Dobretes, primeiras vitorias, goleadas, remontadas, xuvenís protagonistas e ata un defensa exercendo novamente como porteiro. A cuarta xornada da 2.ª Futgal deixou numerosos nomes propios nos dous grupos lucenses, ademais da dimisión de Ángel Merino no banco do Riotorto. Repasamos o máis destacado dos dezaseis encontros xogados.
GRUPO 1
O Pastoricense logrou as catro vitorias cun contundente triunfo no campo do Riotorto (0-4). A lei do ex apareceu desde o inicio, xa que Osky abriu o marcador nada máis comezar ante o equipo no que militara as dúas últimas tempadas. Arredor da media hora apareceu outro ex do Riotorto, Iker Fernández, para ampliar a vantaxe visitante e deixar o 0-2 ao descanso.
O Riotorto, condicionado tamén polas baixas, buscou meterse no encontro e chegou a estrelar varios balóns na madeira, pero o Pastoricense aproveitou os espazos na segunda metade para sentenciar. Borja Corbelle fixo o terceiro nunha transición e Edu Seivane, de penalti, estableceu o definitivo 0-4. O futbolista de Bretoña sumaba xa catro goles esta temporada.
O resultado tivo consecuencias no banco local. Tras o encontro, Ángel Merino presentou a súa dimisión como adestrador do Riotorto, polo que o club quedou na procura dun substituto.

O Alfoz tamén conservou o pleno tras superar pola mínima ao Catro Roldas (1-0). Os locais entraron mellor no encontro e atoparon o premio mediada a primeira metade por medio de Iván, que asinou o único gol da tarde e o seu terceiro tanto neste inicio de liga.
O Catro Roldas deu un paso adiante na segunda metade e dispuxo dalgunha oportunidade para igualar, mentres o Alfoz tamén atopou espazos para intentar sentenciar á contra. A falta dun segundo gol mantivo o encontro aberto ata os últimos instantes, nos que foi expulsado o visitante Samuel Teijeiro. O conxunto amarelo volveu contar baixo paus co capitán e defensa Esteban Carracedo.

Os pupilos preparados por Javi Chinchón xa acollen a un dos seus novamente no vestiario. O alfocense Dani Río volverá xogar no club do seu concello tras catro tempadas afastado dos terreos de xogo.
O Iberia continuou invicto e sen encaixar tras superar ao Xove Lago (0-3). Os locais tiveron unha boa posta en escena e competiron a bo nivel durante boa parte da primeira metade, pero o encontro cambiou xusto antes do descanso. Tras un rexeitamento nun saque de esquina, Del Viso conseguiu adiantar aos visitantes.
O equipo de Reinante medrou na segunda metade e Fabio ampliou a vantaxe. O Xove buscou reaccionar e xerou oportunidades para recortar diferenzas, pero atopouse cun Álvaro acertado baixo paus. Xa no tramo final, Jaime Cereigido anotou o terceiro. O Iberia pechou a cuarta xornada con dez puntos e un balance de sete goles a favor e ningún en contra.
Tamén rematou invicto a cuarta xornada o Celta Barreiros, que remontou ante o Castro (3-2). Os visitantes tiveron unha boa posta en escena e David Balado abriu cedo o marcador. O Castro levou a iniciativa durante boa parte da primeira metade, pero o Celta foi medrando co paso dos minutos e, pouco antes do descanso, Jorge aproveitou un centro de Rocky para establecer o empate.
Os locais completaron a remontada na segunda metade. Montoya culminou un desmarque tras un pase de Jota e Ibra ampliou posteriormente a vantaxe nun saque de esquina. O Castro reaccionou de inmediato e Muiña fixo o 3-2 apenas dous minutos despois. O xogador do Castro marcara nas tres últimas xornadas.

O Guitiriz encadeou a súa segunda vitoria ao impoñerse no campo do Abadín (2-3) nun encontro no que os locais responderon en dúas ocasións ás vantaxes visitantes. Labrada abriu o marcador nos primeiros compases, pero Noé González devolveu pronto a igualdade. O guión repetiuse na segunda metade. Miguel volveu adiantar ao Guitiriz e, apenas un minuto despois, Diego Expósito asinou o 2-2. Superado o 70 apareceu novamente Labrada, que fixo o 2-3 co que o Guitiriz sumou os tres puntos.
O Goiriz levou os tres puntos do campo do Meira (0-1). O encontro transcorreu con moita disputa, xogo directo e poucas oportunidades claras durante unha primeira metade que rematou sen goles.
O marcador rompeuse ao pouco de comezar a segunda parte, cando Nico Santomé apareceu para facer o 0-1. O Meira buscou a igualada e tratou de xerar perigo, especialmente nas accións a balón parado, pero os visitantes conservaron a mínima vantaxe ata o final.
O Xermade estreou a súa conta de puntos cunha goleada ante o Mondoñedo (4-0). Os locais tiveron unha boa entrada no encontro e encamiñaron a vitoria na primeira metade cos goles de Chungui e Hossu.
O Mondoñedo reaccionou antes do descanso e mantivo esa resposta no inicio da segunda metade, pero non conseguiu aproveitar as súas oportunidades. Pedro Coria apareceu ao pouco de volver dos vestiarios para facer o 3-0 e deixar o encontro moi encamiñado. Xa no tramo final, o capitán Esteban completou a goleada co cuarto.
A Candelaria conseguiu a súa primeira vitoria da temporada nun axustado encontro ante o Cabreiros (3-2). Diego Anello adiantou aos locais pouco antes do descanso, pero o pontés Yerai Paz igualou á volta dos vestiarios.
Arredor da hora de xogo, Aleixo devolveu a vantaxe á Candelaria e pouco despois ambos equipos quedaron con dez polas expulsións de Pepe, capitán do Cabreiros, e Pablo Delgado. O dez contra dez deixou un tramo final aberto no que o tamén pontés Sergio Hermida conseguiu o 2-2 antes de chegar ao 90. Xa nos últimos instantes, Aleixo apareceu de novo para establecer o definitivo 3-2. Foron os primeiros goles en partido oficial coa Candelaria do dianteiro burelao de 20 anos.

GRUPO 2
A Sarriana B logrou a súa terceira vitoria da temporada ante o Portomarín (7-0). Xoel abriu cedo o marcador e o filial foi ampliando a diferenza durante a primeira metade. Rubén Mourelo anotou o segundo arredor da media hora e Fabio Vilaro deixou o encontro moi encamiñado co 3-0 antes do descanso.
Os pupilos preparados por Raúl Fernández aumentaron a diferenza á volta dos vestiarios. Fabio Vilaro asinou pronto o seu segundo tanto e pouco despois tamén completou o seu dobrete Rubén Mourelo. A goleada pechouna o xuvenil Borja López, autor dos dous últimos goles. Tres xogadores diferentes asinaron deste xeito un dobrete nun filial que pechou a xornada con nove puntos de nove e un encontro pendente.
O Friol continuou invicto tras superar pola mínima ao Ferreira (1-0). Os visitantes tiveron presenza co balón durante a primeira metade, mentres os locais buscaron facer dano nas transicións. Nunha delas apareceu Marcos Arias para anotar o único gol do encontro.
Na segunda parte o partido mantívose aberto e o Friol dispuxo de oportunidades para ampliar a vantaxe, entre elas un remate á madeira. O Ferreira buscou a igualada e quedou con dez pola expulsión de Lucas Froufe, pero continuou intentando o empate ata o final. Os locais conservaron o 1-0. Marcos Arias chegou aos cinco goles.
O Antas foi contundente ante o Santa Comba (4-1). Os locais fixeron dano nas transicións durante a primeira metade e encamiñaron o encontro cunha gran efectividade. Portu, cun dobrete, e Alexandre colocaron o 3-0 durante a primeira media hora.
O Santa Comba tamén dispuxo de oportunidades para recortar diferenzas, pero non conseguiu aproveitalas. Nada máis comezar a segunda metade, Alexandre asinou tamén o seu dobrete e ampliou a diferenza. Leandro anotou posteriormente o tanto visitante.
O Paradela sumou a súa terceira vitoria ao superar ao Monterroso B nun encontro con alternativas (3-2). Brian abriu o marcador nos primeiros dez minutos, pero a resposta visitante chegou pouco despois por medio de Joselu.
Xa no segundo tempo, Yoni Mejuto culminou unha gran acción individual para completar momentaneamente a remontada do filial monterrosino. O Paradela reaccionou no tramo final. David Losada igualou desde o punto de penalti e, superado o 80, volveu aparecer para asinar o seu dobrete e facer o definitivo 3-2.
O San Lázaro deixou escapar dous goles de vantaxe ante un Incio que rescatou un punto no tramo final (2-2). Os locais levaron o peso durante a primeira metade e adiantáronse cedo por medio de Borja Núñez, cun golpeo desde fóra da área. Na segunda parte, Diego Fonsa ampliou a diferenza tras unha acción de córner.
O Incio reaccionou e os cambios déronlle novo impulso. Xa na recta final, Javi Urdi recortou diferenzas desde o punto de penalti e, nos últimos instantes, volveu aparecer cun golpeo desde fóra da área para completar o seu dobrete.
O San Roque regresou á senda da vitoria no campo do Chantada B (0-2). O encontro púxoselle de cara desde os primeiros instantes, cando Luca Corredoira conectou un potente disparo desde longa distancia para abrir o marcador. O filial chantadés asumiu máis peso co balón a partir de aí, mentres os visitantes se mantiveron ordenados e buscaron facer dano nas transicións.
Pouco antes do descanso, Jul anotou o 0-2. O Chantada B buscou recortar diferenzas na segunda metade, pero o marcador xa non se moveu. No San Roque, os xuvenís de segundo ano David Penelas e Hugo xa tiveran minutos co primeiro equipo neste inicio de curso.
A Piringalla conseguiu os seus primeiros puntos ao superar ao Corgo (1-0) nun duelo entre dous equipos ascendidos esta temporada desde a Terceira Futgal. Os visitantes tiveron as mellores oportunidades durante a primeira metade e chegaron a estrelar tres balóns na madeira, pero non conseguiron abrir o marcador.
A Piringalla entrou con maior intensidade no segundo acto e atopou pronto o premio. Miguel Seoane aproveitou unha perda visitante para facer o único gol. O Corgo buscou a igualada, pero os locais conservaron a mínima vantaxe e estrearon a súa conta de puntos.
O Palas tamén conseguiu a súa primeira vitoria ao impoñerse pola mínima no campo do Rubián (0-1). O encontro mantívose sen goles ata avanzada a segunda metade, cando Martín Portomeñe Porto apareceu arredor do 70 para anotar o tanto que acabou dando os tres puntos ao conxunto visitante. O Palas estreou deste xeito a súa conta de vitorias, mentres o Rubián encadeou a segunda derrota.


