O fútbol de Xermade volve ter un equipo en Primeira

As terras máis ó norte da Terra Chá volverán desfrutar na vindeira temporada do fútbol da Primeira Galicia. O SDC Xermade regresa a unha categoría que deixou hai seis anos e faino a unha xornada para rematar a liga na que aínda ten opcións de saír campión. O concello quedara sen representante na categoría co descenso do Cabreiros no curso pasado.

O conxunto xermadino realizou unha gran campaña culminada cuns bos números na segunda volta. No segundo terzo da competición tan só perderon en Reinante ante o Iberia por 5-2. E non sumaron vitorias en tres partidos que acabaron empatando ante o Lourenzá, o Pontenova (líder) e o Folgueiro. O ascenso fíxose oficial despois de derrotar por 4-1 ao Catro Roldas no Municipal.

Os de Román estanse xogando a salvación pero tan só aguantaron o resultado ata mediada a segunda parte. Pero nesta xornada non dependían de si mesmos, e houbo que esperar a que o Lourenzá rematase o seu partido no Pichón. A pesar de que os horarios estaban unificados o partido en Muimenta retrasouse pola lesión dun futbolista local que tivo que marchar en ambulancia (xa está recuperado). Finalmente o choque rematou en empate e en Xermade puideron festexar o ascenso xa case ca suor seca.

O Xermade tivo que esperar a que rematase o encontro en Muimenta para celebralo ascenso. Foto: Fermín Pena

E agora aínda queda un posible campionato. O Sporting Pontenova foi o equipo que mandou case que toda a temporada na clasificación, pero a derrota ante o Cospeito coloca aos de Xermade a un punto do primeiro posto. Na última xornada o Xermade visita ao Pol que non ten nada importante en xogo, agás conseguir acabar na sétima praza. Pola súa banda o Pontenova recibe na Mina ao Meira, nun derbi no que os visitantes se xogan a salvación da categoría. O gol average entre ambos é favorable ao conxunto de Dani Moirón, polo que ao Xermade só lle valería gañar e que o Pontenova non conseguise a vitoria para ser campión.

A unión e o compromiso, como sempre adoita acontecer nestas categorías, volveu ser chave para que un equipo que non tiña o principal obxectivo de ascender conseguirá finalmente volver á Primeira Galicia e poñer ao fútbol deste concello chairego como un referente do fútbol provincial lucense. A este ascenso, súmase a boa campaña do Cabreiros na Segunda (pelexando ata as últimas xornadas polas prazas de ascenso) e tamén o ascenso do SDC Roupar. Ademais confirmouse a continuidade do Cazás que estaba en risco polo cambio de directiva. Agora o fútbol de Xermade terá unha nova oportunidade de demostrar a súa calidade na Copa Deputación, a próxima estación ao rematala liga.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 467

Deja un comentario