O fútbol volve ao centro da provincia de Lugo. Un dos municipios mellor comunicados da contorna volverá desfrutar do fútbol sénior despois de varios anos sen contar con ningún equipo nesta categoría. Unha directiva con experiencia no fútbol e con raíces en Rábade da luz a un proxecto que conta con saír na vindeira temporada na Terceira Galicia, non se sabe se no grupo norte ou no sur.

Óscar Jaime é unha das cabezas visibles desta idea. Despois de adestrar en varios equipos da provincia como Santa Comba, Guntín ou Garabolos incia o seu proxecto persoal: «Queremos optar por facer un modelo tipo Palas, Pontenova ou Friol, un modelo continuista. Non depender dunha directiva que che di que hoxe estás e mañá por calquera incidencia non vas estar». Óscar non é de Rábade pero ten parte das súas raíces nesta terra: «Eu teño familia  en Rábade. Meu pai era de alí. Eduardo Fernández Negrín, o atleta ao que todos os anos lle renden una homenaxe, é meu tío», afirma o técnico.

Óscar Jaime comezou a adestrar no Muralla B de Lugo

O equipo desputará os seus partidos no campo de Rábade, xa que contan co permiso do Concello. «Presentei a idea no concello e atopei total colaboración. Vannos ceder o campo e corren cos gastos de auga e luz. O resto é inciativa privada, de momento», apunta Óscar Jaime. O papeleo do club está todo en regra e só falta a oficialidade e a comunicación por parte da Federación. «Está todo rexistrado na Xunta e xa presentamos todo na Federación. A idea é sair en Terceira», comenta Óscar. Aínda non saben se o farán no grupo norte ou no sur, pero todo fai indicar que xogarán cos equipos da Chaira e da Mariña: «estamos afeitos a competir por Lugo, pero será unha experiencia nova«, salienta Óscar.

O obxectivo é realizar un proxecto ambicioso, a pesar de atoparse nunha zona con grandes equipos como o Outeiro e a proximidade coa capital. «A idea é consolidar un equipo e levalo en cinco anos, sempre que nos deixe estar alí o concello, á Primeira. Imos tamén co plan de, aínda que o principio será difícil, mirar se hai posibilidades de sacar adiante un proxecto de fútbol base«, informa o presidente quen xa asegura que se puxeron en contacto cunha anpa do centro escolar da contorna para comunicarlles esta idea.

O propio Óscar Jaime será o presidente e, en principio, fará de adestrador. Non obstante, pretende buscar a un adestrador co nivel 1 polo menos que se queira agregar xa que a súa intención é estar de adestrador como moito dous anos e despois estar por fóra. No tocante a confección do cadro de xogadores comenta que andan mirando futbolistas. na súa opinión entre 8 e 9 serán xogadores que xa adestrara el en épocas pasadas, pero tamén ten o desexo de buscar a rapaces da zona. «Queremos que volva o fútbol a Rábade e a mellor maneira e ter rapaces da zona«, sentencia Óscar.

O presidente xa adiantou algún dos nomes que formarán parte do novo club, entre os que estarán Jairo Vázquez «Zapas» que fará tamén de secretario do club, Alejandro López que xogou na Milagrosa e tras estar un tempo parado por unha lesión volve ó fútbol, Josito que xogou no Corgo e no Guntín, Merino que xogou entre outros no San Lázaro, Baleira ou Santa Comba e mesmo chegou a xogar na Terceira e dous ex-futbolistas do Guntín como Joel e San Fiz.

O fútbol lucense está de noraboa polo nacemento dun novo proxecto futbolístico na provincia. Agora só queda seguir traballando duro para que o balón comeza a rodar en Rábade.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*