Isto é un non parar. Levamos varios días que, minutos despois de publicar o Diario dun Mercado, as nosas redes sociais e os nosos teléfonos non paran de sonar anunciando novas fichaxes e renovacións. Por iso, hoxe chegamos cunha nova edición desta sección tan cotiá no verán.

Comezamos pola Terceira División. Logo dunha campaña na que se cumpriron os obxectivos, o Viveiro CF renova aos xogadores que foron a columna vertebral do equipo durante a 20/21. Así, seguirán en Cantarrana os irmáns Xaime e Tichu, ademáis de Alex Meitín, Arturo Calvo, Asier, Nico Madero, Agustín, Édgar, Pablo Rey e o gardamallas Manu Cedrón. Tamén renova o adestrador, Chusky, que conseguiu o ascenso dous anos atrás e a permanencia nesta 20/21. En Vilalba, Marino abandona o Racing, ao igual que o fan Javi Sandá e Santi Gegunde.

É precisamente á Terceira RFEF á que aspira o Atlético Escairón. O clube anunciaba onte nun post no seu Facebook a incorporación do brasileiro Roberto Estévez, xogador cunha ampla traxectoria e experiencia que tratará de conseguir o salto de categoría cos do Saviñao. Todavía na Preferente pero de volta na Mariña, o Ribadeo renova ao lateral Xairo, un rapaz con moito futuro.

Na Primeira Galicia, a SD Burela contará un ano máis co seu porteiro Simón, que seguirá adestrando na base da Marosa. Se avanzamos cara o sur, atopámonos coa renovación de Juan Peón á fronte do CD Castro. Baixo as súas ordes seguirán Josema, Raúl e Hugo Buide.

Máis ao interior da provincia, o Sangoñedo concentra as novidades principais. A SD Chantada e Kadete alongan o seu compromiso, mentres que o Chantada Atlético está á procura de adestrador, dado que Fernando Corredoira deixa libre o banquiño por razóns persoais. Por outra banda, os veciños de Monterroso están de noraboa, pois gozarán un ano máis do fútbol de Raúl Antas.

Tamén hai movementos no fútbol feminino. Como anunciabamos onte, a guitiricense María Calvo seguirá no Deportivo da Coruña por cuarto ano consecutivo. A priori, será xogadora do filial branquiazul na Primeira Nacional, aínda que xa sabe o que é xogar no primeiro equipo, co que debutou na Liga Iberdrola. Na Primeira Galicia, Melendo continuará como adestrador da SD Antas, clube que tratará de manter o grupo e ampliar o cadro de xogadoras pese a todas as dificultades.

Imagen por defecto
Redacción Futbolinlugo
Artículos: 273

Deja un comentario