Esta xornada de ponte festiva déixanos un Trío de Ases Panadería do Cantón sen triunfos lucenses na Terceira RFEF. O Racing Vilalbés colleitou a primeira derrota da temporada diante do Estradense, mentres que o Viveiro caeu con polémica no campo do líder Boiro. A Sarriana foi o único conxunto que puntuou, pero non pasou do empate fronte ao Arenteiro na Ribela.
Na Preferente, o Pol goleou no campo do Betanzos e está a un só punto do líder. O Lemos empatou na Pinguela diante do Barbadás e perdeu o liderado a mans dun Marín en racha. O Burela e o Chantada sumaron sendas derrotas, diante de Puebla e Sofán, respectivamente.
TERCEIRA RFEF
A Sarriana empata fronte ao Arenteiro nun partido cheo de alternativas (3-3)
Encontro de tolos na Ribela. A Sarriana levou o control do xogo a través da posesión do balón e achegouse á portería contraria en numerosas ocasións. Sen embargo, o Arenteiro adiantouse no seu primeiro disparo á portería cun golazo do veterán Bastos. O tanto non lle afectou aos locais que remontaron o marcador antes da media hora de xogo con goles de Uriarte, tras un disparo axustado ao pao, e de Álex Pérez, que aproveitou un rexeite tras un tiro de Jacobo. Xusto antes do intermedio, Martín Lamelas puxo as tablas ao convertir un lanzamento de penalti.
O segundo tempo comezou igual que rematou o primeiro. Cunha pena máxima, desta volta favorable á Sarriana. Osian foi derribado na área, pero Adri Rodríguez non puido convertir o seu disparo en gol. O propio Osian asistiu, tras un saque de esquina, a Uriarte, que cabeceou ao fondo da portería. Tampouco lle durou esta vantaxe aos de Alberto Mariano, que viron como Ocampo empurrou a gol un balón solto tras un saque desde o curruncho.

O Racing Vilalbés colleita a primeira derrota do curso fronte ao Estradense (1-2)
Perdeu a imbatiblidade o Racing Vilalbés na sexta xornada ligueira diante dun Estradense que xa supera en puntos aos chairegos. Os locais comezaron o encontro cunha presión alta da lle custaba saír aos visitantes, pero cando o facían xeraban perigo diante dun atinado Álex Santomé. Co paso dos minutos, o Racing Vilalbés asentouse mellor sobre o terreo de xogo, pero non eran quen de xerar situacións de perigo ante a portería rival.
O segundo tempo resultou máis parello e ámbolos conxuntos tiveron ocasións para marcar. Adri Castro estrelou un balón no pao antes de que chegara o primeiro tanto do encontro, obra de Migui tras un erro defensivo. Foron os peores minutos do Racing Vilalbés que encaixou o segundo só catro minutos máis tarde. De novo Migui, o ex da UD Ourense, foi o autor do tanto. Os de Juan Rodríguez aínda tiveron tempo para un arreón final e logrou recurtar diferencias por medio de Rodri Alonso. No desconto, Javi Varela gozou dun remate de cabeza para acadar o empate, pero o balón saiu fóra.

O Viveiro tutea ao líder, pero cae no medio da polémica arbitral
Os mariñáns levaron a cabo no primeiro tempo o plan de partido trazado. A visita ao campo do Boiro, primeiro clasificado da categoría, albiscábase complexa, pero o Viveiro estivo á altura, e nun partido de moita disputa no centro do campo, os de Marcos Pereiro buscaron xerar perigo con saídas á contra e en xogadas a balón parado. Malia todo, ningún dos dous conxuntos contaron con situacións claras para marcar nos primeiros corenta e cinco minutos.
No segundo tempo, o encontro comezou dun xeito moi semellante ao que se viu no periodo inicial. Co paso dos minutos, e coa entrada ao campo de Juan Cambón, Juanma e Mario Prol no cadro local, o Boiro colleu o mando do partido, propiciado tamén polo baixón físico viveirense e lograron estrelar un balón no longueiro logo de varios rexeites. Marcos Pereiro moveu tamén o banquiño e o encontro volveu a equilibrarse. Preto de chegar ao último cuarto de hora do encontro chegou unha das xogadas claves do encontro. Yago Insua, nunha situación de claro fóra de xogo, anotou o que sería o único tanto do encontro. O colexiado deu validez ao tanto e expulsou ao adestrador celeste. O Viveiro asumiu riscos na procura do empate e o Boiro buscou xerar perigo á contra. Nunha delas Ayoub cometeu un dubidoso penalti sobre Peque e viu o segundo cartón amarelo. Cos cinco trocos realizados un futbolista de campo tivo que asumir o posto de porteiro. Jacobo foi o encargado e detivo o lanzamento desde os once metros de Juan Cambón. No tempo de desconto, o Viveiro tentou a igualada sen éxito.
O malestar do Viveiro co colexiado Daniel Naya foi palpable unha vez rematado o encontro. O colexiado, que se retiraba dos terreos de xogo logo do encontro de Barraña, retrasou a retirada a vestiarios do Viveiro ao quedarse aproximadamente corenta minutos no campo fotografándose coa camisola do Boiro e membros do corpo técnico locais.

PREFERENTE FUTGAL
O Pol gaña con comodidade en Betanzos cun Fito estelar (1-4)
Triunfo importante do Pol que se instala na zona de promoción de ascenso a un só punto do líder. O encontro comezou cun claro dominio do Betanzos, que impediu que os chairegos tiveran o balón e que inquedaba con disparos sobre todo desde fóra da área. Sen embargo foi o Pol quen abriu o marcador. Ao igual que na pasada xornada, Pablo Rey sacou un córner e rematou de cabeza Dani Montes ao fondo da portería. A partir de aí, os de Ramón Labrada pasaron a ter o balón cun omnipresente Javi Rey e con Fito de auténtico killer, que con dous goles antes do intermedio deixou o encontro case que sentenciado.
No segundo tempo, o Betanzos non lle perdeu a cara ao partido e meteu ao Pol na súa área, sobre todo a partir da expulsión de Pablo Rey por curtar unha contra. Os visitantes souberon sufrir e malia encaixar un gol a falta dun cuarto de hora para o final, o marcador non correu perigo. Xa no tempo de desconto, un penalti cometido polo ex do Pol Laye, foi transformado por Fito.
O Lemos empata sen goles co Barbadás na Pinguela e cede o liderado (0-0)
Segue invicto o conxunto monfortino, pero o empate fronte ao Barbadás relégao do liderado do grupo sur, posto que asumiu un Marín en racha. Na Pinguela, os de Alberto López víronse sorprendidos polo comezo de partido dun Barbadás que realizou unha presión alta da que lle custou saír aos monfortinos. Jose Pérez puxo a proba a Losada nun un contra un do que saiu vitorioso o porteiro local. A partir do ecuador do primeiro tempo, o Lemos mellorou e atopou no xogo por bandas a maneira de inquedar á zaga ourensá.
No comezo do segundo tempo, Alberto López deulle entrada a Aragón no canto de Yanike e con dous dianteiros o Lemos foi quen de xerar numerosas ocasións de gol. Os monfortinos meteron ao Barbadás na súa área e as oportunidades para marcar sucedéronse, as máis claras nas botas de Caden, Youness e Aragón. Pero emerxeu a figura do ex gardameta lemista Abraham que estivo providencial en moitas accións para evitar o tanto local.
Derrota abultada do Chantada fronte a un Sofán que golea no tramo final (0-4)
Encontro condicionado polo tempraneiro gol do Sofán, obra de David Barreira logo dun saque desde o curruncho. O tanto afectou á confianza dos chantadinos, pero malia todo o primeiro tempo transcurriu sen un dominador claro e os visitantes non xeraron demasiado perigo diante da portería de Moncho. Os de Traste puideron empatar nun córner rematado por Pablo que detivo Diego Cotelo providencial.
O Chantada saiu ben de vestiarios e dominou os primeiros vinte minutos, xerando situacións de perigo en accións de centros laterais. No minuto 70, nunha rápida transición visitante, unha gran acción individual de Martín rematou co segundo tanto. Os locais tiveron que arriscar na procura dun gol que os metera no partido, pero o Sofán matou o partido á contra. Mario e Alexandre sentenciaron o choque para os de Dani Casal.
O Burela cae pola mínima na súa visita ao campo do Puebla (3-2)
Primeira metade con moito fútbol directo e de gran igualdade no xogo. Ámbolos equipos foron quen de chegar á área rival aínda que sen moito perigo. Co paso dos minutos, o Burela controlou máis o partido e Anxo aproveitou un balón á espalda da defensa para adiantar aos de Julio Castro, pero xusto antes do descanso, nun erro da saída de balón dos burelaos, chegou o tanto do empate obra de Iker Carril.
O comezo do segundo tempo resultou moi negativo para o Burela. Os locais lograron remontar logo dun penalti que transformou Bendaña, e pouco despois Edu puxo terra de por medio cun golazo tras unha xogada por banda esquerda. Os mariñáns quedaron noqueados durante varios minutos, pero os trocos déronlle vida. Nos últimos intres do encontro David Ben recurtou diferencias, pero xa non houbo tempo pra máis.


