O VI All Star Futbolinlugo xa conta cos adestradores que dirixirán os dous partidos das estrelas lucenses o sábado 27 de xuño. O Acebreiro acollerá a gran festa do fútbol afeccionado provincial que organiza Futbolinlugo, en colaboración co concello de Pastoriza, a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia. Dos oito preparadores escollidos, catro foron elixidos por votación popular e os outros catro designados pola organización do evento.
Pili Neira regresa a un All Star que contará coa presenza de Ana Buceta
O All Star sempre comeza co encontro feminino entre as seleccións de Lugo Norte e Lugo Sur. Os votos a través desta páxina escolleron a Héctor Exposito, técnico da Milagrosa, e a Óscar Méndez, adestrador do Antas, como os representantes do fútbol feminino.

Héctor, coordinador da sección feminina da Mila durante varios anos, vén de realizar unha gran campaña co equipo na Segunda Galega. Logo de regresar este curso á categoría, as capitalinas atópanse inmersas na final da promoción de ascenso á Primeira. Este domingo, ás 19:00 h, nas Eiros (Carballo), tratarán facer valer o 2-0 da ida ante o filial do Bergantiños. Se superan esta eliminatoria, soben.
Precisamente, en Primeira debutou nesta campaña o outro adestrador escollido. Óscar Méndez vén de estrearse no fútbol feminino con nota. O Antas regresou á división e estivo a piques de xogar a promoción de ascenso á Terceira RFEF. Ocuparon eses postos boa parte da tempada e o soño escapouse no último partido de liga.


Con todo, o curso non finalizou para ningún dos dous conxuntos. En canto a Mila remate a fase de ascenso, ambos os dous se enfrontarán na final da Copa Deputación, na que o Antas é o vixente campión. Agardamos que gañe o mellor e que, días despois, as futbolistas seleccionadas e os dous adestradores gocen da festa do All Star.

Os coñecementos do monterrosino Méndez xa estaban probados con anterioridade. Acumula unha ampla bagaxe coma xogador e adestrador en equipos coma a SD Chantada ou o Monterroso, club da súa vila. Por ese mesmo motivo, Óscar xa non será un novato no All Star. En 2022, formara parella con Roberto Fernández no All Star de Carballedo.

Para acompañar a Héctor e a Óscar, a organización conseguiu reunir a dúas referentes do fútbol feminino galego. Por un lado, a coruñesa Pili Neira, recoñecida pola súa faceta de xogadora no Karbo e a súa amplia experiencia coma adestradora, voltará estar presente no evento máis grande do balompé afeccionado da nosa provincia. Pili sumará a súa quinta participación no All Star, despois de acompañarnos xa no primeiro ano e amosarnos sempre a súa predisposición e o respecto polo noso traballo.

Por outra parte, achegarase ata Pastoriza unha das grandes xogadores do século XXI no futfem de Galicia: Ana Buceta. A xogadora de Moaña é unha das capitás do Real Oviedo, que tristemente vén de descender á Segunda RFEF. Ana é compañeira de equipo de Nere Lombardero, a xogadora da Pontenova que xa demostrou a súa clase en varios All Star.
Buceta formou parte daquel histórico Olivo de Vigo, que hai quince anos logrou o ascenso á Primeira División. Logo militou varias temporadas no Levante, sendo importante e conseguindo postos altos na clasificación da máxima categoría. Tras un paso polo Málaga en Segunda, dirixiu a súa carreira cara a cidade asturiana. Primeiro no Oviedo Moderno e agora no Real Oviedo.
As lesións lastraron unha traxectoria, aínda así, envexable para moitas futbolistas novas, que o 27 de xuño poderán compartir espazo e tempo cunha centrocampista experimentada.
Fiz Rodríguez volverá o banco do Acebreiro
O público tamén puxo os seus votos para elixir aos técnicos que dirixirán o encontro masculino. Para o equipo que integrarán os xogadores da Preferente e da Terceira Futgal, o técnico será o campión do Grupo Sur, Abel Rochela, do Corgo.

A tempada do seu equipo foi digna de reseñar. Non só acadaron un ascenso que pretendían desde hai varios anos, senón que o fixeron marcando o ritmo desde o primeiro día da campaña. Ademais, veñen de culminar a gran tempada, sendo os campións do Torneo Delegación, un título sen moita recompensa, pero que foi unha especie de final entre a zona norte e o sur da Terceira ao enfrontarse ao Mondoñedo, campión da parte norte.
Pola parte do equipo da Primeira e Segunda Futgal, o público elixiu a Adrián Méndez ‘Traste‘, técnico do Chantada, para ser quen estea a cargo da selección. A tempada dos chantadeses foi practicamente perfecta, o que lles fixo voltar á Preferente como campións de grupo e sendo unha auténtica apisonadora. A marcha non baixou durante a campaña e conseguiron unha marxe espectacular que lles fixo ser o primeiro campión da Primeira Futgal en conquistar o seu grupo.

Nos elixidos pola organización, dúas grandes figuras do fútbol provincial terán a súa presenza na festa do fútbol lucense. Por unha banda, botamos man dun pastoricense ‘exiliado’ en Santiago por obrigas profesionais. Fiz Rodríguez sentarase novamente no banco do Acebreiro, ese no que comezou a dirixir.
O adestrador aínda está inmerso na competición, ao formar parte como axudante do corpo técnico da SD Compostela. O cadro santiagués busca o ascenso á Segunda RFEF na última eliminatoria a dobre partido ante o Badalona. Logo de pasar ese trago, Fiz pensará xa nun All Star, no que xa participou en 2024 en Mondoñedo (imaxe de portada). No seu currículo, aparecen tamén conxuntos coma a base do CD Lugo, o Ribadeo, a Sarriana, a base da SD Compostela e o Sigüeiro.

Por último, tamén nos acompañará Alberto López, adestrador do Viceiro. O preparador lucense non para de colleitar éxitos na Terceira RFEF, onde, vén de lograr a terceira salvación co cadro viveirense na súa segunda etapa traballando ás beiras do Landro.
Alberto é un dos adestradores con máis experiencia do balompé provincial e que viviu a evolución do fútbol semiprofesional en Lugo. Pasou por equipos como o CD Lugo, o Sagrado Corazón, o Xove Lago en dúas etapas e con quen se estreou en Terceira, Foz, o Castro, As Pontes, o Iberia, o Chantada, o Escairón, a Sarriana, o Lemos, o Arzúa ou o Racing Villalbés. Ademais, na actualidade tamén forma parte da estrutura da EF Polvorín.
O menú da gran festa do fútbol lucense
A xornada contará cos tradicionais partidos masculino e feminino así como diversos concursos. Abriremos a tarde ás 16.30 horas co enfrontamento feminino entre Lugo Norte e Lugo Sur. Acto seguido, ás 18.30 horas terán lugar os concursos, a súa inscrición xa está aberta para todos os que queiran participar. Por último, ás 19.45 horas, veremos quen se erixe como gañador do partido masculino entre os combinados de Preferente-Terceira Galicia e o de Primeira-Segunda Galicia.
Entre medias, haberá espazo para as nosas xa tradicionais e emotivas homenaxes, sorteos e demais sorpresas. Nos próximos días continuaremos presentando as novidades coas correspondentes convocatorias.


