#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

Un porteiro goleador e tres invictos na Terceira RFEF

A Sarriana lidera a Terceira RFEF con man de ferro despois de superar ao Villalonga. O Racing Villalbés volveu gañar a domicilio sen encaixar mentres que o Viveiro empatou no difícil campo do Valladares. Primeiros puntos que se deixan os de Jandry Rego polo camiño. Pola súa parte, o Polvorín reaccionou tarde ante a UD Ourense tras unha primeira parte para o olvido.

Na Preferente, Pablo Losada iluminou unha xornada máis negra que gris para os nosos representantes na Preferente. Perderon Atlético Escairón, Ribadeo e Pol sen marcar gol algún. E só o testarazo do porteiro pasado o minuto 90 de xogo, permitiu ao Lemos sacar un valioso punto in extremis.

O líder pisa o acelerador na última media hora ante o Villalonga (2-3)

A permisividade do colexiado permitiu que o Villalonga frease o ritmo de xogo dunha Sarriana que se adiantou nunha falta no minuto 1. Os de Luciano González tamén igualaron desde a pelota parada antes do cuarto de hora. A partires de aí, o conxunto de Jaime Paz buscou o control do xogo mediante progresións polo lado dereito. Os lucenses chegaban con fluidez pero sen acerto.



Moveu ficha Jaime Paz no intermedio. A Sarriana deu un paso adiante e o equipo impúxose xerando moitas ocasións. Maxi e Tomás sentenciaron ao Villalonga con dous goles case consecutivos no ecuador da segunda metade. Unha imprecisión visitante propiciou o definitivo 2-3 na prolongación. O líder suma todos os partidos por triunfos.

O Polvorín morre na beira tras unha primeira parte para olvidar (3-2)

Unha malísima primeira metade lastrou ao Polvorín na súa visita ao Couto. O equipo de Dani Galán sufriu co 5-4-1 inicial ante unha UD Ourense moi superior. Aínda así, os tres goles ourensáns foron evitables. No medio do padecemento, houbo unha pequena luz co tanto de Víctor Casais nunha acción na que os lucenses aproveitaron o espazo ás costas de Varo, exxogador albivermello.



Cambiou o conto na reanudación. Especialmente co troco de sistema a defensa de catro despois da lesión de Díaz. A UDO acusou o esforzo do primeiro acto e o Polvorín pisou constantemente campo contrario. Buide logrou o 3-2 nun saque desde o curruncho. E deulle vida aos de Dani Galán, que morreron coas botas postas. E a piques estiveron de levarse un punto do Couto. Maceira, libre de marcaxe, estragou unha gran oportunidade no primeiro pau alá polo minuto 88.

O Racing Villalbés volve a gañar a domicilio no feudo do Atlético Arteixo (0-2)

Recorda que aínda podes comprar a VI Guía Futbolinlugo ata este domingo 29 de setembro

O cambio de sistema do Racing Villalbés, pasados os quince minutos de xogo, desfixo a igualdade inicial. Os de Alberto López comezaron a dominar e os goles foron unha consecuencia. Fito abriu a lata cunha volea pola escadra tras un magnífico control. Cañi puxo terra de por medio co 0-2 desde o punto de penalti.

A partires de aí, o Atlético Arteixo tivo o balón sen profundidade. Santomé evitou un bo tiro cruzado de Iker. Na reanudación, o Racing Villalbés neutralizou aos ‘raposos’ e mesmo puido rematar goleando nalgunha transición no tramo final. O equipo de Alberto López suma os seus partidos como visitante por triunfos e aínda non encaixou gol lonxe da Magdalena.



O Viveiro suma e segue ante o Valladares (0-0)

O Viveiro non pon fin ao seu gran comezo de tempada. Os de Jandry Rego seguen de doce despois de engadir un novo punto á súa conta nun feudo tan complicado como é o do Valladares. Diego e Lucas Fanego perdoaron na primeira metade para os mariñáns. Monroy fixo o propio para os vigueses.

No segundo acto, tocou sufrir. O Viveiro centrou os seus esforzos en defender para arañar o empate. Aínda así, Víctor dispuxo dun cabezazo que evitou Comesaña cunha boa parada.

Losada vístese de heroe e rescata un empate para o Lemos (1-1)

Poucas veces vemos marcar a un porteiro. Máis aínda no tempo de prolongación e para darlle puntos ao seu equipo. Iso foi o que lle pasou a Pablo Losada e o seu Lemos na Pinguela.

Despois dun primeiro tempo moi igualado, aberto e cheo de precipitación; aos de Juanlu Bernal tocoulles remar contracorrente. O Órdenes adiantouse de penalti a cinco minutos para a conclusión. E fixo presaxiar o peor nas terras de Lemos. Os monfortinos queimaron todas as naves na procura do empate. César avisou. Losada tamén nun balón parado previo á apoteose. E na prolongación, o meta lemista conectou un tremendo testarazo a centro de Dafo para desatar a tolemia nas bancadas da Pinguela.

O Pol perde co Paiosaco e segue á espera do seu primeiro triunfo (2-0)

A efectividade do Paiosaco resultou decisiva. Nun partido moi igualado, as mellores ocasións foron para o Pol. E os tres puntos, para os coruñeses. O conxunto de Roberto Fernández cedeu nos últimos cinco minutos, ao recibir dous goles en sendos centros laterais, xerados desde a pelota parada local.

O novo Ribadeo sufre un duro revés ante o Cidade de Ribeira (0-3)

O Ribadeo, posando para a VI Guía Futbolinlugo

A mellor primeira parte da tempada do Ribadeo quedou sen premio. Madeiras, un penalti non sinalado, mans a mans errados… Meitín, Castrín, Diego Ferreiro… Ningún logrou ver porta. Todo o contrario que o Cidade de Ribeira, que aproveitou un erro dos de Ramón Labrada para situar o 0-1 ao tempo de lecer.

Os mariñáns non se viñeron abaixo e dominaron tralo paso polos vestiarios. Tiveron opcións para empatar. Pero non era o día do Ribadeo. No momento en que tocou arriscar máis da conta, os de Ribeira exhibiron a súa efectividade e a súa boa interpretación dos espazos. Primeira vitoria do curso para os do Barbanza.

Demasiado Montañeros para un Atlético Escairón sen opción algunha (5-0)

Dominio de principio a fin dun Atlético Coruña Montañeros que presentou a súa candidatura ao ascenso con firmeza. Dous goles de córner antes do minuto 15 deixaron ferido de morte a un Atlético Escairón inoperante. Moure buscou solucións que nunca apareceron. O bloque medio defensivo non tivo o efecto desexado e o terceiro gol coruñés caeu ao bordo do tempo de lecer.

No segundo acto, o Montañeros amosou a súa gran capacidade combinativa ante o bloque baixo dos do Saviñao. E logrou dous tantos máis para pechar a ‘manita’ e unha mañá que non será recordada para os nosos.

Un porteiro goleador e tres invictos na Terceira RFEF

Día de derbi na Medela

Un porteiro goleador e tres invictos na Terceira RFEF

Os Máxicos deixan grandes sorpresas na xornada

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *