Unha grave lesión e un derbi pola vía rápida

Malas novas dende Boavista e goleada no Sangoñedo

Nesta semana da Ponte da Constitución tivemos ración extra de fútbol. Ademais dos Máxicos da 14ª xornada, chegan tamén os dos dous partidos adiantados de Copa.

*Folgueiro-San Roque: A grave lesión de xeonllo de Tichi empañou un triunfo traballado e necesario do Folgueiro. Aurelio, autor dun doblete, marcou as diferenzas nun encontro de fútbol directo. O San Roque puido empatar antes do descanso e meteuse de cheo no partido na media hora final. A pesares da expulsión de Manu, os de Manolo García competiron ata o desconto, cando chegou o terceiro e definitivo tanto local.

*Pastoricense-Guntín: Un traballado Guntín volveu sacar réditos nun encontro feo para o espectador. O Pastoricense perdonou en varias chegadas por banda na primeira metade. E viu como os de Martín levaban o máximo premio grazas a un balón parado ao comezo da reanudación. Os de Fran Veiga lanzáronse a pola igualada porén atopáronse cun rival moi incómodo, rocoso e serio; que tivo a opción de sentenciar ao contragolpe.

*Santaballés-Friol: Por raro que pareza, non se viron goles na Liga. Encontro de ti a ti dun Friol que quere fuxir a toda costa da zona de perigo e un Santaballés que desexa os postos de ascenso. Os de Abad cambiaron o guión previsto durante o partido. Pasaron do fútbol combinativo ao contragolpe debido ao dominio chairego. Os da Reigosa conseguiron pechar a súa meta, cun sensacional Viusky. E deixar a todo un Santaballés, co seu enorme potencial ofensivo, sen marcar.

*Burela-Chantada Atlético: Un tempraneiro gol en posición dubidosa resultou decisivo na Marosa. O Burela firmou unha gran posta en escena e puido conquerir algún tanto máis no primeiro cuarto de hora. A partires de aí, o duelo igualouse e o Chantada Atlético buscou con insistencia o empate. O choque derivou nun intercambio de golpes a fútbol directo, no que Tomás e a súa defensa fixeron un notable exercicio para deixar a portería mariñana a cero. O cadro de Fran García reclamou ata dous penaltis, que non foron asubiados polo colexiado.

*Riotorto-Atlético Escairón: Dous partidos en tres días foron moito para un Riotorto escaso de efectivos. Os de Suso Orxás entraron mal ao encontro. E iso penaliza ante un rival da entidade do Atlético Escairón. O líder marcou nada máis comezar e dominou con claridade a primeira metade. Na segunda, os locais arriscaron. As forzas igualáronse pero os de Montoto remataron sentenciando.

*Xove Lago-Castro: Triunfo do Xove nun duelo con igualdade na primeira metade. Adiantouse un cadro mariñán soberbio en tarefas defensivas. Igualou o Castro coa mesma moneda, un córner. Na reanudación, dous erros visitantes case consecutivos brindáronlle a vitoria en bandexa aos de Bruno Gómez. O equipo de Vitín apenas se prodigou sobre a meta de Trullo durante a segunda metade. O Xove puido marcar algún tanto máis.

*Outeiro de Rei-Pol: Cuarta xornada sen perder para un Pol á alza. Non defradou o duelo entre aspirantes en Cospeito. Igualdade e competitividade na Fonte. O dos goles quedou para a media hora final. Os de Fernando Corredoira adiantáronse por dúas veces. En sendos saques dende o curruncho. O tanto do Outeiro de Rei chegou nunha contra liderada por Dani Renda. Álvaro batiu por baixo a Yebra. Os de Josito Jul acumulan tres semanas sen gañar.

*Lourenzá-Taboada: Gran posta en escena dun Taboada mermado polas baixas. Os de Manu abriron a lata nun rexeite dun saque de esquina. O duelo igualouse co paso dos minutos e o Lourenzá empatou antes do descanso. Tralo paso pola zona de vestiarios, os de Diego Rego buscaron o triunfo sen sorte algunha. Chegaron con perigo e firmaron un bo xogo. Iso sí, o gol resistiuse.

*Monterroso-Chantada: O fortín do Sangoñedo fixo honra ao seu nome. O derbi quedou resolto nunha primeira metade na que a efectividade do Chantada foi máis que decisiva. Javi Ramos, autor dun doblete, convertiuse nun incordio para un Monterroso que firmou unha boa primeira media hora. E Michi rematou aos de Cerdeiriños cun tanto de videoxogo. Na reanudación, os de Juan Rodríguez tiraron de seriedade para administrar esa renda tan suculenta. Incluso, Xende acabou asinando a ‘manita’.

*Chantada Atlético-Burela: No primeiro dos dous duelos entre ambos contricantes nun lapso de tres días, levou o triunfo o equipo de Fran García. O Chantada Atlético avanza de rolda na Copa despois de superar a un Burela que apenas creou ocasións. Os do Sangoñedo impuxeron a súa lei en ambas metades ante un rival competitivo, con rotacións e moitos xuvenís no once titular.

*Riotorto-Residencia: A lotería dos penaltis deulle o pase a unha Residencia na que Diego Bravos actuou coma xogador de campo. Despois dunha primeira metade nivelada e sen apenas ocasións, o Riotorto deu un paso adiante en busca do triunfo. Samu tivo as máis claras pero non foi capaz de evitar que o gañador da eliminatoria se decidise dende o punto fatídico.

Imagen por defecto
Diego Díaz Martínez
Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.
Artículos: 755

Deja un comentario