#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

Sporting Pontenova e Cazás, únicos conxuntos de Terceira Futgal con pleno de puntos

Con dúas xornadas disputadas no grupo norte, soamente Sporting Pontenova e Cazás contan os seus encontros por vitorias. Os primeiros venceron ao Pol B na Mina e os chairegos gañaron a domicilio ao San Ciprián. O Muimenta venceu ao Río Ouro no Pichón e suma catro puntos.

No grupo sur, con tres xornadas disputadas, Comercial e Quiroga colideran a táboa clasificatoria logo de vencer a Corgo B e a Casás respectivamente. O Becerreá B sumou o primeiro triunfo da súa curta vida deportiva, mentres que o Páramo descansou nesta xornada.

Chega o Tres en Raia Boas Mans Fisioterapia.

GRUPO NORTE

O Sporting Pontenova vence ao Pol B nun encontro accidentado (3-2). O encontro non comezou ben para o filial. Rui, futbolista All Star na edición do 2026 no Acebreiro, tivo un accidente de coche, sen consecuencias físicas para él, pero era o encargado de levar a roupa para os seus compañeiros. Como é normal, as equipacións chegaron tarde e os de Basi entraron ao campo nerviosos, sen que o colexiado permitise retrasar o comezo do choque. Antes de cumprirse o minuto cinco de xogo, Renam viu o cartón vermello directo tras cometer penalti. Jorge errou desde os once metros, pero aproveitou o rexeite. Pouco despois, Adrián fixo o segundo e puxo encontro de cara para os locais. O Pol B logrou recurtar diferencias nunha acción a balón parado que convirtiu Lucas. Foron os mellores minutos do filial, que se viron truncados co terceiro gol marcado por Jaimuki. No segundo tempo, os chairegos lograron recurtar diferencias cun gol de Chekh tras aproveitar un rexeite. Os locais defenderon con certos apuros o resultado, sufrindo sobre todo no balón parado. Simao e Martín gozaron das mellores ocasións.

O San Ciprián levou a iniciativa e o Cazás os puntos (1-2). Os locais saíron coa intención de mandar sobre o terreo de xogo e non tardaron en poñer a proba ao gardameta Xabi. Co paso dos minutos o Cazás mellorou e Otman liderou o centro do campo grazas ao seu despregue físico. Enzo puxo en vantaxe aos de Ángel Pena á media hora de xogo cun bo cabezazo. No segundo tempo Vizo fixo o segundo tras un bo servizo de Nizar e preto do final Danielson recurtou diferencias.

O Muimenta suma o primeiro triunfo do curso fronte a un Río Ouro que paga un comezo dubitativo (4-2). O encontro púxose de cara para os locais con dous goles antes de cumprirse a media hora de xogo, obra de Seijas e Julito. O Río Ouro saiu ao campo con certo medo escénico e pagouno cun marcador adverso que xa foi difícil de remontar. Malia todo, os rapaces dirixidos polo tándem formado por Julio Castro e Suso Coto melloraron co paso dos minutos e achegáronse con certo perigo. Jony, tras unha gran xogada individual, recurtou diferencias no marcador. O Río Ouro pasou a levar o peso do partido no último tramo do primeiro tempo e tamén no comezo do segundo, cando chegou o tanto do empate, marcado por Álvaro no medio das protestas locais por posible fóra de xogo. O baixón físico dos visitantes resultou decisivo e no tramo final, Iago tamén en posible fóra de xogo, e Jairo fixeron os tantos do triunfo para os de Fran Veiga.


O Castroverde vence con comodidade a un Celeiro que mellora a súa versión (4-0). O conxunto local comezou moi impreciso, feito que aproveitou o Celeiro para levar o peso do encontro nalgunha fase e achegarse á portería rival. Malia todo, os de Iago Núñez gozaron de efectividade e lograron marcar nas súas primeiras ocasións para facelo. Feli e Cancela anotaron antes do descanso, sendo o segundo tanto protestado polos mariñáns ao entender que existía fóra de xogo. Martín Rodríguez tivo que asumir riscos tras o intermedio, pero a falta de acerto condenou aos viveirenses, que gozaron de varias ocasións claras de gol. Cos visitantes deixando espazos chegaron os tantos da sentencia, anotados por Pablito e Gelo.

Roupar e Rioaveso igualan nun encontro de alternativas (2-2). O partido comezou frenético. Os visitantes adiantáronse aos dous minutos de xogo. Álex Anido centrou e Javi Cabarcos rematou o balón ao fondo da portería. Na seguintes xogada, nun erro defensivo dos vilalbeses, David logrou o tanto do empate. Os de David Lorenzo gozou dos seus mellores minutos e chegou en numerosas ocasións á portería rival, sen chegar a xerar excesivo perigo. A ocasión máis clara tívoa nas súas botas Ángel. No segundo tempo saiu mellor o Rioaveso, aínda que foi o Roupar que logrou poñerse por diante cun gol de Ángel. O encontro rachouse no tramo final e calquera puido marcar. Os locais a piques estiveron de sentencia por medio de Mario, pero foron os de Alfonso Gesto lograron empatar cun gol de Álex Muñiz.

GRUPO SUR

A Comercial, a ritmo de catro goles por partido, golea ao Corgo B (0-4). Os primeiros minutos foron de dominio local, pero aos dez minutos Torito desfixo a igualada e a Comercial pasou a mandar no partido. Ámbolos dous conxuntos querían o dominio do balón e, malia que a posesión estivo reñida, os visitantes foron quen tiveron o encontro controlado. No segundo tempo, cos locais expoñendo máis á defensa chegaron os goles da sentencia para os de Manu Prieto. Torito, que completou un hat-trick, e Chema foron os autores dos goles.

O Quiroga aproveita os erros do Casás e é colíder (4-2). Primeira metade condicionada polos erros defensivos de ámbolos dous conxuntos. Os catro tantos que se viron na primeira metade chegaron logo dalgún erro defensivo. Brais puxo por diante ao Quiroga ata en dúas ocasións, mentres que Yoni e Yeray foron quen de igualar a contenda para os de Andrés Rodríguez. No segundo tempo, os locais foron quen de dominar e lograron dous goles que os puxeron en clara vantaxe no primeiro cuarto de hora, obra de Alexis e Chechu.

O Becerreá B acada un triunfo histórico diante do Carballedo (4-2). Quedará para os libros de historia do conxunto da montaña o día da primeira vitoria da historia do seu filial. O triunfo baseouse nunha gran primeira metade na que o cadro local levou o peso do partido e gozou de boas ocasións para marcar. Unai abriu a lata e Keyner fixo o segundo antes do descanso. O propio Keyner marcou o terceiro ao pouco de comezar o segundo tempo. Doval recurtou as diferencias nun córner e Keyner completou a súa gran actuación individual co tanto da sentencia. As lesións lastraron a un Carballedo que mellorou no segundo tempo, pero que non foi quen de meterse de cheo no partido. Preto do final Diego maquillou o resultado.

O Sober gaña ao ritmo de Martín fronte ao Relámpago Taboada (5-2). Comezou ben o Sober e froito da súa alta presión chegou o primeiro tanto, obra de Martín. A boa actuación de Melendo fixo que o marcador non se movera antes do descanso, malia as boas ocasións dos locais. No segundo tempo, Matamá puido facer o segundo para os de Armental, que viron como o Relámpago se facía dono do encontro grazas ao seu fútbol vertical. Os de Melanie Carreira déronlle a volta ao marcador en quince minutos con goles de Fran e Cabo. O técnico local moveu o banquiño na procura de frescura física e os trocos déronlle resultado. No úlitmo tramo do encontro chegaron os goles para os locais. Martín, en dúas ocasións, Alan e Nathan fixeron que os puntos quedaran en Centeás.

Taboada B e Río Sil igualan e seguen sen sumar de tres (1-1). Ningún dos dous conxuntos sabe o que é gañar nesta tempada despois dos tres partido disputados. O Taboada B adiantouse nun erro defensivo local por medio de Joaquín. Refíxose o Río Sil e logrou o empate á media hora de xogo cun tanto de Lucas. No segundo tempo, con moito fútbol directo, chegaron ocasións para que ámbolos conxuntos marcaran. Os de Jacobo Vázquez tiveron o encontro na súa man, pero o gardameta Germán estivo moi atinado. Do meso xeito, César puido certificar a vitoria dos visitantes, pero atopouse cunha boa intervención de Eloy.

Sporting Pontenova e Cazás, únicos conxuntos de Terceira Futgal con pleno de puntos

O PM Friol conquista o liderado con