O factor Ventiño e un líder cun partido menos

O Goiriz recuperou o valor de xogar no Ventiño e derrotou ao lider do grupo norte. O Pastoricense perdeu o seu primeiro encontro do curso na xornada 10, xusto cando transcorreu un terzo da competición. Ademais, no sur houbo cambio de integrante da primeira posición. A Sarriana B sitúase no primeiro posto ao aproveitar os empates de Friol e Paradela. O filial da Sarriana ten aínda un encontro pendente de xogar.

As últimas semanas, por diferentes motivos, teñen un carácter engadido no fútbol galego e provincial. Logo dos minutos de silencio como sinal de respecto polo grave accidente ferroviario de Urda e a fatídica morte do futbolista Jesús de Miguel, está fin de semana a Real Federación Galega de Fútbol (RFGF), a través da Comisión Contra a Violencia no Fútbol Galego, puxo en marcha o protocolo de saúdo fair play. 

A iniciativa consistiu nun saúdo conxunto de integrantes dos dous equipos e dos árbitros antes do inicio de cada encontro. O obxectivo era “visibilizar o respecto, a deportividade e o xogo limpo”, a raíz das últimas agresións sufridas por colexiados, unha delas no campo lucense da Cheda por un membro do equipo de veteráns Alianza. 

Como comentamos, xogáronse dez xornadas da Segunda Futgal, é dicir, un terzo da liga. Será a última tempada na que a competición se reparta así, xa que o vindeiro curso prevese que os dous grupos lucenses estén conformados por 14 equipos. Esta situación, provoca que haxa tres descensos directos en cadanseu grupo a maiores dos posibles arrastres. 

Os descensos procedentes da Primeira Futgal continúan provocando baixadas en cadea na Segunda. En función do grupo ao que vaia cada descendido, afectaralle a un ou a outro equipo. Ademais, dada a presenza do Lemos B no grupo 4 da Primeira, o risco aumenta a catro arrastres na zona sur. Situación que cambiaría se o filial lemista logra a salvación. Polo momento, mantense fóra dos postos de descenso, pero cun só punto de marxe. 

Con este contexto, no grupo norte poden estar tranquilos do 10.ª cara arriba, mentres que na zona sur o relax comeza do 9.º cara arriba. Prevese unha igualdade ata o final, similar a que se produciu o curso pasado neste grupo 2. Contámolo en #ONoso11AChaira.


O Goiriz tomba ao líder

A primeira derrota da tempada do Pastoricense chegou na 10.ª xornada. O Goiriz retomou a forza do Ventiño para superar ao primeiro clasificado por 3-0. Con todo, o equipo do Acebreiro mantén a primeira posición con 25 puntos, cun de marxe sobre o Alfoz e tres de distancia co Guitiriz. O Goiriz queda a dez do seu rival, na zona media da clasificación (7.º). 

Os xogadores preparados por Manuel Veiga só gañaran na casa na primeira xornada ante o Riotorto. Tras perder co Alfoz e coa Candelaria e igualar co Catro Roldas, recuperaron os tres puntos no seu feudo ante o mellor rival posible, xa que ninguén lograra derrotalo. O cadro vilalbés mantense como o equipo menos batido da Segunda lucense. Só encaixou seis goles e cando gañou nunca recibiu gol. 

Nico Santomé foi o protagonista da primeira metade. Marcou dous tantos en vinte minutos e puxo en vantaxe aos seus. O vilalbés leva cinco no que vai de liga. Os visitantes reclamaron fóra de xogo no primeiro deles. No segundo definiu con gran calidade á escadra rival. 

Ademais dos goles en contra, o líder lamentou na primeira parte a lesión de Cristian, que tivo que retirarse a media hora de xogo. No segundo tempo, o Pastoricense tratou de crear perigo para achegarse no marcador. Non o logrou e, no tramo final, noutra acción na que os visitantes tamén pediron orsai, Chris Amido sentenciou co terceiro tanto local.  

Oitava vitoria do Alfoz ante un Abadín ao que regresou Suso Goás

Suso Goás na temporada 19/20 aínda coma xogador. Ocupou xa practicamente todos os postos no club e ponse á fronte do grupo logo da saída de Michi.

O cadro alfocense sumou o oitavo triunfo do curso ao superar ao Abadín (3-1). Aproveitou a derrota do Pastoricense para achegarse ao liderado. Queda na segunda posición, a única praza da fase de ascenso, a un punto do primeiro. O Abadín iniciou unha nova etapa coa chegada dun home de club como Suso Góas ao banco tras a saída de Michi. Queda na 11.ª posición con dez puntos, os mesmos que Meira e Riotorto. Os tres están por riba dos postos de descenso directo.

Os visitantes comezaron ben organizados e conseguiron poñer en dificultades ao seu rival. Mediado o primeiro tempo, Diego Expósito aproveitou un rexeitamento do porteiro Flavio, tras un potente disparo de Esteban Villares desde media distancia, para establecer o 0-1. O Alfoz procurou reaccionar sen perder a calma e foi acumulando chegadas á área visitante, especialmente a balón parado. Nun saque de esquina, despois de varios rexeitamentos, Víctor Pérez conseguiu o empate pouco antes do descanso.

No segundo acto, os pupilos preparados por Javi Chinchón aumentaron a presión ofensiva, aínda que o Abadín tamén dispuxo de dúas oportunidades claras para recuperar a vantaxe. Tontxu rematou de cabeza preto do pau e Noé González estrelou un disparo no traveseiro. Os locais tamén viron como lles anulaban un gol nun córner por unha falta sobre Rafa López, que actuou de porteiro ante a ausencia de Iker. 

A igualdade mantívose ata o minuto 76, cando Iván García transformou un penalti para completar a remontada. Xa no tempo engadido, Jose marcou o 3-1 definitivo e asegurou os tres puntos.

A interxeracionalidade dálle goles ao Guitiriz

O Guitiriz impúxose pola mínima na Granda (1-2) ante a Candelaria e mantense na parte alta da táboa clasificatoria (3.º). Sumou o seu sétimo triunfo da campaña e asina xa 22 puntos de 30 posibles. Queda a dous do posto de promoción e a tres do líder. Pola súa parte, a Candelaria fica con 14 puntos, na zona media (8.º). 

A primeira metade tivo poucas ocasións claras nos seus primeiros compases. A Candelaria procurou facer dano especialmente nas accións a balón parado, mentres que o Guitiriz foi medrando co paso dos minutos. Os visitantes dispuxeron dunha oportunidade de Roi e, posteriormente, de varias chegadas perigosas a partir de saques de esquina.

Precisamente nunha segunda xogada tras balón parado, Mauro Castelo anotou o seu segundo gol da tempada. O incombustible futbolistas do Guitiriz, que nas últimas semanas está actuando como central, adiantou aos seus preto do descanso. Con todo, a vantaxe durou pouco. Xusto antes do tempo de lecer, Pablo Balseiro igualou para a Candelaria cun disparo desde a frontal da área, nunha acción na que os visitantes reclamaron unha interrupción previa do xogo por un golpe recibido por un compañeiro.

O segundo tempo estivo condicionado por unha acción na que o central Ramiro foi expulsado. Terceiro cartón vermello que recibe o central burelao no que vai de tempada. Penalti e expulsión. Brais Santamarina acertou dende os once metros e logrou o segundo visitante. O xoven dianteiro guitiricense vive a súa primeira tempada sénior como tal, aínda que xa entrou estes últimas cursos na dinámica do primeiro equipo. Entre Mauro e Brais hai 20 anos de diferenza, unha proba máis dun modelo de equipo que ofrece rendemento no campo. 

O Iberia volve gañar despois de tres xornadas sen facelo

O equipo de San Miguel de Reinante volveu á senda da vitoria ao superar ao Cabreiros (0-2) nun encontro con dúas metades ben diferentes. Os tres puntos permítenlle ocupar a 4.ª praza e seguir a catro do Alfoz e quedar a cinco do Pastoricense. Pola súa parte, o Cabreiros volveu aos postos de descenso (xa estivera momentaneamente na xornada 2) e queda a tres puntos de librar do descenso directo. 

O Iberia foi superior antes do descanso e soubo conservar a vantaxe ante a melloría dos locais no segundo tempo. Fabio e Jaime Cereijido marcaron os dous goles na primeira metade, na que os pupilos adestrados por Roberto Ramallal levaron a iniciativa e dispuxeron de oportunidades para conseguir unha diferenza maior. O Cabreiros tivo dificultades para competir nas disputas e nas segundas xogadas, unha circunstancia que permitiu aos visitantes xerar perigo.

O primeiro tanto chegou nunha acción iniciada cun saque de banda, na que os locais non conseguiron resolver un centro á área. O segundo produciuse nunha transición do Iberia despois dunha perda de balón do Cabreiros, cando os locais comezaban a achegarse con máis frecuencia á portería contraria.

Tras o descanso, o encontro cambiou. O Cabreiros mellorou coa entrada de futbolistas de refresco, especialmente do capitán Pepe, que lle deu máis presenza ofensiva ao equipo. Os locais pasaron a ter máis balón e a levar o peso do partido, aínda que lles custou transformar ese dominio en ocasións claras. O Iberia, pola súa banda, tivo que realizar un maior esforzo defensivo e apenas conseguiu ameazar a portería rival durante a segunda metade.

O Catro Roldas frea ao Castro

O equipo de Román e o de Ribeiras de Lea igualaron (1-1) nun partido que lles serve a ambos para seguir sumando en cadansúa situación clasificatoria. O Castro baixa ata a 5.ª praza, pero ten o líder a seis puntos, para tomar como referencia as súas distancias coa parte máis alta da táboa. Pola súa parte, o Catro Roldas é 14.º, primeira posición de descenso directo. Está a un punto dos seus tres antecesores: Riotorto, Meira e Abadín. 

Os locais comezaron mellor, especialmente nos primeiros vinte minutos, nos que conseguiron achegarse con máis perigo á portería rival. Con todo foi o Castro quen atopou primeiro o camiño do gol. Tras afacerse aos poucos ao campo da Canteira, Balado e Nico Edrosa levaron perigo a balón parado. O propio Nico marcou nunha falta antes do descanso, polo que os visitantes chegaron ao intermedio cunha vantaxe mínima.

Nunha segunda metade desputada, o Catro Roldas conseguiu igualar por medio de Danny Yáñez, tras unha acción individual. O capitán e defensa Esteban Carracedo volveu ocupar a portería do Catro Roldas, prolongando a súa participación baixo paus nesta temporada.

Quinta vitoria consecutiva do Xove con suspense

Cinco encontros sen gañar e cinco triunfos seguidos. Son os números de xeito lineal que presenta o Xove Lago neste primeiro terzo de competición. Alcanzan a 6.ª posición con 16 puntos ao superar ao Celta Barreiros (2-3).

Precisamente, o cadro do Cascabeiro atópase na xeira oposta. Acumula cinco derrotas consecutivas, logo de non perder nas primeiras cinco xornadas. Queda con 11 puntos na zona media baixa da clasificación. 

O triunfo dos pupilos adestrados por Piru chegou nos últimos minutos cun gol de Piche, quen xa marcara o 0-1 nada máis comezar o partido. 

É que o resultado púxoselle moi de cara ao Xove. Ao redor do minuto 10, xa gañaba 0-2. Alejandro Pernas ‘Piche’ e Xoel Pigueiras ‘Xopi’ asinaron os goles. Con ese resultado chegouse ao descanso. 

No segundo tempo, os locais lograron igualar. Primeiro, cun tanto de Toni, e despois, con outro de Edi xa na recta final. Cando parecía que o partido podía acabar con ese marcador, unha falta lateral foi rematada a gol por Piche. O defensa viveirense acumula tres goles na súa primeira tempada como sénior. Chegou ao club procedente do xuvenil do Viveiro. O gardamallas Álvaro tamén tivo unha gran actuación baixo paus a pesar de encaixar dous tantos. 

Pin ten a clave dos puntos no Meira

O Meira superou ao Xermade (4-2) nun duelo entre dous equipos necesitados de puntos. A terceira vitoria do cadro meirego sácao do descenso directo e sobe ata a 12.ª con 10 puntos, un por riba dos postos máis perigosos da táboa. Na última posición segue o Xermade con 6 puntos. 

Os locais aproveitaron o seu acerto ofensivo para chegar ao descanso cunha vantaxe de tres goles, que ampliaron na segunda metade antes da reacción visitante nos últimos instantes. Seixosmil, Brais Pin e Pepe marcaron os tres tantos do Meira no primeiro tempo. O Xermade tamén dispuxo de oportunidades claras, especialmente cando o marcador aínda estaba axustado, pero non conseguiu transformalas.

No segundo acto, os pupilos preparados por Borja Bouza deron un paso adiante e procuraron reducir a diferenza. Con todo, o Meira aproveitou un contragolpe para marcar o cuarto, novamente por medio de Brais Pin, que completou o seu dobrete.

Co encontro encamiñado, os locais baixaron a intensidade e o Xermade conseguiu recurtar distancias no tramo final. Diego Filgueiras e Nahum marcaron os dous goles visitantes, aínda que a reacción chegou demasiado tarde para poñer en perigo a vitoria do Meira.

Brais Pin xogou o seu cuarto encontro desta tempada. Volveu ao once tras superar uns problemas físicos. O talento do atacante lucense nótase tamén a nivel de resultados. Dos catro encontros nos que xogou Brais, en tres, o Meira puntou e o futbolista marcou tres goles en total.

O Riotorto tira de eficacia na estrea do murciano Paco García

Terceira vitoria do curso para o Riotorto. Logrouna na estrea de Paco García como adestrador do cadro riotortense. O técnico murciano debutou deste xeito no fútbol galego e provincial. Os tres puntos tamén o sacan do descenso directo e iguala a dez co Meira e o Abadín. Queda a un do Mondoñedo. 

Os locais souberon aproveitar as súas oportunidades e defender a vantaxe no tramo final. O conxunto riotortense presentouse con só doce futbolistas na convocatoria, pero conseguiu sacar adiante un partido esixente ante un rival tamén condicionado polas baixas.

O Mondoñedo comezou levando a iniciativa, mentres o Riotorto agardaba máis replegado e procuraba facer dano nas transicións. Os locais conseguiron adiantarse por medio de Joan, nunha acción a balón parado, e obrigaron aos visitantes a buscar a reacción.

Hakimi conseguiu igualar para o conxunto mindoniense, que continuou xerando perigo e dispuxo de varias oportunidades para poñerse por diante. Con todo, o Riotorto mantívose organizado e conseguiu volver golpear no segundo tempo. Maikel marcou o 2-1, un tanto que acabaría sendo definitivo.

O Mondoñedo intensificou a súa procura do empate na recta final. Acebo, Hakimi e Javi Álvarez, este último por partida dobre, puideron facelo.

A Sarriana B alcanza o liderado cun partido menos

O filial da Sarriana alcanza a primeira posición do grupo 2 da Segunda Futgal lucense logo de vencer pola mínima ao Monterroso B (1-0). Suma 21 puntos, os mesmos que o Friol, pero con mellor balance no diferencial total de goles. A maiores, o conxunto da Ribela ten un partido pendente da primeira xornada. O sábado 5 de decembro recibirá ao Chantada B. 

Pola súa parte, o Monterroso B queda na 7.ª posición con 15 puntos, a seis do seu rival. 

Presentábanse no partido, nese momento, os dous equipos máis goleadores do grupo. Non obstante, a primeira metade estivo marcada polo equilibrio e as poucas ocasións claras. A Sarriana B tivo máis posesión, pero atopou dificultades para xerar perigo ante un Monterroso B ben organizado. 

Logo do paso polos vestiarios, a Sarriana B procurou mover o balón con maior rapidez e gañar profundidade. Os locais melloraron lixeiramente e acabaron atopando o gol nunha acción de Uxío pola banda, que culminou cun centro rematado por Xoel.

O tanto cambiou o desenvolvemento dos últimos minutos. O Monterroso B deu un paso adiante e xerou varias ocasións para empatar, especialmente mediante o xogo directo e as accións a balón parado. 

A Piringalla colle aire ante os de arriba

Segundo encontro seguido sumando da Pirin que foi capaz de puntuar no campo do ata o de agora líder Friol (1-1). O cadro friolés asinou o seu segundo empate consecutivo e fica con 21 puntos no segundo posto da clasificación, igualado co líder, a Sarriana B, que ten un partido menos. 

Pola súa parte, os futbolistas preparados por Jony Lombardía alcanzan os sete puntos e están moi vivos na pelexa por evitar o descenso e os posibles arrastres, a pesar de ocupar a última posición clasificatoriamente. É que están igualados co Incio e co Corgo e a un punto do Portomarín.  

Despois de marcar un dobrete no triunfo ante o Antas, Manucho volveu dar co gol para a Piringalla. Foi xusto antes do descanso. Anotou o seu sexto tanto do curso. O dianteiro recompenseu deste xeito o bo traballo defensivo do equipo, que impediu que o cadro friolés atopase os espazos para facer dano. Os locais pediron fóra de xogo nese 0-1. 

No segundo tempo, os xogadores adestrados por Juanma perseguiron o empate, aínda sen encontrar o seu ritmo de xogo habitual. Levaron perigo no xogo directo, onde Miguel Real e Brais gozaron de ocasións. Finalmente, nos últimos instantes, o empate chegou da maneira menos creativa posible. Un desprazamento de balón do porteiro visitante Manuel Corrales deulle a Róber nas costas e acabou en gol. Dun xeito diferente, o papel do mediocentro de Córneas, resultou determinante. 

O Antas domina a Ulloa na Segunda Futgal cun triunfo in extremis con 10

O equipo do Castro Seoane venceu no segundo derbi da Ulloa no que vai de liga. Ademais, por idéntico resultado. Gañáralle 3-2 ao Monterroso B na sexta xornada e fíxoo agora tamén por 3-2 ante o Palas. O Antas queda na 3.ª posición con 20 puntos, a un dos dous primeiros clasificados. Mentres tanto, o Palas queda na 5.ª posición con 17 puntos e cortou a xeira de seis partidos sen perder. 

Nando adiantou ao Antas cun lanzamento de falta na primeira metade. O Palas reaccionou pouco despois cunha xogada colectiva que culminou Javier Vázquez, ‘Raxi’, para establecer o 1-1 co que se chegou ao descanso.

Na segunda metade, o Palas conseguiu poñerse por diante cun gran gol de Carnero, completando a remontada visitante. O Antas buscou a reacción, pero a expulsión de Kabi complicou as súas opcións cando o encontro se achegaba ao tramo final.

Malia a inferioridade numérica, os locais dispuxeron dun penalti que Méndez transformou para igualar o marcador (2-2). Os visitantes protestaron a punibilidade da acción. Nunha recta final tola, os dous equipos tiveron opcións para conseguir o terceiro, pero foi o Antas quen acabou levando os puntos. Xa na última xogada, Jorge marcou nun remate que sorprendeu ao porteiro visitante e desatou a celebración local.

Máis aló de perder os tres puntos, no Palas preocupa aínda máis a posible grave lesión de Adrián Viña que tivo que abandonar o terreo de xogo xa na primeira parte. 

Terceiro empate seguido do Paradela



Non houbo goles no Sangoñedo. O Chantada B e o Paradela empataron. Os visitantes sumaron o cuarto empate da temporada, todos colleitados nas últimas cinco xornadas. Sen ser o mesmo ca facer +3, permítelle seguir na zona nobre da clasificación. É 4.º con 19 puntos a tan só dous da segunda e primeira posición. 

O Chantada B acumula 12 puntos na 11.ª posición. Iso si, ten un partido menos, o que xogará o 5 de decembro ás 18:00 h na casa da Sarriana B. 

O primeiro tempo estivo marcado polo equilibrio. O Paradela procurou dificultar a saída de balón local cunha presión alta, mentres que o Chantada B conseguiu superar esa primeira liña en varias ocasións e levar a iniciativa durante algunhas fases do xogo. Con todo, ningún dos dous equipos conseguiu xerar oportunidades claras.

Na segunda metade, a lesión de Miguel obrigou ao Chantada B a reorganizarse e o Paradela conseguiu gañar presenza no campo contrario. Os visitantes dispuxeron das mellores ocasións do encontro, especialmente unha de Losada, que rematou por enriba da portería desde moi preto, e outras dúas oportunidades de Samos. O Chantada B tamén reclamou un posible penalti sobre Manuel.

O San Roque mira cara arriba coa quinta vitoria

Raúl volve ser o líder da defensa do San Roque como xa tiña demostrado. En 2025 xogou o V All Star Futbolinlugo celebrado na Cheda.

Encontro con miradas cara atrás no Polvorín. O San Roque e o Ferreira volveron xogar tras o episodio da Copa Deputación do curso anterior, no que o Ferreira accedera á seguinte eliminatoria ao darlle a razón o Comité de Competición por aliñación indebida do club capitalino. Desta volta, logrou tres puntos para a liga ao remontar e vencer 2-1. 

A vitoria sitúa ao San Roque na sexta praza con 16 puntos, a cinco dos postos cabeceiros. Pola súa parte, o Ferreira curta a xeira de tres encontros sen perder e queda con tres puntos menos na 10.ª posición. 

O Ferreira adiantouse preto da media hora por medio de Toto, pero o San Roque reaccionou axiña e conseguiu igualar grazas a Iván Jul. Co 1-1 chegouse ao descanso, despois dunha primeira metade con fases de iniciativa para ambos os equipos.

Nada máis comezar a segunda parte, Tsotne marcou o 2-1, un gol que acabou sendo definitivo. O San Roque mantivo unha proposta máis vertical da habitual, cun sistema de tres centrais que lle permitiu reforzar a disputa das segundas xogadas e procurar máis presenza en campo contrario. O Ferreira tamén tivo os seus momentos e procurou o empate, pero non chegou.

Terceiro triunfo do San Lázaro

O club orixinario da Ponte impúxose ao Rubián (4-2) e alcanza os 14 puntos na zona media da táboa clasificatoria. O seu rival queda con cinco puntos menos, na 12.ª posición, con dous de marxe por riba dos postos de descenso directo. 

A primeira metade transcorreu con poucas ocasións claras. Cando se achegaba o descanso, Borja Núñez abriu o marcador cun gran disparo desde longa distancia, que permitiu aos locais chegar ao intermedio por diante.

O San Lázaro regresou dos vestiarios con acerto. Fernando marcou o segundo aos poucos minutos da continuación e Álex Freire anotou o 3-0 pouco despois. 

Porén, o Rubián reaccionou. Farma e Tourón marcaron en menos de dez minutos e devolveron a emoción ao partido co 3-2. O San Lázaro tivo que defender unha vantaxe mínima ata que, xa no tempo engadido, Álex Freire transformou un penalti para establecer o definitivo 4-2 e completar o seu dobrete.

O encontro tamén deixou a aplicación por parte do árbitro do protocolo ante protestas verbais procedentes da bancada. Advertiu previamente da situación e interrompeuse temporalmente o xogo. Finalmente, o balón puido volver roda con normalidade. 

Punto para sumar

O Incio empatou ante o Santa Comba (2-2) tras igualar unha desvantaxe de dous goles. Os visitantes volveron puntuar logo de dúas derrotas e chegan aos 14 puntos na zona media da clasificación. O conxunto amarelo sumou un punto, despois de catro partidos perdendo. Queda con sete nun apertado descenso directo. 

Dani Flórez e Jordi Varela puxeron por diante ao Santa Comba nos primeiros dez minutos. Marcos Pombo recurtou distancias antes do tempo de lecer. No segundo tempo, o tanto de Raulín permitiu igualar. Os visitantes gozaron de oportunidades para levar os tres puntos, pero non estiveron acertados de cara a gol.

Portomarín e Corgo, outro punto para seguir na loita

Ambos equipos necesitaban os puntos e ao final levou un cada un. Non houbo goles no Chao da Poza e o Portomarín mantense fóra dos postos de descenso directo con 8 puntos, un máis que o seu rival Corgo, que comparte zona de descenso directo co Incio e a Piringalla. 

O Corgo comezou mellor e conseguiu xerar perigo durante os primeiros minutos. Brais dispuxo de dúas ocasións claras que o debutante Carlos resolveu con boas intervencións, mentres que os visitantes continuaron procurando a área rival mediante balóns longos e centros. O Portomarín tardou en entrar no partido, pero conseguiu equilibrar a intensidade co paso dos minutos.

As condicións do campo dificultaron a circulación do balón e favoreceron un xogo directo, con numerosas disputas no medio do campo. 

A segunda metade mantivo unha dinámica semellante, cun xogo máis interrompido e menos continuidade. O Corgo seguiu buscando a portería local, aínda que xerou menos oportunidades que no primeiro tempo.

O Portomarín tamén tivo as súas opcións, especialmente nunha acción de Arturo que non conseguiu definir con precisión. O porteiro visitante, Xurxo, realizou ademais unha intervención importante na recta final para evitar o gol local.

O factor Ventiño e un líder cun partido menos

O factor Ventiño e un líder cun