Chega un Trío de Ases Panadería O Cantón cargado de derbis. Na Terceira RFEF dobre enfrontamento lucense. Na Madalena, Racing Vilalbés e Viveiro igualaron a un gol, mentres que a Sarriana venceu ao Polvorín no Anxo Carro.
Na Preferente, o Lemos impúxose ao Pol no Municipal noutro derbi provincial. O Ribadeo sacou un bo punto do campo do Lalín, mentres que o Escairón non puido sumar no redebut de Iván González no banquiño diante do San Tirso.
O Viveiro araña un punto de mérito na Madalena fronte ao Racing Vilalbés (1-1)
O encontro comezou con dominio local. Os de Alberto López chegaban con perigo á área rival e Ayoub convertiuse no mellor xogador dos visitantes. Anthony, en dúas ocasións, Borja Míguez e Asier contaron con boas ocasións de gol. A partir do ecuador do primeiro acto, o Viveiro mellorou e a través da asociación entre Calvete e Rolle, os celestes xeraron algunha situación de perigo con German como protagonista.


No segundo tempo, o Racing Vilalbés tivo o balón e o Viveiro as ocasións á contra por medio de Diego Santín e Rolle. No minuto 55, German adiantou aos de Fabri ao rematar un centro lateral. O técnico local realizou modificacións e arriscou cunha defensa de tres na que debutou o laurentino Edu. A falta de seis minutos para o final, Cañi empatou o encontro. Nos últimos intres o Racing puido levar os tres puntos con ocasións de Borja Míguez e, se cabe a máis clara do encontro, nas botas de Fito.
A Sarriana reencóntrase coa vitoria diante do Polvorín (0-2)
O encontro seguiu o guión agardado cunha Sarriana protagonista con balón, aínda que máis imprecisa do habitual, que dificultou o xogo do Polvorín. O xogo combinativo dos de Jaime Paz desesperou por momentos ao filial albivermello, que co paso dos minutos tomoulle o pulso ao partido. A ocasión máis clara do primeiro tempo tívérona os visitantes por medio de Azael, que estrelou o balón no pao.

Tras o paso por vestiarios, o Polvorín saiu ben ao campo e obrigou á Sarriana a rifar balóns. Sobrido tivo unha boa ocasión para adiantar aos de Dani Galán. Aínda que os locais estaban máis cómodos, Santi Gegunde fixo o primeiro para a Sarriana tras unha xogada de Sané. Padín respostou axiña, pero Javi Liz moi atento estivo atinado. O Polvorín arriscou, pero nunha mala saída de balón e tras varios rexeites Sané sentenciou o choque. Cuadrado estrelou o balón non longueiro nos últimos compases.
O Pol domina e o Lemos gaña para situarse na zona cómoda da táboa (0-1)
O conxunto local tivo o control do partido desde o comezo e foi superior ao Lemos en xogo e tamén en ocasións. Losada convertiuse no xogador máis destacado dos monfortinos con varias actuacións de moito mérito ante os disparos dos pupilos de Roberto Fernández. No último tramo do primeiro tempo os monfortinos melloraron e tiveron algunha posesión longa. Nunha delas, Borja Castro nunha boa internada por banda dereita, conectou un disparo que se colou pola escadra.
No segundo tempo, o Pol seguiu co dominio do partido e o Lemos tivo que empregarse a fondo en defensa. Aínda así, o cadro local volveu a xerar un bo número de ocasións que Losada se encargou de desabaratar ao igual que no periodo inicial.
O Ribadeo sae dos postos de descenso tras sumar un punto no campo do Lalín (1-1)

Boa primeira metade do conxunto mariñán que soubo contrarrestar a presión alta do Lalín para chegar con perigo á área rival. Sobrepasado o primeiro cuarto de hora de xogo Álex Meitín rematou ao fondo da portería un bo servizo desde o lateral esquerdo de Pedrinho. O gardameta local Mario resultou decisivo ao deter un perigoso disparo de Kevin Pierre e pouco despois Ferreiro estrelou un balón no longueiro.
No segundo tempo foi o Lalín o que levou a iniciativa e meteu ao Ribadeo no seu campo. Brais Pedreira rematou lonxe do alcance de Javi Pita un bo balón á área e con media hora por diante os de Luchi puxeron o mono de faena e impediron que o Lalín xerase situacións de perigo. O conxunto local merodeou a área ribadense, pero non foi quen de inquedar a un seguro Javi Pita ata que nos últimos intres o do Vicedo detivo un bo testarazo. O Ribadeo non renunciou a facer o segundo e nalgunha contra puxo en apuros ao Lalín.
O Escairón caeu diante do San Tirso no retorno ao banquiño de Iván González (0-1)
O técnico ourensán non puido celebrar a súa volta ao Municipal cunha vitoria. No primeiro tempo diante do San Tirso apenas se viron ocasións de gol. A máis clara tivo como protagonista a un vello coñecido do fútbol lucense. O visitante Denis dispuxo dun lanzamento de penalti que detivo moi atinado o gardameta Álex Ávila.
No segundo tempo foi o San Tirso quen levou a iniciativa. Os de Fabio Rodríguez optaron por un xogo directo que lles deu froitos de forma rápida. Denis desta volta estivo atinado e puxo por diante aos de Abegondo. Costoulle ao Escairón chegar á área rival, pero nalgunha xogada a balón parado estivo preto de acadar o empate. O gardameta visitante Adrián desbaratou as oportunidades dos do Saviñao.
