A fin de semana longa rematou con Álex Meitín marcando novamente para o Ribadeo. Metín adiantou aos seus no Manuel Anxo Cortizo, ante un Lalín, que despois empataría (1-1). Este luns, o repaso e a análise no noso habitual ‘Trío de Ases’.
Con todo, o punto permítelle seguir ao Ribadeo nunha liña ascendente. Sobre todo, porque na anterior xornada vencera 3-2 ao Dubra nos intres finais. Nese encontro, Álex Meitín marcou un dobrete.
O dianteiro mariñán acumula agora cinco tantos. O pasado xoves pasou pola Radio Lugo Ser no ‘Ser Deportivos Lugo’ como o protagnista da xornada. Podedes escoitalo aquí, xunto a Álex Gato, presentador e o redactor de Futbolinlugo MArcos Fernández (a partir do minuto 35).
As sensacións: «Contentos porque foi a segunda vitora da temporada».


O encontro co Dubra: «Foi un partido no que levamos o peso do xogo, pero fomos sempre por detrás no marcador. No último minuto, unha xogada pola banda, cun centro de Castrín, chega a Xairo ao segundo pau para marcar e conseguir os tres puntos».
A situación: «Despois de todo o que demos en pretemporada, todo o mundo pensaría que o Ribadeo estaría pola metade da táboa ou incluso algo máis arriba. Os factores e o xogo puxéronnos onde estamos e temos que ser capaces de aceptalo e saír de aí.
A chegada de Luchy: «Xogamos moito máis con balón e tratamos de levar o peso dos partidos. É un cambio significativo, non se fai da noite para a mañá, pero estamos vendo xa progreso. Tanto Luchi coma Criss son grandes coñecedores destas ligas e creo que con eles imos chegar salvados ao final de temporada».

No vestiario: «Xa son tres anos. Estou moi contento coa directiva e coa infraestrutura que ten o club. Ribadeo é un moi bo sitio para xogar ao fútbol. Este ano, entre os xogadores que renovamos e a xente que veu nova temos un moi bo grupo. Ribadeo merece estar na Preferente ou algo máis arriba».
Os retos por diante: «Hai que ir pouco a pouco. Agora mesmo estamos levantando a cabeza. Oxalá a final de temporada volvamos falar e o Ribadeo estea polo medio da táboa ou mirando para riba, sen complicacións».