Toda a vila de Monterroso vive un soño nos últimos días, as rúas están tinguidas de vermello e as conversas nos bares solo falan dunha cousa: o seu equipo está clasificado á final polo ascenso á Preferente logo de remontar diante do Calo (2-0). Pola contra, Ribadeo procurará un ano máis devolver ao seu equipo á categoría tras a derrota no campo do Gondomar (3-0) que supuxo a eliminación da promoción para os de Moirón.
O Ribadeo dixo adeus ao soño do ascenso ao encaixar dous goles en dous minutos
Cerdeiriños vestiuse de gala o pasado domingo para presenciar a volta das semifinais polo ascenso á Preferente Futgal, na que o Monterroso recibía ao Calo teense na procura dunha praza na final do playoff, que finalmente disputará o cadro lucense. Os vermellos eran conscientes da dificultade do reto, pois o Calo chegaba cunha vantaxe de 1-0 e amosárase moi sólido no seu campo a semana previa. Porén, a entrega e a intensidade inicial dos da Ulloa presaxiaban que, polo menos, a loita estaría garantida.
Así, os dous conxuntos minimizaron os erros defensivos na primeira metade. Os locais eran sabedores de que un gol en contra podía ser un golpe moi duro, mentres que os visitantes conformábanse con manter a renda do partido de ida. Co paso dos minutos, especialmente tras o paso por vestiarios, os Máxicos lucenses adiantaron as súas liñas e afundiron aos de Teo, ata que chegou unha pena máxima a prol do Monterroso. Era o 60‘.
Lorenzo asumiu a responsabilidade desde os once metros e anotou cun disparo seguro de interior, que igualaba a eliminatoria. Co 1-0 e cun derroche físico espectacular de ambos conxuntos, o choque chegou á prórroga. Se non había goles, teríamos unha quenda de penaltis. Nestas ocasións, a táctica queda nun segundo plano e os seareiros presentes en Cerdeiriños foron conscientes de que o seu equipo necesitaba un alento extra.

Así, arroupados polos seus, os de Fernandito souberon aguantar ata que Iago Sobrado —un dos futbolistas máis destacados ao longo de todo o ano— anotou o 2-0 no 117′. Con este gol, o Monterroso asegurou o pase á final polo ascenso e vivirá un dos momentos máis dulces da súa existencia. Diante, un dos ósos da promoción, o Juvenil Ponteareas. Porén, chegar do feudo pontevedrés cun resultado positivo será un paso decisivo para que Cerdeiriños faga historia de novo, dentro de dúas semanas, na volta da eliminatoria. Polo momento, o soño continúa.

A nota negativa da promoción foi o resultado do Ribadeo en Gondomar (3-0). O cadro mariñán chegaba logo dun empate (1-1) no que merecera máis, pero coa confianza de sacar un resultado positivo dun campo histórico do fútbol galego. O choque mantívose igualado durante todo o primeiro tempo, sen opcións para ningún dos dous conxuntos, pero no 43′ chegou o 1-0 dos pontevedreses e, acto seguido, un 2-0 que botou por terra as ilusións celestes en apenas dous minutos.
Na segunda metade, o Ribadeo saiu reposto do golpe anímico e gozou de boas ocasións para achegarse no electrónico, pero o Gondomar fixo un golazo no 70′ para poñer moita terra de por medio. Desde aí, os do Pepe Barrera competiron, xa conscientes de que a temporada—moi meritoria— remataría cun asubío final que puxo final ao soño do ascenso dos mariñáns.
Así, o Monterroso será o único representante lucense na final polo ascenso e acompañará á SD Chantada no caso de salto de categoría. En calquer caso, en Cerdeiriños viven un auténtico soño logo dunha temporada espectacular baixo os mandos de Fernandito.

