A Terceira rexional a debate

Hai algo máis dunha semana coñeciamos a proposta da delegación da Federación en Lugo sobre a nova estruturación da Terceira Galicia. Non obstante, eses cambios non acabaron por convencer a moitos dos equipos que teñen a intención de participar o vindeiro ano na competición. Non convencen nin os desprazamentos, nin que a primeira competición teña só oito equipos, nin ese chamado Trofeo Delegación de Lugo. Por iso, este mércores na sede da delegación lucense todos os clubs están convidados a unha reunión extraordinaria para decidir o futuro da categoría e facer as súas reivindicacións. Unha vez decididos os grupos establecerase o calendario definitivo da competición.

Fonsagrada FC, un dos máis perxudicados

O Fonsagrada saíu a competir por primeira vez na temporada pasada, onde estivo encadrado no grupo norte e chegou a participar nos play-offs de ascenso. Na proposta da Federación seguen encadrados no grupo primeiro, coa diferenza de que se crea un segundo que lles quedaría máis preto. “De ir no grupo do centro teríamos moitos desprazamentos a menos dunha hora, sen embargo no norte non baixamos da hora e media, chegando a pasar das dúas nalgún caso”, afirman dende o club. Pola contra, nese grupo dous atópase o Muimenta; a quen lle virían moito mellor quedar no grupo primeiro por situación xeográfica.

O novo torneo tamén a discusión

Para os equipos que non se clasificaran para a fase de ascenso, a proposta consiste en crear un torneo chamado Delegación de Lugo que xogarían en formato liga regular os restantes equipos. Non obstante, moitos conxuntos coinciden en que isto suporía un “xogar por xogar” sen apenas nada en xogo que restaría motivación aos xogadores. “A falta de equipos na Terceria obriga a súa modificación, pero igual esta non é a correcta. A segunda parte vese como un pasatempo para non acabar en marzo“, apuntan dende o Laxosa. Outros equipos como o Cazás veno positivo por un lado, pero tamén aportan a súa idea: “Cremos que é positivo o aumento do número de partidos, o do ano pasado era inadmisible. O sistema será un pouco diferente e pode resultar interesante pero a partir de frebreiro haberá uns 12 equipos que xa non se xoguen nada. Tampouco veríamos mal unha liga de 24 con 46 xornadas como na Segunda de Inglaterra”.

En principio, o número de equipos na Terceira será o mesmo ca o ano pasado. A pesar da desaparición do San Román e do filial do Antas, a creación do CD Rábade e do Friol B manterían o número de equipos na división da provincia. Este mércores dictarase sentencia para o porvir máis inmediato do balompé máis afeccionado.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario