Salvatierra Abogados trae os Máxicos da terceira xornada da Primeira Futgal, que comeza a definir que equipos loitarán polo salto de categoría e que cadros loitarán na zona baixa.
A Residencia non deu opción ao Lourenzá (6-0). Os visitantes chegaron con baixas a unha Cheda na que tan só houbo unha cor. O resultado no tempo de lecer era 5-0 a prol duns locais que amosaron a súa mellor versión e, xa na segunda metade, a Residencia puxo o definitivo 6-0 diante dun competitivo Lourenzá, que seguiu loitando ata o asubío final.
O Chantada Atlético e o Guntín asinan unhas xustas táboas (1-1). Un balón parado puxo o 1-0 a prol dos locais no primeiro tempo, pero o Guntín reaccionou cun xogo combinativo que someteu aos do Sangoñedo. Non foi ata o comezo da segunda metade cando chegou o empate, obra de Pablo. Os visitantes empurraron na procura do segundo tanto, pero o electrónico non se moveu.
O Burela supera con claridade ao Pastoricense (3-0). Un Pastoricense ben plantado aguantou as estocadas dos Máxicos mariñáns ata que un erro defensivo se traduciu no 1-0 e, despois do primeiro tanto, chegaron o segundo e o terceiro, ambos obra de Adri Deán. Na segunda metade, os visitantes adiantaron liñas, pero un bo exercicio defensivo do Burela impediu que chegase o tanto.


Os detalles decantan o choque a prol do Santaballés (2-1). Aínda que o Outeiro chegaba nunha boa dinámica, os Máxicos chairegos fixeron o primeiro gol por medio de Dani González. Porén, Gessa empatou a contenda pouco despois e o choque igualouse. Non foi ata a recta final cando un dos xogadores diferenciais da categoría, Novás, puxo o 2-1 que deixaría os tres puntos na casa para os de Freire.
Os máxicos non cumpriron expectativas no derbi
O Oural consegue a súa primeira victoria a costa do San Lázaro (3-1). Os do Luis Pallín afrontaban o choque como unha final e desde o comezo demostraron a súa ambición. As ocasións das que gozaron no primeiro tempo traducíronse no 1-0 antes do descanso, obra de Ospina. Na segunda metade, o San Lázaro botou arriba as súas liñas e o Oural aproveitou os espacios para poñer o 2-0 por medio de Mario e o 3-0, que anotou Cayuela. Unha falta directa anotada por Yelko foi o 3-1 e, na recta final, os da Ponte erraron un penalti que tería sido o 3-2.
O Foz sorprende a un Castro pouco efectivo (0-3). O xogo exterior do Castro facía dano a un Foz que defendeu con moita garra e que foi quen de xerar varias ocasións perigosas no primeiro tempo: unha delas foi o 0-1 e de Cristian e outra o 0-2 de Xenxo logo dun centro lateral. Xa na segunda metade, o Castro someteu posicionalmente aos seus rivais e gozou de moitas ocasións que se estrelaron en Trullo, mentres que aos Máxicos focenses valeulles un contragolpe para sentenciar co 0-3 definitivo.

Un bo Xove cae ante unha SD Chantada moi seria (1-2). Os Máxicos mariñáns fixeron unha primeira media hora impecable, cun gran xogo que incomodou moito aos visitantes e que se traduciu no 1-0, obra de Hugo. Porén, o gol local fixo reaccionar á SD Chantada, que empatou nun balón parado e, xusto á volta dos vestiarios, puxo o 1-2 nunha boa acción de Migui. Tras o segundo tanto, os chantadinos controlaron o choque e impediron accións claras do Xove para levar os tres puntos cara o Sangoñedo.
O Taboada e o Monterroso decepcionan no derbi (0-0). Os Máxicos locais xogaron cun home menos desde o 10′ e o duelo estivo protagonizado, como sempre, por unha intensidade excesiva. Así, e aínda dentro do intercambio de cartóns —moitos deles para o cadro visitante— o Monterroso puido anotar nunha pena máxima que errou, mentres que o Taboada estivo a piques de facelo en sendas ocasións que detivo Melendo.
Outra das notas negativas do derbi foi a necesidade de activar o Protocolo contra a violencia verbal polos insultos que sufriu un dos árbitros asistentes —menor de idade— por parte dun sector da bancada.
O Racing Villalbés ‘B’ pasa por riba do Meira (5-0). Os chairegos, moi intensos e con moita mobilidade, non deron opción a uns Máxicos visitantes que perdían por 4-0 no tempo de lecer. Na segunda parte, a entrada de Farra deu aire a un Meira que procurou o gol, pero os de Iván Lamas controlaron o choque e tan só Gabri fixo o seu terceiro tanto da tarde para poñer o definitivo 5-0 na Magdalena.
A Milagrosa cae na complicada casa do Mos (2-1). Logo dunha primeira parte moi igualada, os locais tomaron o control do xogo no segundo tempo e anotaron dous tantos que puxeron o choque moi de cara. Porén, a táctica de Madriles, co posicionamente do Joel Vasco como ariete, traduciuse nun penalti provocado e anotado polo capitán albivermello e a piques estivo de supoñer o 2-2 no desconto, pero finalmente a victoria quedou na casa e os Máxicos da Milagrosa terán que seguir procurando o seu primeiro punto.

