenso, pero o Sporting Pontenova veu de baleiro de Guitiriz. O conxunto guitiricense derrotou pola mínima aos pupilos preparados por Andrés Bouza.

Quen alimenta as súas esperanzas de unirse á pelexa é o Celta Barreiros que venceu no Cascabeiro ao Abadín. Non obstante pode botar de menos a un xogador. En principio Dani Chin non xogará máis co Celta Barreiros por motivos laborais. Non obstante, non é unha saída definitiva. Marcha cun gol de penalti. O gran gol de falta directa de Celeiro significou finalmente a vitoria. O Abadín continúa sen fortuna cara o gol. Conseguiu xerar ocasións, pero non foi quen de acertar. Prolóngase a boa xeira dun Roupar que mira cara arriba. Derrotou a un rival directo na zona media como é o Cospeito. Goles de Junior, Sebas e Santi Rouco. A Candelaria tamén pon terra de por medio co descenso ao gañar ao Iberia. Adiantouse cun gol de falta, aproveitou un erro defensivo para poñer o segundo, Jacobo paroulle por dúas veces un penalti a Javi Castrillón e o cadro da Granda sentenciou cun penalti. O Muimenta superou pola mínima ao Mondoñedo. O cadro mindoniense quedou cun xogador menos por expulsión na primeira metade. Os locais conseguiron o gol da vitoria no segundo tempo. Matías marcou un bo gol.

No grupo sur mantense no tempo a boa xeira do San Lázaro. 16 partidos sen perder. 47 puntos. O último encontro resolveuno cunha clara vitoria no marcador ante o Oural. Julito foi un dos protagonistas con tres goles. Na segunda posición garda as distancias o Ferreira. Derrotou pola mínima ao Chantada B. O gol de Rafa significou finalmente 3 puntos. Esa é a diferenza co inmediato perseguidor, o Portomarín. O conxunto do Chao da Poza derrotou con claridade ao Corgo na casa. Dos actuais seis primeiros clasificados o único que non gañou nesta xornada foi o Río Sil. O cadro soberino mantense na cuarta praza. Pero nos Medos nin el nin o Brollón batiron co gol (imaxes do partido aquí grazas a Mariluz Fagín).

Si conseguiu o triunfo o Paradela. Tamén lle chegou cun gol ante o Santa Comba no Gandarón. Ademais foi un tanto para enmarcar unha estrea. Alejandro Abella debutaba co cadro verde e marcou o gol da vitoria. Escala ata a sexta praza o Becerreá nun encontro sen moita historia ante o Bóveda. Dende os primeiros minutos o partido xa se decantou no marcador para os visitantes. Os locais tiveron algunha aproximación, pero Álex amouse a súa seguridade baixo paus. O Páramo reencontrouse co triunfo tres xornadas despois. Venceu nun partido axustado con cinco goles ante o Palas nos Chacotes. Na zona baixa destacou a vitoria do Quiroga pola mínima sobre o Incio. Primeira parte sen excesivas ocasións, pero na que o Quiroga mandou no partido coa posesión. Aínda así, os locais adiantáronse nunha xogada a balón parado con gol de Juan Luis. Mellorou o Incio no segundo acto e tivo ocasións. Pero non foi quen de empatar.

Gañan os primeiros clasificados e un Castroverde que se reencontra co triunfo

Foto de portada: Mariluz Fagín

Os primeiros clasificados de cadanseu grupo da Terceira Rexional sumaron tres puntos nos seus respectivos partidos. As excepcións foron o Sporting Lucense que descansou e o Castroverde que regresou ao camiño do triunfo catro xornadas despois. Repasamos a 13ª xornada no Tres en Raia.

Nos postos de ascenso directo do grupo norte mantense o pulso entre a Fonsagrada e a SD Viveiro. Os dous equipos venceron na pasada xornada e suman 33 puntos. O cadro fonsagradino é o que se mantén no máis alto. Venceu pola mínima á Comercial nun encontro igualado. O gardamallas Jorge tivo algunhas paradas de mérito para os seus. A SD Viveiro mantense na segunda posición logo de derrotar ao Rioaveso (conserva a 6ª praza). O conxunto viveirense segue coa boa xeira. Cinco vitorias seguidas.

 

Tamén están os igualados en puntuación os equipos que ocupan a 3ª e a 4ª praza. O Matela continúa nun gran estado de forma. Pasa polo seu mellor momento da tempada. Acumula cinco vitorias seguidas. A última foi no campo de Aguiar ante o Celeiro. O cadro viveirense aguantou ata os últimos minutos da 1ª metade. Cuarto é o Friol B. O filial non tivo problemas para vencer na casa ao Nausti e sumar a súa cuarta xornada seguida sen perder. Xa a máis distancia, pero na quinta posición, aséntase o Cazás. O conxunto xermadino reencontrouse co triunfo despois de tres xornadas sen conseguilo. Sacou tres puntos importantes da súa visita ao Lugo Unión. Aínda así a 5ª e a 6ª praza semellan as máis abertas e no que a pelexa pode estar moi viva ata o final.

No grupo sur, a Milagrosa aproveitou a xornada de descanso do Sporting Lucense para achegarse ao líder. A diferenza é de un punto entre os dous. O pulso poderá manterse xa ata o final de tempada. Porque os dous equipos descansaron xa as súas xornadas correspondentes. A Mila acumula cinco partidos consecutivos sen perder. A última vitoria foi a domicilio pola mínima ante o Relámpago Taboada. O cadro taboadense non acaba de engancharse a loita polos postos de promoción. Na terceira posición, o Antas agarda os erros dos dous antecesores. Sumou o seu terceiro encontro gañado de xeito seguido. Superou ao Carballedo no Catro Ventos. Tres puntos de mérito ante un Carballedo que se mantén en zona de play-off.

Tamén venceu o Lemos B. O filial monfortino derrotou no Poste ao Rubián no regreso do adestrador Perry a que foi a súa casa nas últimas tempadas. O 5º é o Sober que tamén conseguiu un triunfo fóra da casa. Derrotou ao Monterroso B. O filial de Cerdeiriños conseguiu adiantarse no marcador, pero Martín igualou o gol do empate para os seus. Na zona baixa destacou a vitoria do Castroverde. Volveu gañar catro xornadas despois. E achégase na clasificación o seu rival, o Taboada B. A pelexa por entrar na promoción permanece aberta.

A Candelaria ri, un porteiro goleador e un partido con dez goles

Se a “Candelaria” chora, media liga vai fóra; se a “Candelaria” ri, media liga está por vir. Tirando man do refraneiro popular e pasándolle un filtro futbolístico, as predicións dinnos que queda moito que dicir nos 13 partidos que restan na Segunda. Porque a Candelaria precisamente sorriu nunha finde na que se afasta do descenso. E a liga iguálase, sobre todo, no grupo norte. Contámolo nos Onces da 17ª xornada da Segunda Rexional.

Pasa unha semana e vira o aire. Nesta xornada vólvese apretar a clasificación do grupo norte. Porque o Alfoz mantense líder, pero perdeu despois de 15 xornadas. Superouno un Sporting Pontenova na Mina que vai á alza e está a 4 puntos do segundo. Non foi o mellor partido do cadro alfocense. O bo facer dos locais e as baixas notáronse. Desprazáronse con 13 xogadores. Agora a diferenza co Sanci volve ser de dous puntos. Os pupilos preparados por Carra venceron na Veiga ao Guitiriz. Reencontráronse co triunfo logo de catro encontros. E ollo que por detrás avisan o Cabreiros e o citado Sp. Pontenova. O conxunto xermadino é terceiro a tres puntos do Sanci. Os xogadores preparados por Abel Rochela non fallaron na súa visita ao Abadín. E iso que Meizoso tivo que vestir as luvas e poñerse de porteiro. Lino estaba sancionado. Ademais era o día no que Vicente e Seijo volvían a súa casa. E casualidade, destino ou simplemente cousas do fútbol os dous marcaron cadanseu gol que significou a vitoria do Cabreiros. Os locais seguen como pechacancelas do grupo.

Nun duelo directo por mirar cara arriba, o Cospeito e o Xermade igualaron a un gol na Fonte. Namentres o que continúa no seu bo momento é o Roupar. Venceu a un Meira que non tivo o seu mellor día na Lomba. Suma oito partidos sen perder. É o equipo máis en forma do grupo a pesar de ocupar a 10ª posición. Andy e Sebas puxéronlle o toque goleador. Tamén foi unha xornada importante para a Candelaria. Abre camiño cun rival directo. Superou ao Muimenta na Granda na fin de semana da súa patroa. Púxose cunha vantaxe de dous goles. Rocky non marcou, pero fixo dobrete en pases de gol. De pouco valeu para o resultado o tanto do Muimenta. Iso si, non todos os días marca o teu porteiro. Javier Noche pegoulle con todo dende o seu propio campo e o balón entrou na portería rival. Vitoria importante do Mondoñedo que marca distancias coa zona máis baixa da táboa. O gol de Vázquez serviu para derrotar a un frouxo Celta Barreiros ao que tampouco acompañou a sorte. Pedro e Damián retiráronse lesionados. Tiveron que acudir ao hospital. Pedro rompeu tres costela e Damián tivo que quedar unha noite ingresado. Cando Damián se lesionou o equipo xa estaba sen cambios. E foron expulsados por dobre cartón Ferro e Makina. O Mondoñedo tivo opcións para ampliar o marcador. De feito, René paroulle un penalti a Javi Celes. E noutro partido directo da xornada nin o Iberia nin o Goiriz foron quen de marcar. Quedan cunha diferenza de catro puntos. O cadro de Reinante en descenso directo e o equipo vilalbés marcando a salvación (sen ter en conta os arrastres). Máis aló do puramente deportivo os dous conxuntos deixáronnos unha das imaxes da xornada. Xuntos os dous capitáns. Marcos e Manel. Emblemas de cadanseu club e do noso fútbol.

No grupo sur, o San Lázaro continúa ao seu. Sumou a 14ª vitoria da temporada. Superou pola mínima ao Paradela na Ponte. Xustamente o único rival que foi quen de gañarlle nesta liga. Na 1ª volta no Gandarón o resultado fora tamén de 2-1, favorable ao equipo preparado por Rubén Bergantiños. A distancia co Ferreira mantense nos nove puntos. O equipo de Pantón gañou no Tras do Novo ante o Santa Comba. A nivel goleador chegoulles co dobrete de Rafa. Segue a 3 puntos do segundo o Portomarín. Na pasada finde venceu ao Quiroga no San Martiño. Acumula cinco encontros consecutivos sen perder. Hugo marcou dous dos tres goles dos seus. Outro que atravesa un bo momento é o Río Sil. Seis partidos seguidos sen coñecela derrota. A última vitoria produciuse con claridade ante o Bóveda. Isma anotou catro goles e Anás realizou un hat-trick regresando as posicións de ataque. Leva xogando parte da tempada como defensa.

Pero para goles os que se viron no Carboeiro. Dez en total; cinco para o Incio e outros cinco para o Páramo (hat-trick de Rober incluído). No tempo de lecer o Páramo gañaba por 1-3. O cadro amarelo chegou a remontar e colocouse 4-3 no segundo tempo. Con dobrete de Hugo e un gol de Orlando. Pero o rival fixo o mesmo. O Incio quedou cun menos pola expulsión de Vila. Nos últimos intres os locais conseguiron igualar cun gol de Diego. Na sétima posición colócase o Becerreá logo de superar ao Palas. Con protagonismo para os xuvenís, aínda que algúns como José Lexo xa están na dinámica do primeiro equipo. Damián e Cristian tamén tiveron o seu protagonismo. E Ily estreouse cos maiores. De feito, Damián e Lexo crearon a xogada do primeiro gol xa na segunda metade. O Palas logrou empatar. Pero nos intres finais o gol de Xairo significou que os tres puntos quedaran na casa. Nun duelo de equipos que queren marchar da zona baixa, o Corgo e o Oural empataron a un gol. Nesa mesma situación tamén anda metido o Brollón. Que conseguiu unha vitoria sobranceira. Ante un rival directo. Superou no Sangoñedo ao Chantada B que está en zona de descenso. A diferenza entre eles queda en 4 puntos.

O Taboada B reencóntrase coa vitoria e o Sober apaga a xeira do Carballedo

Dos primeiros clasificados de cadanseu grupo da Terceira, o Fonsagrada foi o único que non conseguiu gañar. Aínda así, mantense no máis alto do grupo norte. No sur, curtáronse xeiras negativas e positivas. Sen cambios na parte alta. Os detalles contámolos no Tres en Raia da 12ª xornada.

O Fonsagrada continúa no máis alto do grupo norte a pesar de só colleitar un punto da súa visita a Fonte onde xogou co Rioaveso. O gol de Silbán de falta significou un punto nos últimos intres. O traballo coral do Rioaveso quedou cun premio menor despois de conseguir adiantarse no marcador. A SD Viveiro aproveitou o resultado do seu antecesor para igualar a puntos co líder. 30 é a cifra que suman os dominadores da zona norte. O conxunto viveirense derrotou ao Nausti no José Luis Parga. Custoulle batir co gol nos primeiros minutos, pero lograron marcharse xa o tempo de lecer con tres tantos de vantaxe.

Á terceira posición regresou o Matela logo de superar na Canteira a un Catro Roldas que sae dos postos de promoción. A chegada dun novo porteiro ao cadro de Román reduciu a sangría de goles encaixados nos últimos partidos. Popi xogou o seu primeiro partido procedente do Roupar. Pero o equipo non se reencontrou co triunfo e acumula cinco xornadas sen gañar. Trigo, Maikel e Torito marcaron cadanseu gol para o Matela. Empatado a puntos co cadro de Outeiro está o Friol B. O filial friolés igualou na súa visita ao Cazás. O Catro Ventos viu un gran gol de Juan de volea dende a frontal da área. Con ese gol, os locais puxeron as táboas no encontro. Rober adiantara antes aos seus. Na zona baixa volveu gañar o Celeiro. Derrotou ao Lugo Unión. Dani Liz foi un dos grandes protagonistas ao marcar os dous goles do choque.

 

No grupo sur, o Sporting Lucense aproveitou a xornada de descanso da Milagrosa para verse con máis vantaxe no liderado. O cadro adestrado por Lolo superou pola mínima na casa ao Castroverde. Na terceira posición mantense o Antas. O cadro da Ulloa venceu ao Rubián. Méndez foi un dos grandes sobranceiros do encontro. Participou nos tres goles dos seus. Marcou un dobrete e deu un pase de gol.

Logo de dúas xornadas, o Lemos B volveu ao camiño do triunfo. O filial lemista superou ao Relámpago Taboada e colocouse na cuarta posición. Coa expulsión do gardamallas Eloy nos visitantes, Erik tivo que asumir as funcións de porteiro. Catro encontros levaba sen gañar o Sober. E seis vitorias acumulaba o Carballedo. No seu enfrontamento da pasada finde produciuse un cambio de xeira. O conxunto soberino venceu pola mínima ao seu rival e superouno na clasificación. Ambos ocupan postos de promoción. O Taboada B foi un dos grandes triunfadores da xornada. Levaba a peor xeira do grupo tendo en conta as últimas xornadas. Nove encontros sen gañar. A última foi o cinco de outubro. O cadro taboadense gañou no duelo de filiais ante o Monterroso B. Estaban igualados na táboa clasificatoria. Agora o cadro local queda a cinco puntos da promoción.

O Alfoz e o San Lázaro incrementan o seu dominio no inicio da 2ª volta

Puido ser chave a primeira xornada da segunda volta? Iso poderá dicilo máis adiante o tempo. Polo de agora quedan 14 partidos por xogar. O certo é que na pasada fin de semana enfrontáronse os dous primeiros clasificados de cadanseu grupo. E as vitorias foron para os líderes que se asentan no primeiro posto da clasificación. Repasamos os detalles nos onces Futbolinlugo da 16ª xornada.

No grupo norte, o partidazo xogouse no Municipal de Alfoz. Os locais conseguiron o triunfo ante o Sanci. Sexta vitoria seguida dos pupilos adestrados por Suso Martínez. Pola contra o conxunto preparado por Carra acumula catro encontros sen gañar. O Alfoz sácalle agora 5 puntos ao segundo e 8 ao terceiro. Os visitantes tampouco tiveron a fortuna de cara. O único gol do encontro foi anotado en propia porta por Poceiro. Aínda así, o futbolista foi un dos máis destacados dos seus. Despois deste resultado e con case toda a segunda volta por xogar os dous equipos reforzáronse esta semana. Xenxo chega ao Alfoz e Antón regresa ao Sanci. Na terceira posición encabeza a persecución o Cabreiros. O conxunto xermadino empatou na Cea ante o Mondoñedo. Os visitantes comezaron gañando 0-2 e finalmente acabaron pedindo a hora. Aínda así, o técnico Julio Castro destaca que o equipo comeza a asimilar todo o novo que leva intentando inculcarlles aos seus. Outro que igualou en territorio xermadino foi o Sporting Pontenova. Sen goles na casa do Roupar. Os locais continúan coa súa boa xeira. Suman 7 partidos sen perder. Noutro dos duelos directos da parte alta o Xermade superou ao Meira. Agora están empatados a puntos na táboa clasificatoria. Chungui estivo en todas. Marcou un dobrete e deu dous pases de gol. A cinco puntos do segundo queda o Celta Barreiros. Uniu a cuarta vitoria seguida. Desta volta ante a Candelaria. Xian volveu ser un dos xogadores decisivos co seu gol. A portería e a defensa foron outras das facetas destacadas do cadro de San Cosme. Deixou a portería a cero por segunda vez na tempada.

 

Na loita por engancharse tamén a zona alta están o Cospeito e o Guitiriz. O conxunto preparado por Luis venceu pola mínima no duelo chairego ante o Goiriz. Pola súa banda, o cadro guitiricense reencontrouse coa vitoria cinco partidos despois. Derrotou no Suso Cruz ao Abadín. Na zona baixa destacou o triunfo do Muimenta. Os celestes deixan a 7 puntos de distancia ao descenso logo de superar a un rival directo como o Iberia. O gol de Jairo resultou de suma importancia.

No grupo sur, o San Lázaro foi ampliala súa vantaxe ao Baliño. Derrotou ao Ferreira ao que lle saca 9 puntos, 12 de marxe con respecto ao terceiro clasificado e acumula nove triunfos consecutivos (imaxes do partido aquí). De feito, na parte alta ampliou vantaxe con todos os equipos agás o Río Sil. E que na xornada reinou o empate. O Portomarín igualou co Incio noutro dos duelos directos. Dominaron os locais na primeira, e destacaron os visitantes na segunda. Aínda que o empate foi tal pola boa intervención final do gardamallas Castro. Os anos non pasan en balde, agás para a experiencia. Bo momento de forma tamén atravesa o Río Sil. A Carqueixa é territorio local. Só o Santa Comba logrou vencer alí neste curso. O último equipo en saír derrotado foi o Palas. Tamén rematou en táboas o duelo do Santa Comba co Brollón nos Medos.

A igualdade tamén imperou no Páramo – Becerreá. Antes, durante e despois do encontro. Ambos equipos teñen os mesmos puntos na táboa clasificatoria. Os locais comezaron inspirados e adiantáronse no marcador. O Becerreá empatou antes do tempo de lecer. Fontal marcou un bo gol para poñer o segundo. No rexeite dunha falta lateral volverían igualar os visitantes. Un encontro directo pola zona baixa tamén se resolveu en empate. Un gol para cada un no Oural – Quiroga. A ningún dos dous o distancia da zona do descenso directo. Quen destacou nos últimos postos foi a vitoria do Chantada B. Venceu ao Bóveda. Os dous ocupan postos de descenso. Pero o filial alimenta as súas esperanzas de retomar a situación logo de sete derrotas seguidas. Non se xogou o Paradela -Corgo que se cambiou de data para a finde do Entroido. O cadro dunha das beiras do Loio atendeulle esta fin de semana ao cocido e a transmisión do Convivir Deportivo que a Radio Galega lle dedicou ao club do Gandarón. E ollo que puido nacer un himno!

Un liderado ficticio e un Carballedo de sobresaínte

A 2ª volta da Terceira Rexional comezou con cambio momentáneo de liderado no grupo norte. O Fonsagrada non xogou o seu partido por incomparecencia do rival, pero o Comité de Competición xa resolveu que lle sexan asignados os tres puntos. O primeiro posto foi ocupado pola SD Viveiro de maneira extraoficial durante estes días. No sur, os primeiros clasificados volveron gañar. Pero a boa xeira segue sendo cousa dun Carballedo que xa é cuarto. A continuación os protagonistas no Tres en Raia da 11ª xornada.

No grupo norte, a SD Viveiro acabou a xornada como primeira clasificada. O cadro viveirense venceu ao Cazás e sumou o terceiro triunfo seguido. O vento fixo acto de presenza no Marcos Gómez. Os locais melloraron despois do descanso. Ademais dos goles a favor, o conxunto preparado por Pablo acumula tres xornadas consecutivas sen encaixar. Marco e David intercambian titularidade. Eles, máis o xogo coral, conseguen que a súa sexa a segunda portería menos batida do grupo. Pola súa banda, o conxunto da Fonsagrada “descansou” esta xornada porque o Nausti non se presentou na Montaña. O cadro vilalbés avisou con anterioridade que non ía presenciarse no encontro. Non obstante, o Comité xa se pronunciou ao respecto. O encontro dáselle por gañado ao Fonsagrada; regresando así o primeiro posto. O Nausti terá que pagar unha multa económica, costear os gastos arbitrais e descontaránselle tres puntos na clasificación. Dáse a circunstancia que o equipo da parroquia de Noche non sumou ningún punto no que vai de liga. Deste xeito ten -3 puntos clasificación.

Non quere perder o fío do ascenso directo o Friol B. O filial friolés derrotou a domicilio ao Celeiro e encabeza a zona de promoción. Aproveitou un rexeite e un penalti para coller vantaxe no marcador. Sete puntos sepárano coa SD Viveiro. Por detrás atópase o Matela que descansou nesta xornada. A igualdade medra na loita pola 5ª e a 6ª praza. Nestes momentos hai catro equipos empatados a 14 puntos. E a festa quérese unir o Lugo Unión. E ten opcións logo de superar ao Catro Roldas (5º). O conxunto de Román está botando en falta a ausencia de porteiro. O mérito para Esteban Carracedo que por segunda semana seguida tocoulle poñerse baixo os paus. O Lugo Unión queda a 3 puntos deses rivais. Esta igualdade quedou patente por exemplo no Comercial 4-3 Rioaveso. O equipo capitalino igualou así na clasificación ao seu rival da pasada fin de semana.

No grupo sur, o Sporting Lucense e a Milagrosa manteñen a súa pelexa nos dous postos de ascenso directo. Os dous reencontráronse coa vitoria nesta xornada. O cadro adestrado por Lolo derrotou no Anexo de Cerdeiriños a un combativo Monterroso B. Ousmani foi un dos protagonistas con tres goles. A mesma cifra tamén foi a que marcou Anxo. O dianteiro da Milgrosa anotou 3 dos 6 goles cos que o seu equipo venceu a un Lemos B que chegaba ao encontro como terceiro clasificado. Dez puntos separan agora aos dous equipos. Na terceira praza sitúase o Antas. O cadro da Ulloa volveu gañar tres partidos despois. Foi a domicilio ante o Relámpago Taboada.

E quen continúa medrando na clasificación é o Carballedo. O mellor equipo da competición tendo en conta os últimos seis partidos. Porque os últimos seis encontros foron vitorias para os pupilos preparados por Txiki. A última pola mínima ante o Taboada B. Xunto coa do Antas, a portería do Carballedo foi a única que non encaixou goles a pasda finde no grupo sur. Baixo os paus estaba Roberto Osorio «Semente». O Sober empatou no Poste ante o Rubián. Un duelo con 8 goles. Os locais deron batalla. Nos visitantes a responsabilidade goleadora recaeu en Martín; marcou os catro. O empate sérvelle ao conxunto soberino para incrementar nun punto a súa distancia co seu inmediatos perseguidores. E que o Sober ocupa praza de promoción. Cinco puntos sepárano do Relámpago e do Monterroso B.

O Alfoz colócase líder na última xornada da 1ª volta

Rematou a 1ª volta na Segunda Rexional. Fíxoo con cambios no grupo norte. O Alfoz encabeza a clasificación logo de gañar o seu partido e aproveitarse da derrota do Sanci. Un primeiro posto que volverá estar en xogo na vindeira xornada. A primeira da 2ª volta trae un duelo entre os dous implicados. O grupo sur continúa ao ritmo que marca un San Lázaro que acumula 13 encontros sen perder. A continuación os onces Futbolinlugo da 15ª xornada.

Un dos resultados máis sorpresivos da xornada estivo no Novo de Ropuar. O cadro verde puxo fin a xeira do Sanci. Foto: Vanesa Paredes

Unha xeira de cinco vitorias seguidas por un lado. A primeira derrota en 15 partidos polo outro. Foron algunhas das circunstancias que posibilitaron o cambio de líder no grupo norte. O Alfoz colócase no máis alto. Hai pouco máis dun ano remataba a 1ª volta como subcampión de inverno do grupo norte da Terceira Rexional. Na pasada fin de semana derrotou na casa ao pechacancelas, o Abadín. Dobrete de Pablo Souto e un gol de Iván. O encontro tampouco foi tan desequilibrado como poda reflectir o resultado. Os visitantes tiveron algunha opción. Mérito, por exemplo, para Pablo; un rapaz de 17 anos que nunca xogou ao fútbol ata este curso e deu a cara nun equipo que acumula oito derrotas seguidas. O primeiro encontro perdido do Sanci produciuse a domicilio. Ante un Roupar que vai á alza. Volveu o Esteban “Sebas” goleador. O seu hat-trick e a entrega do cadro verde foron cruciais.

O Meira, o Cabreiros e o Sporting Pontenova aproveitaron para recurtar distancias cos postos de ascenso. O conxunto meirego queda a catro puntos da segunda posición. Venceu pola mínima no Ventiño. Coa mesma diferenza atópase o Cabreiros. Superou á Candelaria nunha Cea que rematou enlamada. O central Cris foi un dos protagonistas do encontro. Empatou o partido cun gol seu e deulle o pase para que Seijo consumara a remontada. A cinco puntos do Sanci está o Pontenova. O cadro preparado por Andrés Bouza derrotou a un rival directo. O Xermade non puido facerlle fronte no Municipal. Outro dos que está nun bo momento é o Celta Barreios. Volve mirar cara arriba. Terceira vitoria seguida. A última pola mínima no Cascabeiro ante o Muimenta. Na zona media aséntase o Cospeito que tenta buscar máis regularidade para achegarse aos postos altos. Derrotou pola mínima a un Iberia que continúa en descenso. O gol de Xoán foi o único do choque. Ademais do Roupar, na zona baixa destacou o triunfo do Mondoñedo nun encontro de nove goles ante o Guitiriz. A distancia cos postos de descenso directo xa é de oito puntos.

No grupo sur, o San Lázaro mantén as distancias. Nunha xornada na que gañaron os que ocupaban e ocupan os cinco primeiros postos. Sen ir máis lonxe, o conxunto da Ponte derrotou nos Medos ao Brollón. E o Ferreira fixo tamén o seu no Baliño ante o Corgo. Un duelo con sete goles; cinco para os locais. Dobrete de Sergio Cabanelas ademais dos tantos de Rafa, Marcos e Samba. O Portomarín continúa na terceira posición ao gañar o terceiro choque de xeito seguido. Superou a domicilio ao Oural. Os pupilos preparados por Fernandito tiveron que remontar. Ao descanso perdían pola mínima.

O Incio é o cuarto clasificado. Derrotou á SD Becerreá. Unha das chaves estivo nos primeiros minutos da 2ª parte. Onde marcou dous goles. O cadro visitante desaproveitou un penalti. Finalmente marcaría un gol, pero non conseguiu o empate. O Paradela reencontrouse coa vitoria ante o Quiroga. Venceu cun dobrete de Romi. Tamén marcou dous goles Jordi para o Río Sil. Dous dos catro cos que o seu equipo superou nas Rapadas ao Páramo nun dos duelos directos da xornada. A sétima posición é ocupada agora polo Santa Comba. Une dous triunfos consecutivos. Derrotou a domicilio ao Bóveda. A outra vitoria da xornada foi a do Palas ante o Chantada B. Seis partidos levaba sen gañar o cadro adestrado por Iván Fernández. O filial chantadino continúa en descenso.

A Sarriana goleou no derbi provincial a un feble Foz

Comezamos a segunda volta cun Trío de Ases que nos deixa na Terceira División a derrota do Racing Vilalbés no derbi de proximidade ante o As Pontes e o empate do Polvorín ante o potente Arousa na Cheda. Na Preferente, xornada propicia para os nosos equipos, salvo para o Foz que caeu con estrépito na Ribela diante da Sarriana no derbi provincial. O Ribadeo voltou á senda da vitoria diante do Sigüeiro, o Lemos fixo o propio ante o Dubra, a Residencia conseguiu un triunfo vital diante do Xallas e o Viveiro segue ao seu ritmo, triunfo por partido, desta volta no campo do Boimorto.

O Racing Vilalbés non tivo o seu día no Poboado e caeu ante o As Pontes (1-0). O conxunto chairego voltou perder logo de catro xornadas sen facelo. Foi no encontro de proximidade ante un As Pontes que sae de descenso logo deste triunfo. Nun partido condicionado polo forte vento, os de Simón Lamas non desplegaron o seu mellor xogo. A primeira metade tivo dominio local, aínda que se excesivas ocasións. As máis claras foron para Dani e Carlos. Na segunda, un erro defensivo condenou ao Racing. Malia que Cambón non estivo acertado, o ex racinguista David García recolleu o balón dentro da área e batiu a Javi Pita. Co tanto en contra melloraron os vilalbeses e gozaron de ocasións para empatar. Sandá, Cuadrado ou un incisivo Sito puideron marcar. Este último tivo a máis clara cun remate de cabeza que petou no pao. Os lucenses Javi Liz e Óscar Rivas foron titulares no conxunto local, mentres que a nova fichaxe do Racing, o gardameta Javi Rumbo estreouse na convocatoria.

Equipo titular do Racing Vilalbés na súa visita ao campo do Poboado

O Polvorín logrou un punto ante un Arousa que a piques estivo de facerse co triunfo (2-2). O filial albivermello rematou a xornada fóra de postos de descenso, pero igualado a puntos co Rápido de Bouzas. Na primeira metade, malia que o conxunto visitante non creou apenas perigo, un centro lateral no que errou o gardameta Unai Marino foi rematado no segundo pao por Javi Otero que logrou adiantar aos de Rafa Sáiz. O Polvorín non lle perdeu a cara ao partido e logrou o empate preto do descanso por medio de Rayco cun preciso lanzamento de falta. Na segunda metade reinou a igualdade, pero de novo foron os arousáns que lograron poñer do seu lado o marcador. A falta de vinte minutos para o final, Manu Rodríguez cun tiro cruzado superou a Unai Marino. De aí ata o final a iniciativa foi para o cadro lucense, pero o Arousa con transicións moi rápidas podía sentenciar. Pero o empate chegou logo dunha boa xogada de Cristian, que se revolveu na área para que Manu Núñez rematara a gol no segundo pao.

O Viveiro segue intratable e gañou no campo do Boimorto (0-1). Segunda vitoria consecutiva a domicilio pola mínima. Non foi o mellor encontro dos de Chusky nun dos campos máis complexos da Preferente. Pero surxiu a figura de Roberto Prieto para facer un tanto que valeu tres puntos para seguir abrindo brecha no liderato. Debutou no cadro mariñán o canteirán Diego Fernández e o ‘retirado’ Kiko Mariño voltou a unha convocatoria, e seguirao facendo ata a recuperación de Manu Cedrón.

O Ribadeo venceu ao Sigüeiro nas Valgas nun cómodo encontro (3-1). Logo de tres encontros sen gañar, os de Rafa Casanova reencontráronse coa vitoria ante un Sigüeiro que non opuxo gran resistencia e no que foi titular o histórico Juanito. Nun encontro no que o vento fixo acto de presencia, os ribadenses dominaron xa na primeira metade, aínda que se chegar á porta contraria con moito perigo. Santi, cun gol olímpico adiantou ao Ribadeo coa colaboración dun defensor visitante. Na segunda metade, o Sigüeiro foi a polo empate pero nunha contra, Vizoso puxo terra de por medio. Aitor, logo dun penalti cometido sobre él mesmo, sentenciou. Xa co tempo cumprido, Colón recurtou diferencias con outro cónrer directo.

A Sarriana non tivo piedade do Foz no derbi provincial (7-0). Sen historia na Ribela. A Sarriana gozou dunha gran efectividade de cara a porta e realizou un gran encontro ante un Foz lastrado polas baixas, no que tivo que xogar o xuvenil Alonso na portería. O conxunto de Gayol, en postos de descenso directo, non opuxo resistencia en ningún momento no derbi.

O Lemos vence una Pinguela ao Dubra, ao que adianta na clasificación (2-0). Aínda que o marcador reflicte certa comodidade, o conxunto de Edu Rodríguez sufriu nunha primeira metade na que non inquietou ao gardameta rival. Si tivo traballo Ramón, que resultou decisivo en varias chegadas con perigo do Dubra. Na segunda metade, o cadro monfortino saiu de vestiarios cunha cara distinta e viuse beneficiado pola clara expulsión do visitante Nico que viu o cartón vermello ao derribar a Adrián Díaz cando se dirixía á portería rivral. Poucos minutos despois, nun saque de curruncho o capitán Varela adiantou aos lemistas e intres despois Denis fixo o segundo. Malia estar en inferioridade, Adrián Iglesias, ex do Castro, foi  quen de estrelar o balón no pao. Con 23 puntos, o Lemos sae a flote na clasificación.

Triunfo vital da Residencia na súa visita ao campo do Xallas (1-2). Sete puntos dos últimos nove en xogo sitúan aos de Álvaro Meilán lonxe dos postos de descenso directo, onde se atopa o conxunto de Santa Comba. Adaintaronse os lucenses á beira do descanso logo dun pase de Rober sobre Iago e este, logo de gañar a liña de fondo conectou co goleador Veloso que non perdonou. Na segunda metade, coa Residencia sendo superior ao conxunto local chegou o segundo. Dani López cun tiro cruzado superou a Koke. A falta de doce minutos para o remate, o Xallas recurtou diferencias por medio de Juan de Celia, pero os tres puntos non perigaron.

A Fonsagrada e o Sporting Lucense son os campións de inverno

Foto de portada: Mariluz Fagín

Rematou a primeira volta na Terceira Rexional. O novo ano non trouxo cambios nos primeiros postos, aínda que si sorpresas nalgúns resultados. A Fonsagrada e o Sporting Lucense son os campións de inverno dunha competición á que aínda lle queda moito por dicir. Veremos se se cumpren os desexos. Polo de agora debullamos os detalles no Tres en Raia da 10ª xornada.

Os catro primeiros clasificados do grupo norte da Terceira Rexional venceron os seus partidos. Ano novo e mesma vida para a Fonsagrada que sumou o oitavo triunfo da tempada e segue sen perder. Desta volta foi ante o Cazás. Gran gol de Pedro incluído. A pesar da derrota, o cadro xermadino mantense nos postos de promoción de ascenso. Se falamos da boa xeira do cadro da Montaña, pouco menos é a da SD Viveiro. Dous puntos por baixo. Tres puntos máis na clasificación logo de vencer no derbi viveirense ao Celeiro. Bo ambiente no Marcos Gómez que volveu vivir un duelo de equipos do mesmo concello no fútbol sénior. Os locais despregaron as súas boas condicións. E a maior parte das ocasións chegaron co balón xogado. O Celeiro tivo o seu momento antes do tempo de lecer. Desperdiciu un par de opcións. Pero o partido xa ía 2-0. A diferenza da SD Viveiro co terceiro segue sendo de 5 puntos. Ese posto é ocupado polo Matela que sumou o terceiro partido gañado de xeito consecutivo. Venceu ao Lugo Unión. No conxunto de Outeiro, ante a ausencia do porteiro, tivo que poñerse de gardamallas o capitán Pedro Rodríguez.

Probablemente a sorpresa da xornada fose a contundente vitoria do Friol B ante o Catro Roldas. Dous rivais directos polos postos de promoción. Non obstante, o cadro de Román viaxou á Reigosa sen porteiro. O lateral esquerdo Esteban Carracedo asumiu a responsabilidade. E aínda por riba, os pupilos preparados por David Lorenzo quedaron cun xogador menos pola expulsión de Rubén Burgás antes do tempo de lecer. Na parte baixa a Comercial superou sen problemas ao Nausti. O triunfo achega aos capitalinos á zona de promoción.

O líder continúa no máis alto, pero con menos marxe. O Sporting Lucense segue encabezando a clasificación no grupo sur a pesar de perder ante o Carballedo. O equipo do Catro Ventos está en pleno crecemento. Quinta vitoria seguida do curso. Colócase na quinta posición. Pola súa banda a Milagrosa desaproveitou a opción de volver ao primeiro posto. Non pasou do empate no Luis Gorgoso ante o Antas. Destacou a dupla Félix e Koeman. Cadanseu gol. O ata agora adestrador Melendo tivo que poñer as luvas. A marcha do porteiro por motivos laborais deixou sen responsables dos paus ao Castro Seoane. Melendo continuará tamén no corpo técnico, pero Dani Abelairas asume oficialmente as funcións de adestrador. Iso si, o empate impediulle ao equipo da Ulloa reducir distancias coa zona do ascenso directo.

Quen se aproxima a zona de promoción é o Relámpago. Ademais porque derrotou ao Sober que é o equipo que ocupa nestes momentos a sexta praza. Sergio marcou un bo gol para os locais que dominaron no medio do campo. O Sober deu a cara a pesar de ir con doce xogadores por motivos persoais. E sen un xogador co posto específico de porteiro. Wellington tivo que poñerse baixo paus. Pola súa banda, o Monterroso B e o Castroverde empataron a tres goles. Un punto que non lles é de moito proveito para ningún dos dous conxuntos. O equipo que faltaba por gañar no grupo, logrouno na pasada fin de semana. O Rubián venceu con claridade ao Taboada B. Brais foi o único porteiro imbatido esta xornada no grupo. Aínda así, o conxunto do Poste continúa como pechacancelas. Mariluz Fagín estivo no partido e grazas a ela podemos ver algunhas das imaxes do encontro.