Marzán

Diario dun mercado. Episodio 212.

Prosegue o mercado no fútbol lucense e faino co movimento de xogadores de renome dentro da nosa provincia.

A falta de confirmación oficial, Javi Rey será novo xogador do Racing Vilalbés. Logo dunha excelente temporada nas filas do Viveiro, onde se convertiu en peza fundamental para a consecución da permanencia en Terceira, o xogador lucense estará a vindeira campaña ás orde de Simón Lamas, o que supón a segunda etapa do xogador lucense na Madalena.

Outro dos xogadores máis destacados da última temporada en Preferente, Adrián Díaz, non continuará no Lemos. O monfortino subirá un chanzo e xogará no Barco, conxunto chamado un ano máis a ocupar a zona alta de Terceira e que anunciará a súa fichaxe nos vindeiros días.  Sen saír do sur da provincia, Jorge Teijeiro “Marzán“, continuará un ano máis no Atlético Escairón.

O Burela asinou tamén a renovación de Cristian, un dos seus capitáns. O veterán xogador mariñán será outra temporada máis unha peza importante no cadro verde. A portería da Marosa estará defendida por outro dos históricos do noso fútbol: Kiko Mariño. O gardameta, que asinara durante a pandemia, non puido aínda facer o seu debut co conxunto burelao. O Castro segue tamén a perfilar o seu cadro de xogadores e anunciou a renovación dos laterais Rober e Mangel, así como do porteiro Yebra.

O polivalente centrocampista Alejandro Rois non continuará no Pol e voltará á Residencia, club no que se formou. O Palas renova a Chorén, un dos emblemas do conxunto dos Chacotes. O filial do Chantada contará de novo con Adrián Méndez “Traste” como máximo responsable técnico, labor que compaxinará coa de xogador do primeiro equipo.

O Carballedo comeza tamén a perfilar o seu conxunto masculino que competirá en Terceira Autonómica, e confirma novamente a Rodrigo Amarante como o adestrador, que estará axudado por  José Manuel Hucha. Ás súas ordes estarán o gardameta Fran e os centrocampistas Álex e Roberto Carlos.

Imagen por defecto
Redacción Futbolinlugo
Artículos: 273

Deja un comentario