O Burela sumou un empate de mérito na última xornada ante o Miño, pero os focos puxéronse nun xogador que pasou unha lesión grave antes dun día estelar. No curso pasado, Adri Kun xa foi parte importante de gran primeira volta que fixo o Burela na Preferente, pero non puido continuar ese bo rendemento ao mancarse. Neste novo curso, foi entrando pouco e pouco e no partido voltou a toparse co gol que tanto botaba de menos. Ademais, fíxoo por partida dobre.
O dianteiro pasou polos micrófonos do Ser Deportivos Lugo desta semana e enfrontouse ás preguntas de Álex Gato, presentador do programa, e Eros López, redactor de Futbolinlugo. Durante a entrevista falaron do último encontro, a recuperación da súa lesión e o que sentiu ao volver.
Encontro ante o Miño:»Foi dos máis complicados que hai nesta liga polo campo e polo rival. Volver pillar ritmo despois do que pasei é complicado, pero estou moi contento por poder axudar ao equipo con dous goles. É unha alegría volver xogar ao fútbol».
Recuperación da lesión:»Viña nun momento moi bon e tiven esa mala sorte. Foron oito meses moi duros, nunca parei tanto tempo. Entrar e poder marcar foi moi bonito, pero a min xa me chegaba con volver xogar. Ía de fisio en fisio e ver ao equipo pasalo mal foi moi duro. Non poder xogar tíñame a cabeza dando botes».

Sentimento de volver a xogar:»Pensei cando volvín xogar na miña familia, nos meus compañeiros que sempre me dicían que ía volver e dos meus amigos. Axudáronme moito a voltar».

