Trío de Ases Preferente (Xornada 11)

A xornada disputada o día de Santos deixou resultados do máis variado para os conxuntos lucenses. As peores novas chegaron desde Foz, mentras que o Castro sumou un punto insuficiente, o Viveiro amosou a súa mellor versión e a Sarriana rematou coa imbatibilidade ribadense.

O derbi provincial entre a Sarriana e o Ribadeo quedou na Ribela. O conxunto local venceu aos mariñáns por dous tantos a un. Primeira derrota sufrida esta temporada polos de Rafa Casanova, mentras que os sarriaos afiánzanse no segundo posto, con xa sete puntos de ventaxa sobre o Noia. O encontro resultou intenso e frenético, no que ámbolos conxuntos tentaron dominalo mediocampo. Mauro adiantou á Sarriana cun lanzamento lonxano antes do descanso. Logo da reanudación, Luki dun dereitazo á escadra igualou a contenda, pero tan só dous minutos máis tarde Joao fixo o tanto do triunfo local. Santi, cun lanzamento ao longueiro logo dunha gran xogada de Poratti tivo a ocasión máis clara para o Ribadeo, mentras que Mauro e Quiroguita puideron sentenciar para a Sarriana.

Triunfo contundente do Viveiro en Cantarrana ante o Xallas (5-1). O cadro adestrado por Chusky dominou por completo o encontro e trenzou un fútbol espectacular en varias fases do mesmo. Aínda así ao intermedio ámbolos equipos chegaron igualados. O incombustible Iván González obtivo premio na única aproximación dos de Santa Comba á meta de Kiko e empatou un partido que puxera en ventaxa para os mariñáns Arturo logo dunha gran xogada que comezou Aitor no perfil esquerdo e que Álex Paz serviu en bandexa para o ariete viveirense. A segunda metade non tivo historia. Dous penaltis transformados por Xaime, e o Xallas en inferioridade numérica, puxeron o encontro moi de cara. Xa nos derradeiros dez minutos Rolle e Álex Meitín pecharon a goleada. O propio Xaime de lanzamento de falta e Tichu en dous cabezazos puideron incrementalo marcador.

Rachou o Foz a boa xeira no Martínez Otero. Caeu por un contundente 0-4 ante o Negreira. Malia o abultado do marcador, os mariñáns puideron adiantarse por medio de Gonzalo, pero o seu disparo rematou no longueiro, e pouco antes do descanso adiantáronse os visitantes. Ao pouco da reanudación, os nicrarienses puxeron terra de por medio desde os once metros e poucos minutos despois Ibán Gayol deixou aos seus en inferioridade ao ver o cartón vermello directo.

Non puido o Castro poñer a primeira victoria no seu casilleiro e tivo que conformarse cun empate sen goles no campo do Estudiantil, que sumou o seu primeiro punto da temporada. O cadro chairego puxo todo enriba da mesa para levarse o partido, xogando a practica totalidade dos minutos en campo rival, pero a falta de acerto privou aos de Brais Prados dun merecido triunfo. O domingo agarda o Viveiro nun novo derbi provincial na Preferente.

 

 

 

Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 407

Deja un comentario